InicioEconomíaO comité de Barreras insta á Xunta a "falar" con Havila e...

O comité de Barreras insta á Xunta a “falar” con Havila e Armas para “non deixar escapar a carga de traballo”

A administración pide esperar a coñecer a auditoría antes de avaliar unha solución

PUBLICADO O

O comité de Hijos de J. Barreras reclamou este xoves á Xunta de Galicia “que fale cos armadores” Havila e grupo Armas para “non deixar escapar a carga de traballo” e os encargos que teñen no estaleiro vigués, e insistiu en que a futura viabilidade da empresa (actualmente en proceso preconcursal e coa solicitude de disolución da sociedade presentada no xulgado Mercantil) pasa por preservar todos os seus proxectos.

Así o trasladaron fontes do comité tras a reunión celebrada en Santiago, con representantes do Igape e de XesGalicia, na que tamén estiveron presentes os secretarios comarcais de Industria de CC.OO., UGT e CIG.

Na reunión, tal e como avanzara pola mañá o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, os representantes da administración autonómica insistiron en que o apoio do Goberno galego ao estaleiro está condicionado a que se aclare a situación accionarial e se expoña un plan viable, de futuro e unha solución integral para preservar todos os proxectos de Barreras (e, por tanto, da industria auxiliar que participa neles).

Os representantes de Igape e XesGalicia incidiron en que non se pode perfilar unha folla de ruta ata non coñecer con detalle a situación económica da empresa, e apostaron por esperar a dispor do informe de auditoría que elabora Deloitte.

RETOMAR A ACTIVIDADE “CANTO ANTES”

Mentres, os representantes dos traballadores volveron reclamar ao Goberno galego “que non se poña de lado”, xa que ten transferidas as competencias en política industrial, e que tome medidas para retomar a actividade no estaleiro “canto antes”. Por iso, instaron á Xunta a mediar ante os armadores Havila e Armas para “non deixar escapar a carga de traballo”.

No entanto, o comité recoñece que, a día de hoxe, “segue sen aclararse” que vai pasar coa propiedade do estaleiro, e lamentaron os “bandazos” sobre posibles compras e vendas de accións. Así, con respecto ao suposto interese de Ritz Carlton (armador do cruceiro de luxo que se atopa na bancada do estaleiro, a piques de finalizarse) por facerse con Barreras, precisaron que “nunca dixo por escrito que non queira os outros proxectos”.

En calquera caso, o certo é que o maior estaleiro privado de España, cun persoal de 200 operarios e do que dependen outro mil traballadores, está en preconcurso e os prazos seguen avanzando.

Así, tras solicitar a disolución da sociedade (un trámite para gañar tempo e “minimizar posibles responsabilidades futuras”), as negociacións mantéñense coa vista posta no próximo mes de febreiro, momento en que se esgotará o prazo e, se non hai acordo sobre a propiedade (o accionista maioritario segue sendo PMI, filial da petroleira mexicana PEMEX, cun 51 % do estaleiro) e sobre a recapitalización, Barreras entrará en concurso.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

O Porto de Vigo segue batendo marcas

O Porto de Vigo pechou o primeiro trimestre do ano batendo a súa marca histórica de...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...