InicioSociedadeEstas son as tres propostas que fai a Xunta para iluminar Rande...

Estas son as tres propostas que fai a Xunta para iluminar Rande “nas que está implicado persoalmente Feijóo”

O Goberno central afea ao galego súa "deslealdade" por presentar as propostas cando asegura que non ten competencias.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Galicia instou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (antes Fomento), como titular da autoestrada AP-9, a que elixa unha das tres alternativas que lle remitiu hai semanas para a iluminación da ponte de Rande, de modo que a actuación se poida acometer “canto antes”.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidades, Ethel Vázquez, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixeron públicas este luns as tres propostas, deseñadas por tres empresas, e para cuxo financiamento (que debería correr a cargo da concesionaria Audasa, “pola súa propia imaxe”), ofreceron colaboración económica do goberno galego.

A primeira das opcións é a exposta pola empresa Biar Lighting, cun custo de 226.000 euros, e que suporía iluminar só os tirantes da ponte; a segunda opción, da empresa SETGA, ten dúas variantes: a iluminación só do taboleiro con 600 proxectores (cun custo de 650.000 euros) e a iluminación de taboleiro, tirantes e pilonos (cun custo de 1 millón de euros); e, finalmente, a empresa Signify (división de iluminación de Philips) propuxo a iluminación de taboleiro, pilonos e tirantes, cun control de cor e de escenas, cun custo de 500.000 euros.

A conselleira Ethel Vázquez lembrou que este proxecto para iluminar a ponte, no que “está implicado persoalmente” o presidente da Xunta (que o propuxo á concesionaria en 2017), permitirá pór en valor unha “icona reconocible”, un “símbolo” de Vigo e de Galicia e un “prodixio da enxeñaría” que recibiu múltiples recoñecementos.

Por iso, tanto a titular de Infraestruturas e Mobilidade, como o propio vicepresidente galego, Alfonso Rueda, instaron ao Goberno a elixir, xa que a execución da medida “só depende da decisión” do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

MALESTAR NO GOBERNO DE ESPAÑA

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) tachou de “improcedente” a presentación, por parte da Xunta de Galicia, das propostas para iluminar a AP-9 na ponte de Rande, xa que “non ten competencias” sobre ese viario “nin achega fondos para ese proxecto”.

O Ministerio lembrou que é “a única administración” competente para a promoción e autorización dese proxecto de iluminación ornamental, e cualificou como “sorprendente” que o Goberno galego “actuase con esa deslealdade e falta de respecto ao Goberno de España e á cidadanía, ao tentar situarse na presentación dun proxecto que lle é totalmente alleo“.

O departamento que dirixe o socialista José Luís Ábalos, puntualizou que a Xunta nin ten competencias nin achega fondos, polo que “o avance informativo que realizou considérase de todo punto improcedente e supón un intento de apropiación dun proxecto” deste departamento.

O Ministerio trasladou o seu “máximo interese” nesta actuación e avanzou que a Dirección Xeral de Estradas “está a analizar os aspectos técnicos da documentación presentada pola concesionaria Audasa”, xa que esa iluminación pode afectar a aspectos como a seguridade viaria e debe cumprir a normativa vixente.

“O obxectivo deste Ministerio é que, unha vez determinada a proposta máis conveniente desde o punto de vista técnico, se poidan atopar formas de financiamento da mesma que non supoñan unha carga para os cidadáns de Vigo”, reza o comunicado do Mitma.

Finalmente, criticou que a Xunta difundiu ” indebidamente” a información sobre as propostas de iluminación e pediu ao Goberno galego “que respecte as canles institucionais”, á vez que asegurou que informará á cidadanía “dos avances que se vaian producindo”.

AP-9

Ademais, a conselleira e o vicepresidente tamén se referiron a outras reclamacións relacionadas con esta autoestrada. Así, Alfonso Rueda lembrou que hai case dous anos que Sánchez é presidente do Goberno e deixou “esquecidas nun caixón” as demandas que antes sostiñan os socialistas, como a eliminación da peaxe en Redondela.

Alfonso Rueda sinalou tamén ao BNG, que presumiu de certos logros no acordo de investidura, e que non están a ter resposta por parte do PSOE. A ese respecto, apuntou que aínda non se constituíu a comisión de seguimento prometida, que non hai compromiso sobre a gratuidade da peaxe para os usuarios recorrentes e que, en definitiva, “o único que fixo o BNG foi asinar un papel que xa se está incumprindo”.

Pola súa banda, Ethel Vázquez, sinalou, a preguntas dos medios, que a denuncia interposta ante a Comisión Europea por parte da asociación En-Colectivo (que considera ilegais as prórrogas da concesión a Audasa) é o resultado do “malestar” crecente entre os cidadáns polo incremento das peaxes.

ÚLTIMAS

Unha concentración polo peche da antiga estación de buses esixe o reacollo das persoas sen fogar

O valado das instalacións da antiga estación de autobuses de Vigo, na Avenida de...

Falece un escalador de Vigo nunha montaña de León

Un escalador de Vigo faleceu tras sufrir unha caída en Pena Ubiña en San...

Trasladan ao hospital a cinco persoas intoxicadas por monóxido de carbono en Vigo

Cinco persoas dunha mesma familia foron trasladadas este sábado ao hospital tras resultar intoxicadas...

Excarceran a un condutor tras unha saída de vía en Redondela

Os servizos de emerxencias excarceraron a un condutor que se saíu da vía co...