Inicio Blog Páxina 184

Stellantis deterá a súa produción durante varias xornadas a finais de outubro

0

A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis informou aos seus traballadores que deterá a súa produción durante varias xornadas a finais do próximo mes de outubro. Segundo indican sindicatos, a compañía anunciou alteracións na súa actividade na última semana do mes, o que suporá un parón das dúas liñas da factoría durante varios días.

En concreto, o Sistema 1 de Stellantis Vigo, onde se ensamblan os Peugeot 2008, deterase a partir do mércores 29 de outubro en horario de tarde ata o domingo 2 de novembro en horario de noite. Pola súa banda, o Sistema 2, que monta as furgonetas do grupo, parará a partir da tarde do xoves 30 ata a mañá do domingo 2 coa quenda da fin de semana. Esta noticia coñécese precisamente despois de que Stellantis confirmase que freará a produción de vehículos en seis fábricas europeas, incluíndo a de Vigo, ante a necesidade de axustar o ritmo de fabricación de vehículos á evolución da demanda dos mesmos.

Chaman a manifestarse este sábado en Vigo contra o xenocidio en Gaza

A Plataforma Cívica Vigo Pro-Palestina, integrada por máis de 40 entidades sociais, veciñais, sindicatos e partidos políticos, fixo un chamamento a manifestarse este sábado ás 12.00 horas na cidade olívica, para mostrar o rexeitamento contra o xenocidio en Gaza e expresar a solidariedade co pobo palestino.

Esta manifestación, que sairá do cruzamento de Vía Norte con Urzáiz, é outra mostra de solidariedade da comarca de Vigo co pobo palestino ante o “agravamento extremo” do xenocidio nos territorios ocupados. A Plataforma volveu a denunciar a “eliminación sistemática” da poboación civil, e a destrución de infraestruturas básicas, ademais do “uso da fame como arma de guerra” e a ocupación militar total, que “avanzan sen freo”.

Tamén censuraron que boa parte da comunidade internacional “mantense na retórica”, sen tomar ningunha “medida real” e conservando as relacións comerciais e militares con Israel, mesmo cando a Corte Penal Internacional e múltiples relatores da ONU “recoñecen que estamos ante un xenocidio en curso”. Por outra banda, advertiron de que as accións voluntarias de solidariedade, como a Global Sumud Flotilla “están a ser gravemente ameazadas” polo goberno israelí.

Neste escenario, convocaron unha nova manifestación e pediron aos vigueses que volvan saír á rúa para repudiar este xenocidio e reiterar a súa solidariedade de forma pacífica, nun acto cívico ao que animaron a levar bandeiras palestinas, pancartas sen firmas partidarias e mensaxes de apoio a Gaza e á súa poboación. A Plataforma acordou tamén apoiar a manifestación que levará a cabo este domingo en Santiago de Compostela.

Acabouse o de ofrecer vieiras por zamburiñas nos menús dos restaurantes

0

A Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, está a realizar unha campaña de inspección en restaurantes de toda Galicia para erradicar unha práctica fraudulenta: a venda doutras especies baixo a denominación comercial de “zamburiña”.

Segundo informou o Servizo de Inspección e Control dos Recursos (SICOR), en numerosas inspeccións detectouse que establecementos hostaleiros ofrecían no seu menú, carta ou páxinas web “zamburiñas” cando, en realidade, servían a especies distintas, principalmente “vieira do Pacífico” e nalgúns casos “volandeira”.

As tres especies –zamburiña (Mimachlamys varia), volandeira (Aequipecten opercularis) e vieira do Pacífico (Argopecten purpuratus)– son diferentes en aparencia, abundancia, calidade e prezo.

A zamburiña é un molusco capturado no mar, relativamente escaso e moi apreciado. Pola contra, a vieira do Pacífico é un produto de cría, importado conxelado de países como Perú ou Chile. Utilizar o nome “zamburiña” para vender outra especie constitúe, segundo Gardacostas, un engano ao consumidor.

A denominación comercial, obrigatoria e exacta

Dende a Consellería do Mar recordan con insistencia que a denominación que figure na carta ou menú debe coincidir exactamente coa que aparece no albarán de compra do produto. Isto significa que:

Se o albarán indica volandeira, deberá figurar como volandeira na carta.

Se indica vieira do Pacífico, deberá aparecer como vieira do Pacífico.

Só se o albarán reflite zamburiña, poderá denominarse como tal.

Dado que se estima que arredor do 90% do produto comercializado nos restaurantes corresponde a vieira do Pacífico, esta será a denominación correcta na inmensa maioría dos casos.

Ameaza de sancións

Estas prácticas non só enganan ao cliente, senón que prexudican a imaxe do marisco galego. Gardacostas cualifica estes incumprimentos como infraccións administrativas, susceptibles de sanción con 300€ de multa. A campaña de inspeccións intensificarase co obxectivo de protexer aos consumidores e á marca Galicia.

A normativa avala esta actuación. Tanto o Regulamento (UE) 1169/2011, sobre información alimentaria, como o Regulamento (UE) 1379/2013, que establece a organización común de mercados dos produtos da pesca, obrigan a facilitar ao consumidor a denominación comercial correcta da especie que está a consumir, sen inducir a erro.

Os hostaleiros teñen a responsabilidade de garantir a veracidade da información que ofrecen aos seus clientes, empezando por empregar o nome comercial axeitado para o produto que realmente lles serven.

O TSXG ratifica a condena a 15 anos de cárcere o acusado de violar ao seu fillastro en Vigo

0

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a condena a 15 anos de cárcere imposto pola sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra a un home por agredir sexualmente, de forma continuada, ao fillo da súa parella desde os 9 ata os 17 anos no domicilio no que convivían. Ademais, durante o xuízo un irmán menor desvelou tamén abusos.

A sala rexeita, por tanto, o recurso do apelante, pois sostén que as probas practicadas, “pola súa contundencia”, son máis que suficientes para non considerar infrinxido o principio de presunción de inocencia. Así, o TSXG sinala que existe “unha consistente declaración da vítima, de varias testemuñas e peritos, e unha non menos importante documental (whatsaps)”, que foron “correctamente valoradas” pola Audiencia Provincial, levándolle á “plena convicción da autoría e culpabilidade do acusado”.

Por estes feitos, o home foi xulgado en sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, que considerou probado que o acusado, que mantivo unha relación sentimental coa nai da vítima desde 2002 ata 2018, aproveitaba a convivencia para agredir sexualmente ao mozo, de forma continuada, en “múltiples ocasións”, desde que este tiña 9 anos e ata que tivo 17. As agresións incluían tocamentos, penetracións, felacións e outros abusos, e o home tiña ameazado ao menor para que non contase nada do que lle facía.

O tribunal considerou ao procesado autor dun delito continuado de agresión sexual e impúxolle a pena de 15 anos de cárcere, e a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima por tempo de 25 anos. Igualmente, prívao da patria potestade respecto do seu fillo menor de idade por un tempo de 10 anos e inhabilítao para dedicarse a oficios ou actividades que impliquen trato con menores. A Audiencia tamén lle impuxo a medida de liberdade vixiada durante 10 anos tras a súa saída de prisión, e a obrigación de someterse a un programa de educación sexual. En canto á responsabilidade civil, fixa unha indemnización para a vítima de 35.000 euros.

O goberno de Vigo estudará denunciar a membros da CIG tras “insultos” no Pleno

0

O goberno municipal de Vigo “procederá de acordo cos servizos xurídicos” ante os “insultos” de representantes da CIG no Pleno celebrado este luns, e advertiu de que non consentirá “actitudes de violencia verbal” cara a ningún membro da Corporación. sí o trasladou, en declaracións remitidas aos medios, a concelleira Yolanda Aguilar, que subliñou que se viviu unha situación “totalmente antidemocrática” cando se votou unha moción do BNG sobre a mellora do Servizo de Axuda non Fogar (SAF).

Un grupo de traballadoras e de representantes sindicais da CIG estaban a presenciar o debate e, tras a finalización, comezaron a corear consignas para reclamar mellores condicións laborais. “Un dirixente da CIG gritou e amedrentou de modo moi grave ao concelleiro do PP, Fernando González Abeijón“, denunciou a edila socialista. Así mesmo, sinalou que a mesma persoa “insultou a todos os membros da Corporación”, facendo fincapé na primeira tenente de Alcalde, Carmela Silva que, nese momento, presidía a sesión, e “á que se dirixiu con actitudes condescendientes e machistas”.

Segundo Aguilar, a presidenta do Pleno non expulsou ás traballadoras pola súa protesta, senón que foi a Policía Local a que desaloxou á xente “despois dos insultos e actitudes ameazantes dos representantes sindicais contra varios concelleiros”. Cando os presentes comezaron a corear e protestar, Carmela Silva interrompeu a sesión durante varios minutos, quedando os membros da Corporación en silencio e nos seus lugares. Con todo, pasado ese tempo, a tenente de Alcalde anunciou que se faría un “receso” de cinco minutos e pediu á Policía Local que desaloxase o salón de plenos.

COMISIÓN DE ESTUDO SOBRE A VIVENDA

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou a creación dunha comisión de estudo para a posta en funcionamento da Empresa Municipal de Vivenda. Foi o pasado mes de xuño cando o rexedor asegurou que o Concello desenvolvería un “plan de choque” de 11 millóns de euros para garantir vivenda accesible na cidade, que incluiría múltiples medidas.

Entre elas estaría a constitución de ‘EMVigo’, unha empresa municipal de vivenda á que o Concello dedicará 4,5 millóns e que servirá para a promoción de vivenda, atendendo especialmente á de protección pública.

A UVigo participa nun proxecto para a detección satelital de incendios

Aistech Space, Telespazio Ibérica e Kreios Space, en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo), están a cooperar para o desenvolvemento dun sistema satelital para a detección temperá e monitorización de incendios que permita actuar máis eficazmente contra o lume.

O proxecto, concedido pola Axencia Espacial Española no marco do Programa Tecnolóxico Espacial, comezou en xaneiro e actualmente traballan nel máis de 20 persoas, informan o tres compañías nun comunicado este xoves.

Cunha duración de 30 meses e un orzamento de 4 millóns de euros, este traballo pretende “facer fronte ás limitacións dos sistemas actuais –con resolucións insuficientes e recurrencias de varios días–“.

No seu caso, utilizará un sistema de imaxes multiespectrales no rango infravermello cunha resolución “sen precedentes” e unha recurrencia inferior a 24 horas.

O seu desenvolvemento articúlase en catro alicerces: un telescopio optimizado para a detección de incendios, un motor para operar en órbitas terrestres moi baixas (VLEO), unha plataforma satelital a 200 quilómetros de altitude e algoritmos de intelixencia artificial que diferencien de forma automática entre incendios e falsas alarmas.

Vigo rexeita a un ‘tiktoker’ coñecido polo seu discurso “machista, fascista e homófobo”

0

O goberno municipal de Vigo trasladou este luns o seu rexeitamento ante a presenza dun coñecido ‘tiktoker’, El Dandy de Barcelona, nun evento organizado por un local de lecer da cidade, que terá lugar este venres.

Así, tras saberse que unha discoteca anuncia a presenza deste catalán, “coñecido polos seus discursos e actitudes abertamente machistas, misóginas, puteras, franquistas, racistas e homófobas“, a tenente de Alcalde, Carmela Silva expresou a oposición do goberno vigués.

“Consideramos que Vigo ten que ser un lugar libre de violencias contra as persoas e por iso facemos un chamamento a ese local de lecer situado en Vigo para que non se produza esta actuación que atenta contra os dereitos das persoas”, proclamou.

Fito histórico: nace no Cunqueiro unha nena sa tras unha cirurxía de aorta á súa nai con parada circulatoria durante a xestación

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo logrou un fito médico excepcional, tras salvar a vida dunha xestante, que tivo que ser intervida nunha complexa cirurxía, e lograr que a súa filla nacese sa semanas despois. Este caso comezou o pasado 1 de maio, cando unha paciente embarazada de 24 semanas ingresou de urxencia no hospital vigués por unha síndrome aórtica aguda: unha disección aórtica aguda tipo A, a variante con peor prognóstico e cunha incidencia de apenas 2 ou 3 casos por cada 100.000 habitantes ao ano.

Esta enfermidade de risco vital, cun alto índice de mortalidade nas primeiras horas, presentábase neste caso coa dificultade engadida de que a paciente estaba embarazada. Dado o risco para a muller, e tras sopesar as opcións de viabilidade fetal, o equipo médico decidiu levar a cabo de urxencia unha intervención cardiovascular sen cesárea previa, tendo en conta que esa intervención leva aparellada unha parada circulatoria que interrompe temporalmente o fluxo sanguíneo cara ao feto, durante aproximadamente 30 minutos.

A cirurxía, con hipotermia controlada a 28 ºC e un estrito manexo da presión arterial para preservar os órganos da nai e do bebé, foi levada a cabo polo equipo de Cirurxía Cardíaca, formado polos doutores Francisco Estévez e Rocío Casais, xunto aos anestesiólogos José Luís Barreiro e Iria da Torre. Ademais, un amplo grupo multidisciplinar de profesionais implicouse neste procedemento.

Así, levouse a cabo unha esternotomía, empregouse circulación extracorpórea (unha máquina que substitúe temporalmente as funcións do corazón e dos pulmóns) e aplicouse unha parada circulatoria completa, arrefriando previamente á paciente e protexendo especificamente a circulación cerebral. A paciente evolucionou favorablemente e recibiu o alta o 14 de maio, e continuou o seguimento xestacional sen incidencias. Finalmente, o pasado 5 de agosto practicóuselle unha cesárea programada no Álvaro Cunqueiro e a súa filla naceu sa e evoluciona normalmente e sen complicacións.

FITO EXCEPCIONAL EN GALICIA

Este caso é un fito excepcional en Galicia: é a primeira nena nada na comunidade tras unha cirurxía de aorta con parada circulatoria durante a xestación. A nivel internacional hai moi poucos casos descritos na literatura médica. O éxito conseguido pon de manifesto a excelencia e a coordinación dos profesionais do equipo que participou en todo o proceso: cirurxiáns cardiovasculares, anestesiólogos, cardiólogos, radiólogos, obstetras, neonatólogos, persoal de enfermaría e outros profesionais do Chuvi.

Luz verde do pleno vigués á subida do 4 % dos impostos municipais para 2026

0

O Pleno do Concello de Vigo deu luz verde este luns á subida do 4 % nos impostos municipais para o exercicio de 2026, cos votos favorables do PSOE e o voto contrario de PP e BNG. O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, foi o encargado de explicar estas “actualizacións” de taxas, e incidiu en que a subida servirá para seguir sufragando os servizos públicos dos que se benefician os vigueses.

Aneiros rexeitou as emendas presentadas polos grupos da oposición a esta actualización das ordenanzas fiscais, e retoulles a explicar de que partidas se recortarían cartos para facer efectivas as súas propostas. Segundo subliñou, coas taxas o goberno local “reforza” servizos como limpeza, SAF, bolsas e axudas de comedor, ou melloras en instalacións deportivas. “Para iso serve esta actualización”, remarcou

Ademais, afeou ao PP que propoña rebaixas de impostos cando este partido os incrementa alí onde goberna e acusou ao portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, de utilizar unha “linguaxe trumpista” ao criticar ao goberno local vigués.

CRÍTICAS DE PPdeG e BNG

Mentres, o grupo municipal ‘popular’ censurou que o goberno de Abel Caballero volve subir os impostos locais por terceiro ano consecutivo, cunha proposta “sen diálogo nin consenso”, e constatou que “os vigueses cada vez pagan máis por peores servizos” e “todo para facer caixa antes das eleccións de 2027”. “Dentro dun ano o alcalde tentará vender unha conxelación fiscal coma se fose un agasallo electoral”, vaticinou a concelleira do PP, Patricia García.

Pola súa banda, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tamén criticou que o goberno local incremente os impostos e non traballe por ter unha fiscalidade máis progresiva e xusta. Por iso, volveu a reiterar as propostas nacionalistas para apoiar ás familias máis vulnerables, fronte á “propaganda” do equipo de Caballero.

AUTORIZACIÓNS DA XUNTA

O Pleno de Vigo aprobou tamén unha moción do PSOE na que se insta á Xunta a “axilizar” as autorizacións que dependen dos seus departamentos solicitadas polo Concello para desenvolver diferentes proxectos. A proposta contou cos votos favorables do PSOE, a abstención doO pleno municipal tamén pide á Deputación aumentar ata os 6,5 millóns de euros a achega anual ao Concello olívico. BNG, e o ‘non’ do PP. O concelleiro socialista Javier Pardo denunciou que a Xunta do PP se disgingue por “castigar” a Vigo con falta de investimentos e negarlle o financiamento que lle corresponde por poboación, ao que se suman as “trabas e obstáculos” ás iniciativas e proxectos municipais que necesitan algunha autorización autonómica.

Mentres, o BNG coincidiu en criticar o “abandono” de Vigo por parte do goberno galego, pero matizou que a falta de investimentos “non teñen un único culpable”, e sinalou ao goberno de Caballero pola “estratexia de confrontación” que aplica para que non saian adiante proxectos necesarios, como o centro asociacionismo da rúa Lalín. Igualmente, denunciou o atraso en iniciativas como a biblioteca de Teis, a reforma das pistas de atletismo e outras obras, e a “falta de autocrítica”.O pleno municipal tamén pide á Deputación aumentar ata os 6,5 millóns de euros a achega anual ao Concello olívico.

OUTRAS MOCIÓNS

Por outra banda, tamén se aprobaron o resto de mocións socialistas, como a que reclama á Deputación aumentar ata os 6,5 millóns de euros a achega anual ao Concello olívico, a que pide (outra vez) que Vigo siga sendo sede dos exames MIR, ou a que reclama á Xunta que apoie o Plan Estatal de Vivenda.

Mentres, foron rexeitadas as propostas do PP e do BNG. Así, a moción ‘popular’ que pedía ao Concello asumir a subida do recibo do lixo con fondos propios recibiu o voto contrario do PSOE e a abstención do BNG, e a moción do BNG para mellorar o SAF tivo o voto contrario do PSOE e a abstención do PP.

O CEIP Mestre Martínez Alonso, de Mos, premio ‘Alianza STEAM-Nenas en pé de Ciencia’

0

O CEIP Mestre Martínez Alonso, de Mos recibiu o segundo premio do galardón ‘Alianza STEAM-Nenas En pé de Ciencia’, que convoca o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

Os galardóns recoñecen, respectivamente, os proxectos que impulsan as vocacións científicas en nenas e novas e os traballos que fomentan os valores democráticos e os dereitos.

A distinción fíxose pública ao conceder o Ministerio os premios ‘Alianza STEAM-Nenas En pé de Ciencia’ e os premios ‘Vivir, sentir e contar a democracia: España en liberdade. 50 anos’.

Estes premios recoñecen, respectivamente, os traballos e proxectos que fomentan as vocacións científicas en nenas e novas, e os que pon en valor os valores democráticos e o coñecemento e fomento dos dereitos e as liberdades sobre os que se articula a convivencia en España.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed