InicioSociedadeFito histórico: nace no Cunqueiro unha nena sa tras unha cirurxía de...

Fito histórico: nace no Cunqueiro unha nena sa tras unha cirurxía de aorta á súa nai con parada circulatoria durante a xestación

Este caso é un fito excepcional en Galicia: é a primeira nena nada na comunidade tras unha cirurxía de aorta con parada circulatoria durante a xestación. A nivel internacional hai moi poucos casos descritos na literatura médica.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo logrou un fito médico excepcional, tras salvar a vida dunha xestante, que tivo que ser intervida nunha complexa cirurxía, e lograr que a súa filla nacese sa semanas despois. Este caso comezou o pasado 1 de maio, cando unha paciente embarazada de 24 semanas ingresou de urxencia no hospital vigués por unha síndrome aórtica aguda: unha disección aórtica aguda tipo A, a variante con peor prognóstico e cunha incidencia de apenas 2 ou 3 casos por cada 100.000 habitantes ao ano.

Esta enfermidade de risco vital, cun alto índice de mortalidade nas primeiras horas, presentábase neste caso coa dificultade engadida de que a paciente estaba embarazada. Dado o risco para a muller, e tras sopesar as opcións de viabilidade fetal, o equipo médico decidiu levar a cabo de urxencia unha intervención cardiovascular sen cesárea previa, tendo en conta que esa intervención leva aparellada unha parada circulatoria que interrompe temporalmente o fluxo sanguíneo cara ao feto, durante aproximadamente 30 minutos.

A cirurxía, con hipotermia controlada a 28 ºC e un estrito manexo da presión arterial para preservar os órganos da nai e do bebé, foi levada a cabo polo equipo de Cirurxía Cardíaca, formado polos doutores Francisco Estévez e Rocío Casais, xunto aos anestesiólogos José Luís Barreiro e Iria da Torre. Ademais, un amplo grupo multidisciplinar de profesionais implicouse neste procedemento.

Así, levouse a cabo unha esternotomía, empregouse circulación extracorpórea (unha máquina que substitúe temporalmente as funcións do corazón e dos pulmóns) e aplicouse unha parada circulatoria completa, arrefriando previamente á paciente e protexendo especificamente a circulación cerebral. A paciente evolucionou favorablemente e recibiu o alta o 14 de maio, e continuou o seguimento xestacional sen incidencias. Finalmente, o pasado 5 de agosto practicóuselle unha cesárea programada no Álvaro Cunqueiro e a súa filla naceu sa e evoluciona normalmente e sen complicacións.

FITO EXCEPCIONAL EN GALICIA

Este caso é un fito excepcional en Galicia: é a primeira nena nada na comunidade tras unha cirurxía de aorta con parada circulatoria durante a xestación. A nivel internacional hai moi poucos casos descritos na literatura médica. O éxito conseguido pon de manifesto a excelencia e a coordinación dos profesionais do equipo que participou en todo o proceso: cirurxiáns cardiovasculares, anestesiólogos, cardiólogos, radiólogos, obstetras, neonatólogos, persoal de enfermaría e outros profesionais do Chuvi.

ÚLTIMAS

Rueda reúnese cos responsables de Conxemar para impulsar o sector da pesca transformada en Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, celebrou esta semana un encontro na...

Xulgan en Vigo unha muller acusada de estafar 6.800 euros cun falso aviso dun “fillo en apuros”

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrará o...

A RAG abre en Vigo a Semana das Letras Galegas coa proxección dun documental sobre Begoña Caamaño

A Real Academia Galega (RAG) abre este luns en Vigo, cidade natal da homenaxeada...