Inicio Blog Páxina 354

Rueda non comparecerá para explicar o sobrecusto de 470 millóns na construción do Cunqueiro

A maioría absoluta da que goza o PP no Parlamento de Galicia tombou a petición do BNG para que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecese nun pleno extraordinario para explicar o sobrecusto de 470 millóns de euros apuntado nun informe do Consello de Contas na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

A Deputación Permanente do Lexislativo autonómico, órgano entre período de sesións, reuniuse este mércores a proposta do Bloque para debater a posibilidade de convocatoria dun pleno centrado no modelo escollido polo Goberno galego para a construción do hospital vigués, obxecto dun informe de Contas no que cuestiona o sistema elixido, que vincula a un incremento dos custos de 470 millóns por optar por un contrato de concerto.

A proposta da formación frontista, defendida pola deputada Montse Prado e apoiada por todos os grupos da oposición (xunto ao BNG votou a favor o PSdeG e o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea) foi finalmente rexeitada pola postura do PP, cuxo portavoz, Alberto Pazos Couñago, acusou a nacionalistas de empregar de forma “espuria” o regulamento da Cámara para usar a Deputación Permanente como un “altofalante” para “xerar alamar social”.

Tras incidir en que a convocatoria dun pleno non ten carácter do “responable dos populares galegos aseverou que o informe de Contas “non sinala nin unha soa irregularidade” máis aló de “analizar” os dous modelos de financiamento da obra polos que puido optar a Xunta nun contexto, como resaltou Pazos, de crise económica que “non impediu” que se levantase “en tempo marca” un “dos mellores hospitais de Europa”.

O documento publicado a comezos deste mes de agosto polo Consello de Contas sinala que sería máis eficiente licitar a obra e os servizos do centro por separado, e non conxuntamente como levou a cabo a Xunta nun contrato de concerto (realizouse durante o mandato de Alberto Núñez Feijóo), xa que suporía un aforro de máis de 470 millóns de euros (IVE incluído).

Na liña do manifestado a pasada semana polo presidente autonómico, Pazos Couñago defendeu que o modelo de “colaboración público-privada” elixido permitiu levar a cabo o hospital vigués nun momento de “crise económica” e trazou un paralelismo coa hipoteca de “unha familia” para adquirir unha casa.

“Calquera galego sabe que é máis barato adquirir a súa vivenda con medios propios que recorrer a créditos bancarios”, sinalou o portavoz dos populares, que, a cotinuación, engadiu que os cidadáns recorren ás hipotecas porque “priorizan ter un teito para a súa familia” antes que “eternizar” o proceso de compra.

Para Pazos, esta foi a máxima que seguiu o Goberno galego entón presidido polo actual líder do PP nacional para a construción do Álvaro Cunqueiro, inaugurado no ano 2015, o que levou a acusar de “hipócritas” a BNG e PSdeG por contemplar este modelo de colaboración público-privada para a execución do mesmo hospital durante a súa etapa na Xunta nos anos do bipartito.

No peche da súa quenda de palabra, Pazos Couñago tachou de “esperpento” aos grupos da oposición. “A estas alturas temos claro que non podemos contar con vostedes, pero polo menos non estorben”, apostilou antes de dirixirse á deputada do BNG para espetarlle que, ao seu xuízo, ten “a mesma credibilidade” cando fala sobre asuntos sanitarios “que cando afirma que está orgullosa do sistema electoral do señor (Nicolás) Maduro”.

O BNG VE UNHA “ESTAFA”

Antes, Prado incidira na importancia de que Rueda acudise á Cámara para “dar a cara” sobre a situación revelada polo Consello de Contas, que xerou ” unha alarma” entre a sociedade “que se suma á alarma pola situación da sanidade pública” en Galicia. Para a portavoz do BNG en Sanidade, a construción do Cunqueiro foi “un ruinoso negocio para as arcas públicas e un magnífico negocio para as empresas” polo emprego dun “escandaloso” modelo de financiamento no que a Xunta deberá abonar un canon por un período de 20 anos que suporá “un beneficio do 76 %” para a concesionaria.

Prado preguntouse “que empresa obtén” unha marxe de beneficio desa magnitude por un negocio, o que a levou a sentenciar que o modelo foi escollido de forma “premetidada” por razóns “políticas e ideolóxicas” por parte do PP dentro da súa lóxica “neoliberal” para que a empresa “non asumise nin un só risco” económico e estes recaesen de forma exclusiva na administración galega.

“O modelo escollido nunca tivo como obxectivo converter o Cunqueiro nun hospital punteiro ou dar cobertura ás necesidades da área sanitaria de Vigo. Foi puro e duro neoliberalismo para dar negocio ao capital”, remarcou a deputada frontista, que puxo o acento en que a redución das dimensións do hospital ou o seu aparcadoiro non supuxo unha modificación do canon a pagar pola administración, á vez que aseverou que o sobrecusto apuntado por Contas de 470 millóns permitiría “a contratación de 250 médicos de familia durante 20 anos”.

BESTEIRO: “PRIORIZAR INTERESES PRIVADOS”

Pola súa banda, o portavoz socialista no Pazo do Hórreo, José Ramón Gómez Besteiro, incidiu na súa intervención ante a Deputación Permanente que o revelado por Contas “certifica” as denuncias feitas “durante anos” polo PSdeG “a pesar de ser repetidamente desacreditados e tachados de mentireiros polo PP”.

Para o máximo responsable dos socialistas galegos, Contas “dá a razón” ao seu partido ao “demostrar” que o contrato de concesión “non só foi máis caro, senón que tampouco ofreceu ningunha vantaxe en termos de eficiencia ou calidade para a cidadanía”, polo que, como fixera antes Montse Prado, reclamou que se proceda á reversión do contrato coa empresa adxudicataria, do que restan 10 anos para a súa finalización.

“Cando o PP fala de sanidade, os especuladores freganse as mans. Se por vostedes fose, serían capaces de privatizar as Cíes”, espetou Besteiro, que asegurou que co “diñeiro malgastado” pola Xunta na construción do Cunqueiro, o Sergas “podería ter máis de 20 novos centros de saúde ou contratar 600 enfermeiras ou 450 médicos”. Así as cousas, o socialista denunciou que a xestión do PP fixo que Vigo teña “un hospital máis caro e máis pequeno” do inicialmente previsto “porque se tivese as dimensións proxectadas non habería que desviar pacientes a Povisa”. 

Tamén interveu ante a Deputación Permanente o deputado do Grupo Mixto, Armando Ojea, que manifestou o seu apoio á convocatoria do pleno extraordinario como mecanismo para que o máximo responsable do Goberno autonómico “teña a oportunidade de dar explicacións” sobre o sobrecusto apuntado por Contas.

O goberno de Vigo di ter enviado toda a información do accidente de Matamá e a oposición acúsao de mentir

O goberno de Vigo asegurou este mércores que os grupos da oposición tiveron este martes, día 13 de agosto, acceso “á totalidade da información da que dispón o Concello en relación ás festas de Matamá e a atracción do Saltamontes”, aínda que o resto de partidos políticos aseguraron que “mente”.

Nun comunicado, o goberno municipal subliñou que facilitou o acceso á “totalidade da documentación” que figura nos expedientes que solicitaron tanto o PP como o BNG.

Todo iso despois de que o BNG acusase o goberno local de impedir o acceso á documentación do accidente mortal ocorrido no Saltamontes das festas da parroquia de Matamá na madrugada do sábado 3 de agosto, preguntándose “que é o que pretende esconder”. Así, indicaban que o Concello xa superara o prazo máximo de cinco días para permitir o acceso unha vez solicitado.

Este mércores, tras o comunicado do Concello, o BNG saíu ao paso asegurando que o goberno local “mente” e que, “a día de hoxe, aínda non se recibiu ningunha comunicación, resolución ou habilitación de acceso a ningunha información, documentación ou expediente solicitado”.

Pola súa banda, o PP de Vigo aclarou que, na tarde deste martes (tras as críticas do BNG), deuse acceso a un “único expediente” que se corresponde á tramitación administrativa da atracción accidentada.

“Un expediente no que non figura a resolución na que se desautorizou a súa posta en funcionamento nin a correspondente comunicación á comisión de festas. Tampouco ningún informe ou actuación policial que teña relación coas supervisións e os controis das atraccións non autorizadas na festa, que tamén solicitamos”, indican os ‘populares’ nun comunicado.

Vigo e Mos, localidades galegas con máis porcentaxe de reserva de chan para vivendas protexidas

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas publicou este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das porcentaxes de reserva de chan para vivenda protexida correspondente ao ano 2024 (de municipios de máis de 5.000 habitantes), que sitúan a Mos e a Vigo á cabeza.

En concreto, a media galega sitúase no 7,64 %, pero esta cifra alcanza o 21,16 % no caso de Mos e o 23,75 % no de Vigo. Tal como explicou a Xunta nun comunicado, a porcentaxe de reserva total do concello determínaa anualmente o Instituto Galego da Vivenda e Solo, con base nos inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade.

Segundo a normativa vixente, os plans xerais de ordenación municipal deberán prever unhas reservas de chan para a vivenda suxeita a algún réxime de protección pública que, como mínimo, comprendan os terreos necesarios para realizar o 30 % da edificabilidade residencial prevista pola ordenación urbanística en chan urbanizable e no urbano non consolidado.

Rescatado un traballador que caeu nun depósito de pinturas no Porriño

Efectivos de emerxencias rescataron na tarde deste mércores no Porriño a un operario que caera nun depósito de pinturas tras sufrir un desmaio.

Foi un particular o que avisou ao 112 sobre as 16,00 horas. No seu relato, contou que un traballador dunha nave do Polígono das Gándaras habíase desmayado e, como consecuencia, caera ao interior dun tanque de pinturas.

De inmediato foron mobilizados efectivos sanitarios do 061, así como os Bombeiros do Porriño, a Garda Civil, Policía Local e membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Unha vez no punto, os Bombeiros puideron rescatar ao home empregando materiais específicos. O persoal sanitario trasladouno despois ao centro de referencia.

OPERARIO FERIDO EN GONDOMAR

Tamén esta tarde, pouco antes das 17,30 horas, un particular comunicaba ao 112 a caída dun traballador dunha nave situada na estrada Gondomar-O Porriño, en Vincios.

Ata o lugar acudiu persoal sanitario do 061, efectivos de Protección Civil de Valmiñor e axentes de Policía Local e Garda Civil, que puideron determinar que o operario caera desde o tellado da nave.

Detidos en Vigo dous ladróns dentro dun piso mentres roubaban

0

A Policía Nacional detivo ‘in fraganti’ na madrugada deste pasado martes en Vigo a dous homes que entraran a roubar nun piso da zona das Travesas.

Foi unha testemuña o que alertou sobre as 04.00 horas ao escoitar ruídos nunha vivenda na que non debería haber ninguén ao atoparse os moradores noutra localidade.

Unha vez no punto, os axentes puideron comprobar que a porta da vivenda non presentaba a fechadura forzada, aínda que non estaba a chave pasada e había ruído dentro.

Ao constatar cos propietarios que dentro non debería haber ninguén, entraron na vivenda, atopándolla completamente revolta e os ladróns nunha das estancias.

Os homes levan consigo unha navalla multiusos, unha ganzúa e uns 600 euros en efectivo. Ambos foron detidos e pasaron este mércores a disposición do Xulgado de Instrución número 5 de Vigo. Na actualidade, continúanse as xestións para determinar a súa posible implicación noutros roubos.

A Deputación Permanente do Parlamento reúnese este mércores para abordar o proceso de adxudicación do Cunqueiro

A Deputación Permanente do Parlamento de Galicia reúnese este mércores, ás 11.00 horas, para abordar “o proceso de adxudicación e o sobrecusto” do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. A solicitude foi presentada polo grupo parlamentario do BNG, que quere que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dea explicacións sobre o contrato da obra do hospital vigués.

Así o reclamaba o pasado domingo a portavoz nacional, Ana Pontón, despois coñecerse o Informe de Fiscalización do Contrato de Concesión publicado por Contas, que conclúe que sería máis eficiente licitar a obra e os servizos do centro por separado, e non conxuntamente como levou a cabo a Xunta, xa que suporía un aforro de máis de 470 millóns de euros (IVE incluído).

Abre este mércores o prazo de solicitude de bolsas comedor na cidade, que poderán pedirse ata o 12 de setembro

O Concello de Vigo abre este mércores o prazo para pedir as bolsas comedor dos alumnos da cidade, que terán ata o 12 de setembro para solicitalas, co curso escolar xa iniciado. Tal como anunciou o alcalde, Abel Caballero, poderán solicitarse a través da web municipal ou de forma presencial na sede do Concello de 09.00 a 14.00 horas.

O rexedor volveu a criticar á Xunta, indicando que noutras comunidades son os gobernos autonómicos os que conceden estas axudas. Así mesmo, dixo que “non hai listas de espera”, xa que todos os nenos que a soliciten e cumpran cos requisitos, recibirán a bolsa. Todo iso despois de que a Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de centros escolares de Vigo (Foanpas) criticase fai preto dun mes que o Concello non convocase aínda as bolsas para que os nenos da cidade gocen do servizo de comedor de forma gratuíta, o que fará que ese diñeiro sexa cobrado polas familias “en xaneiro ou febreiro”.

Segundo a asociación, o curso pasado foron convocadas a finais de xuño e as bolsas cobráronse en decembro, obrigando a pais e nais a adiantar o diñeiro do comedor durante catro meses. Algo que moitas familias non se poden permitir. Este ano, a convocatoria non estará dispoñible ata mediados de agosto, dous meses despois que en 2023.

O detido en Vigo confesa “matei á miña muller con un coitelo”

0

O home detido en Vigo pola morte da súa parella sentimental no barrio dos Pajaritos de Valladolid, Juan Carlos S.M. de 49 anos, confesou ante os axentes da Policía Local da cidade olívica no momento do seu arresto: “Fixen algo moi malo. Matei á miña muller cun coitelo”. Segundo fontes do devandito corpo de seguridade consultadas por Europa Press, a detención produciuse por mor de detectar un coche mal estacionado na Avenida de Beiramar de Vigo sobre as 17:45 horas, á altura do mercado de O Berbés.

Así, os axentes locais comprobaron a matrícula do coche, decatándose de que sobre o mesmo había unha orde da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) para identificar o seu condutor.

Por iso, ao non estar nas inmediacións o home, utilizáronse as cámaras da Autoridade Portuaria para facer un seguimento dos pasos do home, onde se puido ver que vestía unha camiseta morada, un pantalón curto, zapatillas laranxas e unha gorra branca. A partir de aí, tratouse de localizar ao individuo, que entrara nunha cafetaría a uns dous quilómetros do lugar onde deixou o automóbil.

Finalmente, pasadas as 18:30 horas, achouse ao home chorando nun local próximo á igrexa de Bouzas, “moi nervioso e axitado”. O agora detido portaba con el a carteira da súa muller coa documentación da falecida. Ademais, presentaba arañazos recentes en ambos os brazos. Espontaneamente, manifestou aos axentes que “se atopaba moi mal” e confesou o ocorrido. “Fixen algo moi malo. Matei á miña muller cun coitelo”, recolle o ateigado policial. Por todo iso, foi detido e trasladado á Comisaría de Vigo.

29 MULLERES ASASINADAS POR VIOLENCIA DE XÉNERO

O número de mulleres asasinadas por violencia de xénero en España no que vai de ano ascendeu a 29, tras confirmarse o caso dunha muller de 48 anos asasinada presuntamente o pasado luns 12 de agosto en Valladolid polo seu compañeiro sentimental, que foi arrestado en Vigo horas máis tarde.

Segundo informou o Ministerio de Igualdade nun comunicado, non existían denuncias previas por violencia de xénero contra o presunto agresor.

Coa confirmación deste caso, o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero en España ascende a 29 en 2024 e a 1.273 desde 2003, cando se empezaron a recompilar estes datos. O número de menores orfos por violencia de xénero en España ascende a 21 en 2024 e a 454 desde 2013.

O BNG pregunta ao goberno de Vigo “que esconde” por non permitir acceder aos informes do accidente de Matamá

0

O BNG de Vigo acusou este martes ao goberno local de impedir “de forma ilegal” o acceso á documentación do accidente mortal ocorrido no Saltamontes das festas da parroquia de Matamá na madrugada do sábado 3 de agosto e pregunta “que é o que pretende esconder”.

Nun comunicado, os nacionalistas lamentaron que, a pesar de que o Concello ten un prazo máximo de cinco días para permitir o acceso unha vez solicitado, aínda non o fixo.

“Esta opacidade o único que engade son máis dúbidas e incertezas sobre o fatídico accidente”, indicou o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, indicando que “non vai tolerar” que se vulneren os dereitos fundamentais dos concelleiros.

Así, realizou un novo requirimento para esixir que se facilite esta documentación de forma inmediata. “Estamos preparados para exercer todas as accións institucionais, administrativas ou xudiciais que sexan necesarias”, advertiu.

Por todo iso, preguntouse que é o que se pretende esconder. “Que é o que non se quere ou non se pode explicar?”, engadiu Igrexas, quen pediu que se aclare a verdade do ocorrido.

Detido en Vigo por levar 400 gramos de haxix na súa mochila despois de escapar dos policías

0

A Policía Nacional detivo a finais do mes de xullo a un mozo en Vigo que portaba 400 gramos de haxix na súa mochila, despois de que o home tentase escapar dos axentes.

Tal como informou devandito corpo policial, axentes da brigada de seguridade cidadá de Vigo atopábanse prestando servizo de prevención de roubos no centro da cidade xunto a dous policías portugueses, que durante a segunda quincena de xullo traballaron na urbe olívica para incrementar a atención a cidadáns estranxeiros.

Nun momento dado, observaron como un mozo saía da estación de autobuses e cambiaba o seu rumbo ao decatarse da presencial policial, polo que trataron de identificalo.

Así, o individuo saíu correndo, pero foi interceptado a escasos metros. No rexistro das súas pertenzas achouse unha mochila con catro tabletas de haxix de 100 gramos cada unha.

Por iso, foi detido como presunto autor dun delito contra a saúde pública, pasando a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Vigo, en funcións de garda.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed