

Peonalizacion nas ruas de vigo © Miguel nuñez 
Preparando A apertura do negocio © Miguel nuñez 
Distancia entre mesas dunha terraza do centro © Miguel Nuñez 
Distancia entre cidadans tomando cafe na rua ©Mguel Nuñez 
preparativos para a apertura dos negocios © Miguel nuñez 
Visita o cementerio de Pereiro © Miguel Nuñez 
Tumba no cementerio de Pereiro © Miguel Nuñez 
Medindo a distancia entre mesas nunha terraza © Migiel nuñez 
Preparativos para a apertura das terrazas © Miguel nuñez 

Medindo a distancia entre mesas nunha terraza do centro © miguel nuñez 


















Aumentan enormemente os casos na área sanitaria de Vigo
O número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 721, o que supón 154 máis que este xoves, cando había 567. Ademais, os falecidos con coronavirus ata a data son 12, o dobre que hai 24 horas.
Así o informou a Consellería de Sanidade, que indicou que dos 721 contagios, 195 son da área sanitaria da Coruña; 54 a de Lugo; 74 a de Ourense; 112 de Pontevedra; 152 da de Vigo; 108 da de Santiago; e 26 da de Ferrol.
Do total de positivos, 28 permanecen na UCI, 166 están en unidades de hospitalización e 527 no domicilio. Ademais, concretou Sanidade, fixéronse ata agora 4.137 probas PCR para detectar positivos de COVID-19.
Estas son as tres propostas que fai a Xunta para iluminar Rande “nas que está implicado persoalmente Feijóo”
A Xunta de Galicia instou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (antes Fomento), como titular da autoestrada AP-9, a que elixa unha das tres alternativas que lle remitiu hai semanas para a iluminación da ponte de Rande, de modo que a actuación se poida acometer “canto antes”.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidades, Ethel Vázquez, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixeron públicas este luns as tres propostas, deseñadas por tres empresas, e para cuxo financiamento (que debería correr a cargo da concesionaria Audasa, “pola súa propia imaxe”), ofreceron colaboración económica do goberno galego.
A primeira das opcións é a exposta pola empresa Biar Lighting, cun custo de 226.000 euros, e que suporía iluminar só os tirantes da ponte; a segunda opción, da empresa SETGA, ten dúas variantes: a iluminación só do taboleiro con 600 proxectores (cun custo de 650.000 euros) e a iluminación de taboleiro, tirantes e pilonos (cun custo de 1 millón de euros); e, finalmente, a empresa Signify (división de iluminación de Philips) propuxo a iluminación de taboleiro, pilonos e tirantes, cun control de cor e de escenas, cun custo de 500.000 euros.
A conselleira Ethel Vázquez lembrou que este proxecto para iluminar a ponte, no que “está implicado persoalmente” o presidente da Xunta (que o propuxo á concesionaria en 2017), permitirá pór en valor unha “icona reconocible”, un “símbolo” de Vigo e de Galicia e un “prodixio da enxeñaría” que recibiu múltiples recoñecementos.
Por iso, tanto a titular de Infraestruturas e Mobilidade, como o propio vicepresidente galego, Alfonso Rueda, instaron ao Goberno a elixir, xa que a execución da medida “só depende da decisión” do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
MALESTAR NO GOBERNO DE ESPAÑA
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) tachou de “improcedente” a presentación, por parte da Xunta de Galicia, das propostas para iluminar a AP-9 na ponte de Rande, xa que “non ten competencias” sobre ese viario “nin achega fondos para ese proxecto”.
O Ministerio lembrou que é “a única administración” competente para a promoción e autorización dese proxecto de iluminación ornamental, e cualificou como “sorprendente” que o Goberno galego “actuase con esa deslealdade e falta de respecto ao Goberno de España e á cidadanía, ao tentar situarse na presentación dun proxecto que lle é totalmente alleo“.
O departamento que dirixe o socialista José Luís Ábalos, puntualizou que a Xunta nin ten competencias nin achega fondos, polo que “o avance informativo que realizou considérase de todo punto improcedente e supón un intento de apropiación dun proxecto” deste departamento.
O Ministerio trasladou o seu “máximo interese” nesta actuación e avanzou que a Dirección Xeral de Estradas “está a analizar os aspectos técnicos da documentación presentada pola concesionaria Audasa”, xa que esa iluminación pode afectar a aspectos como a seguridade viaria e debe cumprir a normativa vixente.
“O obxectivo deste Ministerio é que, unha vez determinada a proposta máis conveniente desde o punto de vista técnico, se poidan atopar formas de financiamento da mesma que non supoñan unha carga para os cidadáns de Vigo”, reza o comunicado do Mitma.
Finalmente, criticou que a Xunta difundiu ” indebidamente” a información sobre as propostas de iluminación e pediu ao Goberno galego “que respecte as canles institucionais”, á vez que asegurou que informará á cidadanía “dos avances que se vaian producindo”.
AP-9
Ademais, a conselleira e o vicepresidente tamén se referiron a outras reclamacións relacionadas con esta autoestrada. Así, Alfonso Rueda lembrou que hai case dous anos que Sánchez é presidente do Goberno e deixou “esquecidas nun caixón” as demandas que antes sostiñan os socialistas, como a eliminación da peaxe en Redondela.
Alfonso Rueda sinalou tamén ao BNG, que presumiu de certos logros no acordo de investidura, e que non están a ter resposta por parte do PSOE. A ese respecto, apuntou que aínda non se constituíu a comisión de seguimento prometida, que non hai compromiso sobre a gratuidade da peaxe para os usuarios recorrentes e que, en definitiva, “o único que fixo o BNG foi asinar un papel que xa se está incumprindo”.
Pola súa banda, Ethel Vázquez, sinalou, a preguntas dos medios, que a denuncia interposta ante a Comisión Europea por parte da asociación En-Colectivo (que considera ilegais as prórrogas da concesión a Audasa) é o resultado do “malestar” crecente entre os cidadáns polo incremento das peaxes.
A Xunta afirma que busca canda o Porto vigués que Vulcano non peche
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou que o obxectivo da Xunta e o Porto de Vigo en relación ás instalacións de Factorías Vulcano pasa por dar continuidade á actividade naval.
Preguntado tras un acto en Vigo, Conde remarcou que a Autoridade Portuaria trasladou ao Executivo galego que se abrirá a porta a un futuro do sector naval nos terreos de Teis “dentro do concurso ou nunha nova concesión”. Así, apuntou que se debe “dar continuidade” ao plan de liquidación que desenvolve o administrador concursal e buscar unha solución para o espazo tras a “resolución do expediente de extinción” da sociedade solicitado.
Nese sentido, sinalou a necesidade de observar o desenvolvemento do concurso de acredores e o plan de liquidación do estaleiro vigués co obxectivo de comprobar se, dentro do segundo, se abre unha “oportunidade” relacionada co sector naval “na actual concesión”, que caduca en 2027.
De cara ao mantemento da actividade naval na zona, afirmou que o Goberno galego continuará co establecemento de “contactos” que poidan estar interesados nas instalacións e esperou que “se poidan presentar ofertas” dentro do proceso concursal.
Precisamente, este mércores traballadores do estaleiro pecháronse nas instalacións da Autoridade Portuaria para demandar explicacións sobre o futuro da concesión das instalacións.
A UVigo lidera tres proxectos de investigación en cooperación e desenvolvemento
A Universidade de Vigo liderará tres proxectos de investigación na área de cooperación e desenvolvemento, que contarán con axudas da Xunta de Galicia, de modo que a institución académica viguesa será a primeira por número de proxectos aprobados nesta convocatoria (na que se seleccionaron 14 iniciativas).
Nesta convocatoria de axudas, coa que administración autonómica pretende impulsar grupos de investigación en cooperación e desenvolvemento, Vigo presentou 8 proxectos.
Unha das iniciativas seleccionadas é un proxecto de mediación lingüística de calidade entre ONGD e persoas usuarias, liderado polas investigadoras Maribel do Pozo e Silvia Pérez, e polo investigador David Casado, en cooperación con expertos doutras universidades españolas e portuguesas.
Trátase dun proxecto para “eliminar barreiras lingüísticas e culturais ás que se enfrontan as persoas máis vulnerables“, e no que participan organizacións como Cruz Vermella, Médicos do Mundo, Solidariedade Galega Internacional, Provivienda e Asemblea de Cooperación pola Paz.
A segunda iniciativa elixida ten como finalidade desenvolver instrumentos para a planificación territorial, que se poidan utilizar en países en vías de desenvolvemento, analizando servizos ecosistémicos e potenciais riscos ambientais. Este proxecto será desenvolvido por un grupo de científicos liderado por Gonzalo Méndez, do departamento de Geociencias Mariñas e Ordenación do Territorio.
Finalmente, o terceiro proxecto seleccionado, dirixido por investigadores da Facultade de Filoloxía e Tradución (Fernando Ramallo, Susana Rodríguez e José María García), promove a formación teórica e metodolóxica, elaboración, aplicación e validación de materiais educativos no Programa de Educaçao Bilingüe de Mozambique.
O BNG esixe á Xunta alternativas para salvar Vulcano
O BNG levará de novo ao Parlamento autonómico unha pregunta á Xunta sobre o papel desempeñado na crise dos estaleiros Vulcano, anunciou este martes o deputado nacionalista galego Luís Bará. O representante do BNG explicou a súa preocupación pola situación que atravesa do estaleiro vigués tras reunirse con membros do comité de empresa.
Segundo Bará, a Xunta debería intervir “para poñer capital”, de modo que o estaleiro continúe a súa actividade como ata o de agora ou para, como tamén propuxo no seu momento o BNG, “estudar a posibilidade de construír aquí un centro de reparacións navais”.
Bará lamentou que en 2019, cando Vulcano tería que estar a celebrar o seu centenario, “esteamos a vivir unha especie de funeral, de intento de enterro do que foi un dos grandes emblemas da construción naval en Vigo”, e sinalou como responsables da crise á patronal e a Xunta de Galicia.
Para o BNG, a Xunta “chantaxeou” os traballadores pedíndolles “ese esforzo de traballar sen cobrar seis meses” para finalizar o ferry que tiña contratado a empresa, e despois “deixounos completamente abandonados” incumprindo os seus compromisos.
Respecto diso, o presidente do comité de empresa de Vulcano, Nicolás Sangabriel, indicou que os traballadores se senten “abandonados, á espera de que o xuíz dite un auto coa extinción dos contratos” laborais.
Sangabriel sinalou que os empregados pasan por unha situación de “incerteza” con “moitas preguntas sobre que vai pasar co estaleiro”.
Os 70 traballadores do estaleiro están “desesperados” e á espera de que alguén na Xunta se poña en contacto con eles, algo que de momento non sucedeu, apuntou.
Pola súa banda, o concelleiro do BNG Xabier Igrexas no Concello de Vigo, que tamén participou na reunión, anunciou a intención de promover unha iniciativa municipal para “defender o emprego e a necesidade de continuidade de Vulcano”.
Segundo Igrexas, “a falta de política industrial por parte da Xunta de Galicia do PP está a condenar á desertización industrial á cidade de Vigo e á comarca e, desde logo, está a poñer en xaque un sector, unha actividade, que para nós é estratéxica e fundamental”.
O comité de empresa de Vulcano leva todo o verán tratando de solicitar apoios institucionais para conseguir reverter unha situación que, segundo Igrexas, se nada cambia, “vai abocar ao peche e á desaparición dun estaleiro centenario na nosa cidade e na ría de Vigo”.
Vigo habilitará pavillóns para as persoas senteito que non acudan aos albergues
O goberno local de Vigo habilitará desde este luns pavillóns deportivos nos que acollerá as persoas senteito que non acudan ao albergue municipal ou ao dos Misioneiros dos Enfermos Pobres de Teis.
O alcalde, Abel Caballero, explica en declaracións distribuídas aos medios, que seguramente con dous pavillóns será suficiente, e que de forma adicional se ofrecerá a estas persoas custearlles unha habitación nun hostal.
“Non pode ser que haxa xente deambulando pola rúa porque non queiran ir aos albergues”, sostén Caballero, quen engade: “Non imos deixar a ninguén nesta cidade e nesta crise sen un lugar no que estar ata que superemos as dificultades”.
Xa o alcalde anunciou a semana pasada que solicitaría á Subdelegación do Goberno en Pontevedra que retire o permiso á acampada contra a pobreza instalada ante o Concello desde 2017 alegando igualmente razóns de saúde pública pola crise do coronavirus.
PECHE DE PARQUES E OUTRAS MEDIDAS
O comité de seguimento do Covid-19 desenvolvido polo Concello de Vigo acordou este domingo pechar ao público o parque de Castrelos, o recinto amurallado do parque do Castro, o paseo de Samil e todas as praias da cidade.
Os mercados municipais só poderán acoller no seu interior o aforamento que permita manter as distancias de seguridade. Os establecementos de alimentación ou similares deberán velar por que se respecten os protocolos en canto a aforamentos e colas. O Concello de Vigo contactou coas cadeas de alimentación para que extremen as normas que permitan manter as distancias de seguridade. Estas indicacións son de igual aplicación en panadarías e establecementos similares.
Durante os días laborables implementaranse os horarios que se prestan os domingos no transporte público de pasaxeiros. Agora ben, reforzaranse as frecuencias nas horas de entrada e de saída aos centros de traballo, así como das liñas que conectan co hospital Álvaro Cunqueiro.
Adicionalmente, limitarase o acceso ás dependencias do Concello ás visitas das oficinas de Benestar Social, Rexistro e Cemiterios, en todos os casos con cita previa. De resto, interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos administrativos municipais. O persoal do Concello acudirá ao seu posto de traballo de forma presencial só nos casos nos que resulte imprescindible. Quen realicen funcións que se non se poidan desempeñar a distancia deberá permanecer nos seus domicilios e a súa actividade quedará suspendida temporalmente.
Tanto a Policía Local como os Bombeiros estarán ao 100% da súa operatividade. No albergue ampliaranse os horarios de duchas e lavandaría e estableceranse tres quendas de comidas. Todas as auxiliares que prestan o servizo de axuda a domicilio dispoñen de luvas e máscaras. EFE
O Concello de Vigo apraza máis actividades e contrata persoal adicional para desinfección
O Concello de Vigo incrementou o número de actividades aprazadas como medida de prevención para evitar posibles contagios de coronavirus, e anunciou a contratación de persoal adicional externo para levar a cabo labores de desinfección.
Trasladouno en rolda de prensa Abel Caballero, quen informou de que o goberno local constituíu un comité de seguimento presidido por el mesmo, con varios concelleiros e o responsable da Policía Local, o interventor e outros responsables municipais, para facer un “seguimento permanente e intensivo” da situación.
Ademais, explicou que, ademais das restricións e medidas anunciadas nas últimas horas (reforzo de limpeza e desinfección en transporte público e centros educativos, e suspensión dalgúns eventos deportivos), contratarase a persoal externo adicional para traballar en limpeza e desinfección de todas as dependencias municipais. Inclúense o albergue, o centro CEDRO, os cemiterios e instalacións da Policía Local.
O rexedor confirmou tamén a suspensión de actividades de diversos programas municipais (de envellecemento activo, cursos de emprego, actividade dos centros cívicos, ou a actividade das escolas deportivas), e a dotación de dispensadores de xel desinfectante en escolas infantís, centros de primaria e institutos públicos.
No ámbito cultural, quedaron aprazados todos os concertos de corais, suspendeuse a actividade do Auditorio Mar de Vigo e do auditorio municipal. Paralizaranse tamén as ludotecas, bibliotecas e salas de estudos, tras coñecerse que a Xunta suspende as clases en centros educativos.
Tamén se aprazan as saídas do programa ‘Camiño a Camiño’, os cursos de voluntariado e actividades do departamento de normalización lingüística, así como as visitas escolares a Vigozoo; e farase especial seguimento dos usuarios dos servizos de teleasistencia e asistencia a domicilio (maioritariamente mulleres maiores que viven soas).
Finalmente, con respecto á festa da Reconquista, Abel Caballero confirmou que o Concello recomendou á organización “que retarde as contratacións”, aínda que “todas as cousas sinalan que se vai a suspender”.
Abel Caballero avogou por manter “a calma” e instou a todas as institucións a porse “a disposición” das autoridades sanitarias e “non discutir as súas decisións”. “O que estamos a facer con estas medidas é pór devasas”, afirmou.


