De Praza de Vigo a Praza de Rosalía de Castro. Esa é a proposta que fai a Asociación de Veciños do Ensanche ‘Raigame’ ao Concello de Santiago para honrar á escritora que naceu nesta zona da capital galega cando era outro concello diferente, o de Conxo.
Ademais de rebautizar a praza na que Rosalía veu ao mundo, ‘Raigame’ instou ás institucións a converter a Praza de Vigo nun “polo” de atracción turística para os visitantes de Santiago ao redor da figura da creadora de ‘Cantares gallegos’.
“Nun tempo necesitado de referentes, ninguén mellor que Rosalía polo que supuxo para a muller do seu tempo e porque é unha referencia para as mulleres de hoxe en día e para calquera persoa”, asegurou Xosé Manuel Durán, presidente da entidade.
O número de municipios galegos no nivel máximo de alerta, o tres, pola incidencia do coronavirus na última semana elevouse a 21, oito máis que o martes, ao activarse o aviso en Lugo, Pontevedra, Poio, Tui, Salvaterra, A Estrada, Mesía e Oleiros.
Ademais, segundo consta no mapa ‘semáforo’ actualizado diariamente pola Consellería de Sanidade, continúan no nivel tres pola pandemia os concellos de Ourense, O Carballiño, Ou Barco, Verín, Santiago, Arteixo, A Laracha, Narón, Culleredo, Ordes, Ames, Vilagarcía de Arousa e Cangas do Morrazo.
A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que detectaron máis de 21 casos de coronavirus no últimos sete días, fóra de Lugo e Pontevedra. Estas dúas, ao ter máis de 50.000 habitantes, están en alerta vermella por sumar máis de 112 contagios no caso da cidade da muralla, e máis de 96 na do Lérez.
Mentres, en situación 2 –no nivel laranxa do mapa– sitúanse 15 municipios, catro menos que o martes. Trátase de Ferrol, A Coruña, Carballo, Teo, Vilanova de Arousa, Lalín, Marín, Vigo, Nigrán, Gondomar, Mos, O Porriño, Barbadás, Boborás e Monforte de Lemos.
En cor laranxa inclúense municipios de máis de 50.000 habitantes con 56 e 111 casos novos de COVID-19 á semana por 100.000 habitantes e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos.
No acto de presentación do candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, a portavoz nacional, Ana Pontón, asegurou que o BNG, sen representación no Concello de Vigo, preséntase as eleccións municipais “cos deberes feitos”.
Estamos nun momento, dixo, “no que é importante adiantarse aos feitos e dende a política debemos pensar e soñar o Vigo do futuro” pero o reto máis urxente desta cidade é recuperar o impulso industrial, o emprego e ese Vigo innovador que foi sempre”.
Acto de presentación Xabier P. Igrexas/ Miguel Núñez
Pontón lembrou que ao longo dos últimos anos, “o BNG sempre traballou por Vigo e a pegada está presente”: “Se hoxe temos un paseo en Bouzas é porque no seu momento o Bloque se opuxo a aqueles que pretendían un recheo. Se Vigo ten rúas peatonais é porque un goberno presidido por Lois Pérez Castrillo impulsou un modelo que coloca aos peóns por riba dos vehículos”, defende. Mais nos últimos anos, coa chegada de Marea de Vigo, a formación nacionalista viuse apartada dos plenos da cidade.
Pontón reiterou que “Vigo necesita un novo impulso” e “dende o BNG queremos colaborar para conseguilo apostando por un candidato de canteira”: “Temos un candidato, Xabier Pérez Igrexas, que a pesar da súa xuventude conta coa experiencia necesaria e sobre todo, que está disposto a dar o mellor de si mesmo para que este proxecto avance no Concello de Vigo”.
Acto de presentación Xabier P. Igrexas/ Miguel Núñez
O candidato do BNG á Alcaldía, Xabier Pérez asegurou que Vigo está ante “un goberno que non goberna” ao que sumou unha oposición “sen propostas e alternativas” o que evidencia, dixo, a necesidade de que o Bloque “volva estar con forza no concello”.
Acto de presentación Xabier P. Igrexas/ Miguel Núñez
Na súa intervención, Pérez Igrexas amosouse convencido de que é posible “construír cidade dende os barrios e parroquias e sumar nesta tarefa a moitos miles de vigueses e viguesas”.
“Nós non vimos a mazar en ninguén” recalcou, no que hai que mazar é nos problemas da xente como “o desemprego, a situación de emerxencia social, a necesidade dun transporte en condicións, en acabar coa desertización cultural”.
Temos que rematar “coa política inútil do pim-pam-pum e da lea permanente das sesións plenarias” pero sobre todo, “da confrontación por todo entre Concello e Xunta. Nós vimos a traer solucións, un proxecto de cidade ao servizo da veciñanza, xa basta de balbordo, xesticulación e pelexas por nada”, engadiu.
Acto de presentación Xabier P. Igrexas/ Miguel Núñez
Pérez Igrexas reiterou a súa confianza en que moita mocidade votará por primeira vez e pensan no Bloque Nacionalista galego como “ unha alternativa polas súas propostas, ideas e experiencia para transformar a súa cidade. “O reto que temos por diante é converter toda esa simpatía nun grande apoio ao BNG dende hoxe a Maio”, concluíu.
O Real Club Celta ofreceu esta tarde en Balaídos un vistoso e entretido encontro co Español, no que calquera dos dous puido levarse a vitoria mais ningún o logrou. Os minutos pasaron tan rápido como este verán, e queda a sensación agridoce de que regresar a postos de Europa League non termina de parecer un obxectivo realista.
Ambos equipos xogan ben ao fútbol, o Celta con máis posesión e xogadas individuais e o Espanyol facendo parecer fácil chegar á meta do Celta. Ilusiona o noso centro do campo, con Lobotka e a nova incorporación de Fran Beltrán, que se moveu con elegancia polo terreo de xogo, deixando ata filigranas. Tamén vimos as de Mor ou Boufal, outra cara nova.
Celta- Espanyol/ Liga Santander
Non tan celebradas foron as internadas de Sisto, que perdeu moitos balóns e se cadra xerou máis perigo ao Celta que ao Espanyol, polo que foi o primeiro troco de Antonio Mohamed.
Trátase dun xogador que conta con defensores e detractores na bancada celeste. A pesar das súas evidentes dotes e poderío físico, que poden levalo a ser un crack, aínda lle queda moito por demostrar en Balaídos.
Por el ingresou Emre Mor, aquela fichaxe esperanzadora que chegou de Dortmund. Mor é un deses xogadores dos que mirar recopilatorios de grandes xogadas no YouTube, pero tampouco termina de convencer aos técnicos celestes e de gañarse a titularidade.
Hoxe comezou algo tibio, mais terminou por demostrar a súa habilidade e o perigoso que pode chegar a ser co balón nos pés. Hai que agardar, a xuventude é o que ten. Tanto pode ser asubiado pola súa propia afección como converterse en icona do celtismo.
Celta- Espanyol/ Liga Santander
Os primeiros 20 minutos foron de certo dominio (sen verdadeiro perigo) do Celta, ben plantado no campo e coa situación baixo control. Pero as tornas cambiaron, provocando o tanto de Hermoso, e o equipo catalán marchou aos vestiarios por riba do marcador.
Á volta, Aspas deixou o 1-1 definitivo. Ocasións houbo para que tanto o Espanyol ou o Celta aumentaran a súa conta nos últimos minutos, pero non houbo maneira. Boa estirada de Sergio Álvarez a piques de rematar o encontro.
Celta- Espanyol/ Liga Santander
Este partido foi o primeiro en empregar o VAR en Balaídos (ademais de que, para sorpresa de moitos afeccionados, houbo tempos mortos á media hora de cada parte).
En todo caso, quedou ben claro que co VAR non morre a polémica. O xogo continúa á interpretación do árbitro, e a grada criticou un gol anulado, unha amarela a Aspas ou un posible penalti, entre outras xogadas. A subxectividade nunca abandonará este deporte, nin falla que fai.
O celtista descontento co empate, que se quede co bo partido das novas incorporacións, como o lateral esquerdo Júnior Alonso, e coa xuventude do equipo, sumada á veteranía de Mallo ou Aspas. A esperanza, o último que perder.
Todos os grupos da oposición no Concello de Vigo arremeteron este venres contra o goberno local e contra o alcalde, Abel Caballero, tras confirmarse a decisión de prorrogar, por 5 anos máis, a concesión do servizo de bus urbano á empresa Vitrasa, do Grupo Avanza, unha prórroga que tacharon de “escandalosa”, á vez que denunciaron que, para materializala, púxose “como escusa” a situación xerada pola pandemia de coronavirus.
Así, o portavoz do PP, Alfonso Marnotes, lamentou que o alcalde “se burla de todos os vigueses” por asinar esa ampliación meses despois de anunciar que se sacaría a concurso o servizo para adaptalo aos novos tempos (o contrato en vigor data de 1994). “O servizo seguirá sendo anticuado e precario (…) e sen posibilidade de mellora polo menos durante 5 anos”, constatou.
O edil ‘popular’ ve “sospeitoso” ese cambio de criterio, ao considerar que se usa a crise da COVID como “escusa” para non facer unha nova concesión, e advertiu de que esa prórroga non elimina a posibilidade de que a empresa, que aplicou un ERTE aos seus traballadores, reclame compensación polas perdas durante o estado de alarma.
Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, tamén criticou que se acuda á crise sanitaria como explicación para non convocar un novo concurso porque, “curiosamente, a COVID non foi escusa para paralizar a tramitación da PXOM ou outros procesos administrativos“.
“Pero si é escusa para darlle 5 anos máis de concesión ao Grupo Avanza”, subliñou, e constatou que o alcalde incumpriu ” a súa palabra” e permitirá que, durante 5 anos máis, os veciños teñan un bus co billete “máis caro” das grandes cidades, e cun contrato “obsoleto”.
Segundo Rubén Pérez, “non hai motivos nin políticos nin administrativos” que xustifiquen a prórroga, e é “unha sinvergüencería” non aclarar que hai detrás desa decisión, “nun momento en que hai que repensar a mobilidade”.
“HIPOTECAR” A CIDADE E ASEGURAR O “LUCRO” DUNHA EMPRESA
Finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tachou de “absoluto escándalo” a prórroga, cando Abel Caballero “prometeu hai meses que ía acometerse unha remodelación integral do servizo”. “Agora iso quedou en nada, e hipoteca a cidade durante 5 anos, condenando aos veciños a seguir padecendo un servizo con escasas frecuencias, un mapa de liñas obsoleto e que non está á altura”, advertiu, e engadiu: “Agora di que de modernizar nada, el está para asegurar o lucro e o negocio a unha empresa privada”.
Así mesmo, Pérez Igrexas ve “ofensivo” que o alcalde utilice como argumento as indemnizacións polas perdas económicas da concesionaria derivadas da crise sanitaria. A ese respecto, lembrou que, como presidente da FEMP, Caballero reclamou ao Goberno de España un fondo de 1.725 millóns para que os concellos poidan precisamente paliar as perdas no transporte público.
A concellería de Medio Ambiente que dirixe o alcalde Xosé Represas e a concellería de Medio Rural, de Manolo Troncoso, trasladaron aos colectivos sociais nas últimas semanas o plan de defensa contra os incendios forestais.
Este plan pretende formar e concienciar á poboación pedindo en primeiro lugar a súa participación na elaboración do documento para non deixar fora ningún dos aspectos relevantes que só coñecen aqueles que viven nas zonas con risco de incendios.
Un traballo técnico pero tamén de campo contando cos veciños e veciñas que viven no rural que en Ponteareas é a metade da poboación total (23.000 habitantes), 125 quilómetros cadrados de territorio conformado en 24 parroquias.
Nos pasados días estiveron a manter diferentes encontros coa veciñanza das parroquias acompañados por enxeñeiras forestais que trasladan o inventario da rede de defensa contra os incendios forestais en Ponteareas.
Encontros nos que as enxeñeiras resolven as dúbidas dos e das representantes dos colectivos veciñais (Comunidades de Montes, Veciñais, Culturais, Sociedade de Caza, Traídas de Augas e outras).
Nas vindeiras semanas porase a disposición de toda a cidadanía os primeiros datos deste traballo cos planos de identificación das zonas de máis alto risco que estará a disposicion nos centros culturais e na web do concello tendo cada lugar o seu plano.
O Alcalde explica que o obxectivo é concienciar e facer partícipe á cidadanía formándoa para afrontar este tipo de situacións de risco e asi diminuir os danos dos lumes: “Protexer as vivendas e edificacións é o prioritario pero para isto debemos traballar de xeito conxunto ofrecéndolle aos veciños as pautas de actuación”.
Xuntanza no Concello de Ponteareas
Deste xeito realizáse un inventario do que existe e detéctanse as necesidades. Probablemente o primeiro documento deste tipo realizado por un concello con este nivel de implicación social e rigor do que se carece na actualidade.
O Alcalde explica que non se pode actuar e lexislar cando suceden acontecementos tan dramáticos como os do pasado mes de outubro se non que as solucións para esto son a longo prazo e aínda que estas accións tardarán en dar resultados, hai que comezar xa e non agardar máis prazos porque en calquera momento poden volver e debemos estar preparados.
Coas faixas de xestión de biomasa donde se procede á eliminación da biomasa vexetal preténdese dar continuidade horizontal e vertical de carga de combustible para diminuir o risco de incendio e atenuar a súa propagación.
Neste inventario establécense os puntos prioritarios a desbrozar e os metros do perímetro que deben limparse: solo urbano, urbanizable e de núcleo rural, edificación, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, gasoliñeiras e instalacións industriais, cámpings… É dicir, infraestruturas de uso público ou áreas recreativas, vías e camiños forestais.
A lexilación autonómica recolle que os propietarios ou arrendatarios destas zonas de faixa están na obriga de limpar antes do 31 de maio, a partir desa data o concello notificará.
O Alcalde de Ponteareas adianta que este plan municpal de prevención e defensa contra os incendios forestais estará integrado no plan municipal de emerxencias e nel delimítanse a rede de defensa, catalóganse as infraestruturas de uso forestal existentes e identifícanse as referencias catastrais afectadas polas faixas de biomasa.
No inventario tamén se identifican as superficies forestais que se clasifican en tres categorías: montes veciñais en man común de xestión propia ou xestión pública cun total de 25 CCMM; montes públicos e superficie forestal en mans de particulares.
Tamén se destacan os espazos naturais protexidos e áreas sensibles, Rede Natura 2000 e Rede galega de espazos naturais protexidos, entre outros espazos naturais.
Represas insiste na necesidade de previr e contar con ferramentas propias que permitan estar o mellor preparados posibles para afrontar as vagas do lume: “Evitar males maiores pasa por previr, informar á cidadanía, formalos, coñecer o punto de partida, inventariar a nosa situación para saber qué hectáreas e cómo son esas áreas que debemos protexer. Só coñecendo de xeito pormenorizado o noso territorio podemos deseñar un plan para protexernos e con que protexernos”.
Máis de 200 tripulantes galegos, vascos e asturianos que permanecían confinados en hoteis de Vigo á espera dos resultados da proba do coronavirus poderán embarcar este xoves no buque de subministracións ‘Solitaire’, que partirá cara a Israel.
Fontes da Autoridade Portuaria detallaron que o barco recollerá a estas persoas ao redor das 10,00 horas tras atracar na terminal de Bouzas. Así, a tripulación poderá embarcar unha vez que se confirme que o resultado das súas probas de COVID-19 resultou negativo.
A Autoridade Portuaria de Vigo e a empresa IMOS, do grupo Tesol, foron as encargadas de coordinar a chegada deste barco á urbe olívica, que terá lugar este xoves.
En concreto, o ‘Solitaire’ é un gran buque ‘supply’ da armadora Allseas que conta con máis de 400 metros de eslora. Este barco está especializado no transporte e instalación de tubaxes en augas profundas.
A intención de Augas de Galicia de colocar unha das torretas do plan de seguridade de Eiras no barrio do Conde provocou un tenso enfrontamento no dia de onte, xoves 10 de agosto, entre os veciños afectados e os técnicos de Augas de Galicia.
O enfrontamento tivo lugar cando, a pesar das denuncias dos veciños, Augas de Galicia continuou cos trámites e medicións para a instalación desta torreta de 11 metros de altura e dotada de tres bucinas de alarma “sen ningún tipo de aviso nin negociación cos afectados”, denuncian desde o BNG.
Os veciños, que xa denunciaron “a absoluta falta de información e negociación tanto por parte de Augas de Galicia como do Concello de Soutomaior”, así como o impacto ambiental e as molestias acústicas que producirían esas torretas, preguntaron aos técnicos no lugar se contaban coas preceptivas licenzas para realizar esas obras ao tempo que lle manifestaron o absoluto rexeitamento do barrio á localización desa torreta “nas portas das nosas casas”.
Pouco a pouco a afluencia dos veciños foi medrando e media hora despois no momento no que os técnicos marcharon eran xa case 20 os veciños presentes no lugar. Algúns dos afectados sinalaron que “non imos permitir que veñan colocar isto a dous metros das nosas ventás sen que ninguén se digne sequera a dar a cara. Trátannos como se non existísemos, como se aquí non vivise ninguén, e non llo imos permitir”.
O portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo, que foi informado polos veciños desta situación no mesmo momento, denunciou que hai xa máis dun mes que denunciaron este “atropelo” sen que se producira ningún avance.
“No último pleno preguntamos ao alcalde se estes torretas contaban coa licenza municipal e esiximos que se lle ofreza unha solución aos veciños. Non pode ser que o goberno local diga unha cousa e Augas de Galicia a contraria. Entre os dous están a tomarlle o pelo aos veciños e instamos tanto a Aguas de Galicia como ao goberno local a que actúen con responsabilidade e a que dean a cara, porque se non o único que conseguirán é agravar este conflito”, aconsellou.
Miguel Barreiro Estévez, integrante do club Yidam-CEIP Balaídos e subcampión do mundo de taekwondo praia na modalidade de Rompementos, foi seleccionado para formar parte do Equipo de exhibición da Federación Mundial. É a primeira vez na historia que un español obtén este nomeamento.
Desde o 1 de xuño ao 31 de decembro realizará exhibicións por todo o mundo no equipo que neste momento é o mellor do mundo. Miguel Barreiro participou no Cto do mundo celebrado na illa de Rodas, Grecia, e obtivo ademais do subcampionato na modalidade de Rompementos libres, e tamén o mesmo posto en rompemento de salto de altura e en quinteto freestyle de exhibición.
Miguel Barreiro / Federación Galega de Taekwondo
A modalidade de rompementos libres resulta espectacular: O participante ten 2 minutos de tempo e pode romper un máximo de 10 táboas en modo de coreografía. Despois do pase á final, a actuación de Miguel foi espectacular, resalta a Federación galega de taekwondo, posto que só fallou unha táboa quedándose a escasas décimas do representante coreano, que obtivo o campionato.
Miguel é cinto negro 1er dan, leva practicando taekwondo desde os 4 anos como actividade extraescolar no colexio Balaídos ata que decidiu unirse aos grupos de exhibición do club Yidam onde conseguiu ser tres veces campión de España de exhibición.