Inicio Blog Páxina 2060

2017 foi o ano de maiores perdas por incendios forestais na historia: 18.000 millóns de euros

O pasado ano foi o máis afectado polos lumes a nivel global na historia documentada, polo que faise necesario tomar medidas e realizar estudos científicos para entender mellor como podemos evitar que se repitan os incendios, ou lograr minimizalos.

Deste xeito, partindo das fotografías aéreas que achega a constelación de satélites Sentinel, do programa da Axencia Espacial Europea Copernicus, investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo realizaron unha cartografía das zonas afectadas pola vaga de lumes de outubro de 2017 na provincia de Pontevedra que servirá como “documento de base” no traballo que, ao abeiro do convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a Deputación Provincial, levará a un panel de expertos de diferentes países a definir unha serie de directrices e recomendacións para a prevención dos lumes e mitigación das súas consecuencias.

lume incendios lapas e fume
Un home retrocede ante a agresividade das lapas/ Miguel Núñez

Esta cartografía, froito do traballo realizado pola profesora da EE Forestal Julia Armesto e a egresada Laura Alonso, foi presentada este xoves no Pazo Provincial nunha rolda de prensa na que o director deste centro e coordinador deste proxecto, Juan Picos, deu conta do “estado actual dos traballos que estamos a facer”, ao abeiro dun convenio que tiña por obxecto “facer fronte de forma rigorosa” a un dos “maiores problemas que temos na nosa comunidade e na provincia”, como engadiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

“É o documento base que vai permitir despois traballar en cada área concreta”, engadiu o vicepresidente provincial, César Mosquera, respecto dunha información cartográfica que “constitúe unha ferramenta potentísima” á hora, por exemplo, de realizar simulacións de como podería comportarse un lume en función de diferentes episodios climatolóxicos.

Estrada invadida polo fume e o lume perto de Fornelos De Montes
Dos vehículos circulan pola estrada entre Redondela e Fornelos de Montes rodeados polo fume e o lume nos incendios de outubro / Miguel Núñez

“Exportamos esta fotografía nunha ferramenta de Google Earth, o que nos dá unha interfaz moi cómoda para poder traballar no campo”, explicou Picos dunha ferramenta que permite analizar “cunha grande escala de detalle” que aconteceu cun determinado incendio, como afectou a núcleos urbanos, que áreas de vexetación se viron máis ou menos afectadas…, “entender os patróns do lume”.

De feito, esta presentación contou tamén coa participación de Eduard Plana, investigador do Centre Tecnològic Forestal de Catalunya, e do coordinador do Máster en Incendios Forestales da Universitat de Lleida, Domingo Modina, dous dos expertos participantes neste proxecto que realizaron nos últimos días diferentes saídas de campo para avaliar os efectos dos lumes de outubro.

Sen “solucións máxicas” fronte a un problema complexo

“A ferramenta máis importante para enfrontarse aos lumes forestais do século XXI é a modestia”, subliñou Picos, que incidiu en que “estamos intentando resolver problemas complexos nun territorio complexo”, polo que “non hai unha solución máxica”.

monte Queimado As Neves .
Un paisano de As Neves camiña co seu can polo monte queimado/ Miguel Núñez

Nese senso, esta información cartográfica está a ser empregada neste proxecto para “intentar analizar todos os factores e relacionalos entre si”. Neste punto, o director da EE Forestal puxo o acento na importancia de “non ver só o que arde, senón como arde” e ter en conta “o que chamamos a severidade dos lumes”, a medición da intensidade que alcanzan os incendios, xa que “ás veces a prevención” pasará non por reducir o número de hectáreas afectadas senón a intensidade en que se viron afectadas.

De feito, Picos achegou a esta presentación unha serie de datos que amosan que 2017 “foi o ano desde que hai rexistros con maiores perdas por incendios forestais a nivel global”, cifradas en 18.000 millóns de euros polo Swiss Re Institute. “Son parte dunha tendencia global que ten que ver co cambio climático e que estamos obrigados a intentar entender internacionalmente”, engadiu o coordinador dun proxecto que partindo desa idea reúne expertos de diferentes países.

Lume rapaces o apagan.
Dous rapaces extinguen o lume nunha carballeira preto das casas/ Miguel Núñez

Nese senso, un dos aspectos centrais do traballo pasará pola identificación e a análise de “puntos críticos”, daquelas zonas nas que “o lume acelérase e queda fóra da capacidade dos medios de extinción”, no marco dunha investigación, que, recalcou, implicará o estudo de múltiples factores.

Por exemplo, esta cartografía permite comparar as zonas queimadas coas faixas de protección de biomasa fixadas pola lexislación, ou tamén a incidencia dos lumes en diferentes tipos de propiedade, que no caso de 2017 foron de maior severidade nas de maior dimensión.

Alejandro Martínez, presidente da cooperativa do requeixón das Neves / Miguel Núñez.
Alejandro Martínez, presidente da cooperativa do requeixón das Neves, observa os devastadores efectos do lume tras a vaga de incendios que asolou Galicia en outubro de 2017 / Miguel Núñez.

Así mesmo, Picos tamén abordou os efectos que estes lumes tiveron sobre bens de importancia patrimonial, como petróglifos ou mámoas, xa que máis de cen lugares catalogados foron afectados por esta vaga de lumes, o que leva a asumir “que ás veces non só imos ter que buscar prevención sobre zonas habitadas”.

Os grandes lumes teñen memoria

A comparación desta información cartográfica coas das zonas afectadas nas vagas de lumes de 2005 e 2006 permitiron así mesmo comprobar como “os lumes teñen memoria” e como as zonas afectadas por lumes de alta severidade no pasado se amosan máis propensas a volver padecelos nun futuro, “porque se produce homoxeneización do territorio ou porque xeran certo abandono das actividades tradicionais”.

Nese senso, unha das mensaxes que quixo trasladar e que a prevención parte en boa medida de “intentar entender o que pasou”, xa que “cada incendio é un libro aberto” do que extraer unha serie de conclusións.

Lume paixase desolador despois dos incendios
Despois dos incendios, unha paisaxe desoladora/ Miguel Nuñez

“Atender a emerxencia é inmediato, pero cambiar o territorio para o futuro é un traballo que vai levar décadas, que hai que facer ben e que hai que facer constantemente”, engadiu nese senso o director da EE Forestal, que neste punto adiantou algunhas das liñas de traballo xa detectadas no proxecto e que pasan por aspectos como esa identificación de puntos críticos ou por poñer o acento nunha planificación que debe abordarse nunha escala superior á municipal.

“Hai que ser conscientes de que ás veces para protexer un concello, os traballos teñen que facerse noutro”, sinalou Picos, que incidiu tamén na importancia da “profesionalización e tecnificación” dos profesionais para facer fronte a este novo tipo de lumes, así como “axudar á xente a autoprotexerse” ante episodios deste tipo.

Buscan un home de 38 anos desaparecido en Mos desde o mércores

0

Os familiares e achegados de Elvis Fernández Rodríguez, de 38 anos, solicitan axuda para dar co seu paradoiro tras ser visto por última vez o pasado mércores no municipio de Mos. Na súa localización participan cans da unidade de procura de persoas da Garda Civil de Ourense.

Segundo a descrición achegada por SOS Desaparecidos, trátase dun home de 1,70 metros de estatuta e complexión delgada. Ten o pelo moreno e unha tatuaxe tribal no brazo dereito.

Elvis Fernández foi visto por última vez o pasado 29 de setembro na parroquia de Herville, en Mos.

O Concello de Vigo ofrece 7 millóns á concesionaria de dous parkings, que crebou en 2017

0

O Concello de Vigo fixo unha proposta para liquidar o contrato coa concesionaria de dous aparcadoiros que acabou crebando, cunha oferta de 7,1 millóns de euros, segundo explicou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero.

O goberno vigués presidido por Corina Porro adxudicou estes dous aparcadoiros subterráneos, en Jenaro de la Fuente e Avenida Castelao, a Pontes e Calzadas en maio de 2007, moi pouco antes das eleccións municipais tras as que Abel Caballero se proclamou alcalde, á fronte dun goberno de coalición co BNG.

O contrato foi subscrito meses despois, pero non con esta empresa, senón cunha sociedade anónima unipersonal, Cocheiras Olívicas de Pontes, constituída expresamente para a xestión dos parkings. En 2012 a concesionaria solicitou resolver o contrato por problemas sobrevindos que lle impedían cumprilo, pero o Concello negouse.

Nos seguintes anos, a sociedade concesionaria atravesou unha serie de vicisitudes e acabou entrando en concurso e liquidación en 2017. Entón, a administración concursal dirixiuse ao Concello para que resolvese o contrato e a Xunta de Goberno local volveu negarse (aínda que o acordo foi anulado polos tribunais).

En 2018 a administración municipal acordou resolver ese contrato alegando o incumprimento por parte de Pontes e Calzadas, pero a empresa presentou recurso ante os xulgados de Vigo. En primeira instancia o seu recurso foi rexeitado e agora o TSXG deu a razón á empresa, entre outras cuestións, porque o incumprimento do contrato debía imputarse á concesionaria que o asinou, que foi Cocheiras Olívicas de Pontes.

PROPOSTA DE LIQUIDACIÓN

En calquera caso, o alcalde de Vigo confirmou que o Concello presentou unha oferta para liquidar o contrato e “resarcir” á empresa en 7,1 millóns de euros, aínda que dita proposta está en fase de alegacións, polo que a cantidade non é definitiva.

Abel Caballero atribuíu esta situación a que a concesión outorgada polo goberno do PP “resultou mal”, e o actual goberno local “está a pagar as herdanzas do goberno de coalición PP-BNG, porque houbo unha coalición de PP e BNG, que botaron a un alcalde socialista” (en referencia á moción de censura contra Ventura Pérez Mariño).

“Tamén pagamos 35 millóns polo auditorio, por un contrato que tamén adxudicou o PP, menos mal que nós o empequeñecimos”, proclamou o rexedor, en alusión ao rescate do Auditorio Mar de Vigo, cuxa concesionaria tamén entrou en concurso, a pesar de que o Concello lle ampliou a concesión en 2012 (por 25 anos máis) e compensouna con 5 millóns de euros.

A Xunta pide “feitos concretos” para o Corredor Atlántico

A Xunta de Galicia agradeceu este martes as palabras do ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, sobre o apoio do Goberno central ao Corredor Atlántico de mercadorías, pero advertiu de que esas palabras se deben transformar en “feitos concretos e avances”.

Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha rolda de prensa tras manter unha reunión de traballo co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga.

A conselleira reiterou que o Corredor do Noroeste debe ter “o mesmo trato” que o Corredor Mediterráneo, e reclamou que ese compromiso afirmado polo ministro tradúzase en “feitos”. A ese respecto, en referencia aos Orzamentos Xerais do Estado para 2021, Ethel Vázquez advertiu de que “de nada serve que haxa partidas (para ese Corredor Atlántico) se non hai proxectos, e hai que avanzar tamén nos proxectos construtivos”.

A ese respecto, a titular autonómica de Infraestruturas e Mobilidade lamentou que, “vendo os antecedentes”, a Xunta está “preocupada” porque os investimentos e proxectos se desebvikvab no Levante español. “O Corredor Atlántico é unha aposta irrenunciable (…) e hai unha alianza estratéxica de comunidades que a defenden”, lembrou, en referencia a Galicia, Asturias e Castela e León.

No marco desa aposta, Ethel Vázquez destacou dúas actuacións “imprescindibles”, como son o saída sur ferroviaria de Vigo e, vinculada a ela, as conexións por tren da terminal portuaria de Bouzas e da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (Plisan).

“Se o Goberno fala de reconstrución, que mellor proxecto en Galicia para saír máis fortes da crise que o Corredor Atlántico. Hai unha imperiosa necesidade, e os fondos europeos de reconstrución teñen uns prazos moi concretos. O que queremos é que se poñan as pilas”, proclamou.

SAÍDA SUR

A conselleira lembrou que o Goberno dispón “desde hai meses” do estudo de custo-beneficio sobre o saída sur ferroviaria de Vigo, cuxas vantaxes son “indiscutibles”; e que as conexións de Bouzas e a Plisan están a esperar avances desde 2018.

No actual contexto de crise pola pandemia de coronavirus, Ethel Vázquez instou a impulsar esas actuacións, aproveitando os fondos europeos de reconstrución, que son unha “oportunidade” e que, ao seu xuízo, non deben servir para “que se agrande a brecha” entre o Atlántico e o Mediterráneo.

A UVigo incrementa as súas emisións de CO2 ata as 27.000 toneladas anuais

A Universidade de Vigo (UVigo) incrementou en 2018, o último ano do que se dispoñen informes, as súas emisións de C02, que ascenderon a 27.081 toneladas, unha cifra superior á rexistrada o ano anterior.

Segundo detallou a universidade nun comunicado, a pegada de carbono, que reflicte os gases de efecto invernadoiro emitidos de modo directo ou indirecto, situouse en 1,19 toneladas de CO2 equivalente por persoa fronte ás 0,97 acumuladas en 2017, cando xa se rexistrou un ascenso.

A universidade achacou este incremento á posta en marcha de novas instalacións, como o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) e o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Innovación (Cacti), así como a que en 2016 se produciu un cambio dos factores de emisión empregados que tende a aumentar os resultados das emisións de CO2 asociadas a distintas variables.

En concreto, a pegada ecolóxica da universidade en 2018 ascendeu a 9.091 hectáreas globais equivalentes, 0,40 por persoa, xa que a institución educativa sumou 22.710 estudantes ese ano. Ademais, os campus contan con 79 hectáreas de bosque cuxa capacidade de absorción de CO2 en 2018 se estimou en 342 hectáreas globais (gha) equivalentes, o que derivou nun déficit de 0,015 gha por persoa.

Así, o campus de Vigo xerou o 70,9 por cento das emisións da universidade, unha situación que se relaciona co feito de que alberga o 57,89 por cento dos estudantes, así como distintos centros de investigación que implican un maior gasto de recursos e unha maior xeración de residuos que os doutras disciplinas.

Ademais, o estudo realizado mostrou que a principal actividade xeradora de dióxido de carbono na universidade correspóndese coa mobilidade, xa que esta representa o 56,7 por cento das emisións. Así, xera o 70,9 por cento do CO2 vertido desde o campus de Vigo fronte ao 0,78 por cento acumulado en Ourense e un 0,88 por cento emitido en Pontevedra.

Mentres, o consumo de enerxía eléctrica supuxo un 16,72 por cento das emisións de dióxido de carbono da universidade. Así, representou un 17 por cento do CO2 xerado en Vigo, un 20 por cento do emitido en Ourense e un 11 por cento do de Pontevedra. A construción, pola súa banda, representou un 15 por cento do CO2 vertido desde a universidade.

A Policía de Vigo baliza un patio interior ante o risco de derrube dun edificio lindeiro

A Policía Local de Vigo procedeu ao balizamento dun patio interior dun edificio na rúa Jenaro de la Fuente, ante o risco de derrube inminente dun inmoble lindeiro, que se atopa en estado ruinoso.

Segundo informaron fontes policiais, unha dotación do 092 acudiu este mércores pola tarde a Jenaro de la Fuente, alertada por un veciño que vira como caían tellas dun edificio lindeiro co seu.

Este veciño, presidente da comunidade do seu edificio, facilitou aos axentes a entrada a un patio interior, desde onde se puido constatar que o outro edificio está en estado ruinoso. A Policía solicitou aos bombeiros que valorasen o inmoble e puideron localizar un home de 45 anos de idade, que vive no baixo dese edificio.

Os policías locais informáronlle do risco e apercibíronlle en varias ocasións de que debía abandonar a vivenda, posto que o edificio “en calquera momento” podería “vir abaixo”. Tras a valoración dos bombeiros, a Policía decidiu balizar o patio interior.

Interceptado un furtivo que apañou máis de 7 quilos de ameixas

Axentes da Policía Local de Vigo propuxeron para sanción a un veciño da cidade de 47 anos de idade que foi descuberto con máis de 7 quilos de ameixas coas que supostamente se fixo de forma ilegal.

Segundo informou a Policía Local, os feitos ocorreron sobre as 12,20 horas deste martes na praia de Ríos, cando un garda rural informou de que vira a un furtivo recollendo ameixa, polo que unha patrulla se desprazou ao lugar.

Ao decatarse de fora descuberto ‘in fraganti’, o home tratou de fuxir de forma apurada e de esconder o botín entre a maleza dunha xardineira próxima. No entanto, os axentes frustraron a súa fuxida, recuperaron o botín e procederon a identificar o home, de iniciais J.C.R.

En concreto, o home fíxose cun total de 7,22 quilos de ameixas, que foron devoltas ao mar polo garda rural. Tras iso, iniciouse respecto ao home o correspondente procedemento sancionador.

RECUPERAN UN BUFO E TRES SERPES

Axentes da Policía Local de Vigo rescataron un bufo ferido, desorientado e con síntomas de hipotermia; e recuperaron tres serpes de entre 80 centímetros e un metro de lonxitude achadas en vivendas da cidade.

Segundo informou a Policía Local, o bufo foi achado a última hora da tarde do venres na Estrada das Plantas por un particular, que indicou que a ave estaba ferida e non podía remontar o voo.

Os efectivos constataron que se trataba dun carabo común, que mostraba síntomas compatibles con hipotermia e estaba desorientado. Por iso, foi trasladado a dependencias policiais ata que o Centro de Recuperación de Aves de Cotobade fíxose cargo do animal.

Doutra banda, o mesmo día os axentes acudiron a un domicilio do Camiño da Devesa, onde atoparan unha serpe. Tratábase dunha serpe bastarda duns 80 centímetros que se atopaba atrapada nunha rede. Unha vez liberada, trasladárona ao seu hábitat.

Posteriormente, o día 22 un veciño do Camiño Longra informou de que achara unha serpe de grandes dimensións na súa vivenda. A unidade comprobou que era outra serpe bastarda dun metro de lonxitude, que estaba atrapada na adega, polo que a devolveron ao seu hábitat.

Finalmente, este martes, 25 de maio, outro veciño de Camiño Piñeiro comunicou que había unha serpe deambulando pola súa propiedade. Os axentes verificaron que se trataba doutra serpe bastarda, de 80 centímetros de lonxitude, que foi capturada para a súa liberación no seu hábitat.

Eixo Atlántico pide a Illa ter en conta a”excepcionalidade” da eurorrexión se se amplían as PCRs

0

O Eixo Atlántico dirixiuse ao Ministro de Sanidade, Salvador Illa, para solicitarlle que se contemple a “excepcionalidade” das comunicacións entre Galicia e Norte de Portugal, no caso de que a esixencia de PCR a visitantes de fóra do territorio nacional estendésese “máis aló de portos e aeroportos”.

Así, nunha misiva asinada polo secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, este organismo trasladou o seu “apoio” ao Ministerio de Sanidade pola medida adoptada con respecto a visitantes doutros países, aínda que puntualizou que, se dita medida (a esixencia de probas PCR previas) esténdese máis aló de portos e aeroportos, deben terse en conta as circunstancias “moi características” da fronteira con Portugal, “a máis longa e estable de Europa”.

No caso de Galicia e o Norte de Portugal, ese espazo adquire “o perfil dun territorio común” que, na práctica, “ten moitas máis afinidades cotiás que as que poidan existir, por exemplo, entre Galicia e Levante ou Andalucía”. “Vostede mesmo tería ocasión de comprobalo no recente Cume Ibérico”, apuntou Vázquez Mao na súa carta.

Segundo subliñou o secretario xeral do Eixo, “esta interrelación provoca un constante fluxo de poboación”, especialmente de traballadores transfronteirizos, “pero tamén estudantes e investigadores de universidades, executivos e comerciais, e cidadáns do ámbito cultural”.

“Non é necesario explicar os problemas que para o desenvolvemento económico da nosa eurorrexión tería a aplicación da norma (obrigatoriedade de probas PCR a quen entrasen en España) de forma indiscriminada”, apuntou Vázquez Mao, que concluíu a súa carta pedindo a Salvador Illa que “contemple situacións de excepcionalidade” neste territorio.

Iso permitiría a continuidade de actividades sociais e económicas “dentro das limitacións que a pandemia, especialmente a prevención da mesma, e o sentido común aconsellan”.

A Xunta remite ao Concello o segundo documento sobre o convenio de financiamento para redactar o novo PXOM

A Xunta de Galicia remitiu ao Concello de Vigo para a súa firma a segunda addenda ao convenio de colaboración entre ambas as administracións para financiar os traballos de redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal da cidade.

Así llo trasladou este mércores a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, á delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, durante unha reunión telemática.

Segundo explicaron a delegada e a propia consellería, esta addenda ten por finalidade “adecuar o pago das axudas ao ritmo dos traballos de redacción” do documento de plan urbanístico, xa que se “incumpriron os prazos” por parte do goberno vigués.

Esta addenda, no entanto, non atrasa as anualidades, e mantense o prazo de 2021 como último ano no que a Xunta pagará unha porcentaxe do importe financiado, que ascende a algo máis dun millón de euros.

A Xunta convidou ao Concello olívico a “avanzar na tramitación” da PXOM para lograr este ano a aprobación inicial e provisional do documento. Unha vez superado ese fito, a Xunta pagará un 70 por cento da axuda habilitada.

TRAMITACIÓN AMBIENTAL

Conselleira e delegada defenderon que a tramitación desta segunda addenda ao convenio é “unha nova mostra de colaboración da Xunta co Concello“, e do “compromiso” do goberno galego para que Vigo dispoña canto antes da novo PXOM, tras a anulación do Plan de 2008 polo Tribunal Supremo (sentenza de finais de 2015).

Anxos Vázquez apuntou que, na actualidade, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda non ten pendente ningún trámite nin informe sobre o borrador da PXOM vigués, unha vez que xa foi formulado o Documento de Alcance do Estudo Ambiental Estratéxico do Plan.

Agora é o Concello de Vigo o que debe remitir á Consellería o expediente de avaliación ambiental estratéxica completo para que se formule a Declaración Ambiental Estratéxica, coa que finaliza o trámite ambiental por parte da Xunta.

Un accidente con catro coches implicados en Mos sáldase cunha persoa ferida

0

Un accidente no que se viron implicados catro vehículos na A-55, ao seu paso polo municipio pontevedrés de Mos, saldouse cunha persoa ferida e trasladada a unha clínica hospitalaria.

En concreto, o suceso tivo lugar preto das 11,00 da mañá deste martes, nun punto próximo ao quilómetro 12. A esa hora, un particular púxose en contacto co 112 Galicia para informar do ocorrido.

Na súa chamada, esta testemuña do sinistro indicaba que varios turismos chocaran mentres se desprazaban pola A-55 en dirección Vigo.

Seguidamente, os xestores do 112 avisaron do accidente a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos bombeiros de Baixo Miño e aos membros do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos.

Unha vez no lugar dos feitos, os equipos de emerxencia confirmaron que os ocupantes dos catro vehículos atopábanse liberados e accesibles. Ademais, informaron de que unha persoa fora evacuada en ambulancia a unha clínica hospitalaria.

Así mesmo, o 112 Galicia solicitou a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e do servizo de mantemento da vía para garantir as condicións de seguridade no tramo do accidente.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed