A crítica política á entrada en preconcurso de acredores do hospital Povisa de Vigo non tardou en chegar. Sendo este un centro privado, deixou parte dos seus recursos e instalacións en mans públicas pola sinatura anual dun concerto co SERGAS que recoñece e cuantifica este aluguer, o cal supón unha cifra millonaria para o conxunto dos galegos.
Pero de súpeto a dirección de Povisa culpa á sanidade pública de tódalas súas perdas, que “estiman” en 42 millóns de euros, tras esgotarse o seu fondo de reserva, aseguran, aínda que políticos e sindicatos xa advertiron de que se trata dunha “manobra de presión” para mellorar as condicións de devandito contrato, posto que o grupo empresarial ao que pertence Povisa duplicou beneficios en 2017 e o seu dono veu este mesmo ano como o seu patrimonio persoal neto acadaba os 310 millóns de euros.
Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou que o hospital estea “chantaxeando ao país” cun “conto repetido”. En rolda de prensa, Pontón responsabilizou aos populares, polo “deseño” da área sanitaria viguesa, onde, segundo apuntou, “algunhas especialidades” só se ofrecen na sanidade privada e o Meixoeiro está “infrautilizado”.
Povisa/ Miguel Núñez
Neste contexto, criticou que “a empresa está chantaxeando a este país, utilizando como reféns aos pacientes e aos traballadores” do hospital. A Xunta “non pode ceder” ante unha compañía que “duplicou beneficios en 2017” e cuxo dono é “un dos homes máis ricos do Estado español”, sentenciou.
O Bloque, xunto ao resto de grupos da oposición, reclamará que compareza “urxentemente” no Parlamento o conselleiro de Sanidade e que “haxa transparencia”, segundo destacou a portavoz dos nacionalistas.
O Concello de Arbo aprobou por unanimidade no pleno do pasado 24 de setembro a solicitude de declaración da Festa da Lamprea Seca como Festa de Interese Turístico de Galicia, coa presentación ante a Xunta dunha memoria e informes que xustifiquen dita condición.
Ambos grupos políticos (Partido Popular e Agrelar) puxeron de manifiesto que la lamprea e o sinal de Identidade de Arbo e polo que se nos coñece a nivel autonomico, nacional e internacional.
Festa da Lamprea/ Concello de Arbo
O organismo autonómico, a través de Turismo de Galicia, deberá agora estudar todos os informes presentados polo Concello para dar o visto bo a esta solicitude. O alcalde de Arbo, Horacio Gil, afirmou que “é unha gran alegría para nós e tamén unha enorme satisfacción poder optar a este recoñecemento dunha festa que contribúe a desestacionalizar o consumo de lamprea e que vai xa pola súa XXIII edición”.
Lamprea/ Concello de Arbo
Gil recalcou tamén o intenso traballo levado a cabo polo Concello, xuntando papeis e documentos, para argumentar a solicitude, afirmando tamén que “é unha distinción non só para Arbo senón tamén para todos os seus paisanos, os restaurantes e as adegas que
participan cada ano na Carballeira de Turbela”.
Lamprea cocinada/ Concello de Arbo
Neste sentido, apuntou que o condecoración será “un aliciente máis para seguir mellorando a nosa festa e actos co obxectivo de que sexa cada vez mellor e recibamos máis visitantes probando a mellor Lamprea e o mellor Viño”.
O alcalde tamén agradeceu o esforzo e dedicación de todos os que fixeron e posibilitaron que o festival da lamprea tivera cada ano un maior fluxo de visitantes.
Os servizos humanitarios prestados pola Policía Local de Vigo a persoas de idade avanzada están a converterse en algo habitual, “un clásico que chegou presumiblemente para quedarse, ou iso indican polo menos os estudos estatísticos, cada día máis persoas viven soas”, defenden dende a Policía.
De tal xeito, este martes, ás 07:40 horas, axentes da Policía Local foron comisionados pola Central para que se trasladasen a un domicilio da Travesía de Vigo, onde ao parecer unha muller de avanzada idade, caeuse e non podía levantarse. A alerta á Policía partía do servizo de urxencias 112, a quen lle chegou o aviso a través dun dispositivo que ten a anciá, de 87 anos.
Os Axentes confirmaron que a muller estaba no interior da súa casa, consciente, pero incapaz de levantase por si mesma. Unha veciña que a asiste a diario abriu a porta, e a anciá foi atendida polos servizos de urxencia sanitaria, e en principio, non parecía presentar
lesións.
Un grupo de deputadas de En Marea reuniuse cos integrantes da plataforma de afectados pola explosión da pirotecnia de Paramos, no Concello de Tui. Na reunión, os veciños agrupados na plataforma sinalaron os principais defectos das axudas anunciadas pola Xunta para os afectados.
Os veciños consideran que as axudas por vivendas “son claramente insuficentes, posto que as cantidades máximas estipuladas nas axudas non chegan para reconstruír ou facer as casas de nova planta”.
A plataforma veciñal de afectados explicou as carencias nas axudas, unhas carencias que irían “desde a atención única e coordinada por parte dos distintos departamentos da Xunta ata a maneira en que se valoran as vivendas e a súa recuperación e tope máximo de axudas que está disposta a aboar o goberno autonómico”.
Xuntanza entre En Marea e os afectados pola explosión / En Marea
Fronte a esta situación, Luís Villares sinalou que En Marea presentará no Parlamento de Galicia unha serie de medidas “para facilitar a recuperación da vida dos veciños de Paramos tal e como a tiñan antes da explosición”.
Nesta lista de propostas de En Marea figuran a ampliación dos máximos de axudas “ata ter en conta unha cantidade menor de restriccións nos requisitos para a solicitude”. No mesmo sentido de facilitar o acceso dos veciños ás axudas, entre as propostas deste partido tamén figurará “un sistema que facilite a tramitacións das axudas e que evite que os veciños teñan que duplicar trámites en distintas administracións“.
C. M., veciña de Tui, que prefire manterse no anonimato por temor a represalias, asegura que en Paramos xa se coñecía da existencia de explosivos, pero tapábase: “Non estou a inventar nada: se teño que ir a un xulgado, vou. Teño medo a dar a cara a non ser que sexa diante dun xuíz. E se a outra xente ten medo a contar, imaxinarvos eu. Tui está podre”, lamenta.
A muller asegura que “non fixeron nada porque tapábanse entre eles. A xente sabía o dos explosivos, e sen ser do pobo. Eu contratara un señor que facía a limpeza da miña finca e ía buscalo a Paramos. E el sabía xa ata que había varios almacéns, e dicía: calquera día rebenta todo. Aínda temos a dúbida de que fora intencionado, como unha vinganza contra o dono da pirotecnia”.
De feito, e tal e como xa relatou o xornal Galicia Confidencial, a ilegalización da pirotecnia debeuse a un longo proceso xudicial que iniciou outro veciño, Paco Gómez, enfrontado ao dono de La Gallega, Francisco González. Este veciño contaba hai uns días a súa versión na Radio Galega e en varias televisións, e acusaba de “neglixencia” á Policía Local, á Guardia Civil e ao anterior alcalde de Tui, o popular Santiago Fernández Rocha, polo acontecido.
Saída do dono da pirotecnia de Tui do Xulgado / Miguel Núñez
Tamén acusa ao PP de Tui coma un dos culpables: “El tiña aquilo ilegal, e quen podía arreglalo era o PP, que gobernou toda a vida en Tui”. Polo tanto, pregúntase: “Todo o tempo que mandou Rocha no concello de Tui, ¿por que non fixo nada? Todos os anos que estivo o PP… que agora como son listos metéronse en Ciudadanos, porque saben que alí está o futuro. Como Manuel González “Rato”, que estivo exercendo no PP toda a vida e agora é o lider de Ciudadanos en Tui”.
DIÑEIRO PARA “CALAR Á XENTE”
Ademais, denuncia que “a Xunta está ofrecendo diñeiro para que a xente cale, dentro de 15 días xa terán o diñeiro, por que?,” pregúntase, cando as axudas tralos incendios tardaron moitos meses.
“Rocha estivo un bo tempo como rexedor de Tui, logo relevouno o tamén popular Moisés Rodríguez, que é o seu xenro, e logo volve Rocha ao poder, e todo o da pirotecnia sempre oculto. Tápase todo”, engade.
C.M. continúa o seu relato e indica que “a Rocha os xulgados mandáronlle demoler un edificio e non fixo nada. Na construción está o seu fillo, e fixéronse obras catastróficas como o Beira Miño, que destrúe o Casco Vello de Tui, Patazumba, un proxecto que chegou a denunciar El País, cortando carballo, manipulando e inculpando a un garda forestal, que saíu absolto pero acabou por aforcarse”.
Con todo, e a pesar das denuncias, Rocha non foi condenado por ningún: “Do caso Patazumba saíron airosos Rocha, o seu fillo e sete persoas máis de presuntos delitos contra a ordenación del territorio, contra o patrimonio histórico, prevaricación, suborno e tráfico de influencias”.
FALOU CON FEIJÓO
Esta veciña incluso chegou a falar persoalmente con Feijóo: “Díxenlle, se queres acabar coa corrupción, este señor, Rocha, é un corrupto, e fun ao pleno de Tui e gritei que era un corrupto, e que se non era verdade ten os xulgados ao lado, por que non me denuncia? Claro que non me denunciou”.
Pouco queda tras a explosión en Paramos / Miguel Núñez
“Hai que buscar un responsable, non se pode consentir que só pague aquel home, o da pirotecnia, que decía que alí metía só os paus, pero como mínimo o transportista sabía a verdade. É imposible que só o soubera el“, denuncia.
Varias persoas consultadas por este medio, veciños de Paramos, evitan comentar estas declaracións. Só din que o acontecido foi unha desgracia e que non sabían que o que se almacenaba en galpóns e naves era material que podía estoupar.
“O importante agora é recuperarse canto antes e volver facer unha vida normal”, apuntan. Sobre as responsabilidades prefiren non pronunciarse. “Para iso está a xustiza”, din sen querer falar dos alcaldes do PP.
“HAI RESPONSABLES POLÍTICOS”
Pero esta veciña, como antes fixera o outro veciño enemistado co dono da pirotecnia, insiste en que hai responsables políticos. “Rocha vive en Guillarei, como non abriu el ningún expediente en tantos anos? Moisés, o seu xenro, tampouco viu nada diso, agora está na Deputación”, engade.
“O meu obreiro, que morreu de cancro, sempre dicía: isto vai rebentar en calquera momento. A xente tiña medo de denunciar. Todos culpan a un só, todos tapan a súa culpa. Hai que buscar aos responsables. Pasou co Prestige: eu tiña unha casa en Ribeira, e despois do Prestige… Nunca vin tanto diñeiro alí, víase en cada bar. Cando Ribeira vivía dos pescadores. Tapouse todo con diñeiro, e co de Paramos vai pasar igual. Queren comprar á xente, en vez de preocuparse por investigar a verdade. Somos así de tontos. Na zona sabíao boa parte dos veciños”, asegura.
Santiago Villanueva, delegado do Goberno en Galicia / Gobierno de España
Tampouco o delegado do goberno en Galicia, Santiago Villanueva, comparte esta opinión e aseguraba o luns que “non constan” denuncias previas sobre os almacéns ilegais de material explosivo localizados esta fin de semana (nin sobre o que explotou o pasado mércores) en Tui. Tamén suliñaba que o veciño enfrontado co dono de La Gallega nunca denunciou nada na Garda Civil.
O líder do PP de Pontevedra e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, descartou que se vaia producir unha nova moción de censura en Tui, logo da que tivo lugar a finais do pasado ano, cando o PPdeG, Ciudadanos e Converxencia 21 sumaron os seus votos para botar do concello ao socialista Enrique Cabaleiro.
Tras a decisión do xa ex concelleiro popular José Prada de saír do Grupo Municipal e de amagar con apoiar outra moción de censura para recolocar a Cabaleiro, Rueda deixou claro este xoves que esa posiblidade é remota. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, e preguntado por Xornal de Vigo sobre esta cuestión, suliñou que a lei invalida unha nova moción de censura.
O líder do PP provincial recoñeceu que en Tui “hai unha situación de inestabilidade” derivada derivada da marcha deste edil que entrou con posterioridade á moción que permitiu que o converxente Carlos Vázquez Padín se fixera co bastón de mando. “Tomou unha determinación de saír do partido, senón xa o faría o Partido Popular e o Grupo Municipal. Xa non forma parte del e aí están as consecuencias e a reacción no noso partido”, dixo Rueda.
DÍSCOLO DO PP
José Prada Álvarez impediuhai uns días, co seu voto contrario, que se aproben os orzamentos municipais de 2018, ao deixar en minoría de 8 votos ao goberno municipal, e sumar o seu rexeitamento aos votos negativos da oposición.
Carlos Vázquez Padín recibindo o baston de mando do ex rexedor Enrique Cabaleiro / FB tui
Así, aos 3 votos do PSOE, os 2 do BNG, os 2 de Alternativa Tudense e o do edil de SON de Tui, sumouse o voto contrario de Prada, cuxo ex grupo goberna en coalición con Converxencia 21, Cidadáns Tudenses e Alternativa Popular de Tui. Unha decisión que motivou a súa marcha do PP e que entrara a formar parte dos non-adscritos. Desde hai unha semana especulouse coa posibilidade dunha nova moción entre os grupos da oposición.
VETO AO PP ANTERIOR
O propio Vázquez Padín chegou á alcaldía de Tui en outubro de 2017 a través dunha moción de censura asinada por Converxencia 21, PP, Cidadáns Tudenses e Alternativa Popular de Tui, e relevou ao socialista Enrique Cabaleiro, a pesar de que o seu grupo tiña só dous concelleiros, fronte aos 3 do PP (grupo maioritario na oposición naquel momento).
Cando pactou a moción, unha das esixencias que expuxo para chegar a un acordo cos ‘populares’ foi que o PP renovase as súas caras e os edís non formasen parte de gobernos anteriores. A condición cumpriuse ata que, hai uns meses, José Prada incorporouse como concelleiro en substitución do edil de Vías e Obras, e o alcalde vetou a súa participación no goberno municipal polo seu pasado político.
Ese veto provocou unha tensión que se mantivo e se incrementou, e que desembocou no rexeitamento das contas municipais, que ascenden a algo máis de 8 millóns de euros, por 9 votos en contra e 8 a favor.
Especialistas de España, Portugal, Italia e Brasil abordaron este luns en Vigo a situación actual na regulación da violencia sexual e as súas perspectivas de futuro no marco dun congreso cuxa celebración continuará os días 22, 25 e 29 de outubro.
O encontro, denominado ‘Violencia sexual: antecedentes romanos e regulación actual’, enmárcase nas actividades do grupo de innovación docente Docentia et Mulier da Universidade de Vigo (UVigo), segundo detallou esta última, e conta con apoio da Deputación de Ourense.
O congreso, no que tamén se analizan os antecedentes da antiga civilización romana na regulación na violencia de xénero, arrincou este luns na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus vigués.
Durante a apertura, as responsables do encontro, as docentes da UVigo Inés C. Iglesias Canle e María José Bravo Bosch, sinalaron que a súa temática está vinculada a liñas de investigación nas que traballan “desde hai moitos anos” e que se centran “no tratamento do principio de igualdade” e “todas aquelas accións contra o mesmo, entre elas a violencia de xénero e a violencia sexual”.
EXPOSICIÓNS E DEBATES
Iglesias Canle tamén destacou que o programa conta con “amplas e nutridas” exposicións e debates que permitirán tratar “contido vinculado á orixe, a regulación actual e a previa da violencia sexual, tendo en conta a perspectiva do dereito comparado”. Deste xeito, detallou que os relatorios abordarán a situación actual e as perspectivas de futuro das reformas en Brasil, Portugal, Italia e España.
As directoras do evento apuntaron o interese que suscita o tratamento da regulación da violencia sexual nun contexto no que se referendou no Congreso dos Deputados o proxecto de Lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual e onde está en trámite o anteproxecto de Lei para a igualdade real e efectiva das persoas transgénero e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.
A alcaldesa do Porriño, a socialista Eva García de la Torre, vinculou a denuncia da Fiscalía sobre novos presuntos delitos de prevaricación continuada e malversación de caudais públicos a unha “armazón” dirixida “por unha instancia política á que segue fielmente a instancia xudicial”.
“Parece que lle dá cobertura a unha estratexia de oposición política que, desde logo, non ten cabida no ámbito xudicial”, así se pronunciou a rexedora, que remarcou que a denuncia do Ministerio Público “deriva dunhas denuncias do Partido Popular”.
Nesta liña, cuestionou “ata cando se vai seguir investigando unha causa xeral contra a alcaldesa do Porriño, seguindo unha estratexia de realizar oposición política, para ver se cometeu un delito”. “Está a tentarse investigar se houbo malversación ou se está tentando darlle cobertura xurídica a unha estratexia política?“, preguntou.
García da Torre indicou que a denuncia da Fiscalía parte dunhas dilixencias emitidas por un xulgado contencioso-administrativo “a través dunha denuncia dun particular que lle reclamaba ao Concello o pago dunhas facturas”.
“O Concello negouse a realizar ese pago e o xulgado deu a razón ao Concello do Porriño porque non se comprobou nin se puido probar que os servizos que a empresa reclamaba realizáronse ou se prestaron efectivamente”, explicou.
A pesar diso, continuou, “dedúcese testemuño desa contratación ante o Tribunal de Contas e ante a Fiscalía por esas facturas”. “Gustaríame que tanto o Xulgado do Contencioso como a Fiscalía explicasen exactamente que delito cometín cando rexeitei pagar facturas por servizos que as empresas non demostraron que realizasen”, remarcou.
“Seica sabe a Fiscalía como funciona un Concello?, como é unha licitación pública dun servizo? De verdade seguimos investigando á alcaldesa do Porriño porque un partido político, o Partido Popular, decidiu tentar derrubala, a través da denuncia ante os xulgados?”, cuestionou.
DENUNCIA DE FISCALÍA
A Fiscalía denunciou novos presuntos delitos de prevaricación continuada e malversación de caudais públicos por parte da alcaldesa do Porriño, un concelleiro e unha empresa, en relación á contratación do servizo de limpeza viaria entre maio e novembro de 2018.
O escrito do Ministerio Público refírese en concreto a 13 facturas por limpeza viaria, cuxo servizo supostamente foi “contratado de forma irregular, sen previo procedemento administrativo, de maneira verbal, con previa consignación orzamentaria, reserva de crédito, sen previa licitación mediante procedemento escrito”.
Esta denuncia xorde tras o testemuño particular remitido polo Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra para que o Tribunal de Contas e a xurisdición penal investigasen as prácticas polas que o Concello do Porriño presuntamente “durante un período prolongado de tempo actuou ou está a actuar á marxe do Dereito na materia de contratación”.
A empresa de moda Bimba y Lola despedirá a 15 traballadores da área de oficinas do seu centro de Mos, que conta con máis de 300 empregados, e non renovará os contratos temporais doutras tres persoas que exercían os seus labores nas mesmas.
Fontes da empresa confirmaron que as persoas afectadas por esta medida representan “entre o 4% e o 5% dos empregados de oficinas” do centro de Puxeiros.
Neste sentido, as mesmas fontes destacaron o “axuste moderado” do persoal que supón esta decisión e remarcaron que se adoptou dado que “a carga de traballo diminuíu moito” recentemente. Así, explicaron que os labores de “moitos” postos de traballo “quedaron baleiros de contido, como a organización de viaxes”, polo que se busca adaptar o volume do persoal a esta situación.
Así mesmo, recalcaron que a empresa “está centrada en recuperar a total actividade e volver á normalidade” tras a crise sanitaria e lamentou que un sindicato trasladase estes despedimentos xa que “buscaba comunicar aos afectados” esta medida antes de que se fixese pública.
Esta decisión transcendeu un día despois da finalización da aplicación do Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) na empresa, que permanecía en vigor desde facía case catro meses.
DENUNCIA DE CCOO
Pola súa banda, fontes de Comisións Obreiras (CCOO) indicaron que este sindicato presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) co obxectivo de que se controle a situación da empresa.
De feito, aseguraron que Bimba y Lola busca contratar novas persoas á vez que efectúa despedimentos, así como que os empregados “traballan ata dez horas ao día” que “non se lles abonan nin devolven”.
Así mesmo, as mesmas fontes sindicais sostiveron que o volume total de persoas ás que se lles rescindirá o contrato ascende a 27. No entanto, apuntaron que parte destas persoas con idades próximas aos 61 anos alcanzaron un acordo para finalizar a súa vinculación coa empresa, polo que esta non as contabilizou como despedidas.
Ademais, afirmaron que dentro de tres meses rescindiranse novos contratos e achacaron o feito de que os despedimentos se realicen de modo graduado a que a empresa busca evitar un ERE, o que levaría unha negociación cos sindicatos. Ante esta situación, CCOO celebrará unha asemblea con empregados do centro de Mos para informarlles sobre a situación actual.
O sindicato rexeitou esta decisión, que, na súa opinión, “confirma a política do medo que fomenta a compañía”. Así, esixiu que Bimba y Lola “depoña a súa actitude” e “readmita as persoas despedidas”, cuxos contratos denunciou que se rescindiron “sen ningunha causa que acredite unha medida de tal envergadura”.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) instou ao goberno local de Vigo a reforzar as principais liñas de transporte urbano para reducir o número de persoas que viaxa en cada autobús.
En declaracións remitidas aos medios, o portavoz local da formación, Xabier P. Igrexas, avogou por que se verifique a homologación dos biombos que se comezaron a instalar na zona dos autobuses reservada para os condutores. Ademais, Igrexas apostou por que se manteñan os servizos hixiénicos adoptados para o persoal condutor da concesionaria do transporte urbano, Vitrasa.
Adicionalmente, o tamén edil do BNG na corporación municipal insistiu na necesidade de que se analice a posibilidade de estudar a instalación de lectores de cartóns moedeiro na porta traseira dos vehículos para reducir o acceso á parte frontal, onde se sitúa o persoal condutor.