Inicio Blog Páxina 489

Múltiples detencións na cidade o 25N por delitos de violencia de xénero e por saltarse unha orde de afastamento

0

A Policía Local de Vigo informou de tres detencións este sábado, xornada de conmemoración do Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero, doutros homes como presuntos autores de senllos delitos de violencia de xénero, así como do arresto doutro home, por vulnerar unha orde de afastamento da súa parella.

A primeira intervención tivo lugar na tarde do sábado, cando o 092 recibiu unha chamada dunha testemuña que observara unha agresión dun home á súa parella na Travesía de Vigo. Á súa chegada, os axentes entrevistáronse coa muller supostamente agredida, que estaba moi nerviosa e chorando. Segundo relatou, discutira coa súa parella polos celos del, que lle agarrou por un brazo, zarandeado e dado dous bofetones na cara, tirándoa ao chan.

Mentres estaban alí os axentes, observaron a un home saír correndo en dirección contraria e, tras confirmar a muller que se trataba da súa parella, saíron detrás e interceptárono. O home, J.A.A., de 35 anos de idade, recoñeceu que era parella da muller, pero asegurou que non fixera nada e que só ía a un caixeiro a sacar diñeiro. Con todo, a Policía contactou coa testemuña que alertara do ocorrido e esta reafirmouse na súa versión dos feitos, e ratificou o que contara a victima. Por iso, procedeuse á detención do home como suposto autor dun delito de violencia de xénero.

AGRESIÓN EN PRESENZA DUN MENOR

Por outra banda, o mesmo sábado pola noite, unha dotación de Policía Local acudiu a un domicilio de Fotógrafo José Gil tras recibir unha chamada dunha testemuña que informaba dunha forte discusión entre unha parella nunha vivenda. Cando chegaron os axentes, o home abriu a porta e, con el, atopábanse unha muller e un menor, fillo de ambos. Inicialmente, os dous adultos afirmaron que estaban a discutir pero que non pasara nada, pero os axentes entrevistáronse logo por separado con ambos.

Nese momento, a muller explicou que o seu marido ten unha “obsesión enfermiza co diñeiro” e que non para de gastar. A rifa dese día orixinouse porque o home lle pediu máis diñeiro e ela negouse a darllo. Entón, o home empezou a porse violento e levantou o sofá no que estaban sentados a súa muller e o seu fillo, soltándoo de forma brusca e propinándolle daquela unha patada a ela na perna. Pola súa banda, o suposto agresor, J.C.A.P., de 48 anos de idade, reduciu o ocorrido a unha “discusión sen importancia”, pero foi igualmente detido por un suposto delito de violencia de xénero.

AGRESIÓN E INTENTO DE ENTRAR EN CASA DA SÚA EXPARELLA

Pouco antes da media noite, outra dotación acudiu a unha vivenda da rúa Toucido, alertada por unha muller que explicou que a súa exparella estaba a escalar un muro para acceder ao interior do domicilio. Ao chegar, os axentes entrevistáronse coa muller que pedira auxilio e esta explicoulles que o home é o seu exparella, que a maltratou física e psicoloxicamente en numerosas ocasións no pasado.

Finalmente, a Policía Local de Vigo informou doutra intervención, na mañá do sábado, na rúa Peniche Escalinata, onde unha testemuña escoitou desde a rúa unha discusión nunha vivenda. Os axentes falaron entón coa aludida, que manifestou que ese día non fora agredida nin ameazada, pero que era vítima de violencia de xénero e que a súa parella ten en vigor unha orde de afastamento, que non cumpre. Procederon á detención do home, como presunto autor dun delito de quebrantamento de condena.

O pleno de Vigo volve pedirlle á Xunta gardas de 24 horas nos xulgados para “desatascar” a xustiza

0

O pleno de Vigo volveu pedir á Xunta de Galicia que inclúa nos orzamentos autonómicos de 2024 unha partida específica para financiar a implantación de gardas de 24 horas nos Xulgados de Instrución da cidade.

Foi o PSOE municipal, a través dunha moción, o que expuxo a cuestión no pleno deste luns, co obxectivo de instar o Goberno galego a que dote aos xulgados olívicos dos medios persoais e materiais necesarios, “para acabar con esta discriminación histórica con respecto ao resto de partidos xudiciais de similares características do Estado”.

A concelleira Yolanda Aguiar defendeu esta iniciativa, indicando que Vigo está entre as 25 cidades españolas coa xustiza “máis atrancada”, cuns 22.000 casos abertos. “Un de cada seis vigueses ten un preito aberto nos xulgados desta cidade”, criticou.

Na mesma liña falou o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, quen lamentou que “unha xustiza lenta é menos xusta”, polo que pediu á Xunta que “desbloquee as gardas de 24 horas”, para conseguir unha xustiza “máis áxil”.

O PP ironizou co “estraño” que é que os socialistas presenten unha moción contra a Xunta, “a causante de todos os males desta cidade”. Luisa María Sánchez lembrou que en Vigo se estableceron gardas semanais cos xuíces localizables se son necesarios. “O xulgado non queda pechado fóra das horas lectivas”, reivindicou.

ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA MACHISTA

Por outra banda, ao comezo do pleno levou a cabo a lectura dunha declaración institucional por motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. Ademais, debatéronse dúas mocións, presentadas polo BNG e o polo PP, respectivamente, sobre este tema.

Os nacionalistas solicitaban máis recursos tanto ao Concello como á Xunta para loitar contra a violencia machista, mentres que os ‘populares’ pedían loitar xuntos contra esta secuela. A pesar de todo, ambas foron rexeitadas polos socialistas, despois de que a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, lamentase que a oposición aproveitase esta data para “confrontar e debater”, no canto de para mostrar todos xuntos o rexeitamento á violencia machista.

A outra cara do aceso das luces de Nadal en Vigo: centos de persoas non poden entrar na Porta do Sol

Esta noite de venres Vigo deu por inaugurado o seu Nadal “e o de todo o planeta”. Entre unha elevada expectativa que se viña xestando dende facía días coa irrupción de novedades como a estrela xigante que copa a árbore deste ano, miles de persoas agardaban impacientes por ver como se acendía o que, en palabras do propio alcalde da urbe olívica, Abel Caballero, é “o mellor Nadal do mundo”. Con todo, se na Porta do Sol había un aforamento para 8.000 persoas, non foron menos as que se quedaron ás portas de entrar, pois enchido o cupo, pecháronse as barreiras e non había maneira de acceder ao recinto. Príncipe, Policarpo Sanz e moitas outras rúas adxacentes enchéronse de xente que non puido chegar á arbore e, nalgunhas delas, nin sequera había pantallas para ver o aceso nin altavoces para escoitar ao alcalde falar.

Así as cousas, moitos vigueses marcharon decepcionados, moitos galegos tamén, pero máis foron as persoas que viñeron dende outros puntos do país, como dende Madrid ou Andalucía, para vivir a experiencia e non puideron nin facer a conta atrás, pois estaba todo tan cheo que nin se enteraron de cando se produxo o aceso como tal ata que viron as luces brillar por enriba das súas cabezas. Unha verdadeira mágoa. De feito, os comentarios que se escoitaban eran os de ‘vaia mala organización’ ou ‘todos os anos igual’. E é que feita a lei, feita a trampa, que adoita dicirse, e neste caso aínda que había unha fileira ben formada de persoas para poder entrar na Porta do Sol, ao final rematouse colando moita xente polas beiras, de maneira que aqueles que fixeron cola quedaron fóra e os que non conseguiron entrar. 

Tal é a febre que causa o Nadal de Vigo entre os ‘fans‘ que as autoridades víronse desbordadas. A avalancha de persoas chegou ata o punto de que xa non importaba quen estivese diante ou ao lado, fose un anciá ou un neno, a xente abríase paso a codazos e empurróns para tratar de chegar á primeira fila. Así, cando aínda faltaba unha hora para o aceso, o recinto quedou completamente pechado. A partir das 19.00 horas xa non puido entrar máis xente na Porta do Sol, o punto de referencia que este ano estaba ben sinalado coa estrela de 12 metros que se vía dende a mesma Gran Vía que lle puxeron na copa á mítica árbore, cunha altura de 44 metros. Foi sobre as 20.00 cando Abel Caballero saltou á palestra acompañado de diversas autoridades, concelleiros e altos cargos socialistas, para inaugurar o Nadal.

Dende o palco, e diante dun botón que este ano estaba custodiado por unha caixa de cristal, o alcalde de Vigo fixo un chamamento, como ben sendo xa habitual, ao alcalde de Nova York: “Que se prepare o alcalde de Nova York porque vai ver o resplandor de Vigo”. Ademais, e tendo en conta todo o que lle viñeron criticando moitos cidadáns por non ter este ano preparado o alumeado dende o verán, como viña sendo habitual, mesmo sendo adiantado no aceso por outras cidades, Caballero chanceou: “Nesto do Nadal hai Ligas, coma no fútbol ou no baloncesto, e hai unha Superliga na que xoga Vigo, Nova York, París ou Roma, e eu que teño algo de influencia nesas cidades, quero tamén que deixen entrar a outras cidades españolas como Madrid ou Barcelona, que entren na nosa Liga, pero de momento a que está é Vigo”. 

“Nesto do Nadal hai Ligas, coma no fútbol ou no baloncesto, e hai unha Superliga na que xoga Vigo, Nova York, París ou Roma, e eu que teño algo de influencia nesas cidades, quero tamén que deixen entrar a outras cidades españolas como Madrid ou Barcelona, que entren na nosa Liga, pero de momento a que está é Vigo”

MANIFESTACIÓNS DE BOMBEIROS COMARCAIS E CONTRA A AMNISTÍA

Entre gritos e globos como parte dunha manifestación que se concentrou ante a árbore convocada polos bombeiros comarcais, que mesmo repartiron material entre a xente, e entre os berros dunha protesta contra a amnistía que se levou a cabo a base de megáfono no balcón dun dos edificios da praza central, Caballero quixo realizar un “tributo a todos os traballadores de empresas, comercios e a actividade económica de Vigo, porque esta cidade é tanto como sexa a súa economía”. “Mulleres e homes do sector do automóbil, do naval, do comercio, dos servizos, da hostalería, dos hoteis… Isto é Vigo, e teño o inmenso orgullo de ser o alcalde desta marabilla de cidade que xa coñece todo o planeta”, proclamou, asegurando que “todo o mundo quere vir a Vigo”. 

Ademais, despois de que fai apenas uns días traballadores de Vitrasa, a concesionaria de bus urbano de Vigo, lle pedisen contas nun evento, Caballero quixo demostrar que a cidade o quere: “Vindo cara aquí sacabamos tantas fotos que crín que iba ter que acender o luns, porque non dabamos chegado. Quérovos. Quérovos. E quérovos. Trazar xuntos o Nadal é a nosa forma de sentirnos xuntos”. Así mesmo, quixo dar unha explicación ao por que desa xigante estrela: “Esta árbore é a mellor na historia deste planeta, porque arriba está a estrela de Belén que fai 2023 anos comezou a rotar polo universo. E que fixemos? Co ‘international telescope’ que dirixe unha viguesa e coa ‘International Space Station’, localizamos a estrela e fumos por ela, collímola e hoxe a estrela con máis de 2000 anos dende que a vimos en Belén está enriba da árbore de Vigo, así que que ninguén queira compararse”. 

“Esta árbore é a mellor na historia deste planeta, porque arriba está a estrela de Belén que fai 2023 anos comezou a rotar polo universo. E que fixemos? Co ‘international telescope’ que dirixe unha viguesa e coa ‘International Space Station’, localizamos a estrela e fumos por ela, collímola e hoxe a estrela con máis de 2000 anos dende que a vimos en Belén está enriba da árbore de Vigo, así que que ninguén queira compararse”

MOITAS RÚAS AÍNDA SEN LUCES, POLO RETARDO NA LICITACIÓN DESTE ANO

Tras realizar a conta atrás en inglés, castelán e galego (ten, night, eight, siete, seis, cinco, catro, tres, dous, un…), o Nadal vigués quedou inaugurado oficialmente, entre neve, papeluchos, confeti, serpentinas e moita música, dende o tradicional ‘All I want for Christmast is you‘ de María Carey ata a banda sonora de Piratas del Caribe, o de todos os anos. Esta noite foi de certo agobio na urbe olívica, pois non había por onde moverse con tanta xente. As colas para montar na noria (cun custe de 5 euros por persoa) daban a volta enteira a atracción, con deceas de persoas agardando para poder subir; os postos do tradicional Cíes Market estaban a rebentar; os bares e restaurantes non tiñan sitio nin para unha formiga máis; e as discotecas frotábanse as mans coa caixa que se aveciñaba.

Lamentablemente, aínda había moitas rúas de Vigo sen luces, pois os problemas na licitación fixeron que este ano todo fose con retardo, ata o punto de que esta pasada fin de semana, a poucos días do aceso, aínda faltaban todos os adornos das rúas principais da cidade e da propia Porta do Sol ou Policarpo Sanz (onde se concentran as figuras máis importantes do Nadal) por poñer, e as árbores instaladas nos decorados estábanse a desempaquetar. Ademais, xa no primeiro día houbo figuras que tiveron os seus fallos e nas que non se acenderon as luces, ao igual que sucedeu con algunhas das luces en altura. Os operarios tiveron unha noite de traballo moi longa para procurar que todo estivese o mellor posible para turistas e autóctonos. 

UN TOTAL DE 9,5 MILLÓNS GASTADOS EN LUCES PARA MENOS DE DOUS MESES

Dende este venres e ata mediados de xaneiro xa se pode desfrutar dun alumeado que costou a frioleira de 9,5 millóns de euros á cidade (e aos cidadáns). Caballero agarda que o retorno económico sexa escandalosamente positivo. Nunha das súas hipérboles falaba de entre “500 e 1.000 millóns”, pero o certo é que iso sería máis do dobre do orzamento municipal (316,6 millóns). Os veciños de Vigo, pola contra, xa temen o que se lles vén enriba durante dous meses: o colapso da cidade e o perigo que isto trae consigo, con deceas de miles de coches entrando sempre nas horas puntas para ver as luces.

Como resalta o xornalista Javier H. Rodríguez, de El Salto Diario, isto impide non só que os vigueses cheguen a tempo aos seus traballos, senón tamén que se hai unha emerxencia, as ambulancias ou os bombeiros non dean chegado a tempo. Por se isto fose pouco problema, a cidade nestas semanas acumula as maiores taxas de polución do ano. E para instalar o ‘mercadiño’ na Alameda houbo talas de árbores, arboricidios. Ademais, os veciños da zona escoitarán durante dous meses o ruído das tómbolas fronte ás súas casas oito horas ao día. 

Vigo acende o seu Nadal con boa parte da iluminación aínda sen instalar

0

A cidade de Vigo acendeu este venres a súa iluminación do Nadal, dando comendo “ao Nadal en todo o planeta” cun acto multitudinario celebrado na Porta do Sol, onde se atopa a gran árbore de luces, que conta con 44 metros de altura.

Un ano máis, o mestre de cerimonias foi o alcalde, Abel Caballero, quen volveu a ser o protagonista do evento. Minutos antes das 20,00 horas, o rexedor, rodeado dos 18 concelleiros socialistas, subiu a escalinata para realizar o seu tradicional discurso.

Durante o mesmo, reivindicou a importancia do Nadal para a cidade, coa atracción de turismo que supón. Tamén puxo en valor as luces de Vigo, as “máis importantes do planeta”. Tras iso, comezou a conta atrás, pulsando o botón que prendeu a iluminación do Nadal no centro da cidade.

A partir de aí, o confeti, a neve, a música e, polo seu posto, a luz, comezou a encher unha praza abarrotada co seu aforamento de 8.000 persoas completo. Entre eles, había decenas de bombeiros de Vigo, que despregaron globos reivindicativos pedindo ao alcalde máis operativos para a cidade.

INSTALACIÓN DE MÁIS LUCES

Nesta ocasión, non todos os adornos están instalados o día oficial do aceso. Segundo recoñeceu o propio Caballero esta semana, decenas de rúas aínda non contan con luces de Nadal, polo que ao longo das próximas semanas realizaranse outros acesos en distintos barrios, a medida que se vaian montando as luces.

Cabe lembrar que este ano o Concello non comezou a licitación das luces ata mediados de agosto, pechando a adxudicación do contrato (valorado en 9,5 millóns de euros) xa ben entrado outubro, tras problemas burocráticos.

Isto atrasou o inicio da instalación da maioría dos adornos (que outros anos comezaba precisamente en agosto), aínda que algúns elementos si puideron montarse a tempo debido a que pertencen a outro contrato, que xa estaba adxudicado de anos anteriores. Desta maneira, decenas de rúas de Vigo aínda non dispoñen de adornos.

450 RÚAS CON LUCES

Vigo contará un ano máis con preto de 450 rúas e prazas alumadas, segundo reivindicou Caballero, “as mesmas que o ano pasado”. A pesar disto, enviou unha mensaxe de “tranquilidade” aos veciños e turistas, subliñando que as luces se acenderán máis adiante.

“Este ano vai haber luces nas mesmas 450 rúas. Estamos a montalas. En Vigo neste Nadal vanse a iluminar exactamente todas as rúas que se iluminaron o ano pasado. E algunhas máis. Sucede que estamos a facer a montaxe e iremos facendo acesos por zonas nos próximos días”, indicou o alcalde.

“Que todo o mundo estea tranquilo!”, engadiu, insistindo en que as luces chegarán aos mesmos recunchos que en 2022, pero nas sucesivas semanas. Ademais, destacou que hai peticións para que outras 400 rúas conten con luces os próximos anos. “Todo o mundo quere luces”, sentenciou.

Corfirmada a morte violenta da muller que apareceu no Porriño, cun pano na boca

0

O informe preliminar da autopsia realizada ao corpo da muller achada este xoves nunha zona de maleza do polígono industrial das Gándaras, no Porriño, confirmou que foi vítima dunha morte violenta.

Así o trasladaron fontes da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, que explicaron que, unha vez ratificadas as sospeitas iniciais, iníciase unha “investigación criminal” para tratar de esclarecer as circunstancias desa morte e dar co autor ou autores dos feitos.

O cadáver foi identificado este venres, grazas ás impresións dixitais (e o recoñecemento por unha fotografía e unha tatuaxe), como Judith M.G., unha veciña de Vigo de 37 anos de idade, cuxa desaparición non foi denunciada. Fontes coñecedoras das pescudas sinalaron a axencia de noticias Europa Press que investigan se a súa morte ten que ver con algún asunto de drogas ou de prostitución. Polo momento, mantéñense abertas todas as hipóteses acerca da motivación deste crime, e o xulgado de instrución 3 do Porriño encárgase de coordinar as dilixencias.

O corpo foi descuberto de forma casual na tarde do xoves por un transportista que baixou do seu vehículo na zona e viuno. O cadáver, vestido con roupa escura e sen pertenzas ou documentación, estaba oculto detrás dun colector e dun peche de pedras dunha leira, entre a maleza.

Trátase, no entanto, dunha zona bastante concorrida por vehículos, especialmente polo día, xa que enfronte hai un taller, e pouco máis aló, a estación de ITV do polígono.

Aínda que a muller aparentemente non presentaba feridas, si tiña introducido un anaco de tea na boca, posiblemente un pano. Ademais, os investigadores ven plausible que a morte se producise noutro lugar e que o corpo fose trasladado e “depositado” onde logo foi atopado.

Tanto este xoves como este venres os expertos de Criminalística da Policía Xudicial da Garda Civil estiveron na zona realizando inspeccións oculares e recollendo vestixios que poidan achegar luz sobre este suceso. Entre o material recolleito está tamén o colector que había no lugar, e que será examinado.

MINUTO DE SILENCIO

Decenas de persoas gardaron un minuto de silencio na tarde deste venres no Porriño tras a aparición do cadáver dunha muller con signos de violencia no polígono industrial das Gándaras.

Veciños da localidade pontevedresa e toda a corporación municipal, encabezada polo alcalde, Alejandro Lorenzo, concentráronse a partir das 18,00 horas diante do Concello en recordo á vítima.

Na sede do goberno local estaba colgado un lazo negro xigante polo falecemento da muller, Judith M.G., veciña de Vigo de 37 anos de idade, cuxa desaparición non fora denunciada.

Lorenzo expresou a “tristeza” da noticia, esperando que a investigación da Garda Civil aclare o ocorrido. Tamén se referiu a que este sábado, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, todos as actividades no municipio levarán a cabo “coa maior reivindicación, máis que nunca”, xa que este suceso podería tratarse dun caso de violencia de xénero (a Garda Civil traballa con todas as hipóteses abertas).

Sete persoas afectadas polo brote de lexionela na Guarda e O Rosal están de alta e 3 seguen ingresadas, unha en UCI

0

A Consellería de Sanidade informou de que sete persoas afectadas polo brote de lexionela na Guarda e O Rosal, no sur da provincia de Pontevedra, foron dadas de alta e que outro tres permanecen ingresadas, dous en planta e unha en UCI.

Segundo informou a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, aínda segue investigando a orixe do brote. Desta maneira, aínda non se pode concluír cal é a fonte de exposición.

O referendo en Nigrán para elixir o sentido dunha rúa alcanza un 85,7% de participación

0

A consulta popular organizada no Concello de Nigrán para elixir o sentido dunha rúa en Bouzavella –Panxón– rexistrou unha participación do 85,7% entre os 62 veciños chamados a votar.

O resultado desta consulta popular cualificado polo municipio pontevedrés como un “feito inédito practicamente” na política galega foi favorable a manter o sentido bidireccional na rúa a partir do cruzamento de Gorfáns.

A opción continuista impúxose por unha estreita marxe de cinco votos (29 a favor de manter e 24 que pedían cambiar a sentido único), segundo trasladou o concello de Nigrán, que xa organizara unha enquisa en liña sobre a permisividade dos cans en praias.

“Tomamos nota da situación, practicamente a metade dos veciños queren unha cousa e a outra metade outra, polo que isto reafírmanos en que non se pode tomar ningunha decisión radical nin inmediata, así que traballaremos para humanizar esta rúa respectando o resultado das hurnas”, sinalou o alcalde, Juan González.

Ademais, o goberno municipal avanzou que se celebrarán máis consultas populares para implicar na toma de decisións aos veciños. “Imos seguir nesta liña porque, ao final, non se pode tomar desde unha decisión que afecta a un determinado número de persoas sen preguntar antes a opinión de todos”, sinalou o rexedor.

Rueda prevé que o centro de saúde Olimpia Valencia abra a finais de 2024

0

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, prevé que o centro de saúde Olimpia Valencia de Vigo abra as súas portas a finais do ano que vén, tras un investimento autonómico de 14,8 millóns de euros. Así o sinalou este venres durante unha visita ás obras desta nova infraestrutura sanitaria, que estará situada nun dos antigos edificios dos xulgados da cidade olívica, na rúa Lalín.

Acompañado do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e da conselleria de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, Alfonso Rueda subliñou que este centro de saúde substituirá ao actual situado en López Moura. Ademais, a infraestrutura concentrará nun mesmo edificio servizos que ata agora estaban esparexidos pola cidade, como fisioterapia, odontoloxía ou farmacia.

Segundo Rueda, será un “centro de saúde moderno” e adaptado “non só ás necesidades de agora”, senón tamén ao medicamento dos próximos anos. Con máis de 7.000 metros cadrados, as obras de remodelación do edificio, anteriormente ocupado pola Audiencia Provincial, comezaron o pasado verán, despois de que os xulgados trasladásense á nova Cidade da Xustiza.

Alfonso Rueda subliñou que esta rehabilitación permitirá “dar unha segunda vida” ao edificio, destacando a boa decisión que foi, ao seu xuízo, optar por trasladar os tribunais ao anterior edificio do Hospital Xeral e non construír un terceiro edificio en rúa Lalín. Utilizando a estrutura base do inmoble, a intención é optimizar os espazos, achegar luz natural á maioría das zonas, mellorar a eficiencia e a sustentabilidade do edificio e permitir así o seu uso por parte de profesionais e pacientes. Julio García Comesaña reivindicou a aposta da Xunta pola Atención Primaria de Vigo e de toda Galicia e puxo en valor a “visión de futuro” desta obra, co obxectivo de que “perdure no tempo” e permita dar acubillo ás necesidades actuais e ás futuras.

Arquivan a causa do incendio no que morreron unha nai e tres dos seus fillos en Vigo, ao descartarse intencionalidade

0

O xulgado de Instrución 1 de Vigo acordou o sobresemento provisional e arquivo da causa aberta sobre un incendio rexistrado na rúa Alfonso X da cidade, o pasado 11 de outubro, e no que morreron unha nai e tres dos seus fillos, ao descartarse que fose intencionado.

Segundo informaron fontes xudiciais, tras a práctica das dilixencias oportunas, “non resultou debidamente xustificada a perpetración do delito que motivou a apertura da causa” e non hai indicios de que se cometeu unha “infracción penal”.

No seu auto, a maxistrada sinala que é “especialmente relevante e significativo” o informe técnico policial sobre as causas do incendio, que indica que o lume tivo un único foco inicial, no portal, onde se situaba o cadro elétrico do inmoble. Alí, constatouse que había dous tramos distintos de cable de fíos de cobre con empalmes e rixidez derivada de fusión e soldadura por calor interna, é dicir, “por sobreintensidade”.

Os aveños acumulados no portal aumentaron as chamas, a calor e o fume, que ascenderon polo oco da escaleira ata as plantas superiores. Nese incendio faleceron unha muller e tres dos seus fillos, e máis dunha ducia de persoas resultaron feridas, entre elas a parella da vítima adulta e unha cuarta filla de ambos.

Besteiro reivindica o traballo socialista á fronte da Zona Franca, onde impulsaron 46 empresas e 4.500 empregos

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou as 46 empresas e máis de 4.500 postos de traballo impulsados desde a Zona Franca nos últimos cinco anos de goberno socialista. O dirixente socialista visitou este venres o Polígono de Porto do Molle xunto co alcalde de Nigrán, Juan González, e o ex delegado da Zona Franca e deputado no Congreso David Regades.

Besteiro puxo Porto do Molle como exemplo da “política que se fai desde a suma, desde o esforzo, desde a coordinación e non desde a confrontación” como, segundo indicou, fai o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O candidato socialista destacou a puxanza deste Polígono, que actualmente acolle a 150 empresas e 3.500 postos de traballo. “Esta é a política intelixente, a que reclamo en todos os campos da administración, cando non se confronta senón que se suma, coordinámonos e empuxamos todos na mesma dirección”, indicou.

Besteiro dixo que o Polígono e a consecuencia da colaboración entre o Goberno central a través da Zona Franca e o Concello de Nigrán, que supoñen “un antes e un despois nos últimos anos nos investimentos públicos do sur da provincia”, e que demostra que “o que a Xunta non fai” téñeno que facer os socialistas.

DAVID REGADES

O deputado no Congreso e secretario provincial do PSdeG, David Regades, sinalou que Porto do Molle evidencia o resultado do esfuerzo do Estado por cubrir o déficit na aposta polo sector industrial por parte da Xunta. Así mesmo, dixo que despois das próximas eleccións autonómicas será Besteiro como presidente da Xunta quen permita darlle “o impulso definitivo” a esta área en coordinación co Estado e os concellos da zona.

O alcalde de Nigrán, Juan González, destacou a importancia do Polígono para a localidade e para as empresas que ocupan un millón de metros cadrados centradas no I+D, a alta tecnoloxía, ademais dun gran parque comecial que dá servizo á localidade e toda a zona do Sur de Vigo.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed