InicioCultura1.000 anos de historia da nosa lingua en banda deseñada

1.000 anos de historia da nosa lingua en banda deseñada

A UVigo publica unha obra en banda deseñada sobre a historia da lingua galega.

PUBLICADO O

- Advertisement -

De ser a lingua falada por toda a poboación na Idade Media a desaparecer dos rexistros formais nos Séculos Escuros; do renacer do Rexurdimento á persecución durante a Ditadura. Os fitos máis importantes da historia da lingua galega recóllense nun libro de banda deseñada que acaba de ser publicado pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo como “unha homenaxe á nosa prezada lingua e unha invitación a unha urxente concienciación”. Como explica a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, a idea é  “aproximarnos, dun xeito visual e accesible, á historia da lingua galega” e, para iso, seleccionáronse unha serie de fitos “que consideramos fundamentais na súa evolución, desde o seu nacemento ata a actualidade” e que a propia lingua, coma se fose unha persoa, vai relatando a modo de lembranza. En realidade, as palabras son moi escasas “porque o protagonismo desta publicación reservámolo para as imaxes que dun xeito maxistral elaborou Idoia de Luxán”, destaca a vicerreitora.

Como explica a vicerreitora Susana Reboreda, “o percorrido da nosa lingua, desde o seu nacemento, pode equipararse a unha montaña rusa; nel sucédense, sen solución de continuidade, épocas de esplendor e momentos de crise. Son moitos séculos nos que o galego sobreviviu como un dos símbolos máis importantes e representativos da nosa cultura, que nos singulariza e identifica con respecto ao resto dos territorios”. 

OS MOMENTOS ESCUROS

O volume arranca coa lingua presentándose como filla do latín, nada entre o século IX e o XII e relatando como tivo unha marabillosa infancia na que estivo presente en todos os eidos da vida. Lembra como “na Idade Media era a lingua falada por toda a poboación”, como apareceron os primeiros textos escritos e como o galego era a lingua das cantigas, “non había un trobador nin un xograr que non contase comigo tanto en Galicia como en Francia ou en Castela”. 

Pero esa infancia feliz deixou paso a unha época de “tristura”, na que o galego, sen apoio institucional, foi cedendo terreo a favor do castelán entre os séculos XIII e XV ata que Alfonso X decretou este último como única lingua oficial da súa corte. Comezaban os Séculos Escuros, nos que o galego desaparece dos usos formais e escritos, ata que volve ter unha raiola de esperanza da man dos ilustrados Frei Martín Sarmiento ou o Padre Feijoo. Prosigue o relato xa poñendo o foco na súa “volta á vida” con Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal, un Rexurdimento no século XIX que permitiu a recuperación do galego na literatura e un novo esplendor a comezos do século XX, que foi interrompido pola Guerra Civil e a Ditadura, que paralizaron o proceso galeguizador precedente. 

A lingua converteuse en clandestina, cos seus grandes defensores mortos, presos ou no exilio. Foi precisamente do outro lado do Atlántico onde se mantivo o centro da cultura galga ata que se recuperou a democracia e o galego converteuse oficialmente na lingua de Galicia. Con todo, o relato remata coa protagonista un pouco “desilusionada” porque “cada vez contan menos comigo, sobre todo a rapazada” e é por iso que culmina cunha demanda clara á cidadanía: “Espalládeme con orgullo”.

As persoas interesadas en obter un exemplar poden solicitalo na Área de Normalización Lingüística, que tamén os distribuirá en eventos e actividades organizados pola institución.

ÚLTIMAS

O impacto do exfuracán Kirk: ventos de case 150km, tellados e árbores caídas e inundacións

O exfuracán Kirk, xa convertido en borrasca, deixa en Galicia nas primeiras horas deste...

O encargado dunha empresa de Vialia acusado de acoso laboral nega os feitos e alega que o traballador “non cumpría”

O encargado dunha empresa de mantemento que presta servizo no centro comercial Vialia de...

Air Europa cancela os seus voos entre Vigo e Madrid pola borrasca

09/10/2024    10:40H A conpañía aérea anunciou na súa páxina web que quedan cancelados os voos...

O acusado de abusar de dúas menores nega os feitos e as psicólogas ven crible o relato das nenas

Un home acusado de dous delitos continuados de abuso sexual sobre menores de 16...