Inicio Blog Páxina 1964

Povisa responsabiliza o SERGAS do futuro do hospital e non aclara a situación dos traballadores

O gabinete de comunicación de Povisa vén de enviar aos medios de comunicación un comunicado no que avanza que a dirección do centro sanitario mantivo unha reunión cos responsables da concellería de Sanidade e do SERGAS co obxectivo de atopar unha solución ao conflito que estalou este venres co anuncio da entrada en preconcurso de acredores.

No devandito comunicado, Povisa incide en que está a atravesar unha “complexa situación financeira”, pese a que pertence a un holding empresarial que vén de duplicar en 2017 os seus beneficios, a falta de coñecer os datos de 2018.

Ademais, acusan o SERGAS como único culpable: “A complexa situación financeira na que se atopa o hospital, derivada das perdas xeradas polo concerto co SERGAS, en vigor desde 2014″, que contou con varios ascensos e actualizacións, en contraste co convenio laboral, “conxelado” desde 2010.

Por último, e o máis importante, non deixaron clara a situación dos traballadores, as súas nóminas nin tan sequera o futuro do centro: “Confíase en que as negociacións alcancen unha solución que despexe o futuro do hospital e, por extensión, o dos seus 1.500 traballadores”, selaron.

Na reunión, o Sergas demandoulle ao centro hospitalario unha ampliación de documentación sobre a situación financeira na que basean a convocatoria do preconcurso, e instounos a garantir o pago das nóminas ao persoal do centro.

A Administración sanitaria asegura que desde que se asinou o concerto ven cumprindo, e así o seguirá facendo puntualmente, coas liquidacións mensuais que prevé o concerto para unha poboación máxima de 139.000 habitantes.

O concerto prevé un pago capitativo de 540 € por habitante a percibir por Povisa, de acordo coas prestacións que inclúe a súa carteira sanitaria para os pacientes que optan por recibir atención nese centro sanitario.

“En ningún caso, as circunstancias financeiras de Povisa poden ser atribuídas ao concerto actualmente en vigor”, defenden desde a administración.

Científicos vigueses datan as primeiras alteracións dos sedimentos das rías galegas pola acción do home

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM), dirixiu un estudo para indagar nas primeiras pegadas do Antropoceno, unha nova era xeolóxica, en Galicia.

A investigación realizouse a partir da análise de sedimentos de tres rías galegas -Ares, Betanzos e Cedeira- e os resultados, que se comezaron a presentar en revistas científicas do JCI como Estuarine, Coastal and Shelf Science, relevan que estas primeiras pegadas datan nos tres casos de mediados do século XX.

En 2016, o Antropoceno foi proposto como unha nova era na cal o ser humano se converteu nun factor global que afecta a todos os ecosistemas. “Os sedimentos nas zonas internas de ríalas galegas gardan memoria do que acontece nas súas cuncas e conteñen información de cando os procesos naturais se mesturan cos xerados pola actividade humana”, explica Ricardo Prego, profesor de investigación no CSIC e
xefe do Grupo de Biogeoquímica Mariña do IIM.

Neste contexto, o citado grupo de investigación do CSIC deseñou un estudo pioneiro
para coñecer o estado das rías galegas, co fin último de avaliar e observar se os signos da pegada do Antropoceno estaban presentes en sedimentos galegos e desde cando.

Industrialización / Photopin

O estudo contou coa colaboración de persoal de dous grupos de investigación da Universidade de Vigo -Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental-, un do Instituto Portugués do Mar e a Atmosfera, do Laboratorio de Radiacións Ionizantes (Universidade de Salamanca) e outro do Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Medioambiental (Universidade de Oporto).

A metodoloxía empregada para levar a cabo o estudo incluíu recollida de mostras de sedimentos en zonas con baixas poboacións e baixas taxas de industrialización nas rías de Ares, Betanzos e Cedeira para a súa posterior análise nos laboratorios do IIM (Vigo).

“As zonas internas das rías, onde a influencia fluvial é maior, son idóneas para buscar pegadas antropoxénicas e dispoñer así dun rexistro histórico do que ocorreu durante o último século. Poderíase dicir que os seus sedimentos teñen memoria, sempre que non sexan removidos, do impacto humano na contorna”, explica Ricardo Prego.

Engade ademais que a partir de mediados do século XX “moitos estuarios mariños en todo o planeta son afectados polo aumento de poboación e industria”. Os investigadores interpretan que na ría de Ares o principal impacto antropoxénico xorde coa construción dos embalses no río Eume,e só as partículas máis finas chegan á ría, pero o fluxo de metais duplícase; na de Betanzos obsérvase o impacto da construción da ponte do Pedrido, o aumento do trafico rodado e unha crecente urbanización, sendo o resultado unha taxa de sedimentación multiplicada por catro; e na Cedeira mostra a transición dunha cunca agrícola a madeireira pola maior chegada de materia orgánica a ría.

O estudo dos tres casos serviu para confirmar que a era do Antropoceno, a espera
de ser formalmente definida, tería o seu reflexo en Galicia, datado nos sedimentos mariños de mediados do século XX, coincidindo co desenvolvemento posterior á Guerra Civil española.

Inaugúrase en Redondela “A Criminalización do Pensamento”, unha exposición censurada por “incitar ao odio dos Corpos de Seguridade”

Varias ducias de veciños e veciñas de Redondela  asitiron ao acto de inauguración da
exposición “A Criminalización do Pensamento”, no seu momento secuestrada polo goberno de Javier Bas.

Dende o Coleitivo Republicano agradeceron as diversas mostras de apoio, pero
especialmente destacaron “a valentía da organización nacionalista por accederen a
expoñer a selección de fotografías de temáticas reivindicativa e social”.

Por parte do BNG, o seu concelleiro, Xoán Carlos González salientou “como obriga
democrática que a xente puidera ver e contemplar os contidos desta exposición, que
únicamente se refiren a feitos reais e constatabeis”.

Aludíu á necesidade de “non terlle medo a defender as ideas, e expresalas por vías democráticas”. Responsabilizou ao alcalde de Redondela, Javier Bas, “por teren iniciado esta situación, inédita en Redondela, de censurar unha exposición”.

Pola súa banda o parlamentario Luís Bará, considerou que o acto en si xa representaba
unha anomalía democrática. Recordou o simbolismo que supuxo “ter rachado a fotografía
do rei, no Parlamento Galego, como mostra de que o propio Tribunal Europeo de Dereitos
Humáns, consideraba esta acción como un exercico da liberdade de expresión”.

Pola súa banda, a secretería provincial da Unión Federal da Policía criticou esta exposición, posto que consideran que fomenta o odio contra eles, e non descartan comunicalo á oficina nacional de loita contra os delitos de odio da Dirección Xeral da Policía se as pezas finais da mostra constitúen unha incitación a este.

Os comentarios dalgunhas das persoas que puideron visitar a mostra, “foi de
incredulidade, e estupor posto que consideraron maioritariamente, que as fotografías
seleccionadas cinguíanse a feitos reais”. Esta exposición manterase durante as vindeiras dúas semanas no local do Bloque Nacionalista Galego en Redondela, en horario de 19 a 21h.

Aprazan a vista contra o funcionario vigués que supostamente ‘enchufou’ á cuñada de Carmela Silva

A sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo, suspendeu o xuízo previsto para os días 15 e 16 de maio contra o funcionario do Concello de Vigo, F.J.G.O., e o xerente da empresa Imesapi, R.C.A., ao confirmarse que non poderá presentarse un dos avogados.

En concreto, este letrado ten unha citación para comparecer nun xulgado situado noutro punto da xeografía española, polo que a Audiencia Provincial acordou aprazar a vista oral e volver sinalala “seguindo a orde correspondente da axenda xudicial”.

Os dous homes son acusados pola Fiscalía polos delitos de prevaricación, malversación e falsidade documental. Así, o Ministerio público considera que este funcionario, xefe do departamento de Participación Cidadá, “ideou un plan” para dar traballo a V.F.B., “muller moi afín a un membro do goberno local”.

Sostén, desta forma, que F.J.G.O. requiriu a Imesapi para que empregase a esta persona, a pesar de que esta empresa (concesionaria dos servizos de atención e conserjería nos centros cívicos municipais) non necesitaba máis persoal.

Para que Imesapi pagase o salario a esta persona, “ambos os acusados idearon un plan” polo que a empresa facturaba ao Concello diversas cantidades a través do “uso fraudulento” do procedemento de contratos menores, para a realización dunhas enquisas de calidade.

Segundo a Fiscalía, esas enquisas foron realizadas, aínda que non pola empresa, a pesar do cal, Imesapi elaborou as facturas de forma “mendaz” e cobrounas. Este procedemento iniciouse por mor dunha denuncia do colectivo Xuntos por Galicia.

PENAS

A acusación pública considera, por estes feitos, que F.J.G.O. incorreu nos delitos de prevaricación, malversación e falsidade en documento mercantil. Polo primeiro deles, pide que sexa condenado a 10 anos de inhabilitación; polo segundo, reclama unha pena de 5 anos de cárcere e 20 anos de inhabilitación absoluta; e pola falsidade documental, pide a condena de tres anos de prisión e multa de 10.800 euros.

Ademais, entende que R.C.A., é cooperador necesario nos delitos de malversación e falsidade, e pide que sexa condenado a 4 anos de prisión e inhabilitación absoluta durante 20 anos polo delito de malversación; e tres anos de prisión e 10.800 euros de multa polo delito de falsidade documental. Tamén reclama que ambos os acusados indemnicen ao Concello en 108.147,22 euros, polo custo das enquisas facturadas.

INSTRUCIÓN E ARQUIVO

Durante a instrución desta causa, foron investigados tanto os dous acusados como a propia V.F.B.; o concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor Rodríguez; os interventores municipais L.G.A. e J.R.G.C.; e un apoderado de Imesapi, J.A.M.B.

O xulgado decretou o arquivo desta causa, primeiro con respecto aos interventores e, posteriormente, con respecto á cuñada de Silva, ao concelleiro e ao apoderado da concesionaria.

En referencia ao edil de Participación Cidadá, a maxistrada sinalou que non resultaba acreditado que tivese coñecemento dos feitos supostamente delituosos. Do mesmo xeito, decretou o sobresemento con respecto ao apoderado de Imesapi, porque este non tiña poder de decisión sobre as contratacións de persoal na empresa.

En canto á cuñada de Carmela Silva, a titular do xulgado de instrución número 7 de Vigo decretou o arquivo da causa pola prescrición do suposto delito polo que era investigada (tráfico de influencias). No entanto, no seu auto, a xuíza indicaba que “resulta indiciariamente acreditado” que V.F.B. pediu emprego a F.J.G.O. “prevaléndose da súa relación de parentesco” coa concelleira Silva.

Vigo impulsa un “mapa da soidade” para detectar e asistir a persoas maiores en situación de vulnerabilidade

O Concello de Vigo elaborará un estudo para desenvolver un plan estratéxico que permita detectar situacións de vulnerabilidade en persoas maiores que residen soas na cidade e coñecer as súas necesidades. Así o avanzou este venres en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, que detallou que a xunta de goberno aprobou destinar 85.000 euros á elaboración de “un mapa da soidade” de persoas maiores na cidade.

O Concello impulsará un plan para detectar situacións de vulnerabilidade en maiores que residen sós en Vigo

Neste sentido, detallou que o Concello elaborará o Plan estratéxico de atención ás persoas maiores de Vigo, que representará o primeiro destas características a nivel autonómico. Deste xeito, analizarase a situación socioeconómica deste colectivo, ademais da súa saúde e as súas condicións de vida.

Para iso, entrevistarase a case 4.000 persoas co obxectivo de coñecer o volume das que residen soas e detectar posibles situacións de vulnerabilidade. Tamén se buscan unha detección precoz de problemas e o establecemento dunha asistencia inmediata mediante servizos e programas municipais como a teleasistencia, os coidadores de barrio e as prestacións económicas, entre outras.

O rexedor olívico indicou que a través do plan poderanse desenvolver programas de envellecemento activo que favorecerán a relación social dos maiores, así como accións de intervención temperá de servizos sociais fronte a situacións de vulnerabilidade social, económica ou de saúde.

De acordo con datos recollidos o pasado mes de agosto no padrón municipal, un total de 69.954 vigueses contan con máis de 65 anos, o que representa un 23,45% da poboación da cidade. Ademais, o 59,2% destas persoas son mulleres. Así mesmo, un total de 193 persoas residentes na cidade superan os 100 anos e 101 delas viven soas.

Stellantis suspenderá parte da súa produción a próxima semana

0

A factoría do grupo Stellantis (antes PSA Peugeot Citroën) de Vigo prevé volver suspender parte da súa actividade a próxima semana, ao persistir os problemas de aprovisionamento pola falta de compoñentes con semiconductores (‘microchips’).

Segundo trasladou a dirección da planta aos traballadores, “por causa de forza maior” quedará suspendida a produción no sistema 2, que monta monovolúmenes e furgonetas, a partir do luns ás 6,00 horas. A previsión é que a actividade se poida renovar na quenda de mañá do xoves.

As paradas de produción na factoría viguesa veñen repetindo desde hai meses por problemas de aprovisionamento e, de feito, desde que o persoal volveu das vacacións de verán, o sistema 2 estivo sen actividade 15 días (aos que se sumarán os da próxima semana), mentres que o sistema 1, que monta os Peugeot 2008, Peugeot 301 e C-Elysée, suspendeu a súa produción 4 días.

A quinta onda avanza en Vigo: duplícanse os contaxios rexistrados e sobe a presión hospitalaria

Os datos feitos públicos pola Consellería de Sanidade este mércores (e que se corresponden con información solicitada ata as 18,00 horas do martes) reflicten unha repunta nos contaxios de Covid-19 en Galicia, con crecemento en todas as áreas, especialmente na de Vigo, onde os novos casos detectados son máis do dobre que os do día anterior.

Así, nas últimas horas rexistráronse en Galicia 597 contaxios (fronte aos 404 detectados 24 horas antes), aínda que o número total de casos activos descendeu, de 13.076 a 12.730 (346 casos activos menos). Por áreas, o maior incremento no número de contaxios rexistrouse na área sanitaria de Vigo, onde hai 143 persoas contaxiadas máis por Covid, e onde os novos casos detectados son máis do dobre da xornada anterior (este martes notificáronse 62 novos contaxiados).

O número de casos activos (persoas que padecen a infección) descendeu no cómputo global, e tan só a área de Lugo rexistrou un leve ascenso. A área con máis casos activos de Covid é A Coruña, con 4.029 (188 menos que hai 24 horas); séguelle Vigo con 3.134 casos (58 menos); a área de Lugo ten 1.344 (14 máis); na área de Pontevedra hai notificados 1.295 casos (56 menos); en Santiago son 1.259 os casos activos (31 menos); en Ferrol hai 878 casos (21 menos); e en Ourense hai 791 casos (6 menos).

PRESIÓN HOSPITALARÍA

Con respecto á presión hospitalaria, nas últimas 24 horas non se produciron variacións substanciais. Así, mantéñense 63 persoas ingresadas en Unidades de Coidados Intensivos de hospitais galegos: 21 na Coruña, 10 en Vigo (2 máis), 10 en Ferrol (un máis), 7 en Lugo (un menos), 6 en Ourense (un menos), 5 en Santiago, e 4 en Pontevedra (un menos).

Nas unidades convencionais de hospitalización hai 259 persoas ingresadas, o que supón 4 menos que a xornada precedente: 73 ingresados en ‘planta’ na Coruña; 62 na área de Vigo (+3); 30 en Lugo; 30 en Santiago (dous menos); 28 en Pontevedra (tres menos); 25 ingreados en ‘planta’ en Ourense (tres menos); e 11 na área de Ferrol (un máis).

Sanidade pide que Galicia avance á fase 3 o luns. Vigo suma un novo paciente en UCI

0

A Consellería de Sanidade demandou ao Ministerio de Sanidade que “todo o territorio de Galicia” avance o luns 8 de xuño á fase 3 por presentar “condicións adecuadas epidemiolóxicas” e insiste na mobilidade interprovincial en toda a Comunidade galega.

Así o explicou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nunha rolda de prensa telemática este martes para informar da proposta trasladada na tarde do luns ao Ministerio de Sanidade sobre as capacidades estratéxicas sanitarias da Comunidade galega para acceder á fase 3 da desescalada.

Almuiña insistiu nestes dous aspectos –cambio de fase de toda a Comunidade galega e mobilidade no catro provincias– recollidos na proposta de Galicia, composta por unha carta e un documento de 159 páxinas remitida ao Ministerio, para que poidan contestar nos próximos días, tras unha “boa evolución en todo o territorio galego cunha tendencia descendente en todas as provincias”.

“Cando pasadomañá (xoves, 2 de xuño) vanse cumprir tres meses do diagnóstico do primeiro caso en Galicia o total de afectados é de 11.314 persoas”, afirmou, para destacar que non se rexistrou “ningún caso nos últimos dous días” e Galicia sitúase como segunda comunidade con menor taxa de letalidade (6,67) tras Canarias (6,49).

O documento, incidiu o conselleiro, “mostra as capacidades da Comunidade Autónoma para afrontar a epidemia” e destacou que se realizaron 319.109 probas, das cales unhas 144.000 son PCR e 174.000 test serológicos”. Desde o 11 de maio cando comezou o novo sistema, a Atención Primaria solicitou 8.761 PCR que se realizaron en menos de 24 horas e consolídase a central de seguimento de contactos”, valorou.

Vigo suma un novo paciente en UCI

O ingreso dun paciente na UCI do hospital vigués Povisa incrementou ata 3 o número de persoas con COVID que se atopan en áreas de coidados críticos de hospitais galegos, segundo os datos trasladados este martes pola Consellería de Sanidade.

Así, na área sanitaria de Vigo, que non tiña pacientes en UCI hai un día (por primeira vez desde o inicio en grao sumo duro da pandemia), este martes rexístrase un paciente na UCI do hospital Povisa. Ademais, hai 6 persoas ingresadas en unidades de hospitalización convencional (4 en Povisa e 2 no Hospital Álvaro Cunqueiro), 254 casos en seguimento domiciliario, e déronse 1.877 altas epidemiolóxicas.

Os datos de pacientes activos na área de Vígo sitúan a área sanitaria a cifras do pasado 23 de Marzo, pero de momento non anteriores aos datos do decreto da alarma sanitaria.

As embarazadas da área sanitaria de Vigo dispoñen dun número de teléfono para consultar dúbidas

A área sanitaria de Vigo activou un número de teléfono para que as embarazadas desa zona poidan consultar as súas inquietudes e dúbidas con especialistas en xinecoloxía e obstetricia.

O número que se habilitou é o 648 934 070, que estará operativo de luns a venres en horario de mañá e tarde, de 09:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.

Esta medida pretende atender a un dos “colectivos máis vulnerables que presentan moitos medos e dúbidas e que, por tanto, requiren unha maior atención e sensibilidade”, explicou nun comunicado o xefe de obstetricia e xinecoloxía desta área, Carlos López Ramón y Cajal.

ACUDIR A URXENCIAS ANTE OS PRIMEIROS SÍNTOMAS

A iniciativa pretende “axudar” ás xestantes a que se sintan “ben coidadas e seguras, estean tranquilas e tenten gozar, na medida do posible, do seu proceso de embarazo”. Por tanto, o médico suxeriu tres recomendacións a todas as mulleres que se atopen neste proceso: achegarse a urxencias ante os primeiros síntomas, realizar exercicios sinxelos físicos de circulación e evitar o sedentarismo, así como utilizar estes servizos para aclarar “calquera dúbida ou inquietude”.

De feito, Carlos López fixo fincapé na idea de que as embarazadas deben achegarse a urxencias se o necesitan, xa que existen “circuítos específicos e diferenciados para a asistencia obstétrica que garanten a calidade e seguridade da atención”, e “non hai motivo que xustifique ningún temor”.

O especialista explicou que os últimos datos rexistrado reflicten a caída de pacientes atendidas en urxencias obstétricas, polo que incide en que “non deben esperar e é importante que acudan” a este servizo “ante os primeiros síntomas”.

PARTOS CON ACOMPAÑANTE

Ademais, o servizo desta área quere lanzar unha “mensaxe de tranquilidade” xa que, a pesar da situación sanitaria actual, nos partos as mulleres poderán estar acompañadas por un familiar, como ata agora.

O único que se limitou é a concorrencia de varios familiares e acompañantes para evitar “concentracións de persoas” nas salas de espera. Desde que empezou o estado de alarma, o Álvaro Cunqueiro atendeu dous partos nos que as nais deran positivo ao virus, pero os seus bebés naceron sans e evolucionan favorablemente.

O concello vigués contratará un servizo aéreo para inspeccionar limpeza de franxas secundarias

O Concello de Vigo contratará un servizo de inspección aérea, vía satélite, para supervisar a limpeza das chamadas franxas secundarias, un espazo de 50 metros ao redor das edificacións en zonas forestais, e que deben permanecer limpas no marco do plan de prevención e defensa contra incendios.

O alcalde, Abel Caballero, explicou que ese plan de prevención foi aprobado inicialmente este xoves en Xunta de Goberno, e que será trasladado á Consellería de Medio Rural, antes da aprobación inicial e entrada en vigor.

O plan establece a obrigación dos propietarios de manter limpa esa franxa de 50 metros, así como o establecemento doutro espazo de 400 metros, chamada ‘zona de influencia’, na que tamén deben aplicarse outras medidas, aínda que menos esixentes.

Para comprobar o cumprimento desta obrigación, o Concello contratará un servizo de inspección aérea vía satélite. No caso de que os propietarios non limpen as franxas, farao de forma subsidiaria o consistorio, que repercutirá posteriormente o gasto aos particulares.

Caballero explicou que o plan afecta, en Vigo, a 34.083 leiras, que suman case 2.000 hectáreas, e das que a gran maioría (31.156 leiras) son rústicas, mentres que 2.927 son urbanas.

ANEL VERDE

Por outra banda, o rexedor explicou que, paralelamente a este plan, ao que obriga a Xunta de Galicia, o Concello segue tramitando o seu proxecto de ‘anel verde’, un espazo vexetal de 50 quilómetros ao redor da cidade, separando a zona urbana dos montes vigueses.

Este ‘anel’ terá 100 metros de ancho, con biomasa resistente ao lume, e un trazado ao longo do perímetro para permitir a circulación a vehículos de emerxencia e de extinción de incendios.

O proxecto, que ten un horizonte de desenvolvemento “de 20 anos”, financiarase con fondos municipais. “Aprendemos moito daqueles incendios de outubro de 2017, e facemos todo o posible para que non se volvan a repetir”, proclamou o alcalde de Vigo.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed