O alcalde de Tui: “Foi unha explosión terrible e moitas das casas están afectadas”
Trala explosión nas aforas de Tui do almacén pirotécnico clandestino ás 16:25 horas, mobilizáronse ao seu epicentro os corpos de bombeiros, Garda Civil e Policía Local. A tensión é moi alta á espera de coñecer o número de feridos, posto que polo momento só hai un confirmado.
O alcalde de Tui lamenta a gravidade da explosión, que calificou coma terrible, quedando afectadas moitas das casas do redor, máis de dez segundo confirmou a Garda Civil, e cunha explosión que afectou quilómetros á redonda pola súa onda expansiva de catro quilómetros que esnaquizou os cristais de numerosas vivendas e vehículos.
Un documental para lembrar a loita do Tameiga contra a cidade deportiva do Celta
A área de Vigo é coñecida en Galicia polas súas múltiples historias de mobilización veciñal. O episodio de máis sona dos últimos anos podería vir da Comunidade de Montes do Tameiga, que poucos meses atrás pechou un auténtico combate de David contra Goliat ao lograr botar abaixo o proxecto da nova cidade deportiva do Celta, Afouteza.
A loita dos comuneiros do Tameiga, tratada ao longo do tempo por este xornal, queda agora retratada para a posteridade da longametraxe Tameiga, 4 anos de resistencia veciñal, que vén de elaborar a plataforma Ecoloxistas en Acción e que será presentado o vindeiro sábado 16 no auditorio do centro social As Pedriñas.
O documental, producido por Ecoloxistas en Acción e realizado por Urco Produccións, narra os catro anos da loita dos comuneiros de Tameiga para “defender” o seu monte, como apuntan dende a asociación ecoloxista. A historia abrangue desde finais de decembro do anos 2017 cando Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, anunciaba o proxecto de cidade deportiva e “macro centro comercial” como “un feito consumado” ata a actualidade, na que a Xustiza declarou ilegal a cidade deportiva e diferentes organismos públicos informaron desfavorablemente sobre os plans para construir as instalacións nos montes comunais de Tameiga.
A narración do largometraxe, subliñan dende a plataforma, aborda a historia de xeito cronolóxico e vai construindo o relato do sucedido mediante entrevistas aos membros das directivas das asociacións que forman a Plataforma A auga é vida, as forzas políticas que denunciaron o “pelotazo urbanístico” e a integrantes da propia Ecoloxistas en Acción vinculados coa loita da veciñanza comuneira por preservar o monte. No documental rescátanse antigas imaxes das mobilizacións que resultan mesturadas coas entrevistas.
“Coa realización desta testemuña audiovisual, Ecoloxistas en Acción pretende destacar a exemplar loita pola defensa do ben común da veciñanza de Tameiga para que a súa afouteza e tesón sexan inspiradoras para a veciñanza doutros lugares onde o ben común está ameazado pola cobiza duns poucos”.
O vindeiro sábado realizaranse dous pases, ás 18 proxección exclusivamente para a veciñanza comuneira e ás 20h para persoas e colectivos convidados. Ao remate de cada proxección terá lugar unha pequena charla para recoller as impresións dos asistentes.
O acusado de agredir sexualmente a unha muller de 75 anos en Bueu di que esa noite estivo na súa casa en Marín
O veciño de Marín acusado de agresión sexual, lesións e roubo a unha muller de 75 anos en Bueu insistiu este xoves na súa inocencia no xuízo oral que se celebra na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
“Esa noite estiven en Marín na miña casa”, asegurou o acusado, J.L.G.M., en relación aos feitos ocorridos na madrugada do 3 ao 4 de marzo de 2017 polos que se lle xulga. Na xornada do pasado mércores, a esposa do acusado confirmou esa cortada de que o home se atopaba na súa casa de Marín durante o tempo que ocorreron os feitos.
Este xoves o acusado expuxo que a súa muller “ten o sono lixeiro” e “sería imposible” que el se marchase da vivenda sen que ela o soubese. O home di non saber por que apareceron restos biolóxicos seus na vivenda da vítima. Tampouco ten explicación do motivo para que un repetidor situase o seu teléfono móbil a menos de dous quilómetros en liña recta da vivenda da anciá ás 4,00 horas da madrugada, hora na que se produciu o asalto.
É máis, este home afirmou que o teléfono o comprou en xuño, aínda que a fiscal lembroulle que a documentación de Orange recoñéceo como titular deste dispositivo desde febreiro.
COÑECÍA Á VÍTIMA
O acusado admitiu que coñecía á vítima e o seu domicilio por traballar como albanel para facer obras nesa vivenda en varias ocasións, pero indicou que antes da súa detención, o 7 de novembro de 2017, “pasaran catro ou cinco anos desde que estivese na súa casa”. Tamén recoñeceu que sabía que vivía soa e que quedara viúva.
Cando foi detido, o xulgado de Instrución número 2 de Marín autorizou un rexistro no domicilio do detido no que os gardas civís localizaron, entre outros obxectos, cinta illante azul e unha corda “coincidentes nas súas características morfológicas e na súa composición química” coas empregadas durante a agresión á septuaxenaria. Sobre este extremo, este xoves o home dixo ante o tribunal que ten cinta illante “de todas as cores” e que a corda “era para o tendedero”.
PERITOS
Na sesión deste xoves, a terceira neste xuízo, declararon os peritos do servizo de Criminología da Garda Civil, que explicaron os motivos do descarte doutros familiares sospeitosos nas mostras de ADN e demais restos biolóxicos recolleitos na investigación.
Tamén as psicólogas forenses deron conta das lesións causadas durante o brutal ataque. Tamén detallaron as secuelas psicofísicas que padece a vítima como un trastorno neurótico e o tratamento que necesitou.
O xuízo retomarase o vindeiro luns coa lectura dos informes das partes. Saberase entón se a fiscal mantén ou modifica a súa petición de condena. Inicialmente, pola agresión sexual a representante do Ministerio Público solicitaba que este home que sexa condenado a 15 anos de cárcere; polo roubo, a 4 anos; e polas lesións, a 2 anos de prisión. Tamén reclama que indemnice á vítima en 8.460 euros polas lesións e as secuelas, ademais de que lle devolva os 1.250 euros que lle roubou.
Comproba o impacto da covid nos colexios da provincia con este mapa interactivo
Continúa o avance da covid-19 nos centros galegos. A poucos días de que arrincara o período lectivo de primaria e infantil son xa un total de 161 casos, unha circunstancia, que, ata o momento, obrigou a decretar o peche dun total de 35 aulas. Polo de agora, Galicia tan só rexistrou un caso de peche total: o do colexio Calasancio de Pontevedra, que vén de reabrir “con total normalidade” días despois de detectar 8 positivos entre o persoal.
Os casos de covid en tempo real nos centros galegos poden ser consultados neste mapa en tempo real.
Os casos de COVID-19 nas gardarías e nos centros galegos multiplícanse. Este martes, a Xunta cuantifica practicamente o dobre de positivos respecto deste sábado, data na que se difundiu o primeiro balance detallado por centros desde o inicio do curso e que xa ascende a un total de 161 casos con 35 unidades pechadas.
A diferenza entre os contaxios representa uns 65 máis que os informados este fin de semana polo Goberno galego, un incremento que se produce a pesar de reactivarse aulas en polo menos seis escolas (o que levou a varios centros a desaparecer da táboa de reconto) e da reapertura do colexio plurilingüe Calasancio de Pontevedra.
O avance do virus nas escolas de infantil e primaria senta un precedente pouco optimista de cara á educación universitaria, que arrinca na xornada deste xoves, e a secundaria, cuxo inicio está previsto para a semana vindeira logo de que a Xunta decidira adiar o regreso ás aulas trala negativa do múltiples centros a comezar o período lectivo nesas circunstancias.
Pablo Costas, o mariñeiro de Bueu que volve a casa logo dun ano retido en Iemen
O mariñeiro de Bueu Pablo Costas abandonou xa a cidade iemení de El Mukallah e atópase nun hotel na localidade de Seiyun, desde onde poderá saír do país no que leva retido 11 meses en dirección ao Cairo, onde fará escala antes de voar a España.
Así o confirmaron fontes do sindicato CUT, que explicaron que Pablo Costas chegou pasadas as 20,00 horas deste martes a Seiyun, cidade situada a uns 300 quilómetros de El Mukallah. Alí atópase aloxado nun hotel e a previsión é que este mércores sexa sometido a unha proba PCR para descartar unha eventual infección por Covid.
Unha vez superado ese trámite, poderá tomar un voo ao Cairo (Exipto) e, desde alí, voar a Madrid. No entanto, fontes da CUT precisaron que, de momento, non hai confirmación nin dos días nin os horarios deses voos.
Pablo Costas, patrón do buque ‘Acubilla’, foi detido en setembro do ano pasado, cando se atopaba no porto de El Mukallah, en Iemen, xunto ao resto da súa tripulación (máis dunha trintena de persoas de diferentes nacionalidades), a instancias das autoridades australianas, baixo unha acusación de suposta pesca ilegal.
O mariñeiro foi condenado a tres meses de arresto e, tras cumprilos, o fiscal presentou un recurso para paralizar a súa repatriación. Ao longo dos últimos meses, a CUT e a súa familia (que organizaron varias concentracións para pedir a repatriación, a última o pasado sábado) denunciaron a situación na que Pablo e os seus compañeiros estaban “secuestrados” no barco, chegando nas últimas semanas a estar sen comida, nin atención sanitaria, a pesar das condicións “insalubres” que tiñan.
O Ministerio de Asuntos Exteriores confirmou a liberación, o pasado domingo, deste galego, tras as xestións realizadas “persoalmente” polo ministro José Manuel Albares, e as levadas a cabo polas legaciones diplomáticas en Mascate (Omán), O Cairo (Exipto) e Riad (Arabia Saudita), xa que España non ten embaixada en Iemen, país arrasado pola guerra civil nos últimos anos.
Detectan 11 positivos entre as 8.500 persoas que se fixeron os test en Vigo
As probas con test de antíxenos realizadas en Vigo este fin de semana, e que se enmarcan nun cribado masivo nesta área sanitaria, detectaron 11 casos positivos de COVID-19, segundo confirmaron fontes do Sergas.
Así, a área sanitaria iniciou o pasado venres un cribado para o que se van a citar a unhas 27.000 persoas (cinco mil máis das inicialmente previstas), que deberán acudir ao Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) a someterse ao test de antíxenos.
Entre o venres e o domingo estaban citadas 13.805 persoas, das que acudiron ao Ifevi case 8.500 (un 61,5 %). Entre os que acudiron detectáronse 11 positivos e, segundo lembrou Sanidade, as probas continuarán ata este mércores.
Este cribado está a levarse a cabo mediante probas de antíxenos, que se realizan tomando mostras nasofarínxeas e que permiten obter os resultados nun tempo curto, duns 15 ou 20 minutos, de maneira que as persoas que dan positivo son informadas xa nese momento, e dánselles as indicacións pertinentes.
Segundo os datos comunicados este luns polo Sergas, a área sanitaria de Vigo conta cun total de 3.798 casos activos de COVID-19, dos que 24 son pacientes ingresados en UCI e 166 ‘en planta’.
Anpas de Vigo negan que acordasen a reapertura de comedores escolares coa Xunta
A Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de Vigo (Foanpas) negou que acordase a reapertura de comedores escolares coa Xunta, mentres esta matizou que esta entidade e a Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais de Centros Públicos de Pontevedra (FANPA) se comprometeron negociar o mantemento do servizo.
En concreto, este mércores, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avanzou, no marco do Consello Escolar, que se impulsará un protocolo de actuación específico para o funcionamento dos comedores escolares e comprometeu incrementar as contías das axudas para facilitar a adaptación do servizo.
Posteriormente, a Consellería anunciou que, tras o traslado destas cuestións, estas entidades confirmaron que manterían o servizo de comedor nos centros escolares nos que o xestionaron en anos anteriores.
Así as cousas, o presidente de Foanpas, Miguel Álvarez, sinalou que Román Rodríguez lle trasladou a intención da Xunta de elaborar un protocolo e de incrementar a contía das axudas para 2020 e 2021. No entanto, explicou que o conselleiro indicoulle que non resultaba posible coñecer o aumento da contía para o próximo ano dado que os Orzamentos para ese exercicio aínda non foran levados ao Parlamento de Galicia.
Posteriormente, Miguel Álvarez apuntou que solicitou que se lle remitisen estes detalles por escrito para poder sometelos a votación no seo da federación. Así, criticou que estes puntos non se lle trasladasen por correo electrónico e, con todo, a Consellería anunciase un acordo por parte de Foanpas para manter o servizo de comedor escolar nos 25 centros nos que o xestiona.
Por iso, a federación olívica de Anpas considerou que “non pode fiarse da palabra” do conselleiro e acusou á Xunta de “tentar tapar con enganos a súa desidia e a súa falta de profesionalidade e anticipación” ás necesidades derivadas da pandemia neste ámbito.
RESPOSTA DA XUNTA
Pola súa banda, a Consellería achacou a un “erro de expresión” o anuncio de que Foanpas e Fanpa se comprometeran a manter o servizo de comedor xestionado en cursos pasados e matizou que só acordaron negociar a súa prestación. Así, lembrou que “esta decisión está supeditada ao debate e a aprobación” por parte destas entidades.
Do mesmo xeito, lamentou “o malentendido xerado por este erro de expresión” e reiterou a vontade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade “por garantir este servizo”. Así, apuntou que ambas as partes quedaron emprazadas a manter unha reunión para avanzar nestes acordos.
Preguntado polos medios, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, esperou que a Xunta realice a achega precisa para permitir a reapertura dos comedores escolares que xestiona Foanpas. Tamén reprobou que o Goberno galego non solucionase esta situación “en todo agosto e setembro”, o que achacou a que buscaba “ver se Foanpas cargaba aos pais o sobrecusto” do servizo.
Noutra orde de cousas, a deputada autonómica do BNG Alexandra Fernández considerou que “mal vai o novo conselleiro se o único que ten que ofrecer ás Anpas é unha política de manipulación e mentiras” e lamentou que busque “tapar toda a inacción deste seis meses”.
Tras criticar a “desidia” e a “inacción” da exconselleira responsable do ramo Carmen Pomar, Alexandra Fernández incidiu na necesidade de que o Goberno galego dote de “máis recursos, máis persoal e menos cocientes” á área de educación para garantir unha posta en marcha do curso escolar “con total seguridade”.
Arranca a XX edición do Marisquiño con grandes estrelas do deporte internacional
A primeira xornada da 20ª edición do Marisquiño arrincou este venres con adestramentos en disciplinas como o skate ou o BMX. Aínda que non haxa competición, tamén haberá actividades en disciplinas como o Basket 3×3, o grafiti e o Break-Dance.
A maioría dos deportistas que compiten no festival a partir deste sábado xa se atopan en Vigo, entre eles destaca a presenza do subcampión olímpico de BMX Freestyle, o venezolano Daniel Dhers. Nesta mesma xornada está prevista a chegada desde Toquio de tres dos membros do equipo español de skate que acaban de competir nos Xogos e que participarán no Marisquiño: Julia Benedetti, Danny León e Jaime Mateu.
A primeira competición prevista, segundo indica a organización nun comunicado, son as semifinais e finais de BMX junior, cuxo comezo está programado para as 15:30 deste venres. No resto de categorías de BMX e skate, os deportistas estarán a adestrar ao longo do día nos circuítos do evento. Ademais, tamén empezaron os workshop de Basket 3×3 e Break-Dance para a cativada.
Dende a organización non descartan, con todo, que algunha actividade teña que ser reprogramada ou cambiar de localización debido á “incerta previsión meteorolóxica”.
ADESTRAMENTO DE MEDALLA
Grandes estrelas do deporte internacional están a probar xa os circuítos do Marisquiño. O subcampión olímpico Daniel Dhers foi un dos primeiros en probar a pista de BMX do festival en compañía doutros destacados riders internacionais como Daniel Sandoval (número 2 no ranking mundial de BMX actualmente) e Jeremy Malott. A organización destaca, sobre todo, o exemplo de Dhers, que “nada máis chegar ao seu hotel en Vigo despois dunha longa viaxe xa quixo probar o circuíto”.
Desde a organización pídese unha especial responsabilidade de non asistir ao festival se non se conseguiu a entrada, co fin de evitar acumulacións de público e evitar riscos sanitarios. Todos os espazos están valados con dobre peche opaco, polo que non será posible ver a actividade deportiva desde o exterior dos recintos.
ACORDO COA TVG E TELEVIGO
Un dos obxectivos da organización é facer que nesta edición tan especial o evento poida ser visto polos seus seguidores de forma online e en retransmisións televisivas. Por iso é polo que este ano se vai reforzar especialmente o streaming que se poderá seguir a través das redes sociais do festival, e que se alcanzou un acordo con Televisión de Galicia e con Televigo para que se faga unha cobertura especial do festival este ano.
A organización cualifica este acordo como “moi importante” para o evento xa que “permitirá multiplicar de forma exponencial o número de persoas que poderán seguir en directo estas probas nun ano con aforamento limitado nas bancadas”. Televigo tamén realizará unha ampla cobertura do evento con retransmisións en directo e outros medios anunciaron que conectarán co streaming que realiza O Marisquiño para retransmitir as probas.
A emisión desta programación especial de cinco horas do sábado e do domingo farase tamén a través das redes sociais do festival (YouTube, Facebook e Twitch) así como doutras plataformas de ámbito estatal como As Acción e A liga Sports co obxectivo de “facilitar o acceso de todo o mundo aos contidos do Festival”.
A residencia Paz e Ben de Tui ten 22 usuarios contaxiados
Os usuarios de residencias de persoas maiores con Covid-19 en Galicia descenderon lixeiramente este xoves a pesar de detectarse unha vintena de positivos, sete deles na Nosa Señora do Carme de Sarria, mentres que os traballadores contaxiados aumentan a 256 tras 16 novos contagios.
Así se desprende dos datos actualizados este xoves polas consellerías de Sanidade e Política Social, nos que se inclúen, ademais, cinco positivos entre usuarios da residencia DomusVi Carballo, catro na DomusVi de Laraxa en Cabanas, dúas en O Casón de Moeche, un na Residencia e apartamentos do Incio e outro no fogar residencial Blanco Amor de Boborás.
Mentres, rexistráronse altas por negativizar de catro usuarios da residencia DomusVi Carballo, seis da residencia de maiores de Ribeira, tres da Santa María de Verín, dúas da San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo, outro da Santa Teresa Jornet da Coruña e outro da residencia da Pastoriza.
Deste xeito, entre os centros con máis usuarios contaxiados inclúense a Residencia DomusVi Carballo, con 73 contaxiados; a Quercus de Leiro, con 68; a Nosa Señora do Carme de Sarria, con 57; o Fogar Santa María de Verín, con 23; a Residencia Paz e Ben de Tui, con 22; A miña Casa de Pazos de Borbén, con 19; a Residencia de Bande, con 16; a San Simón de Teo, con 14; a San José de Arzúa e a DomusVi Vimianzo, con 13 cada unha.
