As forzas e corpos de seguridade activaron un dispositivo de procura para dar con Ovidio Rodríguez, un home de 76 anos de idade que leva desaparecido desde o luns en Vigo. A Policía Nacional confirma a Europa Press que se está buscando a este home que é residente dun centro de maiores da cidade olívica. De acordo coa descrición facilitada pola asociación SOS Desaparecidos, mide 1,80 e é de complexión delgada. Ademais, ten o pelo canoso e utiliza un bastón para camiñar.
O TSXG respalda á Cidade Deportiva do Celta desestimando o recurso dos comuneiros
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou un recurso contencioso administrativo presentado pola Comunidade de Montes de Tameiga en Mos, contra o acordo do Consello da Xunta que aprobou a declaración de interese autonómico do proxecto ‘Factoría do Deporte Galego-Galicia Sport 360’, promovido polo Real Club Celta.
Tal e como se recolle na sentenza, do 6 de xuño pasado, os comuneiros alegaban que o desenvolvemento urbanístico da cidade deportiva do Celta estivera trufado de irregularidades e que, para levalo adiante, primeiro tentouse unha modificación puntual da PXOM de Mos, e logo acudiuse á vía da declaración de interese autonómico. Así mesmo, apuntaron que varias das obras levadas a cabo fixéronse baixo licenzas declaradas logo ilegais. Igualmente, explicaban no seu recurso que o proxecto non cumpre os requisitos para ser declarado de interese autonómico, que non ten incidencia supramunicipal, que se obviaron os danos ás captacións de augas, ou que non había unha análise da súa sustentabilidade económica, entre outros argumentos.
O alto tribunal galego desestimou as pretensións dos recorrentes ao considerar que a declaración de interese autonómico (DIA) non certifica a legalidade do proxecto senón a existencia dun interese autonómico que xustifica a súa tramitación.
Por outra banda, sinala que a legalidade das obras realizadas con licenzas anuladas xa foi restablecida coa aprobación dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións; e que a Xunta non utilizou a DIA, como acusan os Comuneiros, para “premiar” a quen actuaron pola vía dos feitos. En canto ao resto de consideracións, o tribunal expón que non se acreditou o dano ás captacións de augas e que, esa afección, será en todo caso analizada no proceso de tramitación do Proxecto de Interese Autonómico (PIA).
A UVigo, entre as 40 mellores universidades do mundo no fomento do ODS de enerxía accesible e non contaminante
Dende que en 2019 a consultora Times Higher Education puxo en marcha o Impact Rankings para avaliar o traballo das universidades na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas, a UVigo suma cada edición novos éxitos. Na clasificación publicada este mércores correspondente ao ano 2024, a institución viguesa sitúase entre as 200 máis destacadas do mundo. Pero son as puntuacións acadadas nos ODS 4, 5 e 7 as que a fan que a UVigo destaque especialmente.
No ODS 7, relativo á enerxía accesible e non contaminante, a Universidade de Vigo acada o posto 40 do mundo, con 74 puntos, sendo a segunda mellor española na listaxe, por detras a Universidade de Jaén. No ODS 5, referido á igualdade de xénero, a UVigo sitúase no posto 53, con 71.4 puntos, como segunda mellor clasificada entre as españolas, tras a Rovira i Virgili. No ODS 4, que garda relación coa educación de calidade, consigue o posto 62 do mundo, con 77.2 puntos. Tamén destaca a posición que se consegue no ODS 16, que busca a paz, a xustiza e institucións sólidas, e no que se sitúa entre as 101 e as 200 primeiras do mundo.
Nesta edición, THE avaliou 2152 universidades de todo o mundo, sendo a Universidade Western Sydney de Australia a que encabeza a lista por terceiro ano consecutivo, seguida pola Universidade de Manchester, no Reino Unido, e a Universidade de Tasmania, en Australia. India é o país máis representado na clasificación deste ano, con 96 institucións.
UNIVERSIDADES DO ESTADO
Nesta clasificación España conta con outras cinco universidades, ademais da de Vigo, entre as 200 mellores do mundo no que se refire ao seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A mellor clasificada é a Politécnica de Valencia, seguida por Rovira i Virgili, Barcelona, Girona, Jaén e Vigo. Outras sete aparecen na franxa 201-300 e son a Carlos III, IE University, Miguel Hernández, Alcalá, Lleida, Murcia e Valencia. En total, neste ránking foron avaliadas 52 institucións españolas.
Os resultados de España en xeral son especialmente bos xa que é o país que ten o maior número de universidades no top 100 no ODS 4, educación de calidade, e no 13, acción polo clima, con nove en cada clasificación. Ademais, conta coa maior cifra de institucións no top 200, un total de 17, no ODS 4.

RÁNKING ÚNICO NO MUNDO
Esta clasificación, que vai xa pola sexta edición, é a única do mundo que mide as achegas das universidades aos ODS e avalía o seu compromiso coa sostibilidade en catro áreas: investigación, administración, divulgación e ensinanza. En total, avaliáronse 2152 universidades de 125 países, o que representa un importante incremento respecto da edición de 2023, na que participaron 1705. A Universidade de Vigo participou en todas as edicións, entrando todos os anos na franxa 101-200, con excepción dos anos 2021 e no 2021, nos que baixo á franxa 201-300.
Para elaborar o ránking, THE integra puntuacións de múltiples ODS para reflectir o desempeño e o impacto xeral. Para isto, tense en conta o ODS 17, referido a alianzas para os obxectivos, que pesa un 22% da puntuación e que reflicte os esforzos das institucións para fomentar asociacións e cooperacións internacionais sólidas para acadar todos os ODS. Xunto co 17, téñense en conta os tres ODS nos que cada universidade obtén mellores puntuacións, cun peso do 26% cada un. Con este enfoque trátase de resaltar as fortalezas especializadas das universidades e, ao mesmo tempo, recompensar as achegas integrais á axenda global dos ODS.
Tavares (Stellantis) pide “rachar Vigo” para conectar a fábrica co porto e Portugal
O CEO do grupo Stellantis, Carlos Tavares, destacou a necesidade de conexión ferroviaria da planta lusa de Mangualde cos portos de Vigo (dando tamén servizo á fábrica de Balaídos) e de Leixoês.
Así o trasladou ao Goberno de Portugal, que presentará un paquete de 60 medidas de estímulo da economía e as empresas, e segundo recolle o xornal luso Xornal Económico. Preguntado nas últimas horas sobre as demandas de Stellantis, Tavares destacou esa conexión ferroviaria, da que apuntou as súas vantaxes ambientais e desvelou que “tomou o seu tempo, pero está a avanzar”.
“Non está concluída aínda a última etapa de conexión directa á fábrica. Temos que levar os coches en camión. O ideal é unha conexión directa á fábrica, como noutras fábricas de automóbiles“, sinalou Tavares, segundo recolle o medio portugués. “Menos camións na estrada, e é moito máis barato que transportar con camións”, xustifica Tavares.
Esta reclamación expresa, sobre a que a dirección da planta de Stellantis en Vigo non se pronunciou, choca frontalmente coa posición do goberno municipal de Abel Caballero, que insistiu en rexeitar a obra porque supón “romper a cidade”. “Mentres sexa alcalde, non se fará”, proclamou en reiteradas ocasións.
Tanto a Autoridade Portuaria como a Xunta e organizacións empresariais, insistiron na importancia de habilitar esa conexión ferroviaria, e de conectar tamén coa Plisan, para apontoar a competitividade da terminal, pero o alcalde trasladou a súa oposición e mesmo chegou a afirmar que “Stellantis tampouco a quere”.
Condenan a dúas persoas por varios delitos sexuais en Vigo
Un mozo foi condenado este xoves a 1 ano de prisión, tras admitir ante a xuíza de Penal 1 de Vigo, que cometeu unha agresión sexual cara a unha coñecida nun bar de Vigo, en agosto do ano pasado. Segundo o relato dos feitos recoñecidos, a agresión produciuse na madrugada do 6 de agosto de 2023, cando o acusado entrou nun bar da cidade e atopouse cunha muller á que coñecía, por compartir piso previamente.
A moza estaba a falar coa camareira do local e el comezou a molestala e a ofrecerlle convidala a unha copa, pese ao rexeitamento dela. El comezou a facerlle xestos obscenos e, cando ela se dirixiu a unha máquina a pór música, el abordouna por detrás e tocoulle os peitos, as nádegas e meteulle a lingua nunha orella, mentres lle dicía: “quero follar contigo”.
A muller apartouno e empuxouno contra unha columna mentres o insultaba e este reaccionou tirándolle unha bebida por encima, antes de abrirlle a blusa e tocarlle os peitos coa escusa de axudala a limparse. A situación mantívose ata que o porteiro e dono do local botouno do mesmo, aínda que el tentou entrar de novo sen conseguilo.
Tras admitir os feitos, o home foi condenado a un ano de prisión e a indemnizar á vítima en 1.000 euros. Tamén foi inhabilitado para exercer oficios ou actividades que impliquen contacto con menores, e impor orde de afastamento da muller durante 2 anos. A execución da pena foi suspendida durante 2 anos, a condición de que non delinca e pague a indemnización.
AGRESIÓN SEXUAL
Por outra banda, un home acusado de tres delitos de agresión sexual aceptou 18 meses de prisión, tras admitir que, en febreiro deste ano, durante as celebracións de San Blas –na parroquia viguesa de Bembrive– e estando baixo os efectos do alcol, manoseou a tres mulleres que estaban a bailar nun furancho.
Os feitos ocorreron o 3 de febreiro pasado sobre as 23,00 horas, cando o acusado achegouse a un grupo de mulleres que estaba a bailar. Co fin de satisfacer os seus desexos libidinosos e aproveitando a aglomeración de persoas, achegouse por detrás a unha das mulleres e colleuna pola cintura e a cadeira.
A muller increpouno e soltouna pero, a continuación, abordou a unha das súas amigas e suxeitouna mentres lle facía xestos obscenos co dedo. Despois, suxeitou a outra muller por detrás, antes de pasarlle a man pola vaxina e as nádegas.
Outras persoas que estaban no furancho déronse conta e interpuxéronse para evitar que seguise manoseando ás mulleres, aínda que el tratou de seguir achegándose, ata que chegou a Policía.
Un laboratorio do Porriño lanza a primeira vacina contra a enfermidade hemorráxica epizoótica
O grupo Zendal lanza ao mercado a primeira vacina para previr o virus da enfermidade hemorráxica epizoótica, serotipo 8. Esta semana recibiu a autorización temporal de uso por parte da Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios que permite o seu uso na especie bovina.
O serotipo 8 do virus da EHE foi diagnosticado por primeira vez no suroeste de España en novembro de 2022. Posteriormente, detectouse a difusión desta enfermidade que afecta especialmente aos rumiantes en todo o territorio estatal –salvo Baleares e Canarias–, incluída Galicia, onde se produciron decenas de mortes de vacas en varios focos.
O grupo biotecnolóxico con sede no Porriño priorizou o desenvolvemento desta nova vacina por petición do Ministerio de Agricultura ao tratarse dunha situación de emerxencia sanitaria. Para logralo contou a colaboración da Axencia do Medicamento que “se mostrou sensible en todo momento á necesidade da gandaría axilizando o máximo posible as autorizacións sen por iso reducir os requisitos indispensables para garantir a calidade, seguridade e eficacia da mesma”.
Agora, Zendal priorizará o mercado español no seu plan de vendas desta vacina. Haberá unha primeira fase de produción de dous millóns de doses que serán comercializadas por Vetia Animal Heath, filial dedicada á saúde animal.
O Concello e o BNG censuran o pago de 9,3 millóns polo Cinema Fraga e esixen a Abanca unha cesión gratuíta
O goberno municipal de Vigo manifestou este xoves o seu “absoluto desacordo” coa operación de compra, por parte de Xunta e Deputación de Pontevedra, do Teatro Cinema Fraga –ata agora propiedade de Abanca– por 9,3 millóns de euros, e esixiu unha cesión “á cidade” gratuíta.
Así o manifestou o portavoz do goberno local, Carlos López Font que, nunhas declaracións remitidas aos medios, apuntou que o goberno vigués esixiu ” unha tasación” do inmoble, pero non tivo resposta. “Que ocultación é esta?”, preguntou o concelleiro socialista.
A operación conxunta de Xunta e Deputación supón que o goberno galego achega o 51 % e a institución provincial o 49 % restante. Respecto diso, López Font trasladou o rexeitamento do goberno vigués a que “a Deputación lle regale 4,5 millóns de euros á Xunta”, que se fará “co control” do Teatro Cinema Fraga.
Por outra banda, reiterou que o Concello “leva anos esperando por Abanca” e asegurou que, no seu momento, dirixiuse a Abanca para interesarse polo edificio. “Démoslle varios anos de prazo pero non lle deron uso algún, e agora decidiron vendelo. Nin o cede nin o vende ao Concello, cédeo á Xunta, pero cobrando”, indicou.
“Abanca ten que pór o Fraga a disposición da cidade de forma totalmente gratuíta”, proclamou o portavoz municipal. Dáse a circunstancia de que, hai dúas semanas, tras manter a súa primeira reunión o presidente da Xunta, o alcalde, Abel Caballero, trasladou que a súa proposta con respecto ao Teatro Cinema Fraga era que “a adquisición, dedicación e explotación” fose cofinanciada por Xunta, Concello, Deputación e Zona Franca, algo rexeitado desde o goberno galego, ao estar xa practicamente pechada a operación a dúas bandas.
CRÍTICAS DO BNG POR “REPAGAR”
Mentres, o grupo municipal do BNG en Vigo cualificou esta operación como unha “estafa” por ter que “repagar” a Abanca por ese inmoble, cando a entidade foi rescatada con 9.000 millóns de euros de diñeiro público.
O portavoz do grupo, Xabier Pérez Iglesias, propuxo constituír un consorcio público-privado para a cesión da propiedade ou, como mínimo, o uso gratuíto e a xestión pública desas instalacións.
“É escandaloso que o PP pretenda agora entregar outros 9 millóns de euros aos propietarios de Abanca, que foi rescatada con 9.000 millóns de diñeiro público”, proclamou, antes de lembrar que o edificio foi adquirido pola antiga Caixa Galicia por 8 millóns de euros no ano 2000 e que Abanca acaba de obter 158 millóns de beneficio no primeiro trimestre do ano.
O PP de Vigo pide a Caballero recuperar a celebración do Día de Galicia
O grupo municipal do PP reclamou este xoves ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que confirme a convocatoria do acto institucional con motivo do Día de Galicia, tras renunciar á súa celebración o ano pasado, e pediu que ese acto se desenvolva “sen mitins políticos”.
O portavoz ‘popular’, Miguel Martín, instou ao rexedor a “deixar de lado falsas escusas” para aprazar o evento, como fixo en 2023, cando acabou cancelado, e pediu que se programe a celebración “como corresponde”, en xullo e non en agosto.
“Parece que en Vigo rexe outro calendario distinto que só atende aos intereses particulares e electorais do señor Caballero”, apuntou, e engadiu que, entre eses intereses, atópase a elección da persoa que le o pregón, como sucedeu en 2022, cando o rexedor socialista designou “a unha compañeira de partido”, a entón ministra de Economía, Nadia Calviño, para iso.
Nese sentido, o PP subliñou que “o Día de Galicia non é un acto do Partido Socialista nin tampouco dedicado á maior gloria do alcalde”, algo que, aseguran, é habitual desde que Caballero é alcalde, convertendo “un acto institucional nun mitin político”. “Vigo non é unha cidade-estado nin vai por libre, por moito que lle pese ao señor Caballero. Vigo é Galicia e Galicia é Vigo, e o que merecemos todos é máis respecto e menos deslealdades”, incidiu Miguel Martín.
Detido tras roubar no maleteiro dun coche e ameazar cunhas tesoiras ao dono
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 34 anos de idade, C.J.J.A., como presunto autor dun delito de roubo, tras ser sorprendido rebuscando no maleteiro dun coche que forzara e ameazar ao dono cunhas tesoiras.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron o pasado venres, no aparcadoiro dun establecemento comercial da rúa Aragón. Cando o dono do coche regresaba coa súa parella e coa compra, sorprendeu a un individuo rebuscando no interior do maleteiro do seu vehículo.
Ao dirixirse ao presunto ladrón, este encarouse con el e, esgrimindo unhas tesoiras, ameazoulle con cravarllas e matalo. A continuación emprendeu a fuxida, sendo perseguido polo dono do coche, que conseguiu darlle alcance.
Cando chegaron ao lugar os axentes de Policía, comprobaron que o coche presentaba a fechadura danada e forzada e, ao rexistrar ao sospeitoso, atopáronlle dúas tesoiras, polo que se procedeu á súa detención, momento en que o home opuxo unha resistencia activa, polo que tivo que ser inmobilizado.
1.000 anos de historia da nosa lingua en banda deseñada
De ser a lingua falada por toda a poboación na Idade Media a desaparecer dos rexistros formais nos Séculos Escuros; do renacer do Rexurdimento á persecución durante a Ditadura. Os fitos máis importantes da historia da lingua galega recóllense nun libro de banda deseñada que acaba de ser publicado pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo como “unha homenaxe á nosa prezada lingua e unha invitación a unha urxente concienciación”. Como explica a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, a idea é “aproximarnos, dun xeito visual e accesible, á historia da lingua galega” e, para iso, seleccionáronse unha serie de fitos “que consideramos fundamentais na súa evolución, desde o seu nacemento ata a actualidade” e que a propia lingua, coma se fose unha persoa, vai relatando a modo de lembranza. En realidade, as palabras son moi escasas “porque o protagonismo desta publicación reservámolo para as imaxes que dun xeito maxistral elaborou Idoia de Luxán”, destaca a vicerreitora.
Como explica a vicerreitora Susana Reboreda, “o percorrido da nosa lingua, desde o seu nacemento, pode equipararse a unha montaña rusa; nel sucédense, sen solución de continuidade, épocas de esplendor e momentos de crise. Son moitos séculos nos que o galego sobreviviu como un dos símbolos máis importantes e representativos da nosa cultura, que nos singulariza e identifica con respecto ao resto dos territorios”.
OS MOMENTOS ESCUROS
O volume arranca coa lingua presentándose como filla do latín, nada entre o século IX e o XII e relatando como tivo unha marabillosa infancia na que estivo presente en todos os eidos da vida. Lembra como “na Idade Media era a lingua falada por toda a poboación”, como apareceron os primeiros textos escritos e como o galego era a lingua das cantigas, “non había un trobador nin un xograr que non contase comigo tanto en Galicia como en Francia ou en Castela”.
Pero esa infancia feliz deixou paso a unha época de “tristura”, na que o galego, sen apoio institucional, foi cedendo terreo a favor do castelán entre os séculos XIII e XV ata que Alfonso X decretou este último como única lingua oficial da súa corte. Comezaban os Séculos Escuros, nos que o galego desaparece dos usos formais e escritos, ata que volve ter unha raiola de esperanza da man dos ilustrados Frei Martín Sarmiento ou o Padre Feijoo. Prosigue o relato xa poñendo o foco na súa “volta á vida” con Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal, un Rexurdimento no século XIX que permitiu a recuperación do galego na literatura e un novo esplendor a comezos do século XX, que foi interrompido pola Guerra Civil e a Ditadura, que paralizaron o proceso galeguizador precedente.
A lingua converteuse en clandestina, cos seus grandes defensores mortos, presos ou no exilio. Foi precisamente do outro lado do Atlántico onde se mantivo o centro da cultura galga ata que se recuperou a democracia e o galego converteuse oficialmente na lingua de Galicia. Con todo, o relato remata coa protagonista un pouco “desilusionada” porque “cada vez contan menos comigo, sobre todo a rapazada” e é por iso que culmina cunha demanda clara á cidadanía: “Espalládeme con orgullo”.
As persoas interesadas en obter un exemplar poden solicitalo na Área de Normalización Lingüística, que tamén os distribuirá en eventos e actividades organizados pola institución.
