Inicio Blog Páxina 1829

A Garda Civil fai unha simulación informática do accidente no que morreron tres menores en Vigo

O Departamento de Investigación e Reconstrución de Accidentes (DIRAT) da Garda Civil desprazouse este martes a Vigo para recrear a traxectoria do vehículo no que viaxaban o tres novos falecidos na AP-9 a finais do pasado mes de maio, un suceso que se simulará con programas informáticos unha vez que se soliciten os datos necesarios para proceder á súa entrega ao xulgado que leva o caso.

Segundo explicou o tenente do DIRAT, Alfonso García, utilizouse un automóbil Peugeot de características similares ao accidentado en maio na parroquia viguesa de Teis para realizar a reconstrución do suceso debido a que o orixinal “non está en condicións de circular”.

As probas realizáronse entre as 12,00 e as 13,00 horas deste martes, un período durante o cal se cortou a circulación dun dos carrís da autoestrada en dirección a Vigo.

García indicou que, durante a toma de datos de campo, que tivo lugar este martes, tamén se estudaron as “pegadas da vía”. Ademais, detallou que se analizarán os pneumáticos e o sistema de freado do vehículo sinistrado, un Peugeot 206, así como o factor humano, para determinar as causas que puideron influír no accidente.

O tenente sinalou tamén que a Garda Civil analizou as fotografías e os informes das autopsias dos falecidos, así como das feridas do condutor e o copiloto.

Así mesmo, apuntou que esta actuación se realiza en coordinación co equipo de atestados que se desprazou ata a zona no momento do accidente.

En concreto, este martes trasladáronse tres profesionais desde o centro da Escola de Tráfico de Mérida, en Estremadura, para tomar os datos de campo necesarios para elaborar un informe pericial. Esta actuación tivo lugar despois de que a Xefatura da Agrupación de Tráfico da zona na que tivo lugar o accidente cursase a petición necesaria e emitísese a autorización xudicial correspondente.

Posteriormente, trasladarase o atestado ao Xulgado de Instrución número 5 de Vigo, que se atopaba en funcións de garda no momento no que tivo lugar o sinistro. No entanto, Alfonso García apuntou que a emisión do informe pericial, no que se incluirá a simulación do ocorrido, podería ter lugar “dentro dunhas semanas” ou “meses”.

ACCIDENTE

O suceso tivo lugar ao redor das 21,00 horas do pasado 29 de maio, cando un vehículo no que viaxaban cinco mozos en dirección a Vigo saíuse da AP-9 á altura da parroquia olívica de Teis.

Tras impactar contra unha columna e un gardarraíl, o coche envorcou e, como consecuencia do accidente, faleceron os ocupantes dos asentos traseiros, dúas mozas e un mozo de 17 anos. Mentres, o condutor, M.M.V., de 18 anos, e o copiloto foron trasladados a dous hospitais da cidade, onde permaneceron ingresados uns días.

A Fiscalía acusa a nai traballadora do Sergas de “escudriñar” no historial médico da súa filla e non por “preocupación”

0

O xuízo contra unha traballadora do Sergas, M.J.O.A. acusada de acceder ao historial médico da súa filla en máis dun centenar de ocasións –sen o permiso desta–, quedou visto para sentenza este luns, nunha xornada na que a Fiscalía mantivo a súa acusación e recalcou que esas intromisións na intimidade non se poden xustificar pola “preocupación” da procesada, se non polo seu intento de “escudriñar” na vida privada da súa filla.

Na sesión deste luns dese xuízo, que se celebra na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra (con sede en Vigo), a fiscal subliñou que “non é crible” que a filla dese permiso á súa nai para acceder ao seu historial médico, xa que a relación entre elas, que cualificou como “patolóxica”, era practicamente inexistente.

Segundo sinalou, durante a presentación de informes finais, o historial de accesos (máis de cen en apenas dous anos) “non é compatible coa preocupación da nai, senón que se debe máis ben ao interese da acusada por escudriñar na intimidade da súa filla“.

Así, o ministerio público mantén a súa petición de 4 anos de cárcere, multa de 7.200 euros e inhabilitación absoluta por 9 anos. No entanto, non ve acreditados os danos morais á denunciante, polo que non reclama responsabilidade civil.

ACUSACIÓN PARTICULAR E DEFENSA

Na mesma liña, a acusación particular, que exerce a filla, tamén mantivo a súa petición de catro anos de cárcere, 12 anos de inhabilitación e reclama unha indemnización de 15.000 euros, porque considera probado que os trastornos que padece a denunciante agraváronse a raíz do comportamento da nai e da vulneración da súa intimidade.

Para iso, baséase nun informe forense, cuxa autora declarou tamén no xuízo, e sostivo que a denunciante padece un “trastorno de personalidade” pola mala relación cos seus pais e irmáns, que derivou nun “trastorno de ansiedade xeneralizado”. Así mesmo, indicou que estas doenzas se agravaron  “polo comportamento da súa nai, de “vulnerar a súa individualidade como persoa”.

A letrada da acusación sinalou que a acusada “non podía estar preocupada pola saúde da súa filla, porque non tiña problemas de saúde”, e “non usou a información para axudala, senón para prexudicala”, xa que tentou nun par de ocasións internala contra a súa vontade.

Por contra, a defensa de M.J.O.A. pediu a libre absolución da súa patrocinada, e insistiu en que as consultas do historial fixéronse sempre co consentimento da filla. Ademais, pediu que se aplique a eximente 7ª do art.20 do Código Penal (o que obra en cumprimento do seu deber ou no exercicio lexítimo dun dereito, oficio ou cargo), a atenuante 3ª do art.21 (arrebato ou obcecación) e que se teña en conta a circunstancia de parentesco como atenuante e non como agravante.

Esta avogada cuestionou tamén a “credibilidade” da filla, que prestou declaración no xuízo como testemuña, pola “inquina” que ten cara á súa nai, e pediu ao tribunal “que axude a impartir xustiza e non a repartir vinganza”.

“A MIÑA FILLA ENGANOUNOS”

Tras a presentación de informes finais, a acusada fixo uso do seu dereito á última palabra, e insistiu en que as acusacións “están totalmente equivocadas”. “Síntoo, eu non mentín, a miña filla si. Eu se que están a facer o seu traballo, pero enganounos a todos”, lamentou.

M.J.O.A. proclamou que “adora” á súa filla, e negou que tivese problemas na súa infancia ou adolescencia. Segundo explicou, os seus problemas comezaron cando iniciou unha relación cun home que a someteu a malos tratos, e que a ten “totalmente anulada”.

Finalmente, tras insistir en que acompañou á súa filla ao médico, e que consultou o seu historial porque ela llo pediu, sentenciou: “Ela está mal, e o seu problema non son eu”.

Os colexios Mestre Goldar e Canicouva celebran o Día Mundial dos Humedais

O alcalde de Vigo visitou este martes a xornada organizada polo goberno da cidade no parque de Castrelos para conmemorar o Día Mundial dos Humedais, con 120 alumnos dos colexios Canicouva e Mestres Goldar.

En declaracións aos medios, o alcalde explicou que esta iniciativa procura trasladar ao alumnado do Mestres Goldar e do Canicouva os valores medioambientais das zonas húmidas e a súa importancia na preservación da biodiversidade.

Caballero e os nenos no Día dos Humedais/ Miguel Núñez

De forma lúdica e participativa, os monitores explicaron aos escolares as características destes espazos como ecosistemas, a súa flora e fauna, e as especies autóctonas e invasoras, ademais de cuestións particulares do parque de Castrelos.

Caballero e os nenos no Día dos Humedais/ Miguel Núñez

No tocante ao parque, o alcalde avanzou que o goberno vigués traballa nun censo da fauna existente en Castrelos, que é “extremadamente rica”, e puxo en valor a recuperación das zonas húmidas coas que Vigo conta, entre a que destacou a da Bouza.

Caballero e os nenos no Día dos Humedais/ Miguel Núñez

A cidade ten 314.000 m2 de humedais, sendo os máis salientables os da Bouza, Goberna, Muiños, O Vao, Fontes-Pertegueiras, Barreiro e a Xunqueira do Lagares, este último de auga salgada. Caballero tamén falou en inglés aos cativos e recordoulles que Castrelos é “o mellor parque do mundo”.

 

Caballero e os nenos no Día dos Humedais/ Miguel Núñez

A Biblioteca do Estado, un proxecto paralizado: o consenso semella imposible en Vigo

Albergar a Biblioteca do Estado é un soño para Vigo e os seus cidadáns, mais os acordos políticos non chegan no Pleno municipal, cos votos en contra ao proxecto actual do PP vigués, que sinalou como “levamos xa sete proxectos e ningún se levou a cabo”.

Desde o partido encabezado por Elena Muñoz acusaron de hipocrisía aos socialistas, e mesmo reproduciron na cámara un audio do ministro de Cultura, José Girao (trala eliminación de Máxim Huerta), que segundo defenden os populares demostra a ‘falta de compromiso’ de Sánchez e os seus ministros na finalización do tan esperado proxecto.

Pola súa banda, desde o PSOE acusan a Feijóo de paralizar as obras da Biblioteca, “mentres largan millóns para a cidade da Cultura, nunhas partidas que nunca darían a Vigo, ao que só lle poñen trabas”.

O conselleiro López Font durante o pleno do 31 de outubro en Vigo/ Miguel Núñez

Marea de Vigo falaba da necesidade dun ‘consenso’ entre todos os grupos, e que “sempre estarían a favor dun proxecto como este en Vigo, sexa onde sexa a obra, pero o consenso nesta cidade é imposible”.

Outros temas debatidos foron a moción de censura a Almuíña, conselleiro de Sanidade da Xunta, trala crise de Povisa, ou o centro de saúde de Bouzas.

 

Ciudadanos asegura que o IBI vigués é un 50% superior ao da Coruña e que o Concello non é “transparente”

O Coordinador de Cidadáns en Vigo, Gregorio García, denunciou estes días o “elevadísimo” Imposto sobre os Bens Inmobles (IBI) que soportan os vigueses xa que, segundo explicou, a cota deste imposto “é a máis elevada das cidades cun nivel similar de poboación e un 50% superior ao da Coruña”.

Para García, a conxelación prevista polo Concello “non é suficiente, porque nos últimos anos, a presión fiscal, incrementouse de xeito considerable”, e por iso reclama unha redución neste imposto. “En Ciudadanos apostamos por aliviar a presión fiscal sobre os cidadáns e por devolver á clase media traballadora os esforzos que fixeron durante a crise”, sinalou.

O Coordinador da formación liberal en Vigo considera “prioritario” axustar a recadación municipal cunha política fiscal de “impostos os mínimos e necesarios para cubrir as necesidades da cidade”, e afirmou que “o diñeiro debe estar en mans dos cidadáns para que isto redunde en maior prosperidade, investimento e crecemento económico”.

Por todo iso, desde Cidadáns propuxeron a baixada destes impostos, así como “aumentar a transparencia na política fiscal do Concello para coñecer en que se gasta o diñeiro que consegue cos impostos de todos os vigueses”, concretou García.

Sindicatos da concesionaria da zona azul de Vigo: “Levamos máis dun ano avisando de irregularidades”

O despedimento fulminante de 8 traballadores pola empresa Dornier, concesionaria do servizo de estacionamento no Concello de Vigo, así como as circunstancias nas que se produciron estes despidos, foi criticado por tódalas forzas políticas municipais e provocou unha folga indefinida que comezou hoxe martes 7 de agosto.

P- Preocupa un “efecto contaxio” nas demais concesionarias?

R- Se unha contrata logra chantaxear, as demais poden seguir o mesmo camiño: despedir e despois exercer presións. Esta mesma empresa xa está abusando noutras provincias, en tódolos servicios ten aos traballadores nunha situación precaria.

Levamos desde 2007 pelexando con eles por todo, obrigándonos a chegar ao xurídico. Como a oferta que presentaron non alcanza para cubrir as nóminas, obrigan ao concello a que compense as súas perdas e que se faga responsable. Os traballadores somos unha moeda de cambio para Dornier.

O Cadro Da ‘Zona Azul’ Inicia Folga Indefinida | Fonte: Europa Press

P- Como pode entenderse a postura da empresa, que non dá marcha atrás, tendo a tódolas forzas políticas en contra?

R- Os trámites que se están facendo en contra da empresa serán recorridos por ela, e sempre coa posibilidade de que os xulgados fallen ao seu favor. Metéronse nun contrato que non poden cumprir, así que non teñen nada que perder. E todo isto non é novo, levamos máis dun ano avisando. Non é posible ofertar un prezo un 30% inferior polo mesmo traballo.

Hai un ano que saíu este concurso, e a lei marcaba que se entregaría o contrato á empresa máis barata, sen máis. De feito, había un Tribunal de Contas de Facenda que lle deu a razón á empresa. Con Dornier aplicouse a norma vella, pero a Comunidade Económica Europea tirou xa das orellas ao goberno español, e os contratos da administración pública non se poden facer máis só polo baixo custe. E independentemente do que faga ou consiga o Concello, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pode quitarlle o servizo a Dornier.

“O CONCELLO PECOU DE INXENUO”

P- Confían no labor que está a facer o Concello de Vigo?

R- Os trámites estanse cumprindo. O día 30 foron os despedimentos. Asesorámonos e falamos coas forzas políticas, solicitando unha folga indefinida que comezou hoxe martes. Adquirimos o compromiso tanto do Concello como da oposición, pero son trámites que levan tempo.

Hai que facelo ben porque Dornier pode recurrir. Xa levamos dende 2007 de xuízo en xuízo, chegaran a retirarlle o servizo en 2013, pero despois de acudir ao Tribunal Constitucional.

P- Pero, non é o concello vigúes un “cómplice” desta contratación?

R- O Concello pecou de inxenuo. Hai concesións, como a de Vitrasa, que levan moitos anos, e non houbo problemas. Pero este é outro tipo de empresa. Pecaron de confiar na súa palabra de que ía manter os postos.

E 2 meses despois, Dornier pon a 8 persoas fóra, e non como medida económica, senón como represión sindical. Un dos despedidos estivera 27 anos de delegado sindical. Tan pouco como finalizou o ano de protección, despedírono. E dos 8, 5 máis son afiliados á UXT. E había 5 persoas máis na lista para despedir: “Hai 13 despedidos, pero de momento despedimos 8”. Que é isto?

P- Conservan intacta a esperanza no que acontecerá estes días?

R- O Concello deu pasos moi importantes e xa abriu un expediente sancionador. E ten moitos motivos para facelo. Esta empresa, Dernier, incumpre o prego de condicións nun montón de cousas.

Contratou como vixilante ente que non está publicada como tal polo Concello, non están polo tanto autorizados para facer esta función. De feito, se alguén recibe unha multa de estacionamento estes días, debe chamar á Policía Local, porque seguramente o traballador en cuestión non estivera autorizado para poñela.

P- O seguimento da folga está a ser bo?

R- Hoxe, primeiro día da folga, o seguimento foi total.

Investigados tres menores por danos en sete vehículos e un chiringuito de Nigrán

Efectivos da Garda Civil de Baiona-Nigrán investigaron a tres menores de Nigrán como presuntos autores dun delito continuado de danos intencionados sobre sete vehículos que se atopaban estacionados nas inmediacións de Praia América, así como nun chiringuito que abre en época estival da mesma localidade.

Segundo informou o Instituto Armado, tivo coñecemento dos danos ocasionados a estes vehículos ao recibir as denuncias dos afectados, por feitos que tiveron lugar a madrugada do 22 do pasado mes de agosto.

Nos sete casos denunciados, “os coches presentaban patadas ou golpes con algún tipo de obxecto contundente nos espellos retrovisores”, indican as mesmas fontes. A Benemérita concretou que os vehículos estaban estacionados nas inmediacións de Praia América e o chiringuito nas pistas de tenis que hai no mesmo areal.

Ao mesmo tempo, a Policía Local de Nigrán, despois de ser requirida polos mesmos feitos, identificou os tres mozos, menores de idade, autores dos danos.

Por iso procedeuse á investigación do tres menores como presuntos autores dun delito continuado de danos, pola rotura de espellos retrovisores de sete vehículos estacionados na zona de Praia América, e os ocasionados polo lanzamento de cadeiras e mesas de terraza contra un chiringuito de praia situado nesta mesma zona.

Deste xeito, instruíronse dilixencias que foron remitidas á Fiscalía de Menores de Pontevedra.

Un taller gastronómico en Tui busca promocionar o turismo ao abeiro da longa tradición xudía da cidade

0

O Concello de Tui, a través da Red de Juderías, e na procura da promoción turística ao abeiro do “importante” conxunto patrimonial relacionado coa presenza xudía na cidade, organiza un obradoiro práctico denominado “Sabores de Sefarad” a cargo do cociñeiro Javier Zafra. O obradoiro terá lugar o luns 13 de setembro e está dirixido exclusivamente a profesionais da hostalaría e a restauración tudense.

Javier Zafra é autor do libro que dá nome a este obradoiro, e nel o cociñeiro recolle unha escolma de receitas ou komidikas facilmente realizables. Ademais, o chef xestiona o blog (tamén do mesmo nome) que pretende ser un lugar onde compartir os pratos cociñados, experiencias culinarias e vivencias dos profesionais que traballan arredor da gastronomía sefardí.

O concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, convida aos establecementos de restauración abertos de Tui a este taller, que considera “de gran interese” para coñecer esta proposta gastronómica que ten como finalidade mellorar a oferta gastronómica e turística da cidade: “unha aspiración que nestes momentos de incerteza resulta imprescindible de acometer conxuntamente”.

UGT presenta un plan alternativo para conectar Vigo e O Porto en AVE

O sindicato UGT expuxo unha alternativa para o tren de alta velocidade polo sur da provincia de Pontevedra para a comunicación desta parte da comunidade e o norte de Portugal con Ourense.

Ante os condicionantes actuais que, segundo advirte, “encamiñan a Cerdedo cara á súa inviabilidade” e que, ao mesmo tempo, o novo material ferroviario de alta velocidade permite outras alternativas “realizables”, propón que en lugar desta localidade “se estude e considere o deseño da infraestrutura en alta velocidade polo sur da provincia de Pontevedra a 320 quilómetros por hora, en modalidade mixta e ancho ibérico, para prestar servizo ao norte de Portugal e a provincia de Pontevedra”.

Esta alternativa baséase en “combinar o deseño da nova infraestrutura coa utilización de trens AVE adaptados ás características propias do territorio”, o cal UGT entende que ofrece “un resultado moi positivo para todas as partes”.

“Fai case vinte anos que se presentou o eixo de Cerdedo para comunicar o sur de Galicia e o norte de Portugal coa Península Ibérica e Europa por medio dun só tren compartido, cunhas prestacións determinadas para que fose viable”, lembra.

E avisa de que “o caso é que pasado o tempo esta infraestrutura non se construíu e á súa vez os condicionantes que se están propondo actualmente para levala a cabo –principalmente proxectar un tempo de viaxe de 1 hora O Porto/Vigo– farían que non fose competitiva”.

Esta situación é a que fixo que UgT trate de buscar “outra solución que solucione as necesidades de mobilidade desta zona xeográfica”.

A área de Vigo empeora tras rexistrar case a metade de novos contaxios de Galicia

Os novos contaxios de Covid-19 detectados en Galicia dispáranse a 223 ao chegar ao ecuador da primeira semana tras decaer o domingo pasado o estado de alarma, mentres que os casos activos subiron a 3.052 despois de cinco xornadas consecutivas en descenso. Pola súa banda, os pacientes hospitalizados con este coronavirus ascenden a 191, un máis.

Segundo os datos actualizados na mañá deste mércores pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste martes, recollidos por Europa Press, os pacientes Covid ingresados en UCI no conxunto da Comunidade descenden a 40, tres menos, mentres que os que permanecen noutras unidades de hospitalización ascenden a 151, catro máis.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en catro das sete: Ourense, A Coruña e Cee, Lugo e Ferrol; mentres que sobe nas Vigo, Santiago e Barbanza e na de Pontevedra e O Salnés. A área olívica segue na primeira posición dos ingresos en UCI, que seguen en 14 mentres ascenden a 36 os doutras unidades, 5 máis que na pasada xornada.

Á CABEZA EN CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos de Covid, tras cinco xornadas consecutivas en descenso, no conxunto da Comunidade galega aumentaron a 3.052, que supoñen 75 máis, ao chegar ao ecuador desta primeira semana sen estado de alarma. Iso débese a que houbo máis contaxios (223) que altas (147), ao que se engade unha persoa falecida.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas ascenden na de Vigo (+63), moi por riba do resto de puntos de Galicia: Ferrol (+14); A Coruña e Cee (+12); Santiago e Barbanza (+8) e Pontevedra e O Salnés (+3). Pola súa banda, baixan nas de Lugo (-10) e Ourense (-15). Deste xeito, a área de Vigo mantense á cabeza en casos activos, con 888; séguelle A Coruña e Cee con 702; Pontevedra e O Salnés, con 484; Santiago e Barbanza, 430; Ourense, 231; Lugo, 216; e Ferrol continúa á cola, con 101.

REPUNTE DE CONTAXIOS

Con respecto aos novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba no conxunto de Galicia veñen de repuntar a 223 tras comezar a semana con 152 e descender a 121 este martes, polo que implican 102 máis que a xornada anterior.

Do total de positivos, 209 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, que implican 106 máis que o día anterior, dos cales 97 corresponden á área de Vigo; 25, á de Santiago e Barbanza; 24, á de Pontevedra e O Salnés; 23, á da Coruña e Cee; 19, á de Ferrol; 12, á de Ourense; e nove, á de Lugo.

Pola súa banda, a taxa de positividade –porcentaxe de infeccións por test PCR realizados– ascendeu a un 2,4 por cento, tras caer a un 1,39% a xornada anterior e ter repuntado a un 2,3% no inicio desta semana. Así, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed