Inicio Blog Páxina 2122

A UVigo protagoniza o primeiro gran estudo das turbulencias das rías galegas

Un equipo de investigadores da Universidade de Vigo, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e a Universidade de Southampton acaban de describir por primeira vez os factores que determinan a turbulencia na ría de Vigo durante a época de verán.

Os resultados do seu estudo permiten coñecer o papel do afloramento na mestura das augas da ría, e dado o seu impacto científico o Journal of Geophysical Research, prestixiosa revista do eido da oceanografía, publica no seu último número o traballo coordinado pola investigadora do Grupo de Oceanografía Biolóxica Beatriz Mouriño e que asina xunto con Bieito Fernández, Miguel Gil e R. Graña do IIM-CSIC, Alberto Naveira da Southampton University e Marina Villamaña, estudante de doutoramento da Universidade de Vigo.

A turbulencia, explican os investigadores, é o conxunto de movementos caóticos, moi a miúdo rotatorios e sempre presentes, que xoga un papel moi importante nos océanos.

Son ademais fenómenos que se presentan a modo de movementos moi variables, que van dende remuíños duns poucos centímetros ata unhas cantas ducias de quilómetros.

Especies mariñas / Photopin

En todos os casos, provocan que as augas profundas -que afundiron hai séculos nas rexións polares- emerxan de novo á superficie, pechando así a circulación global dos océanos.

Ademais, a turbulencia controla a actividade do fitoplancto, pequenas algas microscópicas responsábeis da maior parte da fotosíntese que acontece no océano, xa que determina a cantidade de luz e nutrientes que reciben estes organismos.

A turbulencia, básica para “a extraordinaria riqueza da ría”

Durante a época estival, os ventos do norte fan que augas atlánticas profundas penetren cara ao interior das rías como unha lingua que se arrastra polo fondo, un fenómeno coñecido como afloramento costeiro.

“Os resultados do noso estudo demostran que o afloramento interacciona coas correntes de marea, volvéndoas intestables e creando condicións favorábeis para a turbulencia durante a baixada da marea”, explica Bieito Fernández, primeiro autor da publicación e investigador posdoutoral no IIM.

A turbulencia que se xera desta maneira fai que as augas profundas, frías e ricas en nutrientes, se mesturen coas augas de superficie. Os nutrientes emerxen así cara á superficie, onde poden ser utilizados polo fitoplancto, a parte vexetal do plancto.

“Por este motivo, a interacción que vimos de descubrir xoga un papel importante na extraordinaria riqueza da ría” sinala Beatriz Mouriño, profesora da Universidade de Vigo e coordinadora do proxecto.

Especies mariñas / Photopin

A pesar da súa relevancia, o fenómeno da turbulencia é un gran descoñecido debido a que a súa natureza caótica e impredicible fai moi difícil obter medidas que permitan caracterizala.

Só o desenvolvemento tecnolóxico das últimas décadas está a facer posible superar esta limitación e, de feito, o estudo que se publica esta semana supón a primeira descrición exhaustiva da variabilidade da turbulencia nas rías galegas e os factores que a influencian.

A recollida de datos, abordo do buque oceanográfico Mytilus

Os datos do estudo foron recollidos no marco do proxecto CHAOS (Control of tHe structure of marine phytoplAnkton cOmmunities by turbulence and nutrient supply dynamicS), financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade.

O obxectivo do proxecto era entender como a turbulencia no océano afecta ao fitoplancto e para iso, explica Mouriño, analizaron as “bases de datos obtidas polo noso grupo de investigación en diferentes partes do océano, como as rías galegas, o golfo de Vizcaya, o Mediterráneo, as rexións tropicais e subtropicais dos océanos Atlántico, Índico e Pacífico e a Antártida”.

O artigo publicado no Journal of Geophysical Research é froito dun traballo de cinco anos e céntrase en describir os resultados obtidos na campaña oceanográfica na ría de Vigo, que se desenvolveu a bordo do buque oceanográfico Mytilus en agosto de 2013.

“Realizamos dúas saídas coincidindo con períodos de mareas vivas e mortas”, lembra a coordinadora do estudo, e en ambos casos para caracterizar a turbulencia na ría, os investigadores empregaron un moderno perfilador de microestrutura que mide as flutuacións da corrente causadas pola turbulencia a escala de poucos centímetros.

“Durante cada campaña operabamos o equipo de modo continuo como se fose un ioió, baixando e subindo de superficie a fondo, durante 25 horas seguidas, sen descanso”, lembra Bieito Fernández.

“Aínda que algo penosa, este tipo de mostraxe intensiva é imprescindible para caracterizar a turbulencia de maneira axeitada”, puntualiza Miguel Gil, investigador do IIM. Esta operación interrompeuse cada hora para coller mostras de auga para analizar as concentracións de nutrientes e determinar as especies presentes de fitoplancto, como recalca Beatriz Mouriño, que asume que se trata dun tipo de traballo que “é intenso pero paga a pena se permite desvelar algúns dos segredos que aínda hoxe gardan as nosas rías”.

De feito, Mouriño tamén remarca que os resultados obtidos en CHAOS “nos inspiraron para poñer en marcha o proxecto Remedios, que están a desenvolver na actualidade”, conclúe.

Crean un manual para axentes xudiciais que actúan en casos de violencia de xénero

O Colexio de Procuradores de Vigo iniciou a elaboración dun manual para profesionais deste colectivo que interveñan en casos de violencia de xénero.

Segundo trasladou a corporación nun comunicado, este decálogo detallará como se debe tratar as vítimas co obxectivo de completar a formación dos procuradores, así como de incrementar eficacia do acompañamento e o apoio prestados a estas persoas durante o proceso xudicial.

Esta iniciativa xorde nun momento no que a Xunta de Galicia esixe que os axentes xudiciais que participen en casos de violencia de xénero conten con formación especializada neste ámbito.

Así mesmo, o ano pasado, o Colexio de Procuradores de Vigo, en colaboración co Consello Galego de Procuradores, impartiu un curso relacionado co tratamento de casos desta clase a 50 procuradores da cidade.

Os servizos destes profesionais inclúense no protocolo de funcionamento da Oficina de Atención ás Vítimas de Delitos de Xénero desde o inicio do procedemento, o que permite axilizar os trámites previos e limitar as comparecencias das vítimas ante os tribunais.

En concreto, o 5,6 por cento das mulleres que presentaron unha denuncia durante o terceiro trimestre de 2019 en Galicia rexeitaron prestar declaración, unha situación que se adoita achacar ao seu temor ao agresor ou a non ser cridas. Precisamente, o 14,3 por cento das causas procesadas na comunidade entre o 1 de xullo e o 30 de setembro nas que tivo lugar esta situación terminaron sen condena, segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ).

Ademais, en Vigo, as mulleres representan o 72 por cento dos procuradores, un 5,1 por cento máis que a media nacional, segundo o estudo ‘Datos estatísticos de mulleres en postos directivos en España no sector xurídico’. Adicionalmente, o 70 por cento da xunta de goberno do Colexio de Procuradores de Vigo está formada por mulleres, un 11,1 por cento máis que a media estatal destas corporacións.

Os praceiros da Guarda aprenderon a usar as redes sociais para captar novos clientes

0

O pasado martes día 19 de xuño de 2018 o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a
Concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes, asistiron á Clausura do curso de
formación en redes sociais, adicado aos praceiros e praceiras do Mercado da Guarda.

Este curso de formación en novas tecnoloxías e redes sociais, realizouse en Informática San Benito na Guarda dende o pasado 29 de maio, contando coa asistencia da práctica maioría dos praceiros e praceiras do municipio.

Nesta actividade formativa realizada en clases de carácter semanal e de dúas horas de duración aprenderon a traballar coas redes sociais, tratamento de imaxes e configuración de perfís sociais, interactuando a través do perfil en Facebook “Mercado de A Guarda”.

Para o alcalde da Guarda, o cambio na sociedade actual esixe unha adaptación por
parte dos empresarios locais para a comercialización dos seus produtos e realizar
novas captacións de clientes empregando as novas tecnoloxías e as redes sociais
para abarcar novos mercados.

Clausura das clases / A Guarda

Antonio Lomba clarexou que depende dos propios praceiros e praceiras que esta
adaptación ao novo concepto social sexa susceptible de proseguer, de cara a poder
competir e ofertar produtos, fidelizando clientes, cun trato persoal, de proximidade e
cun produto ben diferenciado: “O Mercado da Guarda ten futuro, hai un traballo
extra que facer, pero os beneficios serán moi positivos xa que é un dos elementos
dinamizadores da economía da Guarda”.

Pola súa banda, Montserrat Magallanes, Concelleira de Comercio, destacou que
dende fai tempo traballase na mellora do comercio e do turismo da vila, con actuacións que moitas veces non corresponden á administración, pero que “somos conscientes que este tipo de actividades son necesarias e dende o consistorio local aportamos o noso gran de area para que así sexa”.

Indicou tamén que ante o novo momento de cambio da sociedade, do hábitos de consumo, todos os sectores deben adaptarse á realidade coas técnicas e campañas de promoción axeitadas.

Confirmado un segundo caso de coronavirus en Vigo, o terceiro en Galicia

As análises realizadas no Hospital Alvaro Cunqueiro, e confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía, confirman a infección por coronavirus dun varón de 43 anos, que se atendeu con sintomatoloxía respiratoria no Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. “Solicitouse a proba de diagnóstico de COVID-19 ante a presenza dunha neumonía bilateral, seguindo os protocolos establecidos”, apuntan desde o Sergas.

Trátase do terceiro caso por coronavirus en Galicia. O paciente permanece ingresado nunha habitación illada do hospital vigués en cumprimento dos protocolos acordados co Ministerio de Sanidade. Este varón ten vínculo epidemiolóxico coa paciente diagnosticada por coronavirus, tamén na área sanitaria de Vigo.

Estes dous casos foron xa confirmados polas análises do Centro Nacional de Microbioloxía. No caso da muller, atópase illada tamén no hospital, en cumprimento dos protocolos implantados polo Ministerio de Sanidade.

PROBAS AO FILLO DA MULLER

Ademais, a Consellería de Sanidade vén de remitir ao Centro Nacional de Microbioloxía de Madrid para a súa confirmación as probas non concluíntes realizadas no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo realizadas ao fillo desta muller. A Dirección Xeral de Saúde Pública “xa iniciou o estudo de contactos na contorna máis próxima e no seu centro educativo para determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios”.

O IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña ao que acode o menor continúa este venres as clases “con normalidade”. Fontes do equipo directivo deste centro educativo explicaron que seguen as instrucións das Consellerías de Sanidade e Educación. Ao tratarse dun centro onde se imparten estudos de ESO e Bacharelato –con alumnos a partir dos 12 anos–, as mesmas fontes aclararon que, con motivo da folga de estudantes deste venres, “non hai moito alumnado”.

PACIENTES QUE COMPARTIRON HABITACIÓN

En canto aos pacientes que compartiron habitación no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo co home que deu positivo nas probas, todos obtiveron resultado negativo.

O do varón de 43 anos é o terceiro positivo en coronavirus que se produce en Galicia, tras a confirmación dun primeiro caso este mércores, un home de 49 anos procedente de Madrid e que está illado no Hospital da Coruña, e o da muller de 47 que está no Cunqueiro.

A provincia celebra o Día Nacional das Linguas de Signos coa entrega de premios de “Xoga coas manciñas”

Con motivo da celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, o deputado delegado de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, a concelleira de Benestar Social, Anxos Riveiro, e a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, asistiron á entrega de premios do concurso provincial “Xoga coas manciñas”, un certame para as nenas e os nenos da provincia dos dous ciclos de educación infantil, ata os 6 anos, no que tiveron que gravar un vídeo en lingua de signos dun conto ou canción dun autor galego.

A presidenta da institución provincial destacou a importancia que ten a lingua de signos e insistiu en que “debemos de poder aprender a lingua de signos para que todas e todos sexamos máis felices, é unha forma marabillosa de comunicarnos”.

Durante o acto, Carmela Silva fixo entrega do primeiro premio ao alumnado de 3 anos do CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu) polo conto cantado “A Princesa do Caurel”. Pola súa banda, Anxos Riveiro entregou o segundo premio ás nenas e nenos de 2 anos da Escola Infantil Os Pitufos (Vigo) por “O cocodrilo”.

E, por último, o terceiro premio foi entregado por Digna Rivas ao alumnado de 0 a 3 anos das seis Escolas Infantís Integrais Dalila, no Morrazo, con “A sinfonía de Uxía”. Os vídeos gañadores foron proxectados por primeira vez durante esta presentación, que foi clausurada cunha interpretación musical de Uxía Lambona.

Xoga coas manciñas / Deputación de Pontevedra

Tamén para conmemorar este Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, que se celebra cada 14 de xuño dende 2014 para recordar a data na que se constituíu a Confederación Estatal de Persoas Xordas, o pazo provincial da Deputación permanecerá iluminado de cor azul turquesa ata mañá pola mañá.

Este día é unha ocasión para lembrar o papel fundamental que xogan para a transmisión de ideas, a relación persoal e social e o intercambio de coñecemento. Por isto, o goberno provincial uniuse aos actos organizados por Xoga, unha asociación de iniciativa social sen ánimo de lucro cuxa misión é defender os dereitos fundamentais, e así lograr mellorar a calidade de vida e benestar das persoas con diversidade funcional auditiva de Galicia.

Segundo datos da OMS, a xordeira afecta a máis do 5% da poboación mundial, é dicir, a aproximadamente 360 millóns de persoas en todo o mundo, dos que 32 millóns son nenos.

En España, a xordeira afecta ao redor dun millón de persoas (das que case o 72% teñen máis de 65 anos). No que respecta á provincia de en Pontevedra máis de 16.000 persoas viven con algún tipo de problema sensorial, das que a metade, unhas 8.000 persoas, contan cun problema auditivo.

Identifican en Gondomar a un mozo por un presunto delito contra a seguridade viaria

A Policía Local do concello pontevedrés de Gondomar identificou a un mozo de 22 anos como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria tras desobedecer as indicacións e ordes dos axentes e fuxir polo centro urbano do municipio causando danos a un vehículo estacionado.

Tal como relatou nun comunicado a Policía Local, o suceso ocorreu o pasado domingo, día 30 de xuño, cando un vehículo de alta gama ocupado por dous homes desobedeceu a unha patrulla. Tras fuxir e causar danos a outro coche, continuou circulando “a gran velocidade” pola Alameda, ata que se lles perdeu a pista no barrio da Torre de Chaín.

As investigacións levadas a cabo localizaron nunha leira o automóbil implicado, un Mercedes C-220, propiedade dunha veciña de Nigrán que manifestaba descoñecer os feitos, “a pesar de que o seu vehículo presentaba evidencias de impacto no seu frontal con restos de pintura”.

Finalmente, este venres, rematadas as dilixencias, a Policía Local puxo a disposición do xulgado de garda de Vigo a un mozo de 22 anos, veciño de Gondomar, pola autoría dun presunto delito contra a seguridade viaria, por conducir de forma “manifestamente temeraria” con desprezo para a vida e a integridade física das persoas e carecendo de permiso de conducir, “que xa tiña retirado pola perda total dos puntos asignados legalmente”.

A Cámara de Comercio lidera un proxecto para mitigar o cambio climático grazas aos nosos montes

A Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa lidera o Proxecto TROCO2- Mercado Transfronterizo de Intercambio de Carbono. O obxectivo xeral do proxecto é aumentar a eficiencia dos montes do espazo transfronterizo Galicia- Norte de Portugal na mitigación do cambio climático, a través do desenvolvemento e xestión da súa capacidade de secuestro de CO2 (sumidoiro de Carbono), utilizando o impulso da economía baixa en carbono no sector transporte (compensación de pegada de carbono).

Para iso, os socios beneficiarios do proxecto celebrarán unha xornada inaugural do Proxecto, o próximo 6 de xuño nas instalacións da Cámara de Comercio en Vigo. A esta xornada, que se desenvolverá en horario de 9:30 a 13:30 horas, poderán asistir de xeito totalmente gratuita axentes forestales, axentes do sector transportes, xestores de intercambio de carbono, mancomunidades de montes, escolas de ingeniería forestal, empresas forestales e madereras, e demais público do territorio transfronterizo Galicia e Norte de Portugal.

Devandito proxecto terá unha duración de 24 meses e participan no seu ejecución, a Cámara de Comercio, como beneficiario principal, xunto coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a Asociación Provincial de Empresarios de Transportes Discrecionales de Pontevedra (ASETRANSPO), a Associaçao de Desenvolvimento dá Regiãou do Alto Tâmega
(ADRAT) e a Comunidade Intermunicipal do Alto Tâmega (CIM AT).

Ademais de coñecer con detalle as accións que se levarán a cabo no proxecto, os asistentes
a esta xornada tomarán contacto con distintas entidades do sector a través de varios relatorios e terán a oportunidade de asistir a unha sesión networking, onde poderán intercambiar coñecementos entre profesionais e construír unha rede de contactos para xerar oportunidades tanto de negocio como laborais.

Destacan, entre outras charlas, a intervención de Sergio Robredo Buces, Xefe de Servizo da Subdirección Xeral de Coordinación de Accións fronte ao cambio Climático da Oficina
Española de Cambio Climático, que relatará as “Perspectivas de futuro no cálculo de pegada e intercambio de carbono” e o responsable do Proxecto LIFE FOREST CO2, Tomás Sánchez Pellicer, que falará sobre a súa experiencia na “Creación de sumidoiro de carbono forestal e fomento de sistemas de compensación”.

A asistencia ao acto é totalmente gratuita, pero requírese confirmación previa. Os interesados deben enviar un correo a proxectos@femxa.com ou chamar ao teléfono 986 493 464 confirmando a súa asistencia e facilitando Nome e apelidos, entidade ou empresa á que pertence e cargo.

Localizan nunha casa ocupada de Vigo o cadáver dun home en estado de descomposición

A Policía Nacional de Vigo informou este mércores da aparición do corpo sen vida dun home, que foi atopado nunha casa ocupada da cidade, e que presentaba signos de levar un tempo falecido, aínda que sen indicios de que se trate dunha morte violenta.

Segundo informaron fontes policiais, o achado produciuse pouco antes das 19,00 horas nunha casa do número 16 da rúa Llorente, despois de que avisase unha persoa que estaba nun piso superior do inmoble.

O falecido é un home de entre 40 e 50 anos de idade, que estaba na cama dunha das habitacións da vivenda. O corpo presentaba signos de deterioración polo paso do tempo e pola posible mordedura dalgún roedor.

Ata o lugar desprazáronse efectivos de Policía Científica, Policía Xudicial e a comisión xudicial correspondente. De momento descoñécense detalles acerca das circunstancias da morte, aínda que fontes policiais sinalaron que non hai “ningún indicio que apunte a que poida ser unha morte violenta”.

Convócase unha gran concentración o día 16 en Vigo polo mantemento das pensións

O vindeiro mércores día 16, ás 12 do mediodía, diversas organizacións de pensionistas convocan unha nova mobilización unitaria, en defensa do sistema público de pensións, pola derrogación da reforma de 2013 na súa totalidade, e para denunciar a “enganosa” revalorización das pensións acordada entre o Goberno e o PNV para aprobar os orzamentos Xerais do Estado.

Os sindicatos CCOO, UGT, a organización Viúvas Democráticas, a UCE, co apoio dos partidos políticos PSOE e EU, e outras organizacións sociais, convocan unha nova concentración diante do MARCO, na rúa do Príncipe, e a continuación unha manifestación ata a Porta do Sol.

As organizacións convocantes denuncian que a revalorización acordada é insuficiente porque só garante a súa vixencia para os anos 2018 e 2019 pero, ao mesmo tempo, segue en pé a reforma do PP de 2013 (tanto o Índice de Revalorización de Pensións como o Factor de Sostibilidade) que supuxo a ruptura do Pacto de Estado sobre as pensións, motivo polo que estas organizacións esixen que a dita reforma ten que ser derrogada na súa totalidade.

CCOO e UGT, avalados por economistas, sosteñen que o sistema público de pensións é viable no futuro mediante un financiamento sostible e suficiente, aplicando políticas equitativas de redistribución da riqueza, activando un sistema impositivo progresivo e asegurando condicións de traballo dignas e de calidade en cada centro de traballo.

Charla-coloquio da CIG sobre o presente e futuro do sistema de Pensións públicas, este Martes en Cangas do Morrazo

Pola súa banda, este martes día 15 ás 19:45, a Confederación Intersindical Galega (CIG) organiza unha charla-coloquio no Salón de plenos do Concello de Cangas onde Antolín Alcántara, sindicalista e membro da Fundación Moncho Reboiras, disertará sobre o estado actual do sistema de Pensións públicas e o seu futuro.

Esta charla é a primeira do ciclo de campañas informativas sobre a situación presente e futura das pensións públicas que CIG está a levar a cabo no Morrazo, tendo en conta a lexislación vixente e os cambios previstos polo Goberno central dentro dos Orzamentos xerais para o ano 2018.

Para a CIG, estas promesas son de todo insuficientes e cunha duración temporal moi limitada, amais de non ir ligadas a modificacións necesarias tanto nas leis reguladoras das pensións públicas e de regulamentación do mercado de traballo como da calidade dos salarios e das cotizacións sociais.

O título xenérico deste ciclo de charlas é “Defender as pensións Públicas: na Galiza emprego, salarios e pensións dignas”, e ademais da deste martes en Cangas, están previstas outras dúas neste mes de maio, en Moaña o día 23 e en Bueu o día 30.

Tui propón unha ruta xudea para dar a coñecer o seu patrimonio “único”

Tui presumiu na fin de semana de pasado xudeu no encontro da Rede de Xuderías de España e Portugal celebrado na localidade lusa de Castelo de Vide. Á vila situada alén do Miño desprazouse o concelleiro de turismo da localidade tudense, Laureano Alonso, que compartiu espazo coa xerente da rede española, Marta Puig, e o vicepresidente da organización homóloga a nivel portugués.

O obxectivo do encontro pasaba por dar a coñecer o legado xudeu de Tui e establecer contactos de cara á conformación de novos proxectos. Entre as propostas suxeridas nos relatorios realizados ao longo da fin de semana, o concelleiro de Tui destacou a creación de catro rutas pola Península Ibérica, unha das cales podería contar coa localidade tudense como eixo vertebrador.

“A idea é facer un itinerario no que Tui sería o punto de entrada a Portugal”, apuntou no encontro.  Nesa situación estratéxica salientou tamén a importancia de que Valença poida formar parte da Rede de Xuderías de Portugal, de tal xeito que o legado xudeu da Eurocidade sexa un elemento máis na promoción turística e cultural dos dous municipios.

OS SAMBENITOS

Tui destaca no patrimonio histórico xudeu polos moitos sambenitos que conserva. Trátase dunhas prendas de roupa –unha sorte de sacos– que a Inquisición colocaba sobre os herexes para expoñelos ao escarnio público nas cidades e impedirlles acceder a determinados cargos. A cidade tudense foi foco de convivencia entre xudeus e cristiáns ata que, en 1492, os Reis Católicos mandaron a súa expulsión. Comezou entón ese costume segregador que a día de hoxe asenta unha das bases do triste pero rico patrimonio cultural tudense.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed