Inicio Blog Páxina 2137

Tres novos positivos elevan xa a 81 os casos de Covid-19 activos na área de Vigo

O número de casos activos de COVID-19 en Galicia disparouse este sábado, ata situarse en 533, o que supón un aumento de 89 con respecto ás cifras deste venres. O país rexistra, deste xeito, o seu décimo sexto día consecutivo de aumentos.

Todas as áreas sanitarias rexistraron alzas, a máis marcada a da Coruña-Cee, con 69 casos activos máis e un total que se sitúa en 246, de acordo cos últimos datos da Consellería de Sanidade.

Precisamente, este sábado entraron en vigor unha serie de restricións que afectan a esta área sanitaria e son máis estritas, con medidas como o peche do lecer nocturno e reunións limitadas a 10 persoas, na comarca da Coruña, onde hai un brote relacionado cun ximnasio en Arteixo.

Galicia rexistrou este venres o primeiro falecemento dunha paciente con COVID-19 en case dous meses –o anterior produciuse o 10 de xuño–, o dunha muller de 91 anos que estaba ingresada en Ourense, o que eleva o total de mortos a 620.

As cifras soben en todas as áreas sanitarias e, do total de casos activos, 81 corresponden á de Vigo –tres máis que o venres–; 79, á de Lugo –sete máis–; 44, á de Pontevedra –un máis–; 40, á de Santiago –cinco máis–; 37, á de Ourense –tres máis–; e seis, á de Ferrol –uno máis–.

Hai un paciente máis ingresado na UCI e o total sitúase en tres, mentres que os ingresos en planta en hospitais son 25 –catro máis que este venres– e hai 505 persoas en seguimento domiciliario –84 máis que no parte anterior–.

Os datos de Sanidade mostran que, ata o momento, curáronse 11.403 persoas, 22 máis das que constaban este venres, e realizáronse 262.510 PCR, un total de 1.725 máis que onte.

Unha moza de Mos, peregrina 50.000 deste ano tras percorrer o Camiño Portugués da Costa

0

María Pilar Acuña, unha moza de Mos que percorreu o Camiño Portugués da Costa e que realizaba o Camiño de Santiago por segunda vez, converteuse este xoves na peregrina número 50.000 deste ano en Galicia.

O vicepresidente primeiro da Xunta e responsable autonómico de Turismo, Alfonso Rueda, recibiuna no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, ao que chegou cun grupo do proxecto Camiño Verde, unha proposta da ONG Acción Solidaria de Galicia que forma parte do programa ‘O teu Xacobeo’.

María Pilar Acuña recibiu a súa Compostela e a certificación como peregrina 50.000 do ano, así como un libro e unha medalla do Ano Santo. O proxecto Camiño Verde partiu o pasado 6 de xullo da Guarda e percorreu máis de 160 quilómetros do Camiño Portugués da Costa.

Caballero reclama unha “posición común” sobre medidas en Nadal

0

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, reclamou este xoves que haxa un “acordo” e unha “posición común” sobre as medidas que se adoptan no marco da pandemia de COVID e ante a proximidade do Nadal, á vez que advertiu de que “algunhas declaracións” realizadas por dirixentes “deben ser meditadas”.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico sinalou a importancia de que haxa “acordos” nesta situación, unha posición que xa trasladou no Consello Interterritorial de Sanidade, aínda que matizou que os acordos “poden depender do estado de cada Comunidade Autónoma”, xa que a evolución da pandemia non é igual en todas. “Creo que lle debemos aos cidadáns un acordo e unha posición común e compartida, eu pedín ese esforzo”, afirmou.

Ademais, sinalou que as autoridades sanitarias “antes de tomar unha decisión” e determinados dirixentes, deben “meditar as súas opinións antes de dalas”. “E non me refiro ao conselleiro de Sanidade“, subliñou o alcalde.

Abel Caballero fixo esta consideración tras dar a coñecer a evolución da incidencia do COVID na cidade de Vigo e na área sanitaria. Segundo indicou, a urbe olívica segue “dobrando seriamente o pulso” á pandemia, e baixou a incidencia nos últimos días ata os 321,7 casos por 100.000 habitantes (calculados sobre os últimos 14 días).

Por contra, sinalou, a evolución da área no seu conxunto é peor, e tamén ocorre o mesmo co resto de municipios (deixando Vigo fóra). Todo isto, matizou, “dito con agarimo e sen demonizar a ninguén”.

O alcalde constatou que o “sacrificio” de ter restricións, un peche perimetral e a hostalaría pechada “está a dar resultado” en Vigo e pediu aos cidadáns “manter o esforzo”.

O Festival de Cans prepara a súa edición máis “exclusiva” e reducida

0

As restricións de capacidade e protocolos de seguridade marcarán este ano tamén a edición 2020 do Festival de Cans, que se celebrará entre o 2 e o 5 de setembro, e no que se poderá participar unicamente a través de entrada –400 diarias– ou de inscrición previa nas actividades paralelas.

Será unha versión reducida e máis “exclusiva” deste coñecido festival, cuxos responsables presentaron este martes en Santiago de Compostela a imaxe desta edición, desenvolvida por Nikis Galicia e que constitúe unha homenaxe a Chano Piñeiro e a súa ‘Sempre Xonxa’ no 25 aniversario do seu falecemento, así como ao clásico cinematográfico ‘ET‘.

Tras un proceso que levou “moito esforzo”, a presidenta da Asociación Cultural Arelas, Keka Losada, explicou que a prudencia e a responsabilidade serán as marcas desta XVII edición, con menos entradas e máis medidas de seguridade.

Para asistir ás actividades programadas será necesario ter entrada ou inscrición previa, dado que non haberá propostas de libre acceso.

En canto ás entradas –que poden comprarse desde o próximo día 27– serán 200 de mañá e 200 para as actividades de tarde. Sairán á venda en packs con camiseta e chapa, a prezos que van desde os 20 –as de mañá– aos 25 euros –as de tarde– e darán acceso ás proxeccións coloquios e concertos, no caso das vespertinas.

Para as actividades paralelas, como as rutas, abriranse inscricións previas con limitación de 20 participantes, polo que calquera tipo de actividade requirirá entrada ou inscrición. A maiores, explicaron os responsables do festival, habilitaranse vías de circulación, entradas e saídas diferenciadas e actividades sentados con distancia de seguridade.

INAUGURACIÓN

Será a película ‘A illa dás mentiras’, de Paula Cons, a encargada de abrir a XVII edición do Festival de Cans, nunha sesión para 120 persoas que terá lugar no Salón do Circulo Recreativo Cultural do Porriño (Pontevedra).

Este filme, que acaba de ser seleccionado para participar no Festival de Xangai, recupera a historia do vapor Santa Isabel, que, en 1921, naufragou fronte á illa de Sálvora con centos de emigrantes que se dirixían a Buenos Aires.

Unha explicación científica da NBA desde a Universidade de Vigo

0

Nada, ou case nada, escapa de ser obxecto de ciencia. Por exemplo, a mellor competición de baloncesto do mundo, a NBA, pódese explicar científicamente mediante o estudo do rendemento físico dos seus xogares. Isto é o que fixo o investigador sueco Anton Kalén, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, en Pontevedra.

Kalén liderou unha investigación para avaliar os efectos da idade no rendemento físico e técnico do xogo para diferentes posicións en xogadores da NBA. En total, realizáronse nada menos que 25.523 observacións individuais de 532 xogadores en partidos da tempada 2018-19.

Os xogadores clasificáronse en catro grupos de idade: 19 a 22 anos, 23 a 25, 26 a 29 e 30 a 42. Analizáronse as diferenzas no rendemento físico e técnico en cada partido coas seguintes variables: distancia percorrida polo xogador, velocidade media, minutos xogados, puntos anotados e eficiencia de xogo (esta última calcula o impacto positivo e negativo que ten un xogador por medio dos puntos anotados, rebotes, asistencias, roubos, tapóns, lanzamentos e perdas de balón).

Os resultados mostraron que os xogadores maiores de 30 anos cubriron distancias máis curtas e tiveron unha velocidade media máis baixa que os máis novos. Tamén que os escoltas e aleiros maiores de 26 anos xogaron máis minutos por partido que os máis novos, e que os escoltas maiores de 26 anotaron máis puntos e foron máis eficaces que os máis novos, mentres que os pivotes de 23 a 25 anos anotaron máis puntos por xogo que os maiores de 30.

O estudo xustifícase na “ausencia de evidencia previa con respecto aos cambios no rendemento do xogo relacionados coa idade nos xogadores de baloncesto de elite”, polo que se fixo unha “análise a gran escala” para comprobar se se cumpre a hipótese de que o rendemento do xogo diminúe coa idade e de que esta sería diferente en función das posicións de xogo.

E o que se comprobou foi que “o rendemento físico diminuíu coa idade, mentres que o tempo de xogo e o rendemento técnico en xeral permaneceron estables ou aumentaron” cos anos, especialmente para os bases.

DISTANCIA, VELOCIDADE E EFECTIVIDADE

A maior distancia percorrida, en total, defensa e ataque, observouse no grupo de idade de 19 a 22 anos.

Os resultados mostran que existe unha diferenza na distancia total defensiva e ofensiva percorrida entre grupos de idade e que a diferenza non varía entre posicións. Tamén se observou que os xogadores no grupo de idade de 26 a 29 cobren menos distancia en total, ofensiva e defensiva, que os xogadores dos grupos máis novos, mentres que non houbo diferenzas significativas entre os demais.

A velocidade media máis rápida, en total, defensa e ataque, observouse no grupo de 19 a 22 anos, confirmándose importantes diferenzas por idades (menos rápidos canto máis maiores), pero non por posicións.

O maior número de minutos xogados observouse no grupo de idade de 26 a 29 anos, mentres que os de 30 a 42 gozaron de máis tempo que os dous grupos máis novos. Nesta variable, detectáronse diferenzas notables nos minutos xogados entre grupos de idade nestas posicións: os bases e escoltas no grupo de idade de 23 a 25 xogaron menos minutos que os maiores, e os aleiros do grupo de 19 a 22 anos xogaron menos minutos que os de máis de 26.

Sobre a efectividade dos xogadores, o número de puntos por minuto é maior no grupo de idade de 26 a 29 e, aínda que diminúe no de 30 a 42, os xogadores máis maiores son máis efectivos que os dous grupos máis novos. Tamén se constatou que esta diferenza varía notablemente entre estas posicións: bases e escoltas no grupo de idade de 23 a 25 obtiveron menos puntos que os de 26 a 29 e os de 30 a 42; os pivotes do grupo de idade de 23 a 25 obtiveron máis puntos que os de 30 a 42 anos.

En resumo, o estudo destaca como principais resultados que os xogadores da NBA maiores de 30 anos mostraron valores máis baixos en distancia percorrida (total, ofensiva e defensiva) e velocidade media (xeral, ofensiva e defensiva), en comparación con xogadores máis novos; que os escoltas e aleiros maiores de 26 anos xogaron máis minutos por partido en comparación cos máis novos na mesma posición de xogo; e que os xogadores maiores de 26 anos mostraron unha eficacia no xogo significativamente maior en comparación cos máis novos.

O estudo publicouse na revista científica Research in Sports Medicine e está asinado, ademais de por Anton Kalén, por Alexandra Pérez Ferreirós (Centro de Investigación Biomédica en Red Fisiopatología de la Obesidad y Nutrición – CIBEROBN, dependente do Instituto de Salud Carlos III), Pablo B. Costa (Centro de Rendemento Deportivo da Universidade Estatal de California) e Ezequiel Rey (Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo).

Feijóo inicia a precampaña no bastión de Abel Caballero presumindo da xestión do coronavirus

O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, cambiou de opinión en menos dunha semana e pasou de dicir que o seu partido non faría precampañpa electoral a lanzarse a facela esta mesma fin de semana. Así, nun acto en Vigo avanzou que a campaña dos populares para os comicios autonómicos do 12 de xullo estará centrada en lanzar propostas contra a “pandemia económica” que se divisa tras a crise sanitaria da COVID-19 e vendendo a súa xestión fronte ao coronavirus.

“Non estamos aquí para derrotar a ninguén. Non nos presentamos ás eleccións para darlle un repaso a ninguén, presentámonos ás eleccións para ser útiles”, reivindicou este sábado Feijóo, durante un sinxelo acto de partido no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, co que retomou a precampaña cunha cita coas urnas que, prevista inicialmente para o 5 de abril, viuse truncada pola pandemia do coronavirus.

Coa exdelegada da Xunta na cidade olívica, Corina Porro, como número dous da candidatura por Pontevedra e como anfitrioa do acto, o líder do PPdeG –que ocupa o posto ‘un’ pola mesma provincia– estivo acompañado das cabezas de lista polo resto de circunscricións: a conselleira Ángeles Vázquez, pola Coruña; a presidenta do PP provincial de Lugo, Elena Candia; e a exdelegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

Co mar de fondo, Feijóo iniciou o seu discurso sacando peito de que a Comunidade galega é “a rexión europea máis competitiva” no sector da pesca, para seguidamente agradecer aos profesionais da sanidade galega, dos servizos sociais e a “todos os que traballaron para manter os servizos esenciais” o seu labor durante a pandemia.

VIGO DEU UNHA RESPOSTA “Á ALTURA”

No seu discurso, Feijóo tamén abordou os pasados tres meses “moi longos, tristes e duros” que viviu Galicia, onde 619 persoas perderon a vida como consecuencia da COVID-19. No caso concreto de Vigo, afirmou que a súa resposta estivo “á altura”.

“Aquí fomos pioneiros no ‘COVID-Auto’ que despois copiaron outros hospitais de España — un sistema que propuxeron os propios sanitarios e non o Sergas–. Aquí funcionou un dos mellores laboratorios de microbioloxía de Europa facendo miles de PCR contando de forma simultánea distintas técnicas e descubrindo unha forma masiva de detección do virus”, abordou o tamén presidente da Xunta.

E é que, segundo as súas palabras, “en ningún momento” Vigo tivo un risco de colapso sanitario e foi “unha das poucas grandes cidades de España” que non precisou despregar un hospital de campaña –na Comunidade galega non se chegaron a empregar, aínda que o Sergas chegou a planificar un en Santiago e outro na Coruña–, o cal foi posible grazas ao “esforzo de todos nos últimos anos” para converter o complexo hospitalario vigués en “referencia”.

“Esta pandemia puxo a proba o sistema sanitario público español. E en Galicia, e especialmente en Vigo, creo que se respondeu con nota”, expresou o candidato do PPdeG.

O CORONAVIRUS “SEGUE AÍ”


Tras advertir que “lamentablemente” o coronavirus “segue aí”, dixo que o que se aveciña agora son “as consecuencias económicas demoledoras” e os “grandes problemas sociais” derivados desta situación.

Iso si, do mesmo xeito que “Galicia demostrou a si mesma que é capaz de anticiparse e remontar” ante as dificultades sanitarias, o candidato popular mostrouse “convencido de que tamén será capaz de superar antes que outras terras as dificultades económicas e sociais”.

QUE A XENTE “ACUDA Ás URNAS” O 12

Por iso, e en vista de que a superación da “pandemia económica” vai necesitar “a implicación de todos”, o candidato á reelección fixo un chamamento a que a xente “acuda ás urnas o 12 de xullo con tranquilidade” para que “simplemente vote o que crean oportuno” e elixa “a opción política que crea que é mellor”.

A morte dun operario saca a centos de traballadores do naval ás rúas de Vigo para denunciar “precariedade”

Máis dun milleiro de traballadores de estaleiros e industrias auxiliares do naval manifestáronse este martes polas rúas de Vigo, en varias marchas que confluíron ante a delegación territorial da Xunta de Galicia, para denunciar a “precarización” do sector e a falta de control sobre as empresas, todo iso horas despois do falecemento dun operario que estaba a traballar nun barco e que foi esmagado por un portón metálico.

Á primeira hora da mañá os operarios partiron desde os diferentes centros de traballo e concluíron a súa marcha ante a delegación da Xunta, onde gardaron un minuto de silencio en memoria do seu compañeiro.

En declaracións aos medios, o responsable do naval da CIG na comarca, César Rodríguez, subliñou que “todos os días” hai incidencias nas empresas, “unhas máis graves e outras menos graves”, e que son resultado da precarización dun sector sobre o que apenas se exerce o control por parte das administracións.

A ese respecto, puxo o foco nas pequenas empresas auxiliares multiservizos que, na súa opinión, convertéronse en “tratantes de carne humana”, e reclamou que se convoque, tal e como demanda o sector desde hai anos, a mesa do naval. Así mesmo, incidiu en que “é primordial que a administración e a Inspección” cumpran as súas funcións.

A ADMINISTRACIÓN “MIRA PARA OUTRO LADO”

Pola súa banda, o responsable de Industria de UGT, Rubén Pérez, proclamou que “a administración debe deixar de mirar para outro lado” ante un sector atomizado, no que o tamaño das empresas dificulta o cumprimento das medidas de prevención e saúde laboral. “No subsector da reparación agrávase máis a exposición aos accidentes, ao non facerse no interior de estaleiros cunhas mínimas condicións“, engadiu.

“Non pode ser que un traballador saía da súa casa e non saiba se vai volver por unhas condicións moi complicadas”, recalcou, e urxiu a convocatoria das mesas de diálogo, porque “a competitividade non se poida gañar a base de precarización”.

Mentres, o responsable de Industria en CC.OO. Galicia, Víctor Ledo, criticou o “incumprimento” da Xunta, que hai un ano “comprometeuse a convocar unha mesa” para defender a industrialización e acabar coa precariedade.

Na mesma liña, o portavoz de Industria deste sindicato en Vigo, Celso Carneiro, lamentou que “a política industrial da Xunta de Galicia é cero“, e cada día o traballo é “máis precario, con máis presión”. “A Xunta non quere á industria do naval, prefire apostar polo Xacobeo”, ironizou, e advertiu de que o goberno galego que salga das eleccións do 12 de xullo “terá que sentar a falar” con este sector.

A xuízo en Vigo unha muller por perseguir e vixiar con prismáticos a actual parella do seu exmozo

A Fiscalía pide un ano e tres meses de cárcere para unha muller, M.J.P.A., á que atribúe un delito de acoso, por perseguir, vixiar e confrontar coa parella do seu exmozo, e que será xulgada este luns na sala do Penal 1 de Vigo.

Segundo o escrito de acusación pública, a procesada mantén, polo menos desde novembro de 2017, unha “actitude de persecución e confrontación” con outra muller, por mor de que esta iniciase unha relación co seu exmozo.

Así, relata a Fiscalía, a acusada presentábase “diariamente” na estación de buses de Gondomar, onde a prexudicada acudía para tomar un autobús e ir a Vigo a traballar. Á volta da xornada laboral, M.J.P.A. tamén a estaba esperando.

Tras unha intervención da Policía Local, a acusada deixou de falar coa noiva do seu ‘ex’, pero seguiu perseguíndoa, presentábase onde estaba e quedábaselle mirando, e mesmo chegou a seguila ata o seu domicilio.

Ao longo do día, M.J.P.A. vixiaba a vivenda da prexudicada cuns prismáticos, perseguíaa cando saía á rúa, acudía ás mesmas cafetarías, ou a esperaba fóra dos caixeiros automáticos se a vítima estaba a sacar diñeiro ou facendo algunha xestión.

Segundo o ministerio público, a procesada chegou perseguir á filla da vítima, e mesmo se presentou no traballo da súa irmá, coa que non tiña ningunha relación.

PRISIÓN, INDEMNIZACIÓN E AFASTAMENTO

Toda esta situación provocou que a parella do seu exmozo sufrise un trastorno adaptativo, que precisou de tratamento farmacolóxico e que, como secuela, quedase un trastorno derivado do eventual retorno do factor estresante.

Por todo iso, a Fiscalía solicita que M.J.A.P. sexa condenada a un ano e tres meses de prisión por un delito de acoso, e ao pago de indemnizacións por algo máis de 7.000 euros. Tamén solicita que se lle prohiba achegarse a menos de 100 metros da vítima ou o seu domicilio, e que non poida comunicarse con ela durante 2 anos e 3 meses.

Denunciado por atropelar o encargado dunha empresa de aluguer de vehículos tras discutir ao devolver unha furgoneta

Un home de 37 anos domiciliado en Vigo foi denunciado tras, supostamente, atropelar o responsable dunha empresa de aluguer de vehículos da cidade co que discutiu despois de devolver unha furgoneta que presentaba unha das súas rodas fendida.

Fontes policiais detallaron que os feitos tiveron lugar este xoves sobre as 18,27 horas, cando o responsable dunha empresa de aluguer de vehículos situada na zona do aeroporto de Peinador informou de que fora atropelado por un cliente e que este se deu á fuga. Así, o fillo deste home perseguiu o vehículo, que interceptou na avenida do Aeroporto, á altura do colexio Martín Códax, no momento no que chegaron ao lugar axentes da Policía Nacional.

Deste xeito, o fillo da vítima explicou aos efectivos policiais que o seu pai contactara con el para alertarlle de que unha parella devolvera unha furgoneta cunha das súas rodas fendidas, polo que lle reclamou a súa reparación. Así, aseguroulle que se iniciou unha discusión durante a que un dos clientes cargou a roda nun turismo, atropelouno e fuxiu.

Pola súa banda, o condutor recoñeceu parte dos feitos ante os policías, aínda que asegurou que, tras cargar a roda no maleteiro para reparala, o encargado increpárao. Así, explicou que comezou unha discusión entre ambos, polo que quixo abandonar o lugar. No entanto, sinalou que o responsable da empresa se interpuxo no seu camiño e que, aínda que tentou esquivalo, abalanzouse sobre o vehículo e golpeou o espello retrovisor. A acompañante do condutor, de 33 anos, apoiou a súa versión.

Mentres, outra patrulla desprazouse ao lugar dos feitos e identificou á vítima, un home de 50 anos domiciliado en Vigo que presentaba feridas nun brazo e un corte na cabeza. Así, solicitouse unha ambulancia para atender a esta persoa, que foi trasladada ao Hospital Vithas Fátima. Así mesmo, unha testemuña corroborou que este home fora atropelado.

Adicionalmente, comprobouse que ao condutor lle constaba unha perda de vixencia de calquera tipo de permiso ou licenza e, tras ser sometido a unha proba determinante do consumo de drogas, arroxou un resultado positivo en anfetaminas. Así, foi denunciado por conducir baixo os efectos das drogas e sen o permiso correspondente, ademais de por a comisión dun suposto delito de lesións.

Segundo caso de coronavirus na residencia da Xunta en Nigrán na que se pretendía protexer os anciáns

A residencia de Tempo Libre da Xunta en Patos, Nigrán, habilitada para reacoller a usuarios de centros xeriátricos que estean libres de coronavirus, rexistrou un segundo caso positivo por COVID, segundo confirmaron fontes autonómicas.

Así, unha segunda muller, tamén procedente da residencia DomusVi do barrio vigués de Barreiro, e que fora trasladada a Nigrán, deu positivo por COVID-19, e será trasladada novamente á residencia xeriátrica viguesa, xa que o seu estado non require ingreso hospitalario.

A residencia de Nigrán foi habilitada para reacoller aos usuarios sans dos centros DomusVi de Cangas e de Barreiro, ambos os dous intervidos pola Xunta. Ata ese centro trasladouse a 22 maiores procedentes de ambas as residencias, aos que se someteu a diversas probas para corroborar que estaban libres do virus, antes do traslado.

A ese respecto, a administración autonómica lembrou que cada un dos residentes traslados a Nigrán foi sometido a tres probas (2 PCR e unha de anticorpos), e todos eles deron negativo, o mesmo que os traballadores do centro de Patos.

DOUS POSITIVOS

Nas últimas horas, unha muller procedente da residencia DomusVi de Barreiro foi trasladada ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, despois de que se lle realizaron novas probas (que confirmaron o positivo), tras ter síntomas respiratorios.

Así mesmo, pouco despois, unha segunda muller procedente do mesmo centro xeriátrico tamén presentou síntomas, e confirmouse a infección por coronavirus. No seu caso, será trasladada de volta ao centro de Barreiro porque a súa situación non require ingreso hospitalario.

Fontes da Xunta aclararon que, en ambos os casos, axiña que apareceron os síntomas, as mulleres foron illadas na residencia de Nigrán, onde hai 6 habitacións preparadas para continxencias deste tipo.

As mesmas fontes precisaron que “tanto os usuarios como o persoal da residencia de Patos seguen estritamente todos os protocolos de protección, limpeza e distancia recomendados polas autoridades sanitarias”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed