Inicio Blog Páxina 1895

Rosa Quintana pon en valor a innovación e o “esforzo” realizado polo sector da conserva durante a pandemia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor a innovación do sector da conserva e o “esforzo” realizado polo mesmo para afrontar as dificultades derivadas da pandemia da covid-19.

Así se manifestou este venres en Vigo no marco da entrega do III Premio de Deseño Anfaco-Fundación Banco Sabadell a Laura Campos, unha nova deseñadora gráfica de 23 anos, pola súa proposta de ‘packaging’, segundo trasladaron a Consellería do Mar e a patronal conserveira. O deseño da galardoada utilizarase para estuchar as latas empregadas na campaña de promoción de consumo de conservas de peixe e marisco ‘Cata a Lata’ durante o próximo ano.

Neste contexto, Rosa Quintana eloxiou a capacidade do sector para adaptar a súa estratexia de comercialización nos momentos máis difíciles da pandemia, cando resaltou que afrontaron a procura novas oportunidades de negocio, potenciaron a venda ‘en liña’ e apostaron pola exportación, ademais de cumprir os protocolos sanitarios establecidos.

Así mesmo, reivindicou o “compromiso inquebrantable” e a “responsabilidade” mostrados polo sector durante a pandemia, cando traballou “sen descanso” para “manter o seu nivel de actividade e seguir ofrecendo alimentos de calidade á cidadanía”.

Adicionalmente, a conselleira do Mar puxo o III Premio de Deseño Anfaco-Fundación Banco Sabadell como exemplo da aposta das empresas conserveiras pola innovación e o impulso do consumo destes produtos.

Traballadoras de DomusVi denuncian á empresa por iniciar unha “caza de bruxas” para saber quen filtra información á prensa

As traballadoras da asociación Traballadoras de Residencias Galegas (TreGa) denuncian que a empresa DomusVi acaba de deixar sen directora a residencia de Bembrive, centro de titularidade pública mais de xestión privada. Segundo sinala TreGa no seu comunicado, a directora deste centro foi enviada á residencia de Aldán, unha das intervidas pola Xunta coa de Barreiro. Din non entender a decisión da empresa para deixar sen ninguén á fronte de Bembrive dentro das actuais circunstancias de epidemia da COVID-19.

Por outra parte, destacan que en Aldán xa están o director nomeado pola Xunta e a directora do centro, do cadro de persoal de DomusVi. As traballadoras interpretan a decisión de enviar á directora de Bembrive como a encargada de “orquestar unha caza de bruxas”. O motivo sería descubrir quen realiza filtracións á prensa “en vez de atender as súas responsabilidades como directora do seu centro de traballo”.

Ademais disto, denuncian que DomusVi tampouco realizou contratación de persoal para a residencia de Ribadumia e así levar adiante o seu “normal funcionamento”. Apuntan que as traballadoras desta residencia seguen traballando en quendas de nove ou dez dúas sen libranzas, sen cubrir incapacidades temporais nin permisos retribuídos.

Consideran que se está levando adiante un labor de castigo contra o persoal que se está manifestando para reclamar melloras. Así, denuncian que se envían a postos “penosos e sen rotación” ao colectivo de traballadores que reclaman melloras laborais. Entenden que isto cuestiona a profesionalidade do colectivo.

Finalmente, TReGa declara que a día de hoxe o persoal da residencia de Aldán, propiedade de DomusVi, foi reforzado de maneira acaída, con varios médicos, limpadoras para turno de noite e a presenza de enfermeiras e auxiliares aumentou en cada quenda.

Os colexios da área de Vigo suman máis de cen contaxios

Os casos activos de Covid-19 en centros educativos de Galicia –escolas infantís e ensino non universitario– ascenderon a 362, o que implica 14 máis que a xornada anterior, tras manter unha tendencia descendente despois do parón lectivo de Semana Santa. E soben a dúas as aulas pechadas.

Segundo os datos actualizados este venres polas consellerías de Educación e Sanidade, tras arrincar as clases despois das vacacións de Semana Santa sen aulas nin centros pechados, na segunda xornada lectiva quedou unha clase inoperativa, no CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces –por un positivo–, á que se suma unha do CPR Plurilingüe Alba en Vigo –cun positivo–.

Por áreas sanitarias, os casos activos en centros educativos descenden no da Coruña –seis menos– e Ferrol –un menos–, mentres que soben nas de Vigo –seis máis–; Pontevedra –seis máis–; Santiago –catro máis–; Ourense –tres máis– e Lugo –dous máis–.

A área de Vigo sitúase á cabeza, con 109 contaxios, tras sumar seis, co CPR Plurilingüe Casa da Virxe de Cangas que se mantén con máis contaxios, un total de sete. Ademais, conta cunha aula pechada no CPR Plurilingüe Alba por un positivo. Séguelle a da Coruña con 107, seis menos que a pasada xornada. O CPR Plurilingüe A Grande Obra de Atocha, con cinco casos, colócase con máis contaxios nesta área.

A área de Pontevedra e O Salnés experimenta un aumento a 63 casos activos –seis máis–. O CIFP A Xunqueira de Pontevedra e o IES Monte da Vila do Grove destacan co maior número de casos, cinco en cada caso. Mentres, a área de Santiago conta con 47 casos activos, catro máis que a xornada anterior, co CPR Plurilingüe La Salle e o IES Antonio Fraguas á cabeza, con catro cada un. Ademais, conta cunha aula pechada por un positivo no CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces.

MENOS CASOS

Entre as áreas con menos casos activos nos centros educativos sitúase a de Ferrol, con 14 –un menos que o día pasado–, co centro CPR Tirso de Molina con catro contaxios. Pola súa banda, con menos casos de Covid-19 atópanse as áreas de Ourense, con 12, ao rexistrar tres contagios máis, distribuídos en 12 centros; e Lugo, con dez, tras sumar dous con respecto á xornada anterior, distribuídos en nove centros.

Evitan o suicidio dun home nas proximidades do estaleiro Barreras

A Policía Nacional de Vigo evitou o suicidio dun home preto do estaleiro Barreras na tarde deste venres, despois de que un achegado do home que tentaba pór fin á súa vida avisase aos axentes do que ía ocorrer.

Así o confirmou este corpo de seguridade do Estado, que preto de 18,42 horas da tarde do venres recibiu a chamada desta persoa para alertalos. En cocreto, contoulles aos axentes que un achegado seu o chamara para despedirse, comunicarlle a intención de acabar coa súa vida e tamén lle enviou unha foto.

Grazas a esa imaxe, os axentes puideron identificar un barco que se constrúe nos estaleiros de Barreras e dirixíronse á zona para evitar que o home acometese o seu propósito.

Unha vez alí, os axentes interviñeron e lograron impedir que o home acabase coa súa vida tras falar con el e actuar de diversas maneiras. Sacárono da zona na que estaba a través da auga, levárono a un lugar máis seguro e unha ambulancia desprazouse ata o punto para atendelo.

Arbo, capital mundial da lamprea, presenta a XXIII edición da súa feira

0

A primeira quincena de agosto, a vila de Arbo volve converterse na Capital Mundial da Lamprea, produto que cativou ao longo da historia paladares tan selectos como os de Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Castro Vello.

Este ano a Festa da Lamprea Seca celebrará a súa XXIII edición os días 11 e 12 de agosto durante dúas xornadas festivas de exaltación do seu afamado produto durante a chamada “Festa da Lamprea do verán” na xa tradicional “Carballeira de Turbela”, dada a repercusión e a demanda do visitante, “ávido de seguir gozando dunha exquisitez única que cada vez desestacionaliza máis o seu consumo ao ir coñecendo o público asistente esas outras deliciosas receitas coas que os cocineros e cocineras de Arbo son capaces de preparar este exclusivo manxar do Miño fóra da tempada de pesca”, subliñan dende o Concello de Arbo.

Durante os dous días poderase degustar nos postos habilitados lamprea por racións nas súas diferentes variedades, asada, rebozada ou rechea; acompañada dos mellores viños da D.O. Rías Baixas, mentres se goza das diversas actividades programadas que propiciarán un ambiente festivo apto para todos os públicos.

Segundo manifesta o alcalde, Horacio Gil, a primeira Festa da Lamprea Seca tivo lugar no ano 1996, sendo el mesmo concelleiro de cultura, “co obxectivo de dar continuidade á promoción e consumo desta delicia gastronómica, poñendo en valor esas outras formas de preparar a lamprea fóra de tempada, que permiten, deste xeito, degustarla durante todo o ano, algo que se esta conseguindo grazas á promoción e bo facer de todos os sectores implicados”.

O trío vigués Caldo, gañador do Concurso Fran Pérez “Narf” de musica galega

Caldo foi a banda gañadora da final do Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña e que tivo lugar este sábado no Teatro Colón da Coruña nun espectáculo que foi retransmitido en directo a través do canal de Youtube da Deputación. Nel participaron as cinco bandas finalistas: Caldo, Ukestra do Medio, Koroiev e Momboi, ademais de Verto, o grupo convidado, nun acto que estivo conducido pola xornalista Belén Regueira.

Caldo son María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita), que presentan unha proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, canda pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas. Neste proxecto apostan pola composición de temas propios así como pola revisión do repertorio tradicional galego, poñendo o foco na aldea de Moscoso (Pontevedra).

Para isto, contaron co material das informantes Rosa e Aída Garrido, recollido polo mestre Xisco Feijóo. No seu 1º disco, formado por temas orixinais, Caldo emprega as pezas do repertorio de Moscoso como fío condutor do álbum. Este disco foi gravado en directo.

O segundo clasificado foi KOROIEV, o proxecto de electrónica en solitario do ferrolán Roberto Casteleiro, e en terceira posición rematou MOMBOI, a banda barbanzá de pop-rock con gusto pola música de raíz latinoamericana. En cuarta posición rematou a UKESTRA DO MEDIO, o compostelá grupo de ukeleles, e en quinta CRNDS, o compositor e produtor coruñés que fai dialogar a electrónica máis experimental e a música tradicional galega.

En metálico os premios son de 3.000 euros para a primeira banda clasificada, 2.000 para a segunda, 1.500 para a terceira e 1.000 para a cuarta e quinta. O Concurso Fran Pérez “Narf” de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf”. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mileth, Su Garrido, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros. 

Marea de Vigo insiste en remunicipalizar a subministración de auga coa fin da concesión de Aqualia

Marea de Vigo insistiu este venres en aproveitar o fin da concesión de Aqualia, que expira en 2021, para remunicipalizar a subministración de auga e o saneamento da cidade.

Nun comunicado, o seu portavoz, Rubén Pérez, considerou que a primeira decisión e estudo que ten que afrontar o goberno local sobre a concesión da subministración de auga é, ao seu xuízo, ver a posibilidade da súa remunicipalización “para volver ter unha empresa pública”.

Para Marea de Vigo, a contratación dunha consultora externa que realizou o Concello para elaborar os traballos dunha nova concesión “non é a prioridade”. “O que ten que facer previamente o goberno local é a decisión e estudo rigoroso das posibilidades de remunicipalizar o servizo”, subliñou.

Cinemanía: un dos últimos videoclubes e cines de Vigo, afogado pola piratería e o vandalismo urbano

 “Vendemos de todo menos películas”. Con esta frase, Antonio Cibeira, de 61 anos, define a súa situación. No seu videoclub ocorre de todo menos aluguer de películas. De luns a venres, son unha ou dúas cintas en todo o día, unhas quince cintas semanais. Non recorda chegar ás 50 nunca, 25 ou 30 como máximo.

Na época na que máis persoas ven cine, non só é vítima das plataformas legais en Internet e o vandalismo en rede, senón tamén do urbano, frecuente no barrio de Teis e arredores, onde opera a súa singular tenda, unha gran descoñecida para o resto da cidade.

Antonio é un autónomo con 42 anos cotizados que realizou diferentes traballos e emprendeu en multitude de ocasións. Foi representante dunha casa de lencería e corsetería, tivo unha empresa de construción con 17 obreiros que afundiu a crise.Tamén abriu bares e cafetarías, pero todo terminou indo para atrás co tempo. Co traspaso do seu último bar, perdeu 28.000 euros.

É un home con mala sorte, ata o punto de que no 2009 ardeulle o piso con todos dentro, ao caerse unha manta sobre unha estufa eléctrica: “rebentaron as ventás, estaba cheo de lume”.

Por favor, non golpeen as máquinas / Miguel Núñez

El, a diferenza dos seus coetáneos, que polo común miran con nostalxia o pasado; quere que pasen os anos, como lles ocorre aos nenos no seu fervoroso desexo de autonomía, para así alcanzar ao fin a súa xubilación.

Mentres, resiste coma pode. Non se retira aínda para que a súa pensión non mingüe, quizais mereza un respiro trala súa valentía ou temeridade de coller a testemuña dun videoclub no 2014, manobra que, nos ollos de hoxe, parece optimista en exceso.

de xuízo en xuízo

Agora, vítima desa decisión, paga a cota de autónomos, paga impostos, paga 260 euros ó mes de luz polo alto gasto enerxético das máquinas, paga seguros e constantes reparacións, vai de xuízo en xuízo porque á xustiza tamén a ten en contra, e á sociedade enteira, que evolucionou cara novos modelos e lonxe quedan os anos nos que cada barrio tiña un videoclub, ou varios.

As máquinas expendedoras proporciónanlle a gran maioría de seus beneficios, pese aos constantes roubos e desfeitas nelas. Son tan vellas (nin sequera aceptan os novos billetes de euro) que non atopa pezas. En realidade, trátanse dunhas instalacións caras, aínda que o seu estado actual faga pensar o contrario: “quen montou isto gastou 260.000 euros”.

Temos ovos super grandes/ Miguel Núñez

Ten instaladas cámaras de vixilancia, así que sempre “descobre” a seus asaltantes, non moito menos habituais que os clientes. Logo amósalle as gravacións aos policías. O normal é que xa os coñezan de roubos anteriores. Un día presentouse a denunciar a un home, e alí había xa unha ducia de persoas para o mesmo caco, que fora cunha panca levantando e rompendo o que puidera.

Antonio amosounos o penúltimo traballo destes visitantes, outra máquina expendedora rota, roubándolle 200 euros en moedas e 140 de mercancía. Este foi en xullo de 2017, pero aínda non solucionouse nada.

sei quen son, os teño gravados en vídeo, pero non podo nin colgar fotos do seu rostro

O seguro que tiña contratado non lle cubriu: “ao ser unha parte do local sen rexa, tiña que abonar por un apartado máis. Agora xa o contratei, e pago o dobre. Son cousas que as aseguradoras non che din, estás pagando e por nada. Hai que ler a letra pequena…

Espera con resignación e sen especiais esperanzas o que ocorra nos xulgados: “Se os declaran insolventes, esquécete… Eu sei quen son, os teño gravados en vídeo, pero non podo nin colgar fotos de seu rostro porque aínda denúncianme e gañan, ou en todo caso veñen seus amigos para arrincalas”.

E o peor de todo, lamenta, é que “existen salteadores profesionais que raian a ferradura e nada máis, pero estes chapuzas rompen o triplo do que rouban. E os`policías os collen, logo os volven a sacar e outra vez a roubar. Eu xeralmente paso xa de estar tres ou catro horas dando parte, para nada. É perder o tempo”.

Rara é a máquina de vending que non presenta danos. O cristal novo válelle 260 euros, 300 a soldadura, se o que esnaquizan é a máquina en si mesma, pois unha de segunda man custa 4.0000.

Intentouno todo. Incluso tiña contratado un servizo de alarma rápida á policía, a través dunha das empresas máis prestixiosas e coñecidas do sector, senón a que máis, pero tampouco: “Soaba a alarma á madrugada, e dábame tempo a espertar con calma, vestirme sen présas, ir alí e chegaba antes que os policías, todo desfeito por suposto. Logo fas amigos no corpo e explícante que o fan a posta o de non chegar, para aforrarse papelorios inútiles, que é o único que poden facer: pouco máis tarde están na rúa de novo”.

Vende de todo / Miguel Núñez

Non critica ao corpo policial: “A policía aquí en España é moi boa, non ten culpa. Pero, que importa que sexan bos? Se collen 100 e en dous días están fora a metade”.

Ás veces, Antonio, esgotado, tómase a xustiza pola súa man. A tódolos clientes mándalles presentar DNI e grava a súa dirección, e son tantos os que non devolven as películas que preséntase na súa casa a cobralas. Ten ido ata Porriño por catro películas de nada. Pero moitas veces incluso isto é inútil: cambiaron de domicilio.

Antes alugaba tamén xogos da Play Station 4. Pero de cada seis, catro os roubaban: “Rinse de ti. Valen tanto eses xogos, uns 60 e pico euros, que tiña que alugalos 20 veces para que foran rendibles. E coma os mangaban constantemente, era imposible”.

“Estás denunciado” / Miguel Núñez

Ningúen pode dicir que non sexa un home de recursos. O local ten dous pisos e o superior, cheo de cadros de estrelas do cine, o aluga para cumpleanos. Tamén ten unha sala de cine, cando Vigo a descubra seguramente sexa tarde.

Nela, tirou os prezos e nin así, a 8 euros unha parella, 2,50 por cabeza se son ata 5 persoas e 2 euros ao superar as 5. Ademais, non só podes visualizar unha das películas da tenda (a que queiras), senón calquera que traias, incluso chámanlle familias para ver bautizos, estudantes para expoñer traballos.

A pesar dos seus 61 anos, intenta actualizarse e ter iniciativas, ten pensado ata cobrar por xogar á Wii. Fixo 10.000 carteis en branco e negro que repartiu por todo Vigo. Pero de momento vai perdendo o seu pulso. Vai a contra corrente: “considérome inquedo, hai que buscar a sorte. Pero hai xente que con moito menos a ten. Unha alegría son vinte desgracias”, lamenta.

Unha estrela máis / Miguel Núñez

Ten 6.000 películas, e desfaise delas: as que están á venda, custan só un par de euros. Pero non vende só cintas, ten ata spinners (o derradeiro xoguete de moda) e empanadillas. Coas películas saca entre 100 e 200, 100 euros co cine…Vai rascando como pode.

Antes abría polas mañás, pero gañaba tan pouco que se tiña a luz acesa, xa non cadraban as contas desas horas, así que desistiu. Mantense grazas a un despacho de pan en Fragoso. Á mañá están a súa dona e máis el atendendo, e á tarde el abre o videoclub, que non pecha ata máis aló das 11 e 12, xa que á noite son ás “horas punta”, e ela continúa despachando no seu posto.

A este home azoutado por tódalas mareas non lle presta o drama, pero si a acción. As súas películas favoritas son O Renacido, Depredador e Misión Imposible. “Gústame pasar o rato, sen tensións”, afirma.

En calquera caso, a este home, que acaba de ser avó o 1 de marzo, quédanlle catro anos para xubilarse, e resiste trala barra, soñando coa chegada dun plan que o rescate antes.

Vigo suma 149 novos positivos e mantén 76 pacientes ingresados con Covid

A escalada de novos contaxios diarios de Covid mantense en Galicia, onde se confirmaron, nas últimas 24 horas, outros 710 casos. Con todo, grazas ás altas epidemiolóxicas, segue caendo o número global de casos activos na comunidade, 382 menos que na última xornada. Tamén cae a presión hospitalaria, con 309 persoas hospitalizadas.

Segundo os datos feitos públicos este sábado pola Consellería de Sanidade (con información solicitada ata as 18,00 horas deste xoves), a área de Vigo colócase en segunda posición (logo da Coruña) en incremento de contaxios detectados. Así pois, A Coruña lidera con 151 novos casos, e a ela séguelle Vigo con 149 casos. As infeccións activas caen máis dun centenar, 139 concretamente, e queda con 2.796 casos activos.

En canto á presión hospitalaria, Vigo conta con 76 pacientes ingresados (-4), onde mantén 11 en UCI e baixa a 65 os hospitalizados en planta.

Con respecto ás probas de detección do virus, ata agora realizáronse en Galicia 2.694.223 probas PCR (máis de 5.691 nas últimas 24 horas).  Segundo os datos publicados este venres polo Sergas, a porcentaxe de resultados positivos nas probas PCR practicadas ascendeu ata o 10,65 %, moi lonxe do 5 % que a OMS fixa como limiar para dar por controlada a pandemia.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed