Inicio Blog Páxina 2072

Vídeo: Micah P. Hinson versiona a Nirvana na súa visita a Vigo

0

O cantautor Micah P. Hinson fixo honra ao nome do seu último disco este xoves durante o concerto de presentación en Vigo: “Cando dispare con frechas, dispararei para destruírche”.

Esa é a tradución do título do seu recente ‘When I Shoot At You With Arrows, I Will Shoot To Destroy You’, sete temas nos que aparece o Hinson máis adulto (está preto dos 40) pero tamén o máis novo e radical, aquel que a comezos dos 2000 deixou pampo ao público con The Gospel of Progress (2005) e The Opera Circuit (2006).

Unha mestura de ambas as cousas é o que despregou na Iguana Club. Non se lembraba un Micah P. Hinson tan entregado á música, con tan pouco tempo para a verborrea e que ata enlazou tres temas dunha tacada.

Micah P. Hinson/ Miguel Núñez

Un repertorio que incluíu practicamente todos os grandes hits do de Tennesee, empezando por Beneath the Rose, ata o peche con Diggin a Grave, pasando pola versión de Where did you Slepp at night/ In the Pines de Nirvana.

Desde que se deu a coñecer pasaron moitas cousas na vida de Micah P., fincado en Texas, que deixou atrás aquel romance tortuoso no medio do cal se deu a coñecer, casouse, foi pai e seguiu gravando discos de altura como The Pioneer Saboteurs (2010) e The Nothing (2014).

 

Con todo, desde 2011, cando sufriu un grave accidente de tráfico nunha viaxe xunto ao grupo Tachenko despois dunha actuación en Zaragoza, algúns dos seus recitais estiveron rodeados dunha aura de languidez e amargura.

Non foi así este xoves noite. Se a guitarra de Micah P. loce desde hai anos a lema ‘This machine kills fascists’ que Woody Guthrie colocou na súa en 1941, poucas veces como ata esta xornada encaixou tan ben coa actitude do dono. Agora engadiu unha nova insignia: ‘Choose vanity over wisom’. Toda unha declaración de intencións.

Micah P. Hinson/ Miguel Núñez

Xunto á temperanza e o country medido, volveron a distorsión máis dura e o espírito punk, aquel como o que despregou precisamente en 2011 durante a xira na que versionou o ‘Trompe lle Monde’ de The Pixies. O corte de pelo e o cigarro non deixan lugar a dúbidas.

Coa súa nova banda, The Musicians of the Apocalypse, regresa ao cataclismo como inspiración (con alusión directa á Catedral de Santiago) e nel inclúe temas como o que soou en Vigo, ‘Small Spaces’, no que se fan oco os ritmos máis potentes do, quizais, mellor Micah P. Hinson.

A Guarda recorda a Vigo a fermosura dun ceo estrelado

0

O pasado sábado día 29 de setembro o Concello da Guarda, a través do Departamento de
Turismo, organizou unha noite de observación de estrelas dende o alto do Monte Torroso na parroquia de Salcidos, que contou coa participación de case un centenar de persoas, actividade enmarcada nas conmemoracións do Día Mundial do Turismo, que se celebrara o 27 de setembro.

Nunha noite de temperaturas agradables, os participantes desta actividade, desprazados
dende a Guarda, a Comarca do Baixo Miño e mesmo de Vigo, partiron dende a Casa
Forestal do Torroso, para facer unha pequena andaina ata o Alto do Monte Torroso, onde
puideron atender ás explicacións do experto en astronomía Pablo Martínez, membro da Agrupación de Astronomía Rias Baixas.

Observación de estrelas/ Concello da Guarda

Os participantes coñeceron as principais constelacións do hemisferio norte, así coma a
localización dos planetas e mesmo algúns datos de interese coma as datas das choivas de
estrelas perseidas e gemínidas, ou coma orientarse no firmamento empregando algunhas estrelas. A actividade espertou o interese dos participantes, que antes do remate puideron facer preguntas e interesarse sobre o apaixoante mundo da astronomía.

Detido en Vigo tras usar un pasaporte con outra identidade para entrar en España malia constarlle unha orde de prohibición

0

Un home de 37 anos de nacionalidade colombiana e domiciliado en Vigo foi detido tras obter un pasaporte con outra identidade e utilizalo para entrar en España a pesar de constarlle unha orde de prohibición de acceso ao Espazo Schengen.

Fontes policiais detallaron que os feitos tiveron lugar a mediados do pasado mes de setembro, cando axentes da Comisaría Vigo-Redondela descubriron que unha parella presentara diversa documentación e solicitara asesoramento en relación a unha solicitude de Protección Internacional.

Esta petición fora presentada por unha familia de orixe estranxeira que quería matricular unha menor nun centro de Educación Secundaria de Vigo.

Mediante unha análise da documentación presentada, observouse a ausencia de documentación que debía ser expedida polas autoridades españolas e a súa substitución por outra do país de orixe.

Ademais, a realización dunha consulta ao Rexistro Central de Estranxeiros mostrou que non se dispuña de rexistros sobre esa persoa, pero si dun que coincidía en varios puntos cos datos dun home nado en Colombia ao que lle constaba unha orde de prohibición de entrada en España e o resto do Espazo Schengen en vigor.

Os policías tamén comprobaron que a prohibición de acceso á zona fora emitida por sentenzas do Xulgado do Penal 2 de Pontevedra e o Xulgado de Violencia Sobre a Muller 1 de Vigo e que se fixeron cambios de identidade de modo paulatino.

Deste xeito, observaron que se pasou de utilizar o nome real que figuraba na orde de prohibición de entrada a empregar unha nova identidade.

Tras contactar coa Organización Internacional de Policía Criminal (OIPC)-Interpol en España e as autoridades Policiais de Colombia, confirmouse que as identidades correspondían ao mesmo home, que adquirira un novo pasaporte e documentación no seu país de orixe para entrar en España a través dun terceiro país da Unión Europea.

Finalmente, os axentes detiveron a este home e trasladárono a Comisaría, onde lle tomaron declaración e confirmaron que contaba con varios antecedentes, tras o que pasou a disposición xudicial.

Oito anos de prisión por abusar dunha menor nun hotel de Vigo

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de oito anos de prisión imposta a un acusado de abusar sexualmente dunha menor de 16 anos nun hotel de Vigo en 2016.

Deste xeito, a sentenza, contra a que cabe recurso ante o Tribunal Supremo, desestimou o recurso interposto pola defensa contra a resolución da Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, que condenou o acusado a abonar unha indemnización de 2.000 euros á vítima. Tamén se lle impuxo a prohibición de achegarse a esta e ás súas irmás, así como de comunicarse con elas, durante 10 anos.

Adicionalmente, decretouse a inhabilitación deste home para realizar calquera actividade con menores de idade durante 11 anos, así como un período de cinco anos de liberdade vixiada “consistente en submisión a programas de educación sexual”.

O TSXG sinalou nos antecedentes de feito que a Audiencia Provincial considerou probado que este home coñecera á vítima facía tempo a través da súa familia, así como que a convidou, xunto ás súas irmás, a Madrid para acudir a parques temáticos en 2015, cando tiña 14 anos. Ademais, detallouse que “noutras ocasións que viaxou o acusado a Vigo, convidaba (a menor) a cear, facíalle agasallos etc., logrando así un clima de confianza“.

A sentenza tamén sinala que o 2 de agosto de 2016 pola noite o acusado entrou coa menor, que nese momento tiña 15 anos, no hotel Nagari de Vigo, onde ambos mantiveron relacións sexuais.

ALEGACIÓNS

O tribunal desestimou as alegacións da defensa relativas á posibilidade de que as probas fosen manipuladas ao sinalar que consta “que a habitación (do hotel) quedou precintada ata que se produciu a entrada autorizada xudicialmente”. Tamén asegurou que o acceso a ela por parte dos axentes “tivo como único fin auxiliar a vítima”.

En relación á argumentación que sostén que o acusado descoñecía a idade real da menor, o TSXG considerou “evidente” que esta afirmación non representa “denuncia de erro algún na valoración da proba”, senón unha “pretensión de elaborar un relato histórico que recolla a particular e parcial versión de determinados feitos”.

Ante esta situación, o tribunal defendeu que a súa tarefa “consiste en comprobar a estrutura racional dos elementos probatorios e non na súa revaloración, sobre todo polo que incumbe”.

Tamén concluíu que o acusado coñecía a idade da vítima e apuntou que a súa irmá asegurou que lle facilitou a documentación da menor, así como que o testemuño da afectada resulta “contundente” a ese respecto.

Así mesmo, descartouse “calquera indicio de dúbida acerca da penetración vaxinal” ao considerar “crible” o relato da menor. Ademais, concluíuse que esta declaración non se realizou con ánimo espurio debido ao feito de que a menor “tanto narra o que prexudica como o que favorece ao acusado ao recoñecer que non a forzou a facer nada”.

A Universidade de Vigo, única institución de España que participou na secuenciación do xenoma da lura xigante

A Universidade de Vigo, por medio da investigadora portuguesa Sara Rocha, do Laboratorio de Filoxenómica, foi a única universidade ou centro investigador de España integrado no equipo de científicos que logrou secuenciar o xenoma da lura xigante ou ‘kraken’.

Rocha sumouse hai uns meses, da man da investigadora (tamén lusa) Rute Fonseca, da Universidade de Copenhague, a un estudo no que participaron decenas de expertos de 35 institucións de varios países. Xunta a ela traballou tamén na UVigo a bióloga portuguesa Alvarina Couto.

Este equipo logrou secuenciar o xenoma da lura xigante, e o seu traballo acaba de ser publicado na revista GigaScience. Trátase dunha investigación que foi desenvolvida ao longo de varios anos, debido aos problemas coas mostras, que proceden de tecido morto e co ADN bastante degradado.

Con todo, estes investigadores conseguiron obter un xenoma de excelente calidade procedente dunha única lura localizada en Nova Zelandia, grazas ao uso de moitas tecnoloxías de secuenciación diferentes, e puideron comparalo cos demais xenomas de cefalópodos, outros invertebrados e vertebrados.

Segundo destacou a propia Sara Rocha, o xenoma é “como unha especie de manual de instrucións dun organismo”, polo que o valor da secuenciación do xenoma da lura xigante “é incalculable”. Eses datos, ademais, serán tamén valiosos para outros científicos.

Entre a información que se puido obter está a enorme cantidade de protocadherinas (un tipo de proteínas das que a lura xigante e o polbo teñen o dobre que os mamíferos, e tres veces máis que outros moluscos) ou que os xenes HOX (responsables dun desenvolvemento correcto do plano corporal) están máis distantes entre si que noutros animais, excepto o polbo.

Ao longo de seis meses, Sara Rocha e Alvarina Couto dedicáronse á produción de aliñamentos de miles de clústeres de xenes, entre a lura e outros animais, un traballo que foi posible grazas a unha gran capacidade computacional e co apoto do Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Sara Rocha, investigadora do Laboratorio de Filogenómica da Universidade de Vigo, e membro do equipo científico que logrou secuenciar o xenoma da lura xigante / Universidade de Vigo.

Advirten do “risco de abandono” dos montes veciñais cos desconvenios anunciados pola Xunta

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) está a desenvolver unha serie de encontros coas súas comunidades de montes socias para trasladarlles información sobre o proceso de desconvenio dos montes veciñais.

De aquí ao 2021, a Xunta de Galicia ten anunciada a súa intención de extinguir de xeito progresivo os convenios de xestión que mantén cunha parte das comunidades de montes. “Ese desconvenio preocupa en especial ás comunidades afectadas pola vaga de lumes do 2017 ou por incendios anteriores”, destacan desde a AFG.

“O problema das comunidades de montes afectadas polos lumes radica en que se están vendo descapitalizadas e cun monte no que non hai posibilidades de aproveitamento produtivo no curto e medio prazo“, lamentan.

“Ese escenario deixa ós montes veciñais sen posibilidades de xestión e ante un claro risco de abandono” aseguran, polo que desde a Asociación Forestal de Galicia advertiron xa da necesidade dun plan público de restauración dos montes afectados pola vaga de lumes.

En memoria da loita contra o lume/ Miguel Núñez

No caso concreto dos montes con convenio, corresponderíalle á Xunta asumir directamente a súa recuperación, pero o proceso de desconvenio en marcha podería deixar nunha situación moi delicada ás comunidades que están descapitalizadas, cun monte sen arborado e que se ven obrigadas a desconveniar.

O proceso de extinción dos convenios iniciarase por aquelas comunidades que non manteñan débedas coa Administración e continuará progresivamente polas demais. Nas reunións que desenvolveu nas últimas semanas a Asociación Forestal de Galicia en Pazos de Borbén e en Covelo con comunidades de montes socias, constatáronse situacións diversas.

Hai comunidades de montes con convenios en vigor e sen débedas coa Administración que teñen a vontade de desconveniar o seu monte e asumir directamente a súa xestión, pois trátase de montes veciñais dinámicos e con recursos. Distinta é a situación daquelas comunidades sen débedas pero que se ven descapitalizadas trala vaga de lumes do pasado ano.

San Xoan
Lume en San Xoán / Miguel Nuñez

A Asociación Forestal de Galicia mantivo o pasado 10 de setembro unha reunión co director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, para aclarar como sería o proceso de desconvenio dos montes e as alternativas para as comunidades.

A Xunta proxecta ofrecerlle a parte das comunidades un contrato de xestión que sustituiría aos actuais convenios, que expiran todos no 2021 a máis tardar, pero trátase dunha iniciativa aínda sen concretar.

Unha curiosa suxestión: “Se ruega no hablarle al perro con voz de gilipollas”

As rúas de Vigo falan. E de cando en vez un pode atoparse con mensaxes do máis orixinal. Entre eles, o que escribiu este veciño preto da zona do Calvario, no que pide con moita amabilidade aos camiñantes que non lle falen ao seu can con voz “de gilipollas”.

Calquera sabe as anécdotas que levaron ao dono do can á decisión de colocar este cartel.

Marlaska pide o voto para G. Caballero para lograr un “verdadeiro goberno progresista”

O ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, pediu desde a praia de Samil, en Vigo, o voto para o candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, para lograr un “verdadeiro goberno progresista” na Xunta.

“O Goberno central necesita gobernos autonómicos importantes, como o de Galicia, que sexan verdadeiros gobernos progresistas”, manifestou Marlaska, convencido de que “iso” só o garante en Galicia Gonzalo Caballero e o PsdeG-PSOE.

Así, en referencia ao aspirante socialista, asegurou que ten “forza, ideais e equipo”. “Pero sobre todo ten un partido importante detrás, un partido serio, que estivo sempre coa sensibilidade do Estado e do autogoberno“, indicou.

Acompañado polo candidato socialista á Xunta, Grande Marlaska percorreu o paseo desta praia xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

A comitiva socialista, entre a que se atopaban candidatos, militantes da cidade e os zancudos que acompañan a campaña do PSdeG, espertou gran expectación entre a veciñanza que neste domingo se atopaba gozando do sol no areal.

No percorrido, durante o que varias persoas se achegaron ao ministro para sacar unha foto, Gonzalo Caballero describiulle a Marlaska a cidade de Vigo. “Pero as marabillas son as de en fronte”, sinaloulle en referencia ás Illas Cíes.

“A próxima vez traio o bañador”, comentou o ministro antes de que o alcalde retase á prensa a bañarse. “Se vos atrevedes vós, nós imos”, exclamou o rexedor.

Detido un home con 29 antecedentes por vender droga en Vigo

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron un veciño da cidade, de 49 anos de idade, como presunto autor dun delito contra a saúde pública, por vender droga na zona da Florida.

A investigación iniciouse a finais do pasado mes de abril, despois de que a Policía tivese coñecemento da existencia dun posible ‘punto negro’ de venda de drogas nese barrio.

Os operativos de vixilancia permitiron descubrir a trasfega de supostos compradores, que acudían a un alpendre situado entre a Avenida da Florida e a rúa Tui. Alí realizaban un rápido intercambio cun home, antes de abandonar a zona.

A Policía despregou un dispositivo para deter o presunto traficante, ao que interceptaron cando se dirixía a realizar outra venda de estupefacientes. Ao cachealo, os axentes atopáronlle varias papelinas de cocaína e heroína, e outros efectos usados para o tráfico de drogas, polo que foi detido.

Unha vez trasladado a Comisaría, comprobouse que lle constan outras 29 detencións anteriores. O arrestado e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do xulgado de instrución de garda en Vigo.

O PP de Vigo valora as contas da Xunta para 2020: “Leccións orzamentarias de Abel Caballero, ningunha”

O portavoz do grupo municipal do PP en Vigo, Alfonso Marnotes, valorou os orzamentos da Xunta para o próximo 2020, polo que destacou os investimentos que o Goberno galego realizará na cidade olívica, por exemplo na nova Cidade da Xustiza, na estación intermodal ou no centro de saúde de Bouzas. Con todo, criticou “o discurso” do alcalde vigués: “Leccións orzamentarias de Abel Caballero, ningunha”.

Nunhas declaracións difundidas aos medios polo PP vigués, Marnotes asegurou que Caballero “non leu os orzamentos” xa que “ten o discurso xa feito desde hai anos e sempre é o mesmo”.

“Esquéceselle todo o que a Xunta vai dedicar á Cidade da Xustiza, á intermodal ou ao centro de saúde de Bouzas, ao novo centro de maiores da ETEA ou á ampliación de Navia”, reivindicou.

Sobre este barrio vigués, Marnotes engadiu que é o alcalde o que “se nega con escusas de todo tipo” a amplialo e criticou que desde que goberna o PSOE a nivel estatal “non di nada” de soterrar a VG-20 (unha das condicións que Caballero puña para dar o visto e prace á ampliación de Navia que propón a Xunta).

“Dos que non esperamos nada é dos Orzamentos Xerais do Estado do Goberno de Pedro Sánchez porque non houbo presupostos en 2019 e non haberá ata ben entrado o 2020. Pasariamos en branco, a cero euros, o investimento en Vigo do Estado. O mesmo podemos dicir do Concello, que pechou o 2018 cun 60% de execución no orzamento de investimentos e no 2019 levaba só executada a terceira parte”, sentenciou o portavoz popular.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed