InicioSociedadeA outra cara do aceso das luces de Nadal en Vigo: centos...

A outra cara do aceso das luces de Nadal en Vigo: centos de persoas non poden entrar na Porta do Sol

O aforamento da Porta do Sol estaba fixado en 8.000 persoas e ás 19.00 horas da tarde, unha hora antes do aceso, pechouse a entrada ao público, de tal maneira que moitas persoas que agardaran durante moito tempo nunha longa cola, non puideron nin escoitar falar ao alcalde, Abel Caballero.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Esta noite de venres Vigo deu por inaugurado o seu Nadal “e o de todo o planeta”. Entre unha elevada expectativa que se viña xestando dende facía días coa irrupción de novedades como a estrela xigante que copa a árbore deste ano, miles de persoas agardaban impacientes por ver como se acendía o que, en palabras do propio alcalde da urbe olívica, Abel Caballero, é “o mellor Nadal do mundo”. Con todo, se na Porta do Sol había un aforamento para 8.000 persoas, non foron menos as que se quedaron ás portas de entrar, pois enchido o cupo, pecháronse as barreiras e non había maneira de acceder ao recinto. Príncipe, Policarpo Sanz e moitas outras rúas adxacentes enchéronse de xente que non puido chegar á arbore e, nalgunhas delas, nin sequera había pantallas para ver o aceso nin altavoces para escoitar ao alcalde falar.

Así as cousas, moitos vigueses marcharon decepcionados, moitos galegos tamén, pero máis foron as persoas que viñeron dende outros puntos do país, como dende Madrid ou Andalucía, para vivir a experiencia e non puideron nin facer a conta atrás, pois estaba todo tan cheo que nin se enteraron de cando se produxo o aceso como tal ata que viron as luces brillar por enriba das súas cabezas. Unha verdadeira mágoa. De feito, os comentarios que se escoitaban eran os de ‘vaia mala organización’ ou ‘todos os anos igual’. E é que feita a lei, feita a trampa, que adoita dicirse, e neste caso aínda que había unha fileira ben formada de persoas para poder entrar na Porta do Sol, ao final rematouse colando moita xente polas beiras, de maneira que aqueles que fixeron cola quedaron fóra e os que non conseguiron entrar. 

Tal é a febre que causa o Nadal de Vigo entre os ‘fans‘ que as autoridades víronse desbordadas. A avalancha de persoas chegou ata o punto de que xa non importaba quen estivese diante ou ao lado, fose un anciá ou un neno, a xente abríase paso a codazos e empurróns para tratar de chegar á primeira fila. Así, cando aínda faltaba unha hora para o aceso, o recinto quedou completamente pechado. A partir das 19.00 horas xa non puido entrar máis xente na Porta do Sol, o punto de referencia que este ano estaba ben sinalado coa estrela de 12 metros que se vía dende a mesma Gran Vía que lle puxeron na copa á mítica árbore, cunha altura de 44 metros. Foi sobre as 20.00 cando Abel Caballero saltou á palestra acompañado de diversas autoridades, concelleiros e altos cargos socialistas, para inaugurar o Nadal.

Dende o palco, e diante dun botón que este ano estaba custodiado por unha caixa de cristal, o alcalde de Vigo fixo un chamamento, como ben sendo xa habitual, ao alcalde de Nova York: “Que se prepare o alcalde de Nova York porque vai ver o resplandor de Vigo”. Ademais, e tendo en conta todo o que lle viñeron criticando moitos cidadáns por non ter este ano preparado o alumeado dende o verán, como viña sendo habitual, mesmo sendo adiantado no aceso por outras cidades, Caballero chanceou: “Nesto do Nadal hai Ligas, coma no fútbol ou no baloncesto, e hai unha Superliga na que xoga Vigo, Nova York, París ou Roma, e eu que teño algo de influencia nesas cidades, quero tamén que deixen entrar a outras cidades españolas como Madrid ou Barcelona, que entren na nosa Liga, pero de momento a que está é Vigo”. 

“Nesto do Nadal hai Ligas, coma no fútbol ou no baloncesto, e hai unha Superliga na que xoga Vigo, Nova York, París ou Roma, e eu que teño algo de influencia nesas cidades, quero tamén que deixen entrar a outras cidades españolas como Madrid ou Barcelona, que entren na nosa Liga, pero de momento a que está é Vigo”

MANIFESTACIÓNS DE BOMBEIROS COMARCAIS E CONTRA A AMNISTÍA

Entre gritos e globos como parte dunha manifestación que se concentrou ante a árbore convocada polos bombeiros comarcais, que mesmo repartiron material entre a xente, e entre os berros dunha protesta contra a amnistía que se levou a cabo a base de megáfono no balcón dun dos edificios da praza central, Caballero quixo realizar un “tributo a todos os traballadores de empresas, comercios e a actividade económica de Vigo, porque esta cidade é tanto como sexa a súa economía”. “Mulleres e homes do sector do automóbil, do naval, do comercio, dos servizos, da hostalería, dos hoteis… Isto é Vigo, e teño o inmenso orgullo de ser o alcalde desta marabilla de cidade que xa coñece todo o planeta”, proclamou, asegurando que “todo o mundo quere vir a Vigo”. 

Ademais, despois de que fai apenas uns días traballadores de Vitrasa, a concesionaria de bus urbano de Vigo, lle pedisen contas nun evento, Caballero quixo demostrar que a cidade o quere: “Vindo cara aquí sacabamos tantas fotos que crín que iba ter que acender o luns, porque non dabamos chegado. Quérovos. Quérovos. E quérovos. Trazar xuntos o Nadal é a nosa forma de sentirnos xuntos”. Así mesmo, quixo dar unha explicación ao por que desa xigante estrela: “Esta árbore é a mellor na historia deste planeta, porque arriba está a estrela de Belén que fai 2023 anos comezou a rotar polo universo. E que fixemos? Co ‘international telescope’ que dirixe unha viguesa e coa ‘International Space Station’, localizamos a estrela e fumos por ela, collímola e hoxe a estrela con máis de 2000 anos dende que a vimos en Belén está enriba da árbore de Vigo, así que que ninguén queira compararse”. 

“Esta árbore é a mellor na historia deste planeta, porque arriba está a estrela de Belén que fai 2023 anos comezou a rotar polo universo. E que fixemos? Co ‘international telescope’ que dirixe unha viguesa e coa ‘International Space Station’, localizamos a estrela e fumos por ela, collímola e hoxe a estrela con máis de 2000 anos dende que a vimos en Belén está enriba da árbore de Vigo, así que que ninguén queira compararse”

MOITAS RÚAS AÍNDA SEN LUCES, POLO RETARDO NA LICITACIÓN DESTE ANO

Tras realizar a conta atrás en inglés, castelán e galego (ten, night, eight, siete, seis, cinco, catro, tres, dous, un…), o Nadal vigués quedou inaugurado oficialmente, entre neve, papeluchos, confeti, serpentinas e moita música, dende o tradicional ‘All I want for Christmast is you‘ de María Carey ata a banda sonora de Piratas del Caribe, o de todos os anos. Esta noite foi de certo agobio na urbe olívica, pois non había por onde moverse con tanta xente. As colas para montar na noria (cun custe de 5 euros por persoa) daban a volta enteira a atracción, con deceas de persoas agardando para poder subir; os postos do tradicional Cíes Market estaban a rebentar; os bares e restaurantes non tiñan sitio nin para unha formiga máis; e as discotecas frotábanse as mans coa caixa que se aveciñaba.

Lamentablemente, aínda había moitas rúas de Vigo sen luces, pois os problemas na licitación fixeron que este ano todo fose con retardo, ata o punto de que esta pasada fin de semana, a poucos días do aceso, aínda faltaban todos os adornos das rúas principais da cidade e da propia Porta do Sol ou Policarpo Sanz (onde se concentran as figuras máis importantes do Nadal) por poñer, e as árbores instaladas nos decorados estábanse a desempaquetar. Ademais, xa no primeiro día houbo figuras que tiveron os seus fallos e nas que non se acenderon as luces, ao igual que sucedeu con algunhas das luces en altura. Os operarios tiveron unha noite de traballo moi longa para procurar que todo estivese o mellor posible para turistas e autóctonos. 

UN TOTAL DE 9,5 MILLÓNS GASTADOS EN LUCES PARA MENOS DE DOUS MESES

Dende este venres e ata mediados de xaneiro xa se pode desfrutar dun alumeado que costou a frioleira de 9,5 millóns de euros á cidade (e aos cidadáns). Caballero agarda que o retorno económico sexa escandalosamente positivo. Nunha das súas hipérboles falaba de entre “500 e 1.000 millóns”, pero o certo é que iso sería máis do dobre do orzamento municipal (316,6 millóns). Os veciños de Vigo, pola contra, xa temen o que se lles vén enriba durante dous meses: o colapso da cidade e o perigo que isto trae consigo, con deceas de miles de coches entrando sempre nas horas puntas para ver as luces.

Como resalta o xornalista Javier H. Rodríguez, de El Salto Diario, isto impide non só que os vigueses cheguen a tempo aos seus traballos, senón tamén que se hai unha emerxencia, as ambulancias ou os bombeiros non dean chegado a tempo. Por se isto fose pouco problema, a cidade nestas semanas acumula as maiores taxas de polución do ano. E para instalar o ‘mercadiño’ na Alameda houbo talas de árbores, arboricidios. Ademais, os veciños da zona escoitarán durante dous meses o ruído das tómbolas fronte ás súas casas oito horas ao día. 

ÚLTIMAS

As auroras boreais volven a Galicia

Galicia sufriu na noite deste venres unhas tormentas xeomagnéticas severas que permitiron que en...

Stellantis inicia cambios na súa cúpula ante unha crise do negocio mentres prepara a saída de Carlos Tavares

Stellantis confirmou nas últimas horas que xa arrincou o "proceso formal" para designar ao...

A última fase de humanización da fronte portuaria de Vigo acabará en decembro

As obras de humanización da fachada portuaria de Vigo, entre Areal e Bouzas culminarán...

O Goberno traslada a intención de adoptar “medidas” para garantir o acceso público á illa de Toralla

O Goberno trasladou, nunha resposta á senadora do BNG Carme da Silva, a súa...