Inicio Blog Páxina 471

Kyliam e Cloe, os primeiro bebés do ano naceron en Vigo

O primeiro bebé do ano 2024 en Galicia chámase Kyliam e naceu no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo xusto coas badaladas do novo ano, ás 00,00 horas.

Segundo informou a Consellería de Sanidade, o neno pesou 3,420 gramos e é fillo dunha parella de pais primeirizos do concello pontevedrés de Gondomar.

A segunda en nacer este ano foi unha nena, Cloe, que tamén chegou ao mundo no Álvaro Cunqueiro de Vigo, no seu caso ás 00,04 horas, pesando 2,905 quilos. É a segunda filla dunha parella de Salvaterra do Miño.

O terceiro nacemento do ano foi o de Paula, que chegou ao mundo ás 00,10 horas deste 1 de xaneiro no Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña. O bebé pesou 2,640 quilos.

Un vehículo causa danos en cinco turismos estacionados en Vigo

0

A rúa Bolivia de Vigo foi escenario este domingo dun aparatoso accidente que, por fortuna, saldouse sen vítimas, pero con danos en seis coches.

Era primeira hora da mañá cando o condutor dun turismo, por razóns que se descoñecen, perdeu o control do mesmo tras polo en marcha e chocou contra outros vehículos que se atopaban aparcados.

En total, causou danos en cinco turismos, ademais de no propio. Aínda que non foi necesaria a intervención de servizos sanitarios ou de emerxencias, si de guindastres para retirar algúns dos turismos afectados.

Falece un home en Mos tras caer por un terraplén coa súa cadeira de rodas

0

Un home faleceu este sábado no municipio pontevedrés de Mos tras precipitarse por un terraplén coa súa cadeira de rodas.

Segundo a información proporcionada polo 112-Galicia, un particular contactou despois das 12,00 horas deste sábado para pedir asistencia para un home con minusvalía que ía en cadeira de rodas e que se precipitou por un terraplén na baixada á Picota, en Tameiga.

Ata a zona mobilizáronse efectivos do GES de Mos, que tiveron que rescatar ao home, e da Policía Local, así como persoal sanitario do 061 que, a pesar dos intentos de reanimación, só puideron certificar a morte da vítima.

Interceptados no Porto de Vigo 500k de cocaína que ían para o porto de Amberes

0

Funcionarios do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria e axentes da Policía Nacional interceptaron no Porto de Vigo 500 quilos de cocaína ocultos no interior dun colector.

Segundo informou o Ministerio de Facenda e Función Pública, foi o pasado día 20 de decembro cando levou a cabo esta operación conxunta, denominada ‘Catanga-Rápido’, na cal se achou esta sustancia estupefaciente no interior de bolsas de deporte que se atopaban dentro dun colector.

En concreto, a droga procedía de Panamá e fixera escala en varios portos europeos, para acabar na terminal viguesa entre mercadoría legalmente declarada, seguindo a metodoloxía do ‘gancho cego’ ou ‘Rip off’. “Froito das investigacións levadas a cabo por ambos os organismos, púidose intervir a sustancia ilícita, que tería no mercado un valor superior aos 12 millóns de euros”, explicou o Ministerio.

A operación continúa aberta, aínda que as investigacións apuntan a que o destino final da mercadoría era o porto de Amberes e a organización que tiña que levar a cabo o rescate atopouse con problemas que dificultaron esta tarefa, chegando finalmente a sustancia a Vigo.

Novo desafío no Nadal vigués, poden as luces ser Patrimonio Inmaterial da Humanidade?

Pode Abel Caballero declarar as luces de Nadal de Vigo como un ben patrimono inmaterial da humanidade?. Por poder, pode, pero aínda non o fixo. O caso é que, con permiso do 1 de abril, que en Galicia é o día dos enganos ou día das petas, e “onde van os burros onde non deben ir”, aproveitando que este xoves é 28 de decembro, e, polo tanto, Día dos Santos Inocentes, este medio tivo o atrevemento de preguntarlle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se recibira a chamada do alcalde de Vigo, para apoiar esta creativa iniciativa para esta cidade.

“Pensei que me ía preguntar polo PXOM de Vigo –aprobado xustamente este xoves–, porque ía dicirlle que a Xunta tivo moito que ver nesta aprobación”, respondía Rueda. “Do outro acabo de enterarme por vostede e… “. O xornalista cortou a resposta. Mellor deixalo aí non vaia a ser que se cree un novo conflito entre a Xunta e Vigo.

O pleno de Vigo aproba de forma provisional a novo PXOM da cidade, entre protestas de traballadores de Vitrasa

0

O pleno do Concello de Vigo aprobou este xoves de forma provisional o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal da cidade, que substituirá ao documento aprobado en 2008 e anulado en 2015 polo Tribunal Supremo, debido a unha insuficiente motivación por parte da Xunta (naquel momento gobernada polo PSOE e o BNG) acerca da non obrigatoriedade da avaliación ambiental estratéxica.

Nunha rifa sesión plenaria; marcada polas protestas no exterior de traballadores da automoción e da concesionaria do transporte urbano, Vitrasa, os cales lograron acceder ao salón e protestaron contra a actuación do goberno local; o PXOM saíu adiante cos votos a favor de 17 concelleiros socialistas, mentres que o PP abstívose (5) e o BNG mostrou a súa negativa (3).

Foi a concelleira de Urbanismo, María José Caride, a encargada de defender a novo PXOM, reivindicando a importancia de que Vigo conte cun plan que resolva a situación actual da urbe. Para ela, “o máis importante” é que proporcionará “vivenda a un prezo razoable” para os actuais e futuros vigueses, cun 37% do chan residencial destinado a desenvolver vivendas con algún tipo de réxime de protección, con case 14.400 pisos.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

A pesar destas palabras do goberno local, as críticas da oposición non tardaron en chegar. O primeiro en tomar a palabra foi o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, lamentando que o goberno de Abel Caballero “non quere que a cidade escoite os argumentos e as alternativas” do resto de partidos para esta PXOM.

Para el, a maneira de elaboración e de tramitación deste documento é xa “o maior acto de irresponsabilidade política” do goberno local, xa que se fixo “nos despachos” e “sen diálogo con ninguén”, dilapidando, a xuízo de Igrexas, “unha oportunidade histórica que se lle abriu á cidade en 2015“, cando foi anulado a anterior PXOM. “Era unha oportunidade de dotar a Vigo dun plan xeral de toda e para toda a cidade. Para despregar un modelo de cidade racional e sustentable”, dixo, querendo buscar un modelo de urbanismo “en favor do interese xeral e non da especulación”.

Nunha liña similar falou Marta Fernández-Tapias. A líder ‘popular’ criticou o “auténtico desastre” da xestión urbanística dos diferentes gobernos de Caballero nos seus 16 anos como alcalde, o que demostra, ao seu xuízo, a súa “incapacidade e incompetencia”, cunha clasificación de chan “de maneira arbitraria”.

Ela tamén se referiu a a tramitación desta PXOM xa que, segundo Tapias, debería aprobarse antes das eleccións de maio, pero o “interese partidista” do PSOE fixo que se atrasase ata o 28 de decembro, manténdoo “paralizado” durante meses.

Finalmente, o documento foi votado, momento no cal empregados de Vitrasa presentes no salón comezaron a gritar contra o goberno local, tras anos sen convenio colectivo e cos soldos conxelados. A pesar de todo, a PXOM foi aprobado grazas aos votos do PSOE, antes da data límite do 5 de xaneiro, momento no que decaería a vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional (IOP).

Caballero celebra o fin dun ano “politicamente moi importante” e espera que en 2024 Besteiro gañe as autonómicas

0

O alcalde de Vigo e presidente do PSOE local, Abel Caballero, celebrou este mércores o fin dun ano “politicamente moi importante” e esperou que en 2024 o candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, gañe as eleccións autonómicas.

Así o sinalou Caballero no marco da celebración do petisco de Nadal organizado polo PSOE olívico, onde reivindicou os resultados obtidos pola súa candidatura nos pasados comicios municipais, cando superou o 60% dos votos. Tamén puxo en valor o apoio dos vigueses ao PSOE nas eleccións xerais, reiterando que Pedro Sánchez é o “mellor presidente da historia da Democracia” para Vigo.

De cara ao 2024, lembrou que virá marcado polos comicios autonómicos, pedindo o apoio para Besteiro, co obxectivo de que o Executivo galego deixe a “oposición frontal” a Vigo, como ocorreu, segundo el, con Alberto Núñez Feijóo e con Alfonso Rueda á fronte.

“Fago un chamamento á cidade pola necesidade de que sexa o PSOE quen encabece o seguinte goberno da Xunta. Con Besteiro, Vigo será tratado como se merece, como a primeira cidade de Galicia, a máis dinámica, a de máis poboación, a que ten máis capacidade de xerar emprego e industria”, reivindicou.

Bombeiros informan o peche do Parque de Coruxo e critican a “pasividade” do Concello de Vigo

0

O Parque de Bombeiros de Coruxo permanecerá pechado durante 24 horas ante a falta de persoal, segundo informaron os sindicatos CC.OO., SICO, CUT, UXT e CIG nun comunicado conxunto.

Así, integrantes de todas as organizacións sindicais representadas no Servizo de Bombeiros de Vigo explicaron que estas instalacións permanecerán pechadas desde as 22.00 horas da noite deste pasado xoves ata as 22.00 horas deste venres.

“Unha vez máis informamos do grave risco que isto leva para os propios bombeiros e para a seguridade da cidadanía, especialmente no contexto das celebracións de Nadal. Denunciamos novamente a absoluta pasividade do Concello de Vigo para resolver este problema crónico”, engadiron.

Xuventudes Socialistas piden en Vigo unha mellora do Carné Xove e da Tarxeta Xente Nova

0

Xuventudes Socialistas de Vigo pediron este venres ante a Delegación da Xunta na cidade unha mellora nos descontos do Carné Xove e un aumento de idade ata os 30 anos da Tarxeta Xente Nova. Así, preto dunha ducia de persoas protestaron ante o devandito edificio administrativo, criticando tamén os “problemas” do transporte público interurbano de Galicia, polos seus “atrasos” e a eliminación de liñas.

O secretario xeral desta asociación en Vigo, Alberto Ledo, reivindicou que mentres o presidente autonómico, Alfonso Rueda, anuncia a gratuidade do bus interurbano para maiores de 65 anos, “moitos estudantes teñen que renunciar a ir a clase por non poder pagar todos os días as viaxes ao estar limitada a gratuidade ata os 21 anos”.

“Xa basta que mentres miles de persoas quedan tiradas nas paradas de bus, Rueda dedícase a percorrer toda Galicia nun bus onde lle pide a Papá Noel que traia ese autobús máxico que solucione todos os problemas actuais”, criticou o secretario xeral nacional das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval.

Á concentración tamén asistiu a deputada autonómica Leticia Galego, quen lembrou que no orzamento de 2022 quedaron 45 millóns de euros sen executar en vivenda para que os mozos teñan a posibilidade de emanciparse, ademais dun transporte público interurbano “ineficiente que lles impide a mobilidade por todo o país”.

A paralímpica Susana Rodríguez, premio Nacional do Deporte 2022

0

A triatleta galega Susana Rodríguez e o tenista murciano Carlos Alcaraz foron galardoados como os mellores deportistas do ano 2022 nos Premios Nacionais do Deporte, que tamén recoñecen a Raúl Entrerríos, Izan Almansa, ao equipo nacional de patinaxe ou a Fundación Síndrome de Down de Madrid.

Segundo informou este mércores o Consello Superior de Deportes, o xurado dos Premios Nacionais dos Deportes, designado polo propio organismo, fixo público o fallo do catorce categorías da edición que premia os méritos de 2022 e que encabezan Rodríguez e Alcaraz.

A triatleta viguesa con discapacidade visual Susana Rodríguez, actual campioa paralímpica e que en 2022 gañou o ouro mundial e europeo, foi distinguida co Premio Reina Letizia. Pola súa banda, o tenista murciano Carlos Alcaraz, campión en 2022 do Aberto dos Estados Unidos e que terminou ese ano como número un do mundo, co Premio Rei Felipe. A galega é a primeira deportista con discapacidade, muller ou home, que gaña esta categoría destes galardóns.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed