Na segunda semana de xaneiro comezarán os traballos de desentullo na zona cero de Paramos afectada pola explosión do pasado 23 de maio. Esta semana o alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Obras, Antonio Castro, o arquitecto municipal, Pablo Rivas, o redactor do proxecto de desentullo, Francisco Valle, e o responsable da empresa adxudicataria, Ricardo Abal, visitaron a zona cero para estudar o plantexamento para iniciar a obra.
A próxima semana dedicarase a tramitación administrativa precisa coa presentación do plan de desamiantado, que deberá aprobar o ISSGA, e de Seguridade e Saúde, que debe informar o coordinador de Seguridade e Saúde e aprobar o Concello. A continuación comunicarase a apertura do centro de traballo e asinarase a acta de reformulo.
O alcalde de Tui (no centro) visita a zona cero/ Concello de Tui
A segunda semana de xaneiro comezarán xa as obras propiamente ditas que terán un prazo de execución de dous meses. Os traballos levaranse a cabo nunha área de 25 mil metros cadrados onde se retirará todo o entullo, se demolerán tres segundas plantas de vivendas con risco de desplome e se actuará sobre os muros que dan cara viais públicos.
A corporación municipal aprobou este xoves en pleno ordinario por unanimidade a adxudicación dos traballos por vía de emerxencia á empresa Demoliciones y Desamiantados de Galicia S.L. por importe de 753.000 euros. Tamén por unamimidade foi aprobada a moción para habilitar o crédito preciso para costear o desentullo por parte do Concello de Tui.
A Concelleira de Benestar Social do goberno vigués, Isaura Abelairas, chamou este luns ‘ignorante’ á presidenta da Federación Veciñal “Eduardo Chao” (Favec), María Pérez, que acudira á praza do Rei en defensa de Aicha, muller marroquí vítima de violencia de xénero que estaba a punto de ser dasafiuzada, procedemento que foi posposto a última hora por un mes máis.
Abelairas acusou nesta rolda de prensa a María Pérez de poñer en perigo vítimas de violencia de xénero, ao mencionar a dirección dun suposto lugar de vivendas específico para elas, para que poidan vivir seguras de forma confidencial. Pérez considera que estas declaracións da concelleira son falaces, xa que o lugar é público desde a pasada primaveira, e esixe á concelleira de Benestar Social “desculpas públicas” e que se “retracte” se non quere ir a xuízo.
Isaura Abelairas, concelleira de Benestar Social, con Rubén Pérez de Marea de Vigo/ Miguel Núñez
“Doulle ata o venres para que faga unha rectificación pública destas acusacións porque pola contra presentarei unha denuncia por inxurias e calumnias nos xulgados”, afirma a dirixente veciñal asegurando que está “cansada” de “insultos sen fundamento”.
Pérez considera “moi grave” que se lle acuse disto “cando nunca o dixen e, ademais, é algo público, basta con poñer o nome da zona na que están situados estes pisos na web do Concello e aparecen”. De feito, desvelou documentos do Concello nos que se fai mención a esta zona supostamente confidencial, As Roteas.
Acta do Concello na que se especifica a dirección destas vivendas sociais
Documento oficial do Concello no que se especifica: As Roteas
Desde a Favec, insiste Pérez, “pedimos á concelleira que se informe de quen di as cousas e cando se din” para non caer nestes “erros tan graves nin acusar a ninguén de nada que non fixo”. Precisamente, e segundo consta na acta pública da orde do día da xunta de goberno local do próximo xoves, dous destes pisos das Roteas serán entregados a dúas familias “entendemos que sen recursos”.
“Para información da Sr. Abelairas, nese documento tamén aparece a localización exacta destes aloxamentos que, por certo, agradecemos poñan a disposición das familias despois de moitos anos pechados e, casualmente, só uns días despois da nosa denuncia. Nunca é tarde señores”, conclúe a presidenta da Favec.
Aicha e a súa avogada na concentración contra o desafiuzamento de Aicha/ Miguel Núñez
“Todas as mentiras que dixo as vai repetir no xulgado”, engadiu Pérez a Xornal de Vigo: “En maio de 2018 a Consellería de Igualdade cedeu esas casas a calquera familia en situación de exclusión e risco, porque xa se revelara a súa ubicación. Na propia web do Concello están publicadas”.
En canto á situación de Aicha, tras estar a punto de ser desafiuzada, Pérez subliña que está “en tensión. Estaba sen durmir, xa empaquetara as cousas”. A colaboración cidadá está a ser loable: “Chama moita xente para ofrecer regalos aos seus tres fillos”. Agora Aicha está enviando currículums para poder manterse os catro, xa que coas axudas non alcanza para cumplir os pagos e seguir adiante.
O alumnado da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) vén de denunciar a intención do Goberno local de suprimir o curso de luthería antiga, unha das trece especialidades do centro e que en todo o Estado só se oferta en Vigo e Bilbao.
A non convocatoria da praza docente após a xubilación do actual profesor ameaza con deixar a cidade olívica sen un curso que acumula 35 anos de traxectoria e cun acreditado prestixio. Preto de 30 persoas ficarán privadas dunha formación pública que o alumnado valora como “excelente”.
O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, trasladoulle onte á portavoz do alumnado, Norka Pérez, o apoio da formación nacionalista, e ten previsto manter unha xuntanza con varios representantes.
Pérez Igrexas denunciou a “política de desmantelamento” que, na súa opinión, está a practicar o actual Goberno municipal cun centro formativo “referencial para a cidade” como é a EMAO.
O candidato reclamou á Concellaría de Educación que “rectifique e atenda de inmediato as reivindicacións do alumnado garantindo a impartición do curso de luhería antiga”. Aliás, lamentou a “absoluta falla de respeito e consideración cunha disciplina, a luthería antiga, que supón unha aposta decidida por revitalizar o noso patrimonio cultural e musical”.
Desde a fronte nacionalista demandan que “se consolide e alargue a oferta formativa da Escola Municipal de Artes e Oficios en lugar de retallala”, para o que urxen á consolidación do persoal docente, na súa maioría en situación de eventualidade.
Igrexas adheriuse tamén á campaña de denuncia iniciada polo alumnado asinando a súa petición na plataforma Change.org e fai un chamamento ao conxunto da veciñanza a “sumarse para evitar que sigan afogando a EMAO”.
As rúas de Vigo comezarán a vestirse de Nadal cando aínda non rematou o verán. A montaxe iníciase este mércores en varias rúas da cidade, até completar máis de 300 rúas, fachadas, mercados municipais e outras instalacións.
Abel Caballero, en rolda de prensa, dixo: “Que saiban os alcaldes de Londres, Tokio, Nova York, París e Berlín que imos ser o non vai máis. Que se preparen. As alcaldesas de Madrid e Barcelona xa nin poden competir, é natural”, dixo entre risas o alcalde, quen non dubidou en asegurar que as festas do Nadal en Vigo serán o “top do planeta”.
O alcalde anunciou que se instalarán case 1.500 motivos de iluminación nas rúas, mil arcos, bólas de Nadal xigantes, varias árbores iluminadas por toda a cidade, e diferentes motivos ornamentais. En total, instalaranse 9 millóns de lámpadas led.
Ademais, a árbore xigante en Porta do Sol terá este ano unha altura de 31 metros (un metro máis que o pasado Nadal), e contará cun espectáculo de luces e música, do que se poderá gozar en tres pases diarios.
O gasto será de nada menos que 825.000 euros, cantidade que para Caballero é insignificante. De feito, dixo, é “baratísimo”, e lembrou que o Concello adxudicou a iluminación a unha empresa nun contrato por varios anos.
Segundo o alcalde, este gasto reverte en beneficios para a cidade. A ese respecto, recalcou que grazas á iluminación do pasado Nadal “todos os hoteis estiveron petados”, e “toda Galicia” acudiu a ver as luces de Vigo.
Raphael protagonizou na noite deste xoves un concerto masivo para o programa Vigo en Festas 2018, nun auditorio de Castrelos que o alcalde definiu de novo como “marco incomparable”.
Rapahel, en Vigo / Miguel Núñez
Castrelos, cheo ata a bandeira coreou as máis célebres cancións de Raphael, o cal demostrou durante todo o concerto que os anos nos pasan pola súa voz, os seus movementos no escenario e a súa xestualidade teatral, dramática. De feito, hai quen o descoñece, pero tamén é actor de teatro, cine e televisión. Ten 75 anos.
Pola súa banda, na súa “obrigada” intervención o rexedor vigués definou este programa de concertos como “as festas máis marabillosas” e alabou unha vez máis a Vigo e a Castrelos, así como declarou o amor pola nosa cidade do artista invitado, neste caso un Raphael que si amosou o seu cariño aos espectadores.
Rapahel, en Vigo / Miguel Núñez
Mais esta actuación non dá por finalizado o Vigo en Festas. Restan os concertos de Lori Meyers (xa dillo Caballero que os vigueses son “os que máis daben do indie”), Juanes e O.T.
Rapahel, en Vigo / Miguel Núñez
Nas primeiras filas do auditorio, figuras políticas como David Regades ou Carmela Silva.
Rapahel, en Vigo / Miguel Núñez
Máis de 5 décadas leva Raphael na industria do entretemento, namorando centos e centos de persoas, e miles de fans agolpáronse en Castrelos para desfrutar, en definitiva, dunha “gran noite”.
Afectados pola explosión pirotécnica ocorrida o pasado 23 de maio en Tui denuncian que, case un mes despois do suceso, “ninguén recibiu un duro” das axudas habilitadas polas diferentes administracións, e critican que na parte institucional “non se moveu nada, nin unha soa pedra”.
Así o trasladou este mércores o presidente da Asociación de Afectados, Salvador García, que manifestou que os veciños aínda esperan que o Goberno declare o lugar como zona catastrófica, xa que é necesario para que poidan recibir máis axudas, desgravar as recibidas e permitiría incluír partidas para reparar os vehículos danados.
Así mesmo, recalcou que é necesario que se aumenten as partidas das axudas, “sobre todo para as segundas vivendas, que son totalmente insuficientes”; así como que haxa máis “celeridade na tramitación”, pois este proceso é “confuso”, hai “moitas dificultades”, necesítanse moitos papeis e “non se está facilitando en absoluto esa xestión”.
Efectos da explosión da pirotecnica de Tui / Miguel Núñez
Neste senso, explicou que hai afectados que “aínda están a facer as solicitudes”, porque algunhas axudas requiren o proxecto dun arquitecto, dun construtor e a licenza municipal. “Sen ela non se pode facer ningún tipo de obras nin se pode solicitar ningún tipo de axudas”, lamentou, incidido en que é necesario “axilizar as licenzas urbanísticas”.
Acto seguido, criticou que aínda non se reforzou o gabinete municipal de urbanismo, e, aínda que agradeceu que “está o arquitecto como xerente dando o do de peito, traballando moitas horas”, insistiu en que necesitan “medios”. “Pediuse á Deputación, que se comprometeu e aínda a día de hoxe non se sabe se van mandar técnicos ou non”, lamentou.
Veciños de Paramos na protesta/Miguel Nuñez
Neste contexto, os afectados convocaron unha manifestación o próximo 1 de xullo, con saída ás 12,00 horas da Área Panorámica, para esixir “axilización urbanística e dos trámites, máis axudas para a reconstrución e rapidez” para quitar o rebo. Ademais, o día 29 levarán as súas reivindicacións ao pleno da Deputación de Pontevedra.
AVANCES
Entre os avances conseguidos, mencionou que todas as familias da zona cero foron reacollidas, aínda que algunhas permanecen aínda en casa de familiares. Así mesmo, manifestou que xa hai unha dotación de Bombeiros que axuda na recollida dos obxectos dos veciños.
Igualmente, comentou que este martes efectivos da Cruz Vermella desprazáronse para dar asesoramento na parte psicolóxica. Após iso, realizarase unha avaliación dos veciños que o solicitaron para valorar se precisan atención psicolóxica, que a Asociación segue pedindo que se ofreza de forma permanente no centro de saúde de Tui.
Protesta en Tui afectados de Paramos/Miguel Nuñez
A maiores, comentou que se conseguiu que todas as construcións anexas, incluídos os peches, se inclúan nas axudas ás vivendas, para que así os afectados poidan pedilas e optar a “ver reconstruído o 100% dos danos na vivenda”.
Tamén a petición da Asociación, mantivo que o Concello aumentou o nivel de renda máximo para poder solicitar as axudas municipais. “Sobre todo para xente da zona cero que non lle vai a cubrir a parte que teñen que restaurar coas axudas e os seguros; é importante que poidan sumar algo máis”, apostilou.
Can trala explosión pirotécnica en Tui / Miguel Núñez
Precisamente sobre os seguros comunicou que a maioría “xa están a pagar”, aínda que algunhas compañías poñen “algunha” obxección e outras pretenden pagar o valor das vivendas no momento de contratar o seguro, sen a súa revalorización. Respecto diso, agradeceu ao concello que puxese a un avogado asesor en seguros, que “se está implicando moito”.
Finalmente, García volveu a esixir que as diferentes axudas habilitadas polas distintas administracións “póidanse sumar até cubrir todos os gastos de rehabilitar as casas”, e tamén insistiu na importancia de contratar o estudo para retirar os cascallos.
RESPONSABILIDADES
O portavoz considerou “evidente que hai responsabilidade patrimonial por parte das administracións en canto á vixilancia deses explosivos” que orixinaron a explosión. Por iso, a asociación esixirá máis control nas pirotecnias. “Non entendemos como pode un señor traer 1.700 quilos desde Israel e ninguén facer un control sobre eles“, remarcou.
Doutra banda, tamén apuntou á responsabilidade urbanística, posto que “o que derivou en que esa pirotecnia pechase, unha pirotecnia antiga e legal, ten que ver con que se construíron vivendas na contorna“. “Non é xustificable o que fixo este señor de traer os explosivos a aquí, pero se seguise funcionando posiblemente isto non pasaría”, selou.
Efectos da explosión pirotécnica en Tui / Miguel Núñez.
A colación diso, sinalou que “o señor que denunciou e provocou o peche da pirotecnia defende os seus intereses, e é razoable, pero se cadra esa vivenda non se tiña que construír e a pirotecnia non tería que saír de onde estaba, seguiría creando postos de traballo e non pasase nada disto”, rematou.
En canto á parte xurídica, Salvador García indicou que a asociación está “a ver orzamentos” e realizará un estudo acerca de que responsabilidades patrimoniais pódense esixir para poder presentarse na causa penal aberta.
Unha muller duns 30 anos de idade foi evacuada este mediodía en ambulancia tras ser atropelada por un vehículo que competía no Rally Rías Baixas en Vigo.
Segundo informaron a Europa Press fontes do 112, o atropelo produciuse sobre as 13,50 horas deste sábado subindo ao Monte Alba, nun dos tramos do citado rally.
O aviso ao 112 deuno o propio servizo de urxencias sanitarias 061, que informou dun atropelo e posterior caída dunha muller, polo que foi conducida ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
Segundo as primeiras hipóteses da Policía Local de Vigo, o accidente púidose producir ao quedar o vehículo momentaneamente sen freos e saírse do trazado nunha curva. Está a ratificarse se a persoa atropelada estaba nun lugar habilitado para presenciar a proba deportiva.
Ademais da Policía Local e o 061, desde a Axencia Galega de Emerxencias deuse aviso aos Bombeiros e Protección Civil de Vigo, así como á Garda Civil de Tráfico.
A Xunta expuxo ao Goberno que as obras “necesarias” de modernización e ampliación da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de O Casal, en Vigo, sexan financiadas con cargo ao fondo de reconstrución europeo ‘Next Generation’, como o Executivo prevé actuar coa depuradora de Santiago.
Así o explicou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mediante un escrito remitido este venres ao alcalde de Vigo, Abel Caballero.
A conselleira insistiu en que resulta “imprescindible” actuar sobre a estación potabilizadora de Vigo desde fai máis dunha década e lembrou que o Concello olívico licitou en 2006 o contrato para a redacción do proxecto de mellora.
Ademais, sinalou que a “gravidade das deficiencias de funcionamento” da ETAP evidenciouse durante o período de seca rexistrado en Vigo en 2017, cando a presa de Eiras estaba case ao 40% da súa capacidade pero a planta “era incapaz de garantir a calidade da auga”.
Desde ese momento, Ethel Vázquez sinalou que a Xunta instou de modo reiterado a impulsar as obras de mellora da potabilizadora ao Concello, titular dun sistema de abastecemento de auga que cobra taxas polo servizo e cuxo deber pasa por “investir a recadación en garantir o correcto funcionamento das infraestruturas”.
O Rei Felipe VI retomou este mércores a súa axenda oficial, tras o seu descanso estival e varios actos en Baleareas, cunha visita á Comandancia Naval do Miño, en Tui (Pontevedra), onde foi recibido por unhas 200 persoas que lle dedicaron aclamacións e aplausos á súa chegada. Outro grupo tamén se concentrou para prostestar pola presenza do monarca español nesta antiga capital galega.
O monarca fixo a súa entrada no recinto ás 11.00 horas, en coche e vestido co uniforme de capitán xeral da Armada, e pasou revista á dotación da Comandancia, nunha chaira na que recibiu honras.
Así, tras escoitar a versión curta do himno interpretada ao cornetín e saudar aos membros da Comandancia, Felipe VI mantivo un encontro de traballo para coñecer o labor destes efectivos: aplicación da lexislación, fiscalización e sancións relacionadas coa pesca fluvial e a caza, control da náutica, coordinación de medios na procura de afogados, ou apoio en operacións de carga de hidroavións.
Posteriormente, o Rei visitou unha pequena exposición de artes de pesca nos xardíns da Comandancia, antes de embarcarse para navegar un tramo do río Miño, a bordo do patrulleiro ‘Cabo Fradera’ (o buque en activo máis antigo da Armada, despois do ‘Juan Sebastián Elcano’).
A visita finalizou co saúdo ás autoridades, no que participaron o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; o delegado do Goberno, Javier Losada; e algúns dos alcaldes da demarcación da Comandancia Naval, como o de Arbo, o de Tui, o de Crecente e a alcaldesa de Salvaterra. Os alcaldes nacionalistas da comarca (Tomiño, O Rosal e As Neves) non acudiron ao acto.
APOIO E REXEITAMENTO
A visita de SM o Rei causou gran expectación en Tui e, ademais das ducias de persoas congregadas ás portas da Comandancia (a quen o monarca se achegou dúas veces para saudar), tamén varios usuarios, traballadoras e relixiosas da residencia xeriátrica San Telmo (situada xusto detrás do recinto militar) mostraron o seu apoio ao Xefe do Estado con aclamacións, agradecementos e bandeiras que engalanaban todas as súas xanelas e balcóns.
Así mesmo, a asociación Concordia Real Española convocara unha concentración de apoio a Felipe VI nas inmediacións da Comandancia Naval. “Le Queremos! Viva El Rei! Viva España!”, foron algúns das mensaxes proclamadas polos presentes.
No entanto, non todo foron manifestacións de apoio, xa que un pequeno grupo de persoas reuniuse na beira oposta do Miño, na parte portuguesa, xusto fronte ao embarcadoiro da Comandancia, para mostrar o seu rexeitamento ao monarca exhibindo a mensaxe ‘Galiza non ten rei’, así como bandeiras nacionalistas.
O Consello de Administración de Adif autorizou a adxudicación do contrato de obras do traxecto Guillarei-Redondela, pertencente á liña férrea de ancho convencional Monforte de Lemos-Vigo ao seu paso pola provincia de Pontevedra.
Segundo informou Adif nun comunicado, o contrato foi adxudicado á compañía Contratas e Servizos Ferroviarios (COSFESA) por importe de 5.710.993,90 euros e conta cun prazo de execución de 10 meses e medio.
As obras, consistentes na retirada do balasto (pedra) da vía na súa totalidade ou parcialmente baixo as travesas, facilitará as tarefas de mantemento da superestructura de vía no relacionado coa xeometría e calidade.
Ademais, esta actuación “optimizará a drenaxe da vía” mediante a mellora das cunetas actuais e a construción doutras novas, o que “beneficiará á seguridade, calidade e fiabilidade do servizo ferroviario ao solucionarse os problemas que causan as precipitacións de auga sobre a plataforma”, destaca Adif.
O proceso realizarase con maquinaria pesada en todo o seu percorrido, exceptuando as zonas que non sexan operables pola máquina, nas que se empregarán outros métodos alternativos. En todo o tramo, procederase finalmente á nivelación e perfilado de vía, o que garantirá a súa correcta posición.
Con carácter xeral, tamén se acometerán actuacións sobre a drenaxe lonxitudinal e transversal da vía: limpeza e reperfilado de cunetas de terra; limpeza, reparación e colocación de tapas nas cunetas de formigón; execución de novas cunetas e limpeza das obras de drenaxe transversal.