Inicio Blog Páxina 2018

Dispáranse os contaxios na área sanitaria de Vigo

0

Os contaxios de Covid-19 en Galicia subiron nas últimas 24 horas con 346 positivos confirmados por PCR, deles 81 na área sanitaria de Ourense, 68 na de Vigo e 60 na de Santiago.

Así consta nos datos actualizados na web da Consellería de Sanidade na mañá deste venres con datos das 18,00 horas do xoves, nos que se constata que a área sanitaria da Coruña rexistrou 57 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas; 31 na de Pontevedra; 30 na de Lugo e 19 na de Ferrol.

Os casos activos en Galicia aumentaron con respecto ao xoves en 111 e sitúanse en 4.680, con incrementos en todas as áreas, salvo na de Pontevedra. En concreto, a de Ourense rexistra 1.601 –nove máis que este xoves–; a da Coruña, 784 –14 máis–, a de Santiago, 660 –21 máis–; a de Vigo, 592 –58 máis–; a de Lugo ten 475 –oito máis–; a de Pontevedra, 401 –18 menos– e a de Ferrol rexistra 167 –19 máis–.

Ata a data curáronse en Galicia 22.788 persoas, o que supón 238 máis que as contabilizadas o xoves. E realizáronse 572.690 PCR fronte ás 566.061 contabilizadas ata este xoves.

FALECIDOS

A Comunidade galega rexistrou ata a data o falecemento de 808 persoas con Covid-19, o últimas cinco vítimas foron notificadas este mércores.

En concreto, trátase de tres mulleres de 83, 90 e 96 anos –esta última procedente da residencia Os Gozos de Pereiro de Aguiar– que permanecían ingresadas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Segundo os datos facilitados este xoves pola Consellería de Sanidade, tamén faleceu un home de 85 que recibía atención hospitalaria no CHUO; así como outro home de 85 anos que estaba ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti. Todos eles presentaban patoloxías previas.

Novo caso de violencia de xénero en Vigo

0

Un home de 38 anos, L.E.L.L., foi detido este luns ás 1,40 horas por un suposto delito de violencia de xénero contra a súa parella, unha muller de 24 anos, en Vigo.

Os feitos tiveron lugar na rúa Badaxoz cando, segundo precisou nun comunicado a Policía Local, os axentes deste corpo trasladáronse ao domicilio da parella tras ser contactados por un veciño que afirmaba que unha muller pedía auxilio.

Unha vez no edificio un home abriu a porta despois de que os axentes chamasen insistentemente. Alí, a muller, que presentaba signos de ser agredida, manifestou que pouco antes mantivera unha forte discusión coa súa parella durante a que el a atacou. Ademais, a moza, que convivía co presunto agresor, detallou que, tras escaparse del, refuxiouse nunha habitación.

Así mesmo, a presunta vítima afirmou que non era a primeira vez que estes feitos tiñan lugar e que o denunciaría. Mentres, tras recoñecer os feitos, o home foi detido.

A Xunta cede e publicará un mapa para consultar a incidencia do COVID19 por concellos

0

Asi o anunciu o presidente logo do encontro da Xunta coa FEGAMP onte en Santiago. A noticia chega logo das fortes críticas e presións da FEGAM, o sincidato de Xornalistas de Galicia e numerosos medios de comunicación, ante a total opacidade da Xunta á hora de facilitar os datos de xeito aberto como noutras comunidades.

De feito, Galicia xunto a Extremadura, eran as únicas comunidades que non ofrecían datos abertos sobre a evolución da pandemia.

A tal efecto, Feijóo explicou que se elaborarán dous mapas, un para os casos acumulados nos últimos 7 días e outro para os casos acumulados nos últimos 14 días, establecéndose os niveis de alerta –verde, amarelo, laranxa e vermello- segundo os concellos de menos de 50.000 habitantes e os de máis de 50.000.

Deste xeito, para os concellos de menos de 50.000 habitantes estableceranse as cores: verde para menos de 7 casos novos á semana; amarelo para entre 7 e 13 casos novos á semana; laranxa para entre 14 e 20 casos novos á semana; e vermello para máis de 20 casos novos á semana.

No caso dos concellos de máis de 50.000 habitantes, establecerase: o verde para os que teñan menos de 28 casos novos á semana por 100.000 habitantes; amarelo para entre 28 e 55 casos novos á semana por 100.000 habitantes; laranxa para entre 56 e 111 casos novos á semana por 100.000 habitantes; e vermello para máis de 111 casos novos á semana por 100.000 habitantes.

“Desta clasificación sairían dous mapas: un aos 7 días e outro aos 14 días, onde se indicarán con carácter xeral que concellos están nunha situación tranquila, cales avanzan cara a unha situación máis preocupante, cales están nunha situación máis comprometida e cales nunha situación que pode dar lugar a restricións”, engadiu Feijóo, precisando que esta información se fará pública na web da Consellería de Sanidade.

O que non desvelou a Xunta se o mapa permitirá consultar as crifras reais de contaxiados ou pola contra será só un sistema de código de cores, como o indicado.

Detidas tres persoas por roubar dúas motoserras e unha desbrozadora en Crecente

0

Un total de tres persoas foron detidas polo suposto furto de dous motosierras e unha desbrozadora en Crecente (Pontevedra), segundo precisou a Garda Civil nun comunicado.

En concreto, dous dos detidos proceden do municipio pontevedrés, mentres o terceiro é natural de Arbo. A investigación, que se levou a cabo tras unha denuncia interposta a finais do mes pasado, centrouse nun veciño que traballou para o denunciante coas ferramentas subtraídas durante a realización de traballos agrícolas e forestais.

O corpo de seguridade concluíu que o detido entregou as motoserras a un amigo, que tamén foi detido. Segundo a Garda Civil, o obxectivo era “vendelas en Vigo nun establecemento de compra venda de obxectos usados”.

Dous dos detidos, o que vendeu as motoserras en Vigo e o receptador, quedaron en liberdade unha vez instruídas as dilixencias, coa obrigación de comparecer no Xulgado cando sexan citados. Pola súa banda, o autor material do furto foi presentado ante o Xulgado de Instrución de Ponteareas, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.

Correctivo xudicial ao Concello de Vigo tras anular o xuíz os servizos mínimos na folga dos bombeiros de Vigo

O xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Vigo declarou nulo de pleno dereito o decreto de servizos mínimos aprobado polo goberno local da cidade olívica tras a convocatoria de folga indefinida dos bombeiros, por considerar que non se motivou e porque, ademais, eses servizos mínimos coinciden cos ordinarios, o que “baleira de contido” o exercicio dun dereito fundamental como é a folga.

Segundo se recolle na sentenza, tras a convocatoria da folga indefinida en agosto pasado por parte dos sindicatos CUT e CIG (que denuncian falta de persoal, imposición de horas extras e anulación de descansos), os xefes de servizo de bombeiros e de Seguridade propuxeron como servizos mínimos a presenza diaria do xefe de servizo en funcións e de 20 efectivos (13 no parque de Teis e 7 no de Balaídos).

Esta proposta foi aprobada na Mesa de Negociación Xeral, a pesar da oposición dos sindicatos e o 9 de agosto ditouse decreto por parte da Alcaldía no que se establecían eses servizos mínimos.

O xuíz indicou na súa resolución que, aínda que non é indispensable que haxa unha negociación co comité de folga, si que debe “motivarse” a resolución que establece os servizos mínimos, xa que “debe buscarse o xusto equilibrio entre a protección do interese da comunidade e a restrición imposta ao exercicio do dereito de folga”.

Nesa motivación, incide a sentenza, deben incluírse os factores ou criterios cuxa ponderación conduciu a determinar as prestacións mínimas establecidas” e, no caso do decreto dos servizos mínimos dos bombeiros de Vigo, “faise patente a ausencia total e absoluta de motivación”.

“BALEIRA DE CONTIDO O DEREITO DE FOLGA”

Por outra banda, o maxistrado tamén fai constar que os servizos mínimos decretados polo Concello correspóndense “xusto co servizo ordinario” establecido nun decreto de Xunta de Goberno de maio de 2010. “Isto é: como servizos míninos determináronse os que, de seu, son ordinarios”, apunta o xuíz.

A ese respecto, a sentenza faise eco doutra resolución do TSXG, que “resulta de plena aplicación” neste caso, para determinar que “unha xornada de folga non pode converterse precisamente na xustificación dese cento por cento, pois esta porcentaxe baleira de contido o dereito de folga” e, así, “o que se pretende é que este servizo se preste da forma habitual”.

Continúa a investigación do incendio da rúa Elduayen, orixinado na cociña da detida cando estaba soa

O incendio declarado este xoves nun edificio de Vigo, que obrigou a desaloxar aos veciños durante unhas dúas horas, orixinouse na vivenda, concretamente na cociña, da muller detida en relación con estes feitos, quen supostamente se atopaba soa no momento de iniciarse o lume.

Así o comunicou a Europa Press a Policía Nacional, que informou de que a muller, que ten 35 anos e é de orixe brasileira, continuaba a última hora da mañá deste xoves ingresada no hospital á espera da súa valoración psiquiátrica.

Estas mesmas fontes indicaron que tamén están pendentes dos resultados dun exame de tóxicos, para saber se a muller se atopaba baixo os efectos do alcol ou dalgunha outra sustancia cando ocorreron os feitos.

A muller permanece baixo custodia e en condición de detida, pois de acordo cos primeiros indicios (entre eles declaracións dos veciños á patrulla que acudiu ao lugar) puido ser “a que provoca o incendio”. No momento dos feitos a muller estaba soa e a súa parella estaba a traballar.

Así as cousas, os corpos de seguridade continúan traballando nas dilixencias, e a Policía Científica trata de determinar no lugar dos feitos a gravidade do acontecido. Ademais, espérase que os veciños e, de estar en condicións, a muller, presten declaración proximamente.

OS FEITOS

Os feitos ocorreron sobre as 6,50 horas deste xoves, cando un particular alertou ao CAE 112 Galicia de que ardía o piso dun veciño, no número 29 da rúa Elduayen. Até o lugar desprazáronse unha patrulla de Policía Local, que desaloxou aos veciños e cortou o tráfico na rúa para facilitar o acceso aos servizos de emerxencias, e tres dotacións de Bombeiros.

Segundo informou a Policía Local, o lume saía dun dos áticos do edificio (corresponde cun cuarto piso), que quedou “completamente calcinado”. Fontes de Bombeiros de Vigo indicaron que as chamas se produciron nunha bufarda antiga.

Así mesmo, o fume afectou a outros dous áticos e a un domicilio situado no piso de abaixo, e, “por precaución”, todos os veciños foron desaloxados e non puideron regresar ás súas vivendas durante unhas dúas horas.

No piso inferior ao ático atopábanse no momento dos feitos unha nai e a súa filla pequena, que se atopan entre os desaloxados e tiveron que ser atendidas por inhalación de fume polos sanitarios do 061, aínda que non foi necesario trasladar a ningunha delas a un centro hospitalario.

Convocada unha concentración contra a experimentación con animais en laboratorio

Unha iniciativa difundida por redes sociais convoca unha concentración para expresar o rexeitamento cara o uso de animais en laboratorios. O acto terá lugar en Vigo, fronte o Marco, este sábado ás 17.00h. O evento concócase despois de que saíse á luz un vídeo de Cruelty Free no que se confirmaban indicios de maltrato animal no laboratorio Vivotecnia. Ante os feitos, a Comunidade de Madrid suspendeu a actividade do laboratorio.

A concentración coincide co Día do animal de laboratorio, o 24 de abril, e con ela condenan a experimentación con animais, así como pretenden visibilizar as alternativas éticas existentes e as trabas económicas existentes para que se leven a cabo.

“As grandes empresas e corporacións seguen ofrecendo unha publicidade enganosa e son opacas para ocultar a horrible e cruel realidade que se realiza tras os seus muros”, conclúen os organizadores a través dun comunicado, sinalando que en Galicia tamén se atopan estas prácticas.

Jeison Murillo, novo xogador do Celta: “Sei o que significa este club”

O internacional colombiano Jeison Murillo sinalou este xoves, durante a súa presentación como novo futbolista do Celta de Vigo, que a súa “experiencia” pode axudar “a levantar un pouco” o conxunto vigués, inmerso na pelexa por eludir o descenso de categoría.

“Todos sabemos o momento no que está no equipo, o obxectivo agora mesmo é avanzar o máximo posible na clasificación. O equipo ten condicións e xogadores para facelo. A miña experiencia quizais axude a levantar un pouco, pero iso parte de que cada un achegue o seu gran de area”, declarou.

O defensa central reencontrarase no vestiario de Balaídos con Denis Suárez e Rafinha, e considera importante que lle dean a súa palabra de que vai “a un club onde hai compromiso e se fan as cousas ben”. Dixo que volver a LaLiga tras o seu paso pola Sampdoria é “un reto moi lindo”.

“Sei o que significa este club. É certo que había interese do Galatasaray, pero na miña mente había outras cousas que no persoal ían axudar bastante. Volver á Liga vénme moi ben”, indicou.

Definiuse como un futbolista “intuitivo” e “rápido”, destacou a súa capacidade para “estar ben posicionado” e non escondeu a importancia de coñecer o idioma.

“Son un xogador que trata de facer as cousas o mellor posible, facer mellor ao compañeiro e teño unhas características físicas que me axudan bastante na miña posición. Tento falar dentro do campo, teño rapidez e intento estar ben posicionado”, comentou.

Condenado a máis de 25 anos de prisión por violar e atar e golpear a súa dona

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a penas que suman 25 anos e 7 meses de prisión a un home por agredir sexualmente e maltratar de forma habitual á súa parella, coa que convivía nun domicilio de Vigo.

O tribunal considera probado que o acusado, que ten unha filla en común coa vítima, é autor dun delito continuado de agresión sexual, un delito de lesións contra a muller, un delito de malos tratos habituais no ámbito da violencia de xénero, un delito de detención ilegal e un delito de revelación de segredos.

Segundo a sentenza, a Audiencia considera probado que o home insultaba e menosprezaba a súa parella de forma constante, especialmente desde que naceu a filla de ambos, cuestionando o seu aspecto físico ou a súa capacidade como nai. Así mesmo, sinala na súa resolución que o acusado controlaba a forma de vestir da vítima, as persoas coas que se relacionaba e mesmo cando podía ver a televisión.

No marco desa relación de control, o home impedía á súa parella que se relacionase coa súa familia, e mesmo cortou a relación da filla de ambos coa familia materna, que apenas coñecía á menor.

Entre os feitos que considera probados, sinala que, un día de febreiro de 2018, cando a muller regresou a casa tras celebrar os seus aniversarios cunhas amigas, o acusado pechoulle a porta (a muller non dispuña de chaves) e impediulle entrar na vivenda, obrigando á vítima a pasar a noite nunha furgoneta que tiñan na leira.

AGRESIÓN SEXUAL

Así mesmo, en outubro de 2019, unha noite o acusado esperou a que a súa muller chegase de traballar e, coa escusa de que necesitaba axuda para cargar uns mobles que había no taller de carpintaría que tiñan na vivenda, encerrouna no taller.

Unha vez pechada a porta, instouna a explicarlle quen era un home que figuraba entre os contactos do seu teléfono móbil e, aínda que ela dixo que non era ninguén, a súa parella propinoulle unha labazada e comezou a golpeala coa man e cunha corda por todo o corpo, mentres a insultaba. Ademais, o acusado atoulle as mans e as pernas e díxolle que ía durmir “como un can” no taller.

A Audiencia sinala que, nese “marco de humillación e temor”, o acusado espiuna de cintura para abaixo e fíxolle fotos, que logo enviou ao contacto polo que lle preguntou (e que foi precisamente a persoa que, ao recibir as fotografías, avisou á Policía), e que a agrediu sexualmente.

A muller foi rescatada horas despois pola Policía e, aínda que inicialmente non quixo denunciar a situación polo medo que tiña ao acusado, por temor a perder a custodia da súa filla, e por ter as súas capacidades totalmente anuladas, acabou por relatar no xuízo o ocorrido. De feito, o tribunal destacou na súa resolución que o seu testemuño foi “contundente, sincero e convincente”, realizado sen ánimo espúreo.

Ribera Salud asume a xestión do Hospital Povisa

Ribera Salud, cuxo accionista maioritario é o grupo estadounidense Centene Corporation, asumiu este martes a xestión do Hospital Povisa de Vigo tras percibir as autorizacións administrativas correspondentes.

Tal e como trasladou o hospital da cidade olívica nun comunicado, así, o grupo sanitario formalizou a adquisición do 93 por cento do accionariado, que correspondía ao grupo Nosa Terra XXI.

Deste xeito, Ribera Salud aspira a “diversificar” o seu campo de actividade mediante a súa inserción no maior hospital privado de Galicia, que conta con 573 camas e 1.500 profesionais.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed