Inicio Blog Páxina 287

Stellantis Vigo é competitiva, segundo o número dous do grupo industrial

0

Os sindicatos do comité de empresa da factoría de Stellantis en Vigo trasladaron este xoves a súa satisfacción pola noticia da adxudicación da nova plataforma industrial multienerxía, STLA Small, e valoraron que esta decisión permite manter a “estabilidade” da planta. Os representantes do persoal mantiveron un encontro co xefe de Stellantis para a rexión Europa Ampliada e número dous do grupo, Jean-Philippe Imparato, que lles trasladou o seu recoñecemento pola competitividade da fábrica viguesa.

O sindicato maioritario, SIT-FSI, lembrou que a nova plataforma, destinada a montaxe de vehículos pequenos (do segmento B,) “dará os seus primeiros froitos a partir de mediados de 2027”. Ademais, permitirá manter unha planta “bifluxo” en Balaídos, xa que suporá traballo para a liña M1, que actualmente ensambla os Peugeot 2008, “con todo o que leva en parámetros de investimentos, creación de emprego, desenvolvemento e viabilidade a anos vista”.

A noticia foi trasladada persoalmente este xoves por Jean-Philippe Imparato aos representantes dos traballadores, nun encontro a media mañá, celebrado no marco dunha visita á factoría.

Nese encontro, segundo explicou o SIT e a preguntas sobre os plans futuros para as próximas xeracións de furgonetas, Imparato sinalou que Vigo segue sendo o principal referente neste nicho de fabricación, e que a planta está nunha “situación vantaxosa” para cando chegue o momento de renovar os modelos.

Para o SIT-FSI, a adxudicación da nova plataforma é un recoñecemento ao compromiso do persoal, ao diálogo e a paz social na fábrica viguesa, tal e como indicou o presidente do comité, Daniel Álvarez.

“BOA POSICIÓN” PARA FUTURAS FURGONETAS

Desde CC.OO., Daniel Abella tamén incidiu en que Jean-Philippe Imparato puxo en valor de forma destacada o compromiso da parte social, que pon á factoría de Stellantis Vigo “nun nivel alto” de competitividade. “Valoramos moi positivamente a adxudicación da nova plataforma, que permitirá deixar a planta encamiñada cara á produción bifluxo”, destacou.

Igualmente, tamén puxo en valor as palabras do xefe de Stellantis para Europa sobre a “boa posición” que Vigo ten de face á adxudicación de novos modelos de furgonetas; e tamén destacou que Imparato “quere seguir contando” cos provedores locais, aínda que advertiu de que “deben dar un paso adiante” e “demostrar que poden seguir a Stellantis e poden competir”.

Por outra banda, ademais do “compromiso” e “sacrificio” dos traballadores, o número dous do grupo tamén trasladou ao comité que outro dos factores que levaron a esta adxudicación foron os apoios económicos por partes das distintas administracións.

O representante de UGT, Aser Sanz, insistiu na idea de que a nova plataforma é un recoñecemento aos traballadores dunha planta que, ao longo dos anos, “soubo responder as demandas e esixencias” do grupo, que fan que a fábrica sexa “competitiva”.

“Era un segredo a voces que faltaba por confirmar, e había certa inquietude, por fin confirmouse”, explicou, e valorou que “dados os tempos que veñen, que se siga apostando en España por seguir fabricando vehículos é unha satisfacción”.

COMPROMISO PARA A INDUSTRIA AUXILIAR

Pola súa banda, o sindicato CUT foi máis crítico, e constatou que, á marxe da “satisfacción” que poida haber na planta pola adxudicación da nova plataforma, “o discurso é recorrente: hai que aumentar competitividade e reducir custos por vehículo fabricado”.

Segundo sinalou Vitor Mariño, esa mensaxe repítese sen cambios, xa sexan tempos de bonanza económica para o grupo ou de “menos bonanza”, porque “a ameaza de China sempre está aí”.

Con todo, o portavoz deste sindicato fixo fincapé na necesidade de non perder de vista a situación da industria auxiliar local, para a que a mensaxe de Imparato “é o mesmo: teñen que ser eficientes e competitivos se queren fabricar para Stellantis”.

Nese sentido, Mariño lamentou que, “despois de tantas axudas públicas”, non haxa “un compromiso real de carga de traballo” para a rede de colaboradores locais do grupo, e remarcou que as axudas das administracións deben esar condicionadas a ese compromiso de traballo para a industria auxiliar local.

ABEL CABALLERO: TODO GRAZAS AO GOBERNO DE ESPAÑA

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este xoves cono “unha gran noticia para Vigo e unha gran noticia para Stellantis” a adxudicación da nova plataforma industrial multienergía á factoría de Balaídos, e remarcou que a planta ten o futuro “asegurado” para os próximos 35 anos grazas ao Goberno de España, ao Concello olívico e á Zona Franca.

“O que anunciaramos que ía pasar, finalmente pasou”, proclamou, en declaracións remitidas aos medios, antes de pór en valor o traballo feito desde o Consistorio “dándolle un tratamento especial a Stellantis”, o de Zona Franca, “que fixo tanto esforzo para que Stellantis puidese presentar ben o seu proxecto“, e o do Goberno de España, coas sucesivas convocatorias de PERTE para o vehículo eléctrico e conectado.

“A miña felicitación aos traballadores porque o mérito fundamental é deles. Vigo hoxe sorrí porque temos a automoción garantida polo esforzo do Goberno, do Concello e de Zona Franca para os próximos 35 anos”, reiterou.

Un accidente de tráfico provoca unha fuga de gas e o desaloxo de dous edificios en Redondela

0

Un accidente de tráfico rexistrado na mañá deste domingo en Redondela provocou a rotura dun tubo de gas na rúa José Regojo, obrigando ao desaloxo de dous edificios de seis plantas, con 12 vivendas en cada un. Segundo informou o 112 Galicia, o suceso tivo lugar arredor das 07:20 horas, cando un vehículo impactou contra unha instalación de gas, causando unha fuga.

Tras recibir as alertas de varios particulares, o 112 Galicia mobilizou un amplo dispositivo que incluíu os Bombeiros do Porriño e Vigo, o GES de Mos, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Policía Nacional e Local e os efectivos de Protección Civil.

Os equipos de emerxencias traballaron para controlar a fuga de gas e ventilar a zona afectada. Unha vez asegurada a situación, os veciños desaloxados puideron regresar ás súas vivendas. Segundo confirmaron as autoridades, non se rexistraron danos persoais no incidente.

O Concello de Vigo asume os custos pola perda de axudas ao bus urbano

0

O Concello de Vigo asumirá os custos da perda de axudas ao transporte urbano por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, unhas axudas que decaen desde este xoves despois da derrogación, no Congreso, do decreto que as incluía.

Fontes municipais sinalaron que os servizos xurídicos municipais “están a estudar a situación”. “Imos esperar uns días por se o Goberno saca un novo decreto. Mentres tanto, o Concello asumirá os custos”, indicaron.

Así mesmo, as mesmas fontes sinalan que se a perda desas axudas fose definitiva, tomaranse “as decisións que correspondan”.

A principios deste ano, o goberno municipal daba a coñecer as novas tarifas do bus urbano (á espera de que sexan ratificadas pola Comisión de Prezos da Xunta para a súa aplicación), un servizo que presta a concesionaria Vitrasa. Así, o billete ordinario pasará de 1,57 a 1,63 euros, unha subida de 6 céntimos; aínda que a gran maioría de viaxeiros son usuarios do cartón PassVigo, e teñen prezos bonificados.

O billete ordinario subvencionado pasará de custar 0,53 a 0,56 euros; os estudantes con cartón PassVigo pasarán de pagar 0,51 a 0,54; e o billete bonificado para universitarios pasará de custar 0,39 a 0,42 euros. Os pensionistas tipo I e II seguirán viaxando gratis no bus, do mesmo xeito que as persoas con mobilidade reducida e os seus acompañantes.

Está por ver se a falta das axudas do Ministerio tradúcese nun incremento desas tarifas, ou se o Concello adopta algunha medida alternativa.

O Porto de Vigo aprehendeu 1.400 quilos de cocaína en 2024

0

O Porto de Vigo alcanzou en 2024 unha cifra récord de 300.000 TEU (unidades equivalentes a colectores de 20 pés), o que representa un aumento do 31,6 % respecto ao ano anterior, consolidándose como unha das terminais máis activas de España. Paralelamente, intensificouse o control de colectores sospeitosos, con preto de 4.000 inspeccións realizadas e a incautación de 1.400 quilos de cocaína, segundo datos proporcionados pola Garda Civil e Aduanas.

O Porto de Vigo sitúase á cabeza nacional no que se refire á porcentaxe de colectores inspeccionados respecto ao total, segundo destacou o xefe da sección Fiscal da Garda Civil no porto, Javier. Estas inspeccións forman parte do traballo da Unidade de Análise de Risco (UAR), composta por gardas civís e funcionarios de Aduanas, que analiza rutas marítimas, empresas e mercadorías para detectar posibles riscos.

O método de control inclúe desde a apertura de portas dos colectores ata inspeccións mediante escáner, priorizando aqueles procedentes de zonas clasificadas como ‘puntos quentes’, como Colombia e Brasil. Moitas das drogas atopadas son transportadas mediante o método ‘rip off’ ou ‘gancho cego’, no que os estupefacientes se introducen en colectores de empresas legais sen o seu coñecemento.

A actividade do Porto de Vigo creceu entre un 35 % e un 40 % nos últimos anos, o que complica o control total das mercadorías, segundo explicou o responsable da Garda Civil. A terminal mantén operativas seis rutas con Sudamérica, desde onde se importan principalmente froitas refrigeradas, pero tamén mercadorías que requiren maior supervisión.

O PAPEL DE TERMAVI NA XESTIÓN E SEGURIDADE

A xestión da terminal corre a cargo de Termavi, cuxo centro de control opera como o ‘cerebro’ da actividade portuaria. Con máis de 250 cámaras e un sistema de software avanzado, supervisa todos os movementos marítimos e terrestres. Esta coordinación é clave para apoiar o traballo da Garda Civil e Aduanas na detección de actividades ilegais.

Pablo González, director de comunicación de Termavi, destacou que a colaboración cos corpos de seguridade alcanza “o 200 %”, facilitando tanto o control da legalidade das mercadorías como a seguridade no recinto portuario. ‘As condicións da terminal son especiais debido ao seu carácter aduaneiro e á presenza de controis rigorosos de acceso e circulación’, explicou.

A pesar do incremento no tráfico de mercadorías e nos intentos de introducir drogas, os responsables da terminal e da seguridade insisten en que a coordinación e o rigor nos controis son fundamentais para manter o Porto de Vigo como unha das principais plataformas loxísticas de España e un exemplo no ámbito da seguridade portuaria.

As obras do hospital de día do Chuvi finalizarán antes do verán

As obras de ampliación do hospital de día do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), o que permitirá aumentar ata un 30 por cento os tratamentos diarios a pacientes de cancro, estarán finalizadas antes do verán.

Así o avanzou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante a inauguración este xoves da nova sede da Asociación Española contra o Cancro (AECC) na cidade olívica, onde estivo acompañado do xerente da área sanitaria, Javier Ponte.

Gómez Caamaño reafirmou o compromiso “absoluto” da Xunta cos pacientes oncolóxicos e puxo como exemplo esta ampliación do Chuvi cun investimento de case 900.000 euros.

Nun plano máis xenérico, referiuse a iniciativas como a estratexia galega de oncoloxía de precisión, que inclúe a creación do comité molecular de tumores constituído esta mesma semana; aos programas de cribados e aos centros de protonterapia e de fármacos CAR-T en Santiago.

“ESTOU COMO EN CASA”

O conselleiro, oncólogo de profesión, explicou desde o plano persoal que esta visita lle permitiu “reecontrarse con moitos amigos” e persoas que coñeceu ao longo da súa carreira en “a loita contra o cancro”.

“Estou como en casa, porque eu tiven a sorte de ser fillo dunha gran loitadora polos dereitos dos pacientes con cancro, de maneira que desde pequeniño vivín a asociación como algo propio”, manifestou.

Antonio Gómez Caamaño relatou que el foi voluntario da AECC, polo é coñecedor de como as asociacións de pacientes “chegaron onde non chegou antes a administración”. “Eles vertebraron España desde o punto de vista do coidado do paciente oncolóxico”.

Neste contexto, reivindicou a colaboración existente entre a Xunta e a AECC, con iniciativas como as humanizacións das áreas de oncoloxía dos hospitais e as vías rápidas para a atención de procesos de cancro, mediante as cales unhas 6.500 persoas foron a consulta e realizáronse un total de 3.263 probas.

Caballero contra os que protestan pola A-52 : “Non imos volver á época dos carros de bois”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, garantiu este venres que o novo trazado da autovía A-52, en túnel desde a cidade ata O Porriño, vaise a facer “si ou si”, a pesar da oposición de “uns poquitos veciños” ou ao rexeitamento “do PP e do BNG”, e advertiu: “Se alguén cre que por protestar van parar a autovía e vannos a levar á época dos carros de bois están equivocados, isto é Vigo”.

A preguntas dos xornalistas nunha rolda de prensa, o rexedor explicou que a tramitación desa actuación aínda está en fase de anteproxecto, e avanzou que os veciños que se opoñen serán “escoitados” cando “chegue o momento”. Con todo, advertiu de que as protestas non van paralizar esa obra, “póñanse como se poñan” quen a rexeitan. “Non nos van a devolver á época dos carros de bois (…), a algúns, se os deixamos, lévannos ás pallozas”, proclamou.

Caballero lembrou que a vía actual é “lenta e imposible” e, nela, “lamentablemente morre xente”, polo que reiterou que “esta broma de que un levantaba a man e parábanse as cousas, acabouse”.

O rexedor lembrou que o novo trazado ten un investimento de case 400 millóns de euros que pagará o Goberno de España e denunciou que o PP “se está movendo” para paralizala. Tras lembrar que, no seu día, “Feijóo dixo que non” á nova autovía, denunciou que agora trasladan o seu rexeitamento a través de “unha senadora”, en alusión á tamén alcaldesa de Mos (municipio afectado polo trazado), Nidia Arévalo.

Caballero criticou que existe tamén oposición por parte do BNG e repetiu a mensaxe: “Que se esquezan, esa autovía –e todo Vigo sábeo– é imprescindible. O problema é que chega 30 anos tarde”. Finalmente, asegurou que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable considera esa actuación “a obra máis prioritaria e máis importante en toda España”. “E o mesmo o alcalde, e a cidade tamén”, apostilou.

“Vigo é cinema. Nin Hollywood é capaz de dicir isto”, di Caballero tras máis de 50 rodaxes na cidade

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reivindicou á cidade como estudio de cinema, tras máis de 50 rodaxes levadas a cabo na urbe olívica en 2024: “Todo aquilo que un director necesita, atópao en Vigo”. Así o sinalou este xoves na súa intervención durante a presentación da Vigo Filme Office na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra durante esta semana en Madrid.

Alí, Caballero subliñou que “Vigo é cinema” e que cada historia de cada cidadán é “un guión”. Para el, a urbe ten luz, cor ou actores e actrices polo que “todo aquilo que un director necesita, atópao”. “Nin Hollywood é capaz de dicir isto”, subliñou, chanceando con que se instalarán unhas letras “máis grandes” que poñan Vigo (semellantes ás de Hollywood).

O alcalde destacou o agarimo co que Vigo recibe as rodaxes e as facilidades que o Concello ofrece para que cada vez máis directores elixan a cidade para as súas ideas. Antes, a responsable da Vigo Filme Office, Amaia Mauleón, puxo en valor os máis de 50 rodaxes levadas a cabo o ano pasado na cidade, que é “amigable” e “amable” con todo aquel que a visita. Mauleón referiuse a a cantidade de localizacións distintas que están a menos de 15 minutos na cidade, coas súas praias e as súas rúas. Tamén falou das charlas e conferencias sobre cinema que organiza a súa asociación durante todo o ano.

Na presentación tamén participou o actor Antonio Durán ‘Morris’, quen tamén quixo destacar que Vigo non é só un estudio, senón que permite incorporar á película, serie ou audiovisual que se rode “moitas cousas” das súas xentes, xa que teñen “unha ideosincracia moi especial”.

Deteñen un veciño de Vigo por ir en patinete eléctrico pola N-552 e triplicando a taxa de alcoholemia

0

Unha patrulla do destacamento de Tráfico de Vilaboa interceptou a un veciño de Vigo, de 40 anos, que circulaba en patinete eléctrico pola beiravía da N-552, termo municipal de Redondela, e triplicaba a taxa de alcoholemia permitida.

Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado, os feitos producíronse este martes e o home arroxou, na proba de alcoholemia, un resultado positivo cunha taxa 0,83 e 0,78 miligramos por litro en aire expirado.

Desta forma, o home foi denunciado administrativamente por estes feitos cunha sanción de 1.000 euros pola infracción moi grave de alcoholemia e 80 euros por circular cun patinete por unha vía interurbana.

A Garda Civil de Pontevedra lembrou que este tipo de vehículos, considerados de mobilidade persoal, non poden circular por vías interurbanas, travesías, autoestradas e autovías que transcorran por poboacións, así como tampouco por túneles urbanos, beirarrúas e zonas peonís –salvo se está regulado polos Concellos e sempre a paso de peón–.

Xulgan en Vigo un home acusado de extorsionar a unha muller e apropiarse de máis de 15.000 euros

0

Un home será xulgado este mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acusado dun delito continuado de extorsión. A Fiscalía solicita unha condena de 7 anos de prisión, ademais de indemnizacións que superan os 50.000 euros por apropiarse de bens e diñeiro dunha muller mediante ameazas e coaccións entre 2020 e 2021.

Segundo o escrito da Fiscalía, os feitos comezaron en setembro de 2020, cando a vítima acudiu, acompañada doutro home, a un escampado no partido xudicial de Redondela. O acusado reclamoulle ao acompañante unha suposta débeda de 6.000 euros e, ao non poder pagar, ameazou á muller, esixíndolle que asumise o pagamento. Durante o encontro, afirmou que a mataría ou faría dano á súa familia se non entregaba o diñeiro, mostrándolle dúas pistolas que tiña no seu vehículo.

Días despois, a vítima sufriu un accidente de tráfico que a mantivo hospitalizada, momento que o acusado aproveitou para presionala a ceder os ingresos que recibiría do seguro. Chegou mesmo a obrigala a visitar o cuartel da Garda Civil no Porriño para preguntar pola demora no pagamento da compensación.

Cando a muller cobrou 17.400 euros, foi forzada a retirar 15.322 euros nunha sucursal bancaria, onde o acusado a ameazou cunha pistola para asegurarse de que cumpría as súas esixencias.

A extorsión continuou con outras accións, como a compra de dous teléfonos móbiles financiados pola vítima, que logo foi obrigada a revender nun establecemento de segunda man. O acusado tamén a forzou a entregar documentación persoal, incluíndo o carné de conducir e a súa nómina, para comprar un coche por 24.000 euros, que posteriormente revendeu por unha cantidade inferior, apropiándose do diñeiro.

Ademais, a vítima foi obrigada a realizar varias retiradas de efectivo da súa conta bancaria, entregándolle un total de 8.000 euros adicionais.

A Fiscalía acusa o procesado dun delito continuado de extorsión e pide que sexa condenado a 7 anos de prisión. Ademais, solicita que indemnice á vítima en 15.322 euros polo diñeiro apropiado, máis 5.000 euros polos danos morais. Tamén se inclúen indemnizacións para a empresa Vodafone (2.304 euros) e para o operador financeiro FCA Auto Bank (34.240,02 euros) polos bens adquiridos mediante financiamento fraudulento.

Os prezos da vivenda en Vigo baixarán case un 8% no primeiro trimestre, segundo a Intelixencia Artificicial

0

A Intelixencia Artificial prevé que as cidades de Santander (+6,6%), Lugo (+5,4%) e Alacante (+4,9%) rexistrarán os incrementos máis elevados no prezo da compravenda de vivenda para finais do primeiro trimestre do 2025, segundo a análise que o portal inmobiliario Fotocasa realizou coa súa nova ferramenta de medición SmartPrice, combinando Big Data e Intelixencia Artificial.

O estudo permitiu elaborar predicións para todas as grandes cidades, determinando canto vai aumentar o prezo nos próximos tres meses; así, tras Santander, Lugo e Alacante, atópanse Murcia (+4,7%), Pontevedra (+4,4%), Toledo (+4,3%) e Oviedo (+3,9%).

Así mesmo, o comportamento dos grandes mercados virá marcado por aumentos nos seus prezos algo máis moderados, en Barcelona o incremento será do 3,5%; en Madrid, do 2,5%, e en Málaga o prezo prevé baixar ata un 3,7%. Outras cidades que experimentarán, segundo a IA de Fotocasa, reducións de prezos serán Las Palmas de Gran Canaria (-3,8%), Vitoria (- 4,9%), Ávila (-6,1%), Segovia (-6,6%), e Vigo (-7,5%).

“O mercado inmobiliario en España está a vivir tempos de gran dinamismo. Nestes momentos, para todos os axentes involucrados neste sector, é máis importante que nunca poder detectar cales serán as tendencias principais que moverán o mercado, especialmente no relativo aos prezos de compra e aluguer”, declarou a portavoz de Fotocasa, María Matogueiras.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed