Inicio Blog Páxina 1899

Ponteareas ultima o seu plan contra os incendios en colaboración coa veciñanza

A concellería de Medio Ambiente que dirixe o alcalde Xosé Represas e a concellería de Medio Rural, de Manolo Troncoso, trasladaron aos colectivos sociais nas últimas semanas o plan de defensa contra os incendios forestais.

Este plan pretende formar e concienciar á poboación pedindo en primeiro lugar a súa participación na elaboración do documento para non deixar fora ningún dos aspectos relevantes que só coñecen aqueles que viven nas zonas con risco de incendios.

Un traballo técnico pero tamén de campo contando cos veciños e veciñas que viven no rural que en Ponteareas é a metade da poboación total (23.000 habitantes), 125 quilómetros cadrados de territorio conformado  en 24 parroquias.

Nos pasados días estiveron a manter diferentes encontros coa veciñanza das parroquias acompañados por enxeñeiras forestais que trasladan o inventario da rede de defensa contra os incendios forestais en Ponteareas.

Encontros nos que as enxeñeiras resolven as dúbidas dos e das representantes dos colectivos veciñais (Comunidades de Montes, Veciñais, Culturais, Sociedade de Caza, Traídas de Augas e outras).

Nas vindeiras semanas porase a disposición de toda a cidadanía os primeiros datos deste traballo cos planos de identificación das zonas de máis alto risco que estará a disposicion nos centros culturais e na web do concello tendo cada lugar o seu plano.

O Alcalde explica que o obxectivo é concienciar e facer partícipe á cidadanía formándoa para afrontar este tipo de situacións de risco e asi diminuir os danos dos lumes: “Protexer as vivendas e edificacións é o prioritario pero para isto debemos traballar de xeito conxunto ofrecéndolle aos veciños as pautas de actuación”.

Xuntanza no Concello de Ponteareas

Deste xeito realizáse un inventario do que existe e detéctanse as necesidades. Probablemente o primeiro documento deste tipo realizado por un concello con este nivel de implicación social e rigor do que se carece na actualidade.

O Alcalde explica que non se pode actuar e lexislar cando suceden acontecementos tan dramáticos como os do pasado mes de outubro se non que as solucións para esto son a longo prazo e aínda que estas accións tardarán en dar resultados, hai que comezar xa e non agardar máis prazos porque en calquera momento poden volver e debemos estar preparados.

Coas faixas de xestión de biomasa donde se procede á eliminación da biomasa vexetal preténdese dar continuidade horizontal e vertical de carga de combustible para diminuir o risco de incendio e atenuar a súa propagación.

Neste inventario establécense os puntos prioritarios a desbrozar e os metros do perímetro que deben limparse: solo urbano, urbanizable e de núcleo rural, edificación, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, gasoliñeiras e instalacións industriais, cámpings… É dicir, infraestruturas de uso público ou áreas recreativas, vías e camiños forestais.

A lexilación autonómica recolle que os propietarios ou arrendatarios destas zonas de faixa están na obriga de limpar antes do 31 de maio, a partir desa data o concello notificará.

O Alcalde de Ponteareas adianta que este plan municpal de prevención e defensa contra os incendios forestais estará integrado no plan municipal de emerxencias e nel delimítanse a rede de defensa, catalóganse as infraestruturas de uso forestal existentes e identifícanse as referencias catastrais afectadas polas faixas de biomasa.

No inventario tamén se identifican as superficies forestais que se clasifican en tres categorías: montes veciñais en man común de xestión propia ou xestión pública cun total de 25 CCMM; montes públicos e superficie forestal en mans de particulares.

Tamén se destacan os espazos naturais protexidos e áreas sensibles, Rede Natura 2000 e Rede galega de espazos naturais protexidos, entre outros espazos naturais.

Represas insiste na necesidade de previr e contar con ferramentas propias que permitan estar o mellor preparados posibles para afrontar as vagas do lume: “Evitar males maiores pasa por previr, informar á cidadanía, formalos, coñecer o punto de partida, inventariar a nosa situación para saber qué hectáreas e cómo son esas áreas que debemos protexer. Só coñecendo de xeito pormenorizado o noso territorio podemos deseñar un plan para protexernos e con que protexernos”.

 

O buque ‘Solitaire’ recolle este xoves á súa tripulación, que permanecía confinada

Máis de 200 tripulantes galegos, vascos e asturianos que permanecían confinados en hoteis de Vigo á espera dos resultados da proba do coronavirus poderán embarcar este xoves no buque de subministracións ‘Solitaire’, que partirá cara a Israel.

Fontes da Autoridade Portuaria detallaron que o barco recollerá a estas persoas ao redor das 10,00 horas tras atracar na terminal de Bouzas. Así, a tripulación poderá embarcar unha vez que se confirme que o resultado das súas probas de COVID-19 resultou negativo.

A Autoridade Portuaria de Vigo e a empresa IMOS, do grupo Tesol, foron as encargadas de coordinar a chegada deste barco á urbe olívica, que terá lugar este xoves.

En concreto, o ‘Solitaire’ é un gran buque ‘supply’ da armadora Allseas que conta con máis de 400 metros de eslora. Este barco está especializado no transporte e instalación de tubaxes en augas profundas.

Os veciños de Soutomaior néganse á colocación dunha torreta de Augas de Galicia fronte ás súas casas

A intención de Augas de Galicia de colocar unha das torretas do plan de seguridade de Eiras no barrio do Conde provocou un tenso enfrontamento no dia de onte, xoves 10 de agosto, entre os veciños afectados e os técnicos de Augas de Galicia.

O enfrontamento tivo lugar cando, a pesar das denuncias dos veciños, Augas de Galicia continuou cos trámites e medicións para a instalación desta torreta de 11 metros de altura e dotada de tres bucinas de alarma “sen ningún tipo de aviso nin negociación cos afectados”, denuncian desde o BNG.

Os veciños, que xa denunciaron “a absoluta falta de información e negociación tanto por parte de Augas de Galicia como do Concello de Soutomaior”, así como o impacto ambiental e as molestias acústicas que producirían esas torretas, preguntaron aos técnicos no lugar se contaban coas preceptivas licenzas para realizar esas obras ao tempo que lle manifestaron o absoluto rexeitamento do barrio á localización desa torreta “nas portas das nosas casas”.

Pouco a pouco a afluencia dos veciños foi medrando e media hora despois no momento no que os técnicos marcharon eran xa case 20 os veciños presentes no lugar. Algúns dos afectados sinalaron que “non imos permitir que veñan colocar isto a dous metros das nosas ventás sen que ninguén se digne sequera a dar a cara. Trátannos como se non existísemos, como se aquí non vivise ninguén, e non llo imos permitir”.

O portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo, que foi informado polos veciños desta situación no mesmo momento, denunciou que hai xa máis dun mes que denunciaron este “atropelo” sen que se producira ningún avance.

“No último pleno preguntamos ao alcalde se estes torretas contaban coa licenza municipal e esiximos que se lle ofreza unha solución aos veciños. Non pode ser que o goberno local diga unha cousa e Augas de Galicia a contraria. Entre os dous están a tomarlle o pelo aos veciños e instamos tanto a Aguas de Galicia como ao goberno local a que actúen con responsabilidade e a que dean a cara, porque se non o único que conseguirán é agravar este conflito”, aconsellou.

Miguel Barreiro é seleccionado para o equipo de exhibición da federación mundial de taekwondo

 Miguel Barreiro Estévez, integrante do club Yidam-CEIP Balaídos e subcampión do mundo de taekwondo praia na modalidade de Rompementos, foi seleccionado para formar parte do Equipo de exhibición da Federación Mundial. É a primeira vez na historia que un español obtén este nomeamento.
Desde o 1 de xuño ao 31 de decembro realizará exhibicións por todo o mundo no equipo que neste momento é o mellor do mundo. Miguel Barreiro participou no Cto do mundo  celebrado na illa de Rodas, Grecia, e obtivo ademais do subcampionato na modalidade de Rompementos libres, e tamén o mesmo posto en rompemento de salto de altura e en quinteto freestyle de exhibición.
Miguel Barreiro / Federación Galega de Taekwondo
A modalidade de rompementos libres resulta espectacular: O participante ten 2 minutos de tempo e pode romper un máximo de 10 táboas en modo de coreografía. Despois do pase á final, a actuación de Miguel foi espectacular, resalta a Federación galega de taekwondo, posto que só fallou unha táboa quedándose a escasas décimas do representante coreano, que obtivo o campionato.
Miguel é cinto negro 1er dan, leva practicando taekwondo desde os 4 anos como actividade extraescolar no colexio Balaídos ata que decidiu unirse aos grupos de exhibición do club Yidam onde conseguiu ser tres veces campión de España de exhibición.

Repuntan os contaxios de Covid na área de Vigo, que suma 91 casos activos

Galicia chega ao final da primeira semana do mes de novembro cun novo incremento dos contaxios de Covid-19 ata os 84 e unha subida dos casos activos que se sitúan nos 640, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus descenden a 32 –dous menos–. A taxa de postividade mantense nun 3,5 por cento.

Segundo os datos actualizados na mañá deste venres pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste xoves, continúan seis persoas ingresadas en UCI pola Covid, mentres que baixan a 26 as hospitalizadas noutras unidades –dúas menos– e 608 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias a presión hospitalaria alíviase nas de Ourense, que segue cun paciente Covid en UCI e conta con oito noutras unidades –un menos–, e na de Vigo, que mantén un ingresado en críticos e dous noutras unidades –un menos–.

Nas outras cinco áreas sanitarias non se rexistran cambios nos pacientes hospitalizados por este coronavirus. Así, a da Coruña e Cee mantense cun en UCI e oito noutras unidades; e a de Santiago e Barbanza segue cun en críticos e tres en planta. Polo seu lado, as de Lugo e Ferrol continúan cun paciente Covid en UCI e dúas noutras unidades; e a de Pontevedra e O Salnés segue como a única en Galicia sen críticos e cun ingresado en planta.

NOVO ASCENSO DE CASOS

Por quinta xornada consecutiva os casos activos increméntanse e ascenden a 640, que constitúen 59 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (84) que altas (25).

As infeccións activas ascenden nas sete áreas sanitarias, coa de Ourense á cabeza (+24), seguida de Vigo (+10), Santiago e Barbanza (+8), A Coruña e Cee (+5), Lugo (+4), Ferrol (+4) e Pontevedra e O Salnés (+4).

Por tanto, a área de Ourense colócase á cabeza con 162 casos activos, seguida da da Coruña e Cee, con 157; Vigo, con 91; Santiago e Barbanza, con 63; Pontevedra e O Salnés, con 59; e a cola mantéñense Lugo e Ferrol, con 54 en cada caso.

MÁIS CONTAXIOS

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 aumentan ata os 84, que supoñen sete máis que os 77 da xornada anterior, tras situarse en 37 o mércores, en 27 o martes e iniciar esta semana con 33. Ata a data, o luns 11 de outubro rexistráronse 14, a cifra máis baixa desde que Galicia entrou en niveis de ‘nova normalidade’.

Así, as persoas contaxiadas en Galicia desde o inicio desta pandemia aumentan a 183.483, das que 43.349 corresponden á área da Coruña e Cee; 37.813, á de Vigo; 27.117, á de Santiago e Barbanza; 21.943, á de Ourense; 21.530, á de Pontevedra e O Salnés; 20.037, á de Lugo; e 11.694 á de Ferrol.

Nas últimas 24 horas confirmáronse 86 positivos por Proba Diagnóstica de Infección Activa, deles 25 na área de Ourense, 14 na de Vigo, 12 na da Coruña e Cee, 12 na de Santiago e Barbanza, 10 na de Pontevedra e O Salnés, sete na de Ferrol e seis na de Lugo.

Segundo os datos actualizados por Sanidade, desde o comezo desta crise sanitaria efectuáronse 2.906.774 PCR en Galicia, que supoñen 2.220 probas máis que as contabilizadas ata a xornada pasada e unhas 270 menos que as feitas o día anterior.

En canto á taxa de positividade das probas PCR –número de infeccións detectadas cada 100 test– mantense nun 3,5 por cento como a xornada pasada, tras baixar ao 0,67% o mércores e situarse no 0,96% o martes, despois de arrincar esta semana cun 1,9%.

VÍTIMAS E CURADOS

Polo seu lado, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia no conxunto de Galicia mantéñense en 2.653, ao non notificar este xoves a Consellería de Sanidade ningunha vítima por segunda xornada consecutiva.

Fronte a iso, 180.224 persoas diagnosticadas deste coronavirus curáronse na Comunidade galega desde o comezo desta crise sanitaria, 25 máis que as contabilizadas ata o día anterior.

Doce detidos en Galicia polo alixo de 4.000 quilos de cocaína intervidos nun mercante

O operativo levado a cabo este domingo pola unidade Greco Galicia da Policía Nacional e o Servizo de Vixilancia Aduaneira, no que se interviñeron 4.000 quilos de cocaína a bordo dun buque mercante en alto mar, saldouse cun total de 27 persoas detidas.

Destas, doce foron apresados en terra firme, en Galicia, mentres que as outras 15 –14 de nacionalidades africanas e un galego– formaban a tripulación do barco, con bandeira de Togo.

A maior parte das detencións tiveron lugar en municipios da comarca pontevedresa do Salnés. As Forzas de Seguridade realizaron numerosos rexistros en Sanxenxo, O Grove, Vilanova de Arousa, Cambados e Vilagarcía de Arousa.

En dous destes rexistros, os axentes incautáronse de dúas planadoras, unha delas nun taller de coches en Sanxenxo e outra nunha parcela preto do mar en Porto Meloxo (O Grove). Ambas podían estar listas para ser utilizadas no desembarco da droga na costa galega.

Fontes da investigación consideran que con esta operación, coordinada desde o Xulgado Número 3 de Vigo, quedou desarticulada unha importante rede que contaba con toda a infraestrutura necesaria para o tráfico de drogas desde América ata a península, utilizando as Rías Baixas como punto de entrada.

UN DAS CABEZAS, FUXIDO

As mesmas fontes sitúan á fronte desta organización a J.C.S.N, de 40 anos e veciño de Vilanova, que conseguiu fuxir antes de que as forzas de seguridade procedesen á súa detención, e a B.V., tamén veciño de Vilanova, que si puido ser detido. Ambos contan con numerosos antecedentes relacionados co tráfico de estupefacientes a gran escala.

Prevese que o barco mercante, no que foron interceptadas as catro toneladas de cocaína, chegue este martes ao porto de Vigo, onde será descargada a droga. Ademais, durante a mesma xornada, está previsto que os detidos comecen a pasar a disposición xudicial, segundo informou a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.

Ata ese momento, sete das doce persoas detidas en terra permanecerán nos calabozos da Comisaría de Policía de Vigo e outros cinco, na de Pontevedra.

Vigo segue sendo un referente na construción de vehículos a pesar da crise

A planta do novo grupo Stellantis en Vigo converteuse na que máis vehículos fabricou en España durante o ano pasado e tamén foi o único centro nacional que logrou mellorar os seus rexistros produtivos en comparación con 2019, segundo datos das diferentes fábricas aos que tivo acceso Europa Press. E iso, a pesar da grave crise provocada pola covid.

O centro galego liderou así a clasificación das factorías con maior volume produtivo en España, onde se fabricaron 2,26 millóns de vehículos o ano que acaba de terminar, o que supón unha baixada do 19,6%, a causa do peche das instalacións polas medidas para conter a expansión do coronavirus e pola caída do mercado automobilístico español.

A fábrica de Stellantis pechou 2020 con volume lixeiramente inferior ás 500.000 unidades, o que supón un incremento do 23% en comparación coas case 407.000 unidades coas que finalizou o exercicio pasado.

A segunda praza por volume foi tamén para un centro do extinto Grupo PSA, agora Stellantis, o de Figueruelas (Zaragoza), cunhas 391.000 unidades, o que representa unha baixada do 17%, mentres que o terceiro posto recaeu en Seat Martorell (Barcelona), cunhas 350.000 unidades e unha redución do 30%.

Do seu lado, a instalación de Volkswagen en Landaben (Navarra) ensamblou uns 243.000 vehículos durante o ano pasado, un 24% de diminución na comparativa internanual, á vez que Ford Almussafes recortou un 32% as súas cifras respecto de 2019, cunhas 235.000 unidades.

Máis do oitenta por cento dos médicos de familia na área de Vigo son fixos

Tras a elección de destinos do pasado sábado, os 31 médicos de atención primaria que aprobaran a Oferta Pública de Emprego (OPE) e xa traballaban na actualidade na área de Vigo, optaron por quedar na zona viguesa, mentres que se incorporaron 10 médicos máis, nove da oposición e un do concurso de traslados, o que supón un “importante” incremento do persoal estable, pasando do 73,2% ao 82,36% de persoal fixo na categoría de médico de familia.

Así, segundo destacou a Xunta nun comunicado, os postos elixidos foron en Puntos de Atención Continuada de Val Miñor, Redondela, Cangas-Moaña, Cañiza, A Garda, Porriño e Tui, así como nos centros de saúde de Pintor Colmeiro, Dobrada, A Garda, Cangas, Coia, Salvaterra de Miño, O Rosal, Casco Vello, Moaña, Gondomar, Ponteareas, Teis, Tui e O Porriño.

A estas novas incorporacións súmanse tres novas prazas creadas en Coia, Lavadores e Ponteareas do Plan Galego de Atención Primaria que se incorporarán o próximo día 4 de novembro.

“Nos próximos meses, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) dotará a Vigo de máis prazas de médico de familia de nova creación, entre catro e seis”, subliñou a Xunta, algo que, segundo indicou, continuará en 2020 e 2021.

En definitiva, a área sanitaria de Vigo espera incorporar nas próximas datas entre sete e nove facultativos, ademais dos 10 médicos que se incorporan á OPE noutras áreas, sendo “unha das incorporacións máis importantes nos últimos anos”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed