A Xunta outorgou ao Concello de Vigo unha concesión para ocupar 20.978,11 metros cadrados de dominio público marítimo-terrestre (DPMT), destinados á recuperación ambiental da praia de O Vao e a súa contorna. Tal e como trasladou o Goberno galego en nota de prensa, con este novo título concesional, cuxo anuncio se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que se outorga por un prazo de 30 anos, dáse resposta á solicitude municipal para abordar a posta en valor da fronte marítima no extremo sur da ponte de Toralla.
Concretamente, o proxecto previsto inclúe diversas actuacións, como a substitución das pasarelas de madeira en mal estado que funcionan como paseo marítimo; o retranqueo das franxas ríxidas do paseo para respectar a liña de ribeira do mar; a reorganización dos accesos á praia e a retirada dos aparcadoiros situados no dominio público marítimo-terrestre. Tamén se contempla a continuación das fases anteriores de renaturalización, coa incorporación de novas superficies e a recuperación da servidume de tránsito no Baluarte.
A actuación pretende recuperar e pór en valor esta contorna, que experimentou un “elevado grao de transformación humana” nas últimas décadas e no que actualmente existen diversas infraestruturas “obsoletas, inadecuadas e pouco funcionais”.
No entanto, esta autorización queda condicionada a que o Concello de Vigo presente a documentación técnica necesaria para completar a avaliación arqueolóxica da actuación e á emisión do correspondente informe, así como ao cumprimento dos demais cuestións que sexan esixibles de acordo coa normativa estatal.
