Inicio Blog Páxina 1896

A Policía monta un operativo nas Travesas para deter a unha moza traficante de 23 anos

0

Axentes de Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a unha veciña da cidade de 23 anos de idade como presunta autora dun delito contra a saúde pública.

As investigacións iniciáronse por mor das denuncias cidadás pola existencia dun posible ‘punto negro’ de venda de drogas na zona das Travesas. A Policía despregou un dispositivo de vixilancia e comprobou a constante trasfega de ‘compradores’ pola zona, á vez que identificou a unha moza como posible vendedora.

Á primeira hora da madrugada, varios dispositivos policiais situáronse estratexicamente para interceptar á sospeitosa, que foi localizada cando camiñaba pola Avenida de Castrelos. Cando os axentes a abordaron e realizáronlle un cacheo de seguridade, atopáronlle varios anacos de haxix, así como unha importante cantidade de diñeiro en efectivo.

A moza foi detida e trasladada a comisaría, onde se comprobou que tiña antecedentes policiais. A detidas e as dilixencias practicadas foron postas a disposición do Xulgado de Instrución número 8 de Vigo.

As mulleres terán acceso gratuíto a produtos de hixiene feminina na UVigo

A Universidade de Vigo convértese na primeira institución de educación superior en España na que as mulleres que forman parte da súa comunidade poderán acceder de xeito gratuíto e universal produtos de hixiene feminina.

“Esta medida é un exemplo real do compromiso deste equipo de goberno por facer unha universidade máis igualitaria e xusta, e que pretende loitar contra a chamada pobreza menstrual, que afecta sobre todo ás mulleres”, explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo.

Así, será a partir do vindeiro xoves, 11 de marzo, cando nas delegacións de alumnado das facultades e escolas dos tres campus, as alumnas, docentes e investigadoras e persoal de administración e servizos poderán acceder de xeito gratuíto e universal a compresas e tampóns, que nun prazo breve de tempo, estarán a súa disposición en dispensadores, que se localizarán nos baños de mulleres da universidade.

CUSTOS DA HIXIENE FEMININA

Calcúlase que as mulleres pódense gastar ata 6.000 euros ao longo da súa vida en produtos de hixiene íntima como compresas ou tampóns que, ademais, no caso de España, están gravados cun 10% de IVE, e non cun 4%, que se aplica aos bens considerados de primeira necesidade.

“A menstruación é un proceso natural e esta medida resulta un xeito de normalizar unha necesidade das mulleres”, sinala a directora da Unidade de Igualdade, que destaca a proactividade da UVigo á hora de acabar coas dinámicas sociais que historicamente excluíron e infravaloraron ás mulleres e as súas necesidades específicas.

A Feredación Galega de Atletismo organiza charlas en liña para asesorar aos deportistas

0

A Federación Galega de Atletismo realizará un ciclo de charlas informativas en liña onde abordará, de mans de profesionais especializados/as, distintos enfoques de actualidade relacionados coa pandemia polo COVID19

“A iniciativa xurdiu como consecuencia da gran incertidume existente en moitos aspectos que afectan de maneira moi especial e directa ó noso deporte.” apunta nun comunicado a propia federación.

Os temas a abordar nas charlas serán sobre economía, saúde, xestión e planificación.

A primeira das mesmas dará comezo este mesmo venres ás 20.30h horas a través da páxina de Facebook da Federación Galega de Atletismo coa participación de Rafael Alonso Martínez, responsable dos Servizos Xurídicos da FGA.

A charrla afondará nos aspectos económicos que poden afectar aos clubes e o seu persoal.

O ciclo de charlas repitirase todos os venres ás 20.30h horas e os participantes poderán preguntar a través do chat.

Marea de Vigo pide ao Concello que empregue fondos públicos en crear vivendas para familias sen recursos

0

O grupo municipal Marea de Vigo apostou por destinar a recadación obtida pola venda de 23 inmobles situados na rúa República Arxentina e cuxa titularidade correspondía ao Concello a “paliar a inexistencia de vivendas de emerxencia social” na cidade olívica.

Nun comunicado, incidiu na importancia de contar con este tipo de solucións habitacionais para dar resposta a familias que perderon os seus fogares, en especial, aquelas que contan con menores ou persoas dependentes a cargo.

Marea de Vigo asegurou que, dado que os valores catastrais desas vivendas “eran altos”, a recadación, que ascende a uns catro millóns de euros, podería investirse na articulación dun parque de vivenda municipal para familias sen recursos ou en risco de exclusión social.

Con todo, o grupo municipal denunciou que, no Plan Económico Financeiro presentado este mércores na Comisión de Facenda do Concello, recolleuse a intención de destinar os fondos obtidos a sufragar “a débeda do Auditorio Mar de Vigo”.

Atopan en Vigo á menor de 14 anos desaparecida en Baiona a pasada fin de semana

Unha menor de 14 anos domiciliada en Baiona que se fuxiu da súa vivenda este sábado foi localizada en Vigo en bo estado. Os feitos tiveron sobre as 8,20 horas deste martes, cando un cidadán recoñeceu á menor tras observala na rúa Coruña e deu aviso por teléfono á Policía Local, segundo detallaron fontes da mesma.

Deste xeito, os axentes desprazáronse ao lugar, onde se entrevistaron coa nena e procederon á súa identificación. A menor recoñeceu que fuxiu do seu domicilio o pasado sábado, tras o que deambulara e chegara a durmir nunha vivenda abandonada.

Posteriormente, os axentes contactaron coa súa nai, quen se trasladou á zona para facerse cargo da súa filla poucos minutos despois. A muller explicou que descoñececía o paradoiro da nena desde que esta abandonara o domicilio familiar.

Tamén indicou que denunciara os feitos na Comandancia de Garda Civil, o que permitira a activación dun operativo de procura e localización. Así mesmo, os policías fixeron entrega da menor, que se atopaba en perfecto estado, á súa nai e informaron da súa localización á Garda Civil mediante un informe para que se procedese á desactivación do proceso de procura.

Detido un home en Vigo tras acoitelar a súa muller

0

Unha muller resultou ferida este venres por arma branca na cidade de Vigo, polo que foi evacuada a un centro hospitalario, e un home foi detido supostamente en relación con estes feitos.

Segundo informaron fontes de emerxencias, ás 7,50 horas deste venres o 112 recibiu o aviso dunha muller ferida por arma branca á altura do número 7 da rúa Vázquez Varela na cidade olívica. Por iso, o CAE 112 avisou a persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Nacional, Policía Local e á Policía Autonómica.

Fontes consultadas por Europa Press manifestaron que o apuñalamento tivo lugar nun domicilio tras o que a muller baixou á rúa polo seu propio pé e un veciño que a viu alertou a emerxencias.

Posteriormente foi detido un home cun casco posto que saíra do edificio e ía abandonar a zona nunha motocicleta, confirmaron as mesmas fontes.

Maderas Iglesias, empresa histórica do Porriño, no bordo do precipicio

“A Xunta pediunos paz social para que as negociacións da empresa cos posíbeis compradores chegasen a bo porto e esta paz social lévanos agora con toda seguridade ao peche da empresa e á destrución de arredor de 250 postos de traballo”. Quen fala é Vicente Molares, presidente do comité de Maderas Iglesias, compañía do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha situación crítica.

O presidente do comité, membro da CIG, amosou hoxe a súa indignación polo feito de que sexan os medios de comunicación os que estean a informar sobre o fracaso dos contactos entre os posíbeis compadores de Maderas Iglesias e as entidades bancarias coas que a empresa mantén importantes débedas: “Non temos máis datos dos que se publican na prensa a pesar de que somos os representantes das traballadoras/es, que son os principais interesadas/es porque destas conversas depende o noso futuro”.

No caso de que as entidades crediticias opten por executar a débeda, como todo parece indicar, a empresa estará condenada ao peche: “A falta de acordo cos bancos non pode supoñer a liquidación da empresa e a perda de centos de postos de traballo, sobre todo se temos en conta que algunhas desas entidades foron rescatadas con diñeiro público”, denuncian dende a CIG-Construción de Vigo.

Pola súa banda, Molares lembra que a finais do ano pasado trasladáronse até o Parlamento galego para demandar o apoio de todos os grupos á continuidade da empresa e mantiveron unha xuntanza co Igape, organismo dependente da Xunta, para abordar a grave situación económica na que se atopa a empresa e consensuar as posíbeis solucións.

Posteriormente, a principios deste ano reuníronse coa Consellaría de Traballo, Emprego e Industria, que se comprometeu a contactar coa dirección da compañía e cos seus acredores para intentar buscar unha saída que garanta a súa viabilidade e o mantemento de todos os postos de traballo: “Pero por agora descoñecemos os movementos que fixeron neste sentido, o que evidencia unha falta de compromiso”.

Os bancos rexeitan a oferta de compra

Pero agora, segundo veñen de coñecer a través dos medios de comunicación, os bancos acredores rexeitaron a oferta de compara da empresa realizada por un fondo de investimento ao considerala insuficiente, “o que con toda probabilidade aboca a Maderas Iglesias ao peche definitivo, deixando na rúa a unhas 250 persoas, o 80% mulleres”.

Nas últimas semanas tanto o comité de empresa como os alcades das comarcas do Condado e da Louriña solicitaron por escrito xuntanzas coa Xunta para coñecer de primeira man o estado das negociacións, reunións que nunca se chegaron a celebrar: “Non entendemos por que incumpren o seu compromiso de maternos informados sobre as xestións que supostamente levan a cabo para garantir a supervivencia dunha empresa que consideramos viábel co actual cadro de persoal e da que dependen centos de familias da zona sur da provincia de Pontevedra”.

Miñones sinala como o “motor da recuperación económica” á Zona Franca, que constrúe novas naves en Nigrán

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, sinalou como “o motor da recuperación económica de Galicia” ao Consorcio da Zona Franca de Vigo, que avanza na construción de novas naves no polígono de Porto do Molle, en Nigrán.

Nunha visita realizada ás obras, Miñones destacou que a Zona Franca promove investimentos e actuacións que repercutirán “non só nesa comarca, senón en toda a provincia e en Galicia”. Por iso, asegurou que esta institución está en proceso de converterse en “un revulsivo da recuperación económica da provincia”.

Tras visitar a Casa del Reloj, en Baiona, e o polígono de Porto do Molle, José Miñones puxo o foco na aposta do Goberno central por “apoiar o emprendimiento e a innovación empresarial”.

Neste sentido, subliñou o papel exercido pola Zona Franca durante estes anos como “un dos principais promotores de parques empresariais de Galicia”, así como de “os axentes de promoción e asesoramento de empresas máis activos da comunidade”.

Pola súa banda, o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, constatou o interese de “máis de media ducia de empresas dos máis diversos sectores” polas instalacións industriais que se executan en Nigrán a pesar de que “aínda falta un ano para a finalización dos traballos”, prevista para o próximo verán.

Ademais, Regades detallou que as naves se atopan en fase de estrutura e avanzou que “despois do verán sairá a licitación deses espazos”.

En concreto, constrúense 14 naves, 28 talleres e 14 oficinas, así como 68 prazas de aparcadoiro nunha parcela de máis de 10.700 metros cadrados, unha actuación á que o Goberno de España destina 6,3 millóns de euros mediante a Zona Franca. Deste xeito, disporase de instalacións polivalentes de entre 300 e 500 metros cadrados para dar resposta á demanda de pemes cun deseño innovador.

O CPXG pídelle ao Porto de Vigo que contrate responsable de comunicación coa titulación pertinente

0

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia solicita á Autoridade Portuaria de Vigo que substitúa unha convocatoria para a contratación dun responsábel de comunicación e imaxe na que se valora con máis puntuación un mestrado que o grao ou licenciatura en xornalismo ou comunicación.

O pasado xoves 15 de outubro publicouse no DOG a convocatoria para a contratación, mediante probas selectivas, dun posto de responsable de Comunicación e Imaxe de persoal laboral fixo para a Autoridade Portuaria de Vigo. Segundo establecen as bases, o requisito será estar en posesión dunha titulación universitaria para acceder ao posto.

Porén, as mesmas bases conceden unha maior puntuación ao “máster en xornalismo ou equivalente” que ao “grao en xornalismo ou equivalente”, polo que puidera acontecer que un aspirante cunha titulación diferente ás relacionadas coa comunicación, pero que realizase un mestrado accedese ao posto por riba doutro que si tivese unha formación específica en comunicación.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, como entidade que representa legalmente aos/ás xornalistas na comunidade galega, lembra que a única titulación que acredita para realizar labores de comunicación é a licenciatura ou grao en Ciencias da Comunicación e/ou a colexiación no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Aínda que un mestrado en xornalismo poida dar certos coñecementos sobre a materia, non substitúe, en ningún caso, a formación obtida a través dun grao universitario.

Por todo isto, o Colexio de Xornalistas solicitou ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique César López Veiga, que substitúa a devandita convocatoria por outra que inclúa como requisito ser titulado/a en Xornalismo ou Ciencias da Comunicación e/ou colexiado/a do CPXG.

Corina Porro ratificada polo PP de Pontevedra á fronte da xestora en Vigo

0

A xunta directiva provincial do PP de Pontevedra ratificou á exalcaldesa de Vigo e presidenta do CES, Corina Porro, como responsable da xestora do partido na cidade olívica “para que comece a reacción” dos populares tras obter un “moi mal resultado” nas pasadas eleccións municipais.

Así o explicou o presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, que comentou que dos 9.000 votos menos obtidos polo PP con respecto aos anteriores comicios de 2015 na provincia de Pontevedra, o 90 por cento foron “a conta dos que se perden en Vigo”.

Por iso, apelou á “necesidade de reacción” no proxecto do PP de Vigo para, a continuación, agradecer á cabeza de lista nas últimas municipais, Elena Muñoz, o seu “traballo, lealdade e facilidades para que o partido póidase reconstituir”.

Rueda cualificou de “acerto” a elección de Corina Porro á fronte da xestora de Vigo e argumentou que o PSOE tanto a nivel autonómico como local púxose “nervioso” co seu nomeamento.

Así, Corina Porro propuxo como secretaria da xestora a Marta IglesiAs e como vogais a Rocío Fernández, Teresa Cendón e Mariam García. A estes nomes sumaranse outras figuras que, ata a celebración do novo congreso local –sen data nin prazo para a súa convocatoria–, decidirán “a recomposición do grupo municipal”.

DEPUTACIÓN

Alfonso Rueda admitiu que recuperar o goberno da deputación provinicial de Pontevedra “era o obxectivo” e achacou a perda dun deputado “en gran parte” ao resultado no partido xudicial de Vigo e na propia cidade. Por iso, afirmou que elixirán “aos mellores deputados para facer un labor de oposición responsable”.

Ademais do chamamento a “mellorar e recuperar posicións”, nesta xunta directiva provincial do PP de Ponteevdra valoraron en “positivo” a subida de case cinco puntos con respecto ás eleccións xerais do pasado de abril.

Así, destacou que o PP de Pontevedra “segue sendo a forza máis votada na provincia no 60% dos concellos” con 364 edís fronte aos 256 do PSOE e 22 maiorías absolutas, doce máis que os socialistas, aínda que sen contar a situación de Tui, onde o PSdeG interpuxo un recurso ante a xunta electoral central.

As alcaldías de Sanxenxo e Lalín xunto coas maiorías absolutas en Mos, Marín, A Estrada; foron os datos destacados por Rueda, que falou tamén do “resultado magnífico” do candidato Rafael Domínguez na cidade de Pontevedra que, segundo el, marca “o fin do ciclo” do actual rexedor Miguel Anxo Fernández Lores.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed