Inicio Blog Páxina 2205

A Xunta paraliza as obras nunha praia de Cangas por unha posible afectación a un arbusto ameazado

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ordenou a paralización cautelar dos traballos de explanación realizados polo Concello de Cangas na praia urbana de Rodeira por unha posible afectación a unha especie ameazada, a xesta de Ons.

Esta medida enmárcase nunha investigación aberta pola Xefatura Territorial de Pontevedra para determinar se as obras afectan a este arbusto incluído no Catálogo galego de especies ameazadas, segundo explicou a Consellería. Ademais, axentes ambientais desprazáronse este xoves ao areal para realizar unha inspección e levantar a acta administrativa correspondente, que podería levar un expediente sancionador.

Esta praia, situada no centro urbano, non está incluída na Rede Natura 2000, polo que, en principio, non sería precisa unha autorización ambiental da Xunta para executar os traballos. Con todo, decidiuse ordenar unha investigación e paralizar as obras de modo cautelar ante a posible afectación a unha especie protexida.

Esta situación prodúcese despois de que grupos da oposición criticasen a actuación. En concreto, a candidatura veciñal Avante denunciou ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural o “atentado ambiental” producido nas dunas de Rodeira e a realización de “movementos de area con dous vehículos pesados, retirando vexetación e modificando o sistema da duna”. Así, criticou que “a escusa para levar a cabo esta acción tan agresiva contra o medioambiente fose a celebración do campionato comarcal de balonmán-praia este fin de semana”.

Mentres, o BNG de Cangas esixiu “a dimisión dos responsables das áreas implicadas” neste “refugallo ambiental” e reprobou a “falta de planificación e xestión”. Tamén denunciou “a pasividade de Costas, que non actuou nin se achegou para comprobar os traballos”. Así mesmo, o PP pediu unha rendición de contas por parte do goberno local, conformado por ACE e PSOE.

Piden responsabilidades polo “atentado ambiental” nunha duna protexida de Cangas

Reanudado o tráfico ferroviario na liña Vigo-Ourense interrompido desde o venres por unha focha

0

Adif restableceu á primeira hora da tarde deste xoves o tráfico ferroviario na liña Vigo-Ourense-Monforte, que se atopaba interrompido desde o pasado venres, debido a unha focha provocada polas fortes choivas rexistradas na zona de Frieira.

Segundo informou o administrador de infraestruturas ferroviarias, as intensas precipitacións de hai case unha semana provocaron un “desguarnecido” de vía á altura do desvío número 1 da estación de Frieira (lado Ourense), causando unha focha de 12 metros e con inestabilidade do terreo circundante. O incidente afecto tamén ao macizo dun tirante dun poste de electrificación.

Adif sinalou que, tras a incidencia, Renfe “estableceu desvíos puntuais” vía Santiago para trens de Longa distancia, e transbordos por estrada para servizos de Media Distancia.

Na última semana persoal de Mantemento de Infraestrutura de Adif traballou “día e noite” para restablecer a circulación “canto antes”. Ademais, as tarefas viuse condicionadas pola dificultade de acceder á zona (tanto para persoal como para maquinaria) e pola climatoloxía adversa.

Novo aumento de casos na área de Vigo que volven subir dos 900 activos

Galicia chega ao ecuador da semana na que decaerá o estado de alarma –o 9 de maio– cunha repunta de novos contaxios de Covid-19 que soben a 189 –que supoñen 64 máis que a xornada anterior–, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus descenden aos 200 –doce menos–. Pola súa banda, tras dúas xornadas en descenso os casos activos aumentan lixeiramente a 3.061.

Segundo os datos actualizados na mañá deste mércores pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste martes, recollidos por Europa Press, os pacientes Covid ingresados en UCI soben a 48 –un máis–, mentres que os que permanecen noutras unidades descenden a 152, que supoñen 13 menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en cinco das sete, entre elas a de Vigo, onde soben a 13 o críticos –un máis– e baixan a 30 os doutras unidades –dous menos–.

MÁIS CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos de Covid-19, despois de dúas xornadas consecutivas en descenso aumentaron lixeiramente a 3.061 en Galicia, que supoñen 34 máis, ao haber máis contaxios (189) que altas (155). Por áreas sanitarias, as infeccións activas soben en Vigo (+15) o que provoca que volvan subir por riba dos 900 os casos activos (913).

REPUNTAN OS CONTAXIOS

Tamén os novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba aumentaron no ecuador da semana en Galicia, que comezou con 103, ata os 189, que supón 64 máis que os 125 rexistrados a xornada anterior.

Do total de positivos, 164 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, 58 máis que a xornada anterior, dos que 64 corresponden á área de Vigo. Galicia levou a cabo desde o inicio da pandemia 2.085.335 PCR, que supoñen 7.781 probas máis que as rexistradas ata a xornada anterior e que implican máis de 2.000 feitas que o día pasado.

En canto á taxa de positividade –porcentaxe de infeccións por test PCR realizados– ascendeu por encima do 2% ata o 2,15 por cento, tras permanecer nun 1% desde o inicio desta semana. Con todo, continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

A doutora de Baiona Nieves Turienzo, nova presidenta de Médicos del Mundo en España

A doutora Nieves Turienzo, médico de familia do centro de Saúde de Baiona (Pontevedra), foi elixido presidenta de Médicos do Mundo para España, unha ONG coa que leva 15 anos colaborando.

Segundo informou o Sergas, esta facultativa, que foi elixida entre 14 candidatos de todo o Estado, leva 25 anos traballando no Servizo Galego de Saúde e, antes de recalar no ambulatorio de Baiona, traballou en PAC de varios municipios da área viguesa, e en consultorios de Tomiño, Val Miñor e Mos.

Nieves Turienzo destacou que o seu obxectivo á fronte de Médicos del Mundo en España é “manter as liñas estratéxicas planificadas na organización”, adaptándoas á situación da pandemia de COVID. A ese respecto, sinalou que todos os proxectos se axustaron a este contexto e se reorientaron “ás persoas en risco de exclusión social”.

Catro mortos pola Covid en Vigo

A Consellería de Sanidade notificou este martes o falecemento de seis persoas infectadas con coronavirus en Galicia, co que a cifra total de mortes desde o inicio da pandemia na comunidade elévase a 1.188.

Vigo e Ferrol foron os lugares con máis falecidos. Así, no Centro Hospitalario de Vigo morreron un home de 79 anos e unha muller de 93 e outras dúas de 103 e de 87 anos na Residencia para  persoas maiores  Ballesol, tamén de Vigo. Pola súa banda, en Ferrol morreron catro homes de 82, 86, 81 e 72 anos. 

Tamén houbo dous mortos na Coruña, un home de 93 anos e outro de 87, outro falecido de 92 anos no Hospital  Virxe da Xunqueira de Cee e unha muller de 72 anos en Pontevedra.

O presidente da CEOE aposta en Vigo por “poñer en valor” a automoción ante a “oportunidade” dos fondos de reconstrución

0

O presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi, apostou este martes por “pór en valor” a industria, e especialmente o sector da automoción, ante a “gran oportunidade” que suporán os fondos europeos para a reconstrución no contexto postcovid. Así o trasladou durante a súa intervención en na clausura do congreso AutoMob Summit, organizado pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Afíns (Asime) en Vigo.

Garamendi subliñou que, co foco posto na Axenda 2030, “ás veces esquécese” o obxectivo 20-20-20, de lograr, en 2020, que un 20 % das enerxías que se usan sexan renovables, e que un 20 % do PIB sexa industrial. A ese respecto, lembrou que os empregos en industria son “estables” e “ben retribuídos”, e que nos territorios onde o PIB industrial supera o 20 por cento, o desemprego non chega ao 10 por cento.

Nese contexto, o presidente da CEOE destacou que “é o momento” non só de pór en valor a industria, senón “especialmente” a industria da automoción en España, no que respecta a fabricantes e a empresas auxiliares.

Por iso, incidiu en que a automoción debe ser unha “peza clave” na repartición de fondos de reconstrución, aínda que admitiu que España ten “un déficit” e un “reto” que afrontar en materia de innovación.

“Temos un mundo moi potente por diante e, á vez, temos que protexer a industria. CEOE vai estar aí, apoiando no que poida, porque a automoción é un sector estratéxico para a economía española”, proclamou.

PROXECTO GLOBAL DA XUNTA

O congreso AutoMob Summit pechouse coa intervención, a través dun vídeo, do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou que Galicia fai unha “aposta ambiciosa” polo sector da automoción, cun proxecto global para captar fondos europeos que suporá un investimento de 1.300 millóns de euros e a creación de 900 empregos.

Segundo sinalou, as iniciativas que compoñen este proxecto baséanse “na innovación, a tecnoloxía, a dixitalización, a sustentabilidade, a formación e o talento”. Todo iso co obxectivo de “mellorar a competitividade” do sector da automoción en España.

Feijóo recalcou que esta industria será unha das que marquen o ritmo no impulso da recuperación económica de Galicia, e lembrou a importancia do sector aquí, onde se fabrican un de cada seis coches que se producen en España.

Detido en Vigo tras negarse a poñerse a máscara e agredir a un axente

0

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 49 anos de idade, R.A.A.E., tras negarse a poñerse a máscara, causar desfeitas nun bar e agredir a un dos axentes que interveu na súa identificación.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na noite do pasado mércores, cando este home entrou nunha cafetaría da rúa Urzáiz. Alí, mentres esperaba a ser servido, quitou a máscara e comezou a molestar a outros clientes do establecemento.

O persoal pediulle que se puxese a máscara e que abandonase o local, pero o home dirixiuse ao baño, comezou a esnaquizar as tapas dos inodoros e, cunha delas na man, saíu de novo ao local. O home foi expulsado do bar pero quedou na porta, ameazando a traballadores e clientes, e sen levar posta a máscara.

Cando os axentes de Policía chegaron, identificárono e informáronlle de que sería proposto para sanción por non levar a máscara e por non respectar a distancia de seguridade. Nese momento, empuxou violentamente a un dos funcionarios e tratou de golpealo, polo que foi reducido e detido por un suposto delito de atentado contra axente da autoridade.

Dúas detencións por presuntos delitos de violencia de xénero

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron nas últimas horas a dous veciños da cidade, como presuntos autores de senllos delitos de violencia de xénero, tras agredir ás súas respectivas parellas.

Segundo informaron fontes policiais, a primeira intervención tivo lugar pasadas as 21,30 horas, nunha vivenda da rúa San Roque. Alí acudiu unha dotación do 092 tras recibir un aviso de que se estaba producindo unha forte discusión de parella.

Ao chegar, os axentes entrevistáronse coa muller que avisara á Policía, quen lles relatou que tivera unha discusión coa súa parella e que o home, nun momento dado, comezou a tirar obxectos da cociña.

Un deses obxectos, un prato, impactou aos pés da muller, que tiña en brazos un bebé de dous anos e que reprochou a súa conduta ao home. Este comezou a mostrarse cada vez máis agresivo, e ameazou de morte á súa parella, á vez que tamén insultou a outra filla dela, de 17 anos, que se interpuxo entre ambos.

Por estes feitos, o home, W.C.L.E., de 35 anos de idade e natural de Bolivia, foi detido, como presunto autor dun delito de violencia de xénero.

A segunda intervención tivo lugar unhas horas despois, nun domicilio da zona de Lavadores, onde acudiu unha dotación policial tras recibir o aviso doutra discusión.

Unha vez na vivenda, unha muller que choraba e atopábase moi nerviosa relatou aos axentes que tivera unha discusión coa súa parella por problemas de convivencia, e que este a suxeitou polo pescozo, empuxándoa contra a parede, á vez que a insultaba.

Ademais, a vítima recoñeceu que este tipo de situacións son habituais e que, ata agora, nunca chamara á Policía “por medo”. A súa parella, un home de 58 anos de idade. A.M.G. e natural de Vigo, foi detido por estes feitos.

Bombeiros de Vigo alertan da súa “situación insustentable” que “roza o delituoso” por falta de persoal

O comité de folga do servizo de bombeiros de Vigo alertou este martes da súa “situación insustentable“, das condicións de “escravitude” na que traballan os efectivos por falta de persoal e denunciaron que, tras 10 meses de folga e un ano e medio de “conflito” laboral, o Concello “non fixo absolutamente nada”.

Así, un dos portavoces do comité, Ricardo Pérez, lamentou que o goberno municipal non dese ningún paso para pór fin a este conflito, cuxa orixe principal está no déficit de efectivos. Neste tempo, lembrou, houbo dúas sentenzas xudiciais que deron a razón ao colectivo, pero “ninguén” no goberno vigués sentouse con eles para abordar a situación.

A ese respecto, sinalou que “hai 12 días” comunicóuselles que se reuniría unha mesa de negociación e que se lles trasladaría un documento-proposta. “Pero non recibimos nada”, apuntou, e lembrou que, unha vez que o estado de alarma pola pandemia de coronavirus quedou sen efecto en Galicia, tampouco se traballou na organización do servizo.

O comité de folga lembrou que, dos 120 efectivos do servizo, están a traballar pouco máis de 100 e que Vigo necesitaría un persoal mínimo de 150 bombeiros. Esta situación fai que non se poidan cumprir sequera os servizos mínimos decretados ao convocarse a folga e, segundo apuntou Ricardo Pérez, “só nos últimos 10 días houbo polo menos 3 ocasións nas que non se chegaba ao número de 16 efectivos mínimos nos parques da cidade”.

ANSIEDADE E FALTA DE GARANTÍAS

Outro dos representantes do colectivo, Miguel Uclés, lamentou que a actual situación do servizo “roza o delituoso” porque o Concello mantén a precariedade e a “escravitude” dos bombeiros, “impondo” medidas como o retén de garda localizable, que se traducen en “ansiedade” dos traballadores e “falta de seguridade e garantías” tanto para eles como para os propios cidadáns. “Nós temos un compromiso, mantémolo, pola nosa vontade, pero así non podemos prestar un servizo de calidade”, incidiu.

Protesta dos Bombeiros de Vigo / © Miguel Núñez.

Uclés advertiu de que o goberno local non pode escudarse no estado de alarma para xustificar certas medidas, porque os bombeiros levan “case dous anos” denunciando a súa precariedade pola falta de dimensión adecuada do persoal.

Segundo lembrou, a última convocatoria de prazas serviu para que se incorporasen 3 novos efectivos, o que “nin de lonxe” soluciona o problema. Con respecto ás novas convocatorias anunciadas polo alcalde, Miguel Uclés incidiu en que as prazas tamén son insuficientes, as incorporacións non serán inmediatas e a situación agravarase porque, nos próximos 5 anos, xubilarase a metade do actual persoal.

ACTUACIÓN EN SANJURJO BADÍA

Para ilustrar a situación, os portavoces do comité de folga lembraron o ocorrido a finais de maio, cando se declarou un incendio nun garaxe de Sanjurjo Badía: ata o lugar desprazáronse os equipos dispoñibles no parque de Teis e no de Balaídos, pero a situación requiriu de reforzos.

Nese momento, a xefatura do parque de Teis (asumida por un funcionario que non é o responsable do servizo) non tiña indicacións claras sobre a mobilización do retén que estaba de garda localizable; a iso súmase o feito de que os bombeiros de Balaídos tiveron que ausentarse en dúas ocasións porque foron demandados noutras zonas da cidade. Así, denunciou Miguel Uclés, “houbo momentos moi tensos, porque quedaron 4 bombeiros sós, sen substitución, deshidratados“.

A Policía auxilia unha muller de 81 anos que se desorientou cando paseaba o can en Vigo

A Policía Nacional auxiliou unha muller de 81 anos anos que se deseorientó mentres paseaba o seu can pola zona de Beiramar, en Vigo, tras abandonar o seu domicilio mentres a súa filla durmía.

Fontes policiais detallaron que os feitos tiveron lugar cando unha patrulla que circulaba por Beiramar observou a unha anciá que camiñaba con dificultade xunto a un can sobre as 10,00 horas.

Así, dirixíronse cara a ela e preguntáronlle se se atopaba ben. Esta asegurou que non necesitaba axuda, pero, dado que parecía desorientada, os axentes acompañárona e preguntáronlle onde residía.

Tras obter esta información, unha dotación dirixiuse ao seu domicilio, onde se entrevistou cunha muller que explicou que vivía nese lugar coa súa nai. Nese momento, os axentes indicáronlle que atoparan a unha persoa maior desorientada na cidade que asegurara que residía nesa dirección.

Así, descubriron que a anciá saíra a pasear o can mentres a súa filla durmía e trasladárona de novo ao seu domicilio á vez que lle lembraron que non debía abandonar a súa casa dado que corría o risco de perderse e de contaxiarse por coronavirus.

PREVENCIÓN DE ESTAFAS

Noutra orde de cousas, a Policía Nacional lembrou a necesidade de que a cidadanía non deixe acceder ao seu domicilio a técnicos de servizos non solicitados ou a persoas que aseguren ser profesionais que realizan probas de coronavirus, desinfeccións de vivendas ou reparten comida a domicilio co obxectivo de evitar estafas.

Tamén recomendou que se desconfíe de individuos que ofrezan remedios “milagrosos” contra o Covid-19 e insistiu na necesidade de non proporcionar datos bancarios ou persoais a descoñecidos por teléfono.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed