Inicio Blog Páxina 1901

Vigueses atrapados en Italia pola cancelación de voos: “E agora como volvemos a casa?

A decisión do Goberno español de suspender todos os voos con Italia provocou que milleiros de turistas españois quedasen atrapados no país italiano. Por iso, non son poucos os que acudiron á embaixada e aos distintos consulados a pedir información e amosar o seu enfado por unha medida que cualifican de “precipitada”.

Unha destas turistas é Iolanda, unha funcionaria viquesa que se atopa en Roma de vacacións cos seus pais e un fillo. “E que fago eu agora co meu fillo de sete anos e os meus pais de 70?”, critica en declaracións a Xornal de Vigo.

Ela, coma outros moitos turistas, acudiron ao longo deste martes ás distintas oficinas consulares para saber que facer. De feito, no Consulado de Roma, ao que ela acudiur, chegáronse a xuntar ata 70 persoas entre turistas, estudantes Erasmus e mesmo unha excursión de escolares.

“O que nos din básicamente é que nos busquemos a vida; que podemos alugar un coche ou ir en ferri”, apunta Iolanda. A solución do coche non lle gusta á maioría porque implica cruzar o norte de Italia que é o máis afectado e temen que sexan parados pola policía. A solución do ferri de Roma a Barcelona é a máis conveniente pero “xa non hai prazas” e habería que agardar, como mínimo, ata o mércores.

Solucións

Outra das solucións que lle dan desde a oficina consular é coller un avión desde Roma a Ansterdam, de Ansterdam a Madrid e de Madrid aos distintos puntos da Peninsula. “Pero nós somos catro persoas e xa te podes imaxinar como están os billetes”, quéixase.

Iolanda, como outros moitos turistas pide que o Goberno español se faga cargo deles e se flete un avión para levalos de volta a Madrid. “É o menos que poden facer xa que cando eu vin aquí ninguén me dixo que non podía facelo”, critica. Con todo, agarda que coa presión da xente e dos medios, o Executivo español acabe buscando unha solución para ela e o resto dos turistas e estudantes atrapados.

Situación en Roma

Sobre a situación en Roma recoñece que hai moitos menos turistas que de costume e que moitos deles son españois. “É certo que vexo moi pouca xente estranxeira”, asegura, Con todo, di sentirse tranquila. “Aquí vese moi pouca xente con máscara e a actitude da xente é moi amistosa”, asegura.

Axuda

Por outra parte, varias formacións xa pediron ao Goberno central que axude ás persoas atrapadas en Italia, entre elas, o BNG e Galicia en Común- Anova.

O Bloque Nacionalista Galego alerta ao Ministerio de Exteriores de que hai centos de persoas do Estado español, entre elas grupos de galegos e galegas que se encontran de viaxe, estudando ou traballando, atrapadas en Italia debido á cancelación dos voos con este país por parte do propio Goberno español.

Así, Néstor Rego, deputado polo BNG no Congreso, exixe ao Goberno que atenda adecuadamente as persoas atrapadas na península itálica “porque se encontran en situación de desamparo”. Neste sentido, pide que se adopten as medidas necesarias para dar atención adecuada a todos estes cidadáns e cidadás e resolver a situación canto antes.

Así foi o concerto de Depedro e a festa posterior para festexar o terceiro aniversario da sala Sinatra

Sindicatos alertan sobre o efecto de “deixar caer” Vulcano e urxen á Xunta a buscar unha solución

Os sindicatos alertaron este luns sobre os efectos que tería “deixar caer” un estaleiro centenario como é o de Vulcano, en Vigo, que está en proceso de liquidación e co seu persoal á espera de que se execute o seu expediente de extinción de contratos.

Así o trasladou o secretario xeral de CC.OO. en Galicia, Ramón Sarmiento, que participou este luns na concentración convocada polas centrais sindicais ás portas da delegación da Xunta na cidade olívica.

Sarmiento advertiu de que permitir a desaparición de Vulcano suporá “que se constate que non hai alternativa industrial”, sobre todo tendo en conta que “nunca” a cidade de Vigo deixou unhas instalacións de construción naval inactivas, xa que “sempre apareceron alternativas e proxectos”. “Sería un síntoma demoledor para Vulcano, para a cidade e para todo o sector naval”, apostilou.

Por iso, Sarmiento instou á Xunta a “traballar para convencer a un empresario solvente ou a un grupo empresarial sólido” para investir, e avanzou que o propio sindicato leva meses traballando nesa liña. “Pode haber unha opción no curto ou medio prazo”, aseverou, á vez que afirmou que é necesario, “desde o público, protexer a unidade produtiva”.

“ABANDONADOS E NINGUNEADOS”

Pola súa banda, o presidente do comité, Nicolás Sangabriel, incidiu en que os traballadores levan moito tempo alertando sobre a situación do estaleiro, e instando o Goberno autonómico a implicarse para garantir a súa continuidade. “Dez meses despois, non temos resposta nin solución. Sentímosnos abandonados e ninguneados pola Xunta“, criticou, e subliñou que “isto se vía vir”.

Os representantes dos traballadores volveron denunciar, por outra banda, que tampouco o administrador concursal quixo aceptar a súa proposta de aplicar un ERE temporal para gañar tempo nesa procura de investidores, e que actuou “como un liquidador”.

Así mesmo, criticaron que a Xunta deixase chegar a situación do estaleiro vigués ata un “camiño sen retorno”, coas consecuencias que iso terá para un persoal na que moitos operarios quedarán sen emprego, con décadas de cotización ás súas costas, e sen apenas cobertura social, despois de encadear máis dunha ducia de EREs.

“DRAMA E SÍMBOLO”

Mentres, a deputada de Galicia en Común, Yolanda Díaz, que participou na concentración, apelou á responsabilidade tanto da Xunta como do Goberno central, nesta “crónica dunha morte anunciada”, e lamentou que non se actúe como noutros países, onde mesmo se rescatan estaleiros para o público, e máis cando se tratan dun “sector estratéxico” para a economía e a sociedade.

“Hai alternativas, e gustaríanos que as dúas administracións defendan esas alternativas. Deixar caer Vulcano é un drama e é un símbolo. Derrúbase unha parte singular da economía de Vigo e de Galicia“, proclamou.

REUNIÓN CON CORINA PORRO

Unha representación dos traballadores de Vulcano foi recibida este luns pola delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, quen lles trasladou o compromiso do Goberno galego coa continuidade da actividade industrial.

A delegada, quen subliñou que a Xunta apoiará “calquera oferta seria e viable” que se presente para manter a actividade de Vulcano, lembrou que o proceso de liquidación foi unha decisión da propiedade da empresa e que, en todo caso, o futuro da empresa pasa polo que o xulgado mercantil determine.

Así mesmo, Porro expresou aos traballadores a súa disposición a mediar coa Autoridade Portuaria de Vigo no que respecta á concesión administrativa dos terreos onde se asenta o estaleiro, e ao uso que vaian ter.

Malestar en Maderas Iglesias coa Xunta, que aprobou sete EREs e agora insta a parar a folga

O comité de Maderas Iglesias, empresa adicada á fabricación de tarima flotante con sede no Porriño, vén de rexeitar tanto “o contido das declaracións” como as “malas formas” do conselleiro de Economía e Industria na Xunta de Galicia, Francisco Conde, que este sábado os instou desde a prensa a depoñer a folga indefinida.

Entenden que tenta “botar balóns fóra”, “culpabilizando o persoal da situación”, e reiteran a solicitude dunha xuntanza despois de “nove meses de incomparecencia”.

O persoal de Maderas Iglesias acada este luns sete días de folga indefinida para reivindicar o pago dos salarios adebedados (dúas pagas extra e máis o salario de xullo) e esixir un futuro para unha factoría que xera 200 postos de traballo, na súa maioría mulleres.

Despois dos sacrificios realizados durante os últimos oito anos de dificultades económicas da empresa, que incluíron sete EREs aprobados pola Xunta, non entenden que o máximo responsábel de Industria “os pretenda responsabilizar agora da situación” e pretenda “que traballemos sen cobrar e sen convenio”. “Algunha responsabilidade terá el pola súa falta de xestión”, engaden.

Protesta diante do edificio da Xunta / Miguel Nuñez

Fronte a isto, continúan a demandar que dea pasos en firme e procure solucións, comenzando por entrevistarse fisicamente e sen intermediarios co comité, en ningún caso “con ese tono e desde a prensa”. Aseguran, ademais, que levan 9 meses agardando a súa presenza no conflito e a participación activa na solución”.

Esta pasada fin de semana, e sen que de momento se dese ningún paso por parte da dirección, decidiron intensificar a loita e facer garda as 24 horas ante a instalacións da empresa para evitar calquera actividade ou retirada de material. A folga continúa a ser secundada pola totalidade do persoal, aseguran desde o Comité.

Caballero consolida un acto anual en memoria dos alcaldes represaliados polo franquismo

Esta mañá de luns, o rexedor vigués, Abel Caballero, presidiu unha homenaxe floral aos alcaldes represaliados polo bando nacional en 1936, no Xardín da Memoria de Vigo, do cemiterio laico de Pereiró.

Homenaxe aos alcaldes represaliados/ Miguel Núñez

A súa intención é “institucionalizar” este acto e celebralo cada 27 de agosto do ano.

Homenaxe aos alcaldes represaliados/ Miguel Núñez

Estivo presente tamén o secretario xeral do Partido Socialista en Galicia, o seu sobriño Gonzalo Caballero.

Homenaxe aos alcaldes represaliados/ Miguel Núñez

“Nunca máis”: o rexedor vigués manifestou o seu desexo de que a ditadura nunca regrese a este país.

Homenaxe aos alcaldes represaliados/ Miguel Núñez

Ademais, en canto á recente polémica con respecto ao “Val dos Caídos” e a exhumación de Franco, o alcalde vigués mollouse e defendeu as decisións tomadas polo presidente do goberno, Pedro Sánchez, dirixidas ao traslado do corpo do ditador.

Homenaxe aos alcaldes represaliados/ Miguel Núñez

Foi unha xornada matinal solemne e chea de respecto polos que nos deixaron atrás, que se repetirá o vindeiro ano.

Abel Caballero, na homenaxe aos alcaldes represaliados/ Miguel Núñez

Vigo non se esquece dos alcaldes represaliados.

Homenaxe aos alcaldes represaliados/ Miguel Núñez

O ministro Méndez de Vigo sobre a Festa do Choco de Redondela: “Uno no se la puede perder”

A Redondela e a súa gran Festa do Choco saíulle este ano un gran embaixador, o ministro de Cultura e portavoz do Goberno español, Íñigo Méndez de Vigo, que destacou a importancia deste evento gastronómico na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

“Yo no la conozo, pero me dijo un pajarito gallego que uno no se la puede perder“, dixo o ministro botando unha pequena gargallada cómplice cos medios de comunicación. Foi unha das súas recomendacións, xunto con outras,  como o espectáculo “Bailadora” de Sara Baras; Rock familiar en Zamora, Geolodía ou os eventos deportivos da fin de semana.

A Festa do Choco, declarada de Interese Turístico de Galicia, arrincou este venres e, durante toda a fin de semana encherá Redondela de numerosas actividades gastronómicas, culturais e musicais. O obxectivo do concello este ano é superar as 30.000 persoas.

A Xunta inicia unha intervención etnográfica-arqueolóxica na illa norte do arquipélago de Cíes

A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou unha intervención etnográfica-arqueolóxica na illa norte o arquipélago de Cíes, no lugar dos Ferreiros, onde se atopan os restos do que se cre que foi unha ferrería.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este xoves o enclave, no que se traballará ata o mes de decembro, en diferentes fases. Nos próximos meses combinarase o traballo de gabinete coa realización de actividades de campo: documentación inicial (preparación do proxecto de intervención); limpeza das estruturas; instalación dun panel informativo; e tratamento final da información rexistrada (elaboración da memoria final dos traballos).

O arqueólogo principal do proxecto, Santiago Vázquez, explicou que as actuacións levaranse a cabo sobre as estruturas do enclave etnográfico, retirando manualmente as plantas trepadoras que crecen nos paramentos. Só en casos puntuais e necesarios fixaranse algunhas das pedras con morteiro de cal hidráulico e árido silíceo e, en ningún caso se cortarán árbores ou reconstruirán muros.

Cando se finalice o traballo de campo, procederase ao tratamento de toda a información recollida e elaborarase unha memoria final na que se detallará todo o proceso e os resultados obtidos. Así mesmo, no documento farase unha proposta de actuación futura para recuperar patrimobialmente os restos que conforman o conxunto.

Detido en Vigo tras tirar un colector contra un coche de Policía e agredir a un dos axentes

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un mozo de 23 anos de idade, A.B.F., veciño de Moaña, como presunto autor dun delito de atentado contra axentes da autoridade, tras arroxar un conter contra un coche patrulla do 092 e agredir a un dos funcionarios.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada deste xoves, cando unha dotación se dirixiu á zona Churruca alertada por varios avisos de que se estaba producindo un ‘botellón’.

Os Policías identificaron as persoas que estaban a participar na reunión e propuxéronos para sanción por infracción administrativa. Ademais, un deles tamén denunciado pola posesión de tres cigarro de marihuana, que levaba gardados nunha mochila.

Cando os axentes finalizaron a intervención e metéronse no coche patrulla para abandonar o lugar, o mozo tirou contra o vehículo policial un colector de lixo, que impactou contra a porta, causando danos materiais. Ao dirixirse os funcionarios cara a el, este reaccionou de forma violenta, propinando unha patada a un dos axentes, polo que foi detido.

Detectados varios vehículos sen seguro ou sen pasar a ITV en Tui

0

A Policía Local de Tui coordinou, entre os meses de xaneiro e xuño, controis policiais de Seguridade Cidadá e Tráfico, organizados en diferentes puntos do centro urbano do municipio. O obxectivo era comprobar o adecuado mantemento de vehículos, motocicletas e ciclomotores e que estes tiveran toda a documentación obrigatoria para poder circular.

Ademais, a Policía Local de Tui intensificou a vixilancia do uso do cinto e de dispositivos móbiles, así como o control sobre o risco que supón o consumo de alcohol e drogas para a condución.

Nas máis de 200 sancións impostas, comprobáronse os datos de centenares de vehículos nos controis efectuados polos axentes locais este ano, dos cales se propuxeron para sanción 134 vehículos por circular coa ITV caducada, desfavorable ou negativa, 47 propostas para sanción por carecer de Seguro Obrigatorio de Automóbiles, 17 denuncias por conducir con presenza de drogas no organismo e 5 denuncias por alcoholemias positivas, alcanzando algunhas destas últimas un resultado superior a 0,60 mg/ l de aire expirado, constituíndo un delito contra a seguridade viaria.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed