Identificadas tres rapazas de 14 anos por furtar produtos cosméticos valorados en máis de 1.300 euros
Axentes da Policía Local de Vigo identificaron nas últimas horas a tres menores, todas de 14 anos de idade, como presuntas autoras de varios furtos en establecementos da cidade, de onde subtraeron, entre outros efectos, produtos cosméticos valorados en máis de 1.300 euros.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na tarde deste mércores, cando o 092 recibiu un aviso para acudir a un comercio da rúa Príncipe, onde unha empregada de seguridade mantiña retidas ás tres novas tras sorprendelas (a través do circuíto de cámaras) furtando varios produtos.
Unha vez no lugar, os policías identificaron ás menores e comprobaron que subtraeran produtos cosméticos valorados en 1.386,87 euros. Ademais, as nenas levaban encima máis efectos, posiblemente furtados doutros establecementos, como bixutaría ou aveños de maquillaxe.
A Policía contactou cos proxenitores para que se fixesen cargo das súas fillas e puxo as dilixencias en coñecemento da Fiscalía de Menores de Pontevedra.
Porto de Vigo sacará a concurso a concesión de Vulcano sen descartar “nada”
O Porto de Vigo confirmou este mércores que redactará un novo prego para sacar a concurso a concesión das antigas Factorías Vulcano (agora Estaleiros San Enrique), e sinalou que “non se descarta nada” para ese espazo, sempre que sexa “un proxecto viable e xere emprego”.
Así o trasladou o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuíña, tras recibir a sentenza do Tribunal de Conflitos de Xurisdición que confirma que é o organismo portuario é competente para tramitar a extinción da devandita concesión (de algo máis de 25.000 metros cadrados).
Segundo sinalou, o Porto encargará un informe á Avogacía do Estado para coñecer con detalle a situación xurídica da concesión, tendo en conta de que, cando se produciu a liquidación de Vulcano, as instalacións e a concesión pasaron aos novos donos do estaleiro, Mariña Meridional.
Así mesmo, o organismo portuario iniciará os trámites para executar a extinción da concesión, unha medida que deberá pasar polo Consello de Administración, e que pode levar “un ou dous meses”.
Paralelamente, o Porto redactará os novos pregos para sacar a concurso esa concesión e, aínda que non quixo entrar en detalles, Jesús Vázquez Almuíña insistiu en que calquera proxecto que aspire a desenvolverse nese espazo debe ser “sólido e viable” e xerador de emprego.
“NON DESCARTAMOS NADA”
Cuestionado acerca de se o proxecto de Mariña Meridional encaixaría neses criterios, ou se o Porto opta, tal e como defendeu o seu anterior presidente, Enrique López Veiga, polos usos loxísticos, Vázquez Almuíña rexeitou “falar de preferencias”.
“Non descartamos nada, pero ten que ser un proxecto viable. Primarase o investimento e a creación de emprego“, reiterou e subliñou que “o peor” para un Porto é ter unha concesión “sen actividade”.
Por outra banda, tampouco quixo pronunciarse sobre a posibilidade de que Mariña Meridional obteña unha autorización temporal para seguir traballando nas instalacións da antiga Vulcano, aínda que matizou que, se existe esa solicitude, o Porto “está aberto a tramitar calquera petición”.
Con respecto á resolución do Tribunal de Conflitos de Xurisdición, o presidente do Porto de Vigo expresou a súa satisfacción porque a sentenza “deixa todo claro” e permite garantir unha “seguridade xurídica” sobre a xestión das concesións tanto neste como noutros posibles casos.
Vázquez Almuíña confirmou que informará os membros do Consello de Administración sobre a sentenza e sobre os pasos que vai seguir o organismo que preside. Así mesmo, este mércores tamén se reúne cos sindicatos do estaleiro para informarlles da situación.
Mentres, os novos donos de Vulcano gardan silencio, á espera de poder valorar con detalle a resolución xudicial que dá luz verde á extinción da concesión. Fontes da empresa limitáronse a incidir no seu desexo de manter o proxecto industrial de construción e reparación naval.
VALORACIÓNS POLÍTICAS
O grupo municipal Marea de Vigo reclamou, tras o “mazazo” da sentenza, que tanto o Porto como o Ministerio de Industria traballen para “blindar” a actividade de construción e reparación naval en Estaleiros San Enrique. “Non pode ser que, como pasa en Barreras, asistamos ao enterro do sector naval cunha indiferenza abraiante das administracións e de gran parte da sociedade“, denunciou Rubén Pérez.
Por iso, pediu a Vázquez Almuíña que “non sexa cómplice das herdanzas liquidacionistas” de López Veiga e non priorice ao “lobby das empresas loxísticas que queren ‘mangonear’ nos terreos portuarios á súa vontade”.
O concelleiro do BNG no consistorio olívico, Xabier Pérez Igrexas, criticou que a sentenza culmina unha campaña do PP “contra o sector naval”, cuxa finalidade, defendida por López Veiga, era “desaloxar” a actividade naval da bancada de Teis. Por iso, pediu aos ‘populares’ vigueses “que se desmarquen” desa posición e defendan a continuidade do proxecto industrial do estaleiro, a mesma demanda que trasladou á Autoridade Portuaria.
Pola súa banda, Unidas Podemos rexistrou unha proposta no Congreso dos Deputados para que o Porto de Vigo dedique ese espazo a construción e reparación de buques, e lembrou que os novos donos do estaleiro puxeron sobre a mesa “37 propostas de traballo por valor de 240 millóns de euros que devolverían o pulso industrial a Vigo”. “Non se entendería que a Autoridade Portuaria siga pondo paus nas rodas”, sinalou Antón Gómez Reino.
Un novo falecido por COVID na área de Vigo
A vítima foi unha muller de 72 anos que morreu no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
En total contabilizáronse catro novos falecidos en Galicia. Todos eles con patoloxías previas. COVID
A pandemia provoca perdas de 0,7 millóns a Audasa pola redución do tráfico na AP-9
O tráfico na autoestrada do Atlántico (AP-9) reduciuse nun 35,99% no primeiro semestre debido á crise do coronavirus, ata os 14.798 vehículos de media diaria en comparación cos 23.118 que transitaban de intensidade media diaria entre xaneiro e xuño de 2019.
A AP-9, segundo destaca a concesionaria nun comunicado de prensa, pasou “de ser a sexta do Estado en circulación media diaria de vehículos en 2019, á quinta no primeiro semestre de 2020”, e continúa por encima da media.
“A forte contracción do tráfico reduciu a facturación do semestre nun 34,6% ata os 46,7 millóns de euros”, expón na nota. Autopistas del Atlántico S.A. presenta este luns as súas contas correspondentes ao primeiro semestre do exercicio 2020 á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), nas que rexistra “por primeira vez na súa historia recente”, e desde que se completou o total do seu trazado, perdas por valor de 0,7 millóns de euros.
O tráfico diario da autoestrada alcanzou o seu mínimo semestral no mes de abril, durante o confinamento, con 5.440 vehículos. A desescalada, segundo resalta, “permitiu triplicar a circulación diaria ata os 17.971 vehículos, aínda que un 28,8% por baixo das cifras de xuño de 2019”.
“A pesar da baixada da mobilidade, a actividade da concesionaria foi considerada como un servizo esencial e permaneceu inalterada e sen aplicar expediente de regulación temporal de emprego (Erte) ata a data”, subliña.
Engade que durante a crise a compañía puxo en marcha un paquete de medidas para afrontar o impacto do coronavirus, que inclúe a preservación da liquidez, así como “un compromiso polo emprego e o fomento do teletraballo“.
175.000 DISPOSITIVOS DE TELEPEAXE
Desde o inicio da pandemia, a concesionaria prioriza as vías de pago automáticas, segundo indica, “para impulsar a seguridade”. No primeiro semestre do ano, e en comparación co mesmo período de 2019, o cobro automático aumentou 5,7 puntos e utilízase xa no 92,4% das viaxes. No mes de xuño, 174.548 vehículos empregaron dispositivos de telepeaxe, segundo os seus datos.
A Federación de ANPAS de Vigo busca ideas para afrontar o curso escolar despois do estado de alarma
A Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos de Vigo e Comarca, (FOANPAS) abriu unha canle de difusión de textos dentro da súa páxina web. O obxectivo é abrir un foro de opinión para ofrecer información, lecturas e opinións que permitan chegar a posicións de consenso sobre diversos temas que afectan ao aspecto educativo dos máis novos.
FOANPAS busca que todos os sentires, necesidades e vulnerabilidades estean dentro da canle que acaba de abrir. Queren evitar que se dean situacións de discriminación, segregación e desigualdade. Isto implica opinións diversas sobre a situación educativa que se está a vivir e como está a ser resolta.
“Ninguén estaba preparado para isto” di Bertila Fernández, da directiva de FOANPAS, sobre o actual estado de alarma. É por iso que desde a Federación estudan como será a volta ao curso que vén. Para iso son conscientes de que “é necesario un debate sobre cara onde imos, como se está facendo e se chega a educación a todos os nenos e nenas” nas actuais circunstancias.
Fernández cre moi necesario atender as necesidades especiais do alumnado, con prioridade sobre as necesidades emocionais de mozos e mozas, debido á posible saturación por estar confinados dentro das súas casas. Ademais, non esquecen a fenda dixital que impide o desenvolvemento en condicións iguais dos estudantes. “Hai familias que só teñen conexión a Internet mediante datos, por tanto os estudantes non poden facer todas as tarefas telematicamente”.
Ao final, as achegas que reciba a web de FOANPAS servirán para ter un posicionamento “claro” sobre as diferentes cuestións relativas aos estudantes e as súas familias. Desta maneira poderase ofrecer información e formación aos diferentes actores implicados na educación infantil, primaria e secundaria.
Xornada de portas abertas para visitar un remolcador de buques da Armada en Vigo
O remolcador de buques da Armada ‘Mahón’ (A-51), que leva a cabo labores de vixilancia e seguridade marítima, realizará este fin de semana unha escala en Vigo, onde realizará xornadas de portas abertas o sábado e o domingo.
Segundo trasladaron fontes do Ministerio de Defensa, as visitas poderanse realizar este sábado entre as 16,00 e as 19,00 horas, mentres que este domingo o horario de apertura estará comprendido entre as 11,00 e as 13,00 horas.
En concreto, este buque conta cunha eslora de 41 metros e unha manga de 11,50, así como un desprazamento de 1.540 toneladas. Ademais, dispón de capacidade para operar con helicópteros de pequeno tamaño en operacións que non leven toma en cuberta.
O ‘Mahón’ forma parte da estrutura operativa das Forzas Armadas no marco de operacións permanentes realizadas por unidades militares e a súa misión principal consiste en remolcar buques da Armada.
Así mesmo, o buque leva a cabo outros labores e, de feito, nestes momentos realiza cometidos de vixilancia e seguridade marítima no noroeste peninsular. Deste xeito, controla espazos de interese nacional para garantir a seguridade de espazos marítimos das áreas do Océano Atlántico e o Mar Cantábrico, ademais de colaborar en exercicios de tiro de superficie e de remolque.
O buque, anteriormente denominado ‘Circus’, foi un dos cinco barcos de apoio a plataformas petrolíferas que se construíron en 1977 nos estaleiros de Santander. Posteriormente, en 1981, pasou a formar parte da Armada e foi rebautizado como remolcador de altura ‘Mahón’. Na actualidade, a súa base atópase no Arsenal Militar de Ferrol.
Investigado un veciño de Gondomar pola morte da cadela do seu veciño atrapada nunha trampa
A Garda Civil investiga penalmente a un veciño de Gondomar por un delito relativo á protección da flora e a fauna, por ser o presunto responsable da morte dunha cadela que faleceu atrapada por un lazo metálico colocado nas inmediacións dun galiñeiro da súa propiedade.
Segundo informa a Benemérita, as pescudas iniciáronse a mediados de setembro, cando o dono do animal (pastor alemán) denunciou a súa desaparición. Tras iso, e ao ter noticia de que os restos do can apareceran tirados nunha pista forestal da parroquia de Couso, os axentes chegaron á identificación do suposto responsable.
En concreto, trátase dun veciño do dono da cadela que colocara unha trampa preto do seu galiñeiro coa intención de atrapar ao animal que lle estaba matando as galiñas. E é que, segundo declarou, sacrificáralle “unha vintena” delas nos últimos meses.
A investigación concluíu coa notificación da persoa que colocou a trampa causante da morte do animal como presunto autor dun delito relativo á protección da flora, fauna e animais domésticos, xa que utilizou artes ou elementos de caza non selectivos.
As dilixencias instruídas foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Vigo e procedeuse á retirada cautelar das armas de caza que tiña a persoa co fin de iniciar a revogación da licenza.
Denuncian “outro arboricidio” en Vigo
A asociación ecoloxista Verdegaia denuncia “outra corta de árbores completamente innecesaria” en Vigo, nesta ocasión na Avenida Gregorio Espino, tras a realizada en Gran Vía.
“Facendo unha alegoría legal, teríamos que clasificar esta corta como un arboricidio con aleivosía. Un arboricidio pola morte de seres vivos indefensos e con aleivosía polo modo falso e ruín como foi realizada”, denuncian os ecoloxistas.
Verdegaia critica o Concello por cortar “todas as árbores cando a obra de humanización xa estaba practicamente rematada”.
Os ecoloxistas distinguen “proxectos como as escaleiras mecánicas de Gran Vía que implican necesariamente a corta das árbores, doutros proxectos como a humanización de Gregorio Espino que para nada implicaba a corta”. Para eles, este caso é “simplemente outra demostración da total ausencia de sensibilidade ambiental á hora de planificar unha obra pública”.
Ademais, consideran “intolerable que en poucos anos se teñan cortado centos de árbores das máis diversas especies por unha mera cuestión estética”.
“As árbores non se poden considerar como simple mobiliario urbano, é inadmisible que se cataloguen no mesmo ítem contable que as farolas ou as marquesiñas”, argúen.
Verdegaia recorda que as árbores “desempeñan un papel fundamental para contrarrestar a inxente cantidade de gases de efecto invernadoiro que diariamente xera o tráfico motorizado”. Porén, din, “a resposta das autoridades municipais segue pasando por marxinalizar os medios de transporte máis sustentables e cortar árbores”.
Iñaki Williams pode cun Celta débil en Balaídos
Hai unhas tempadas fixérase moi común o termo “messidependencia”, ou “cristianodependencia”. Pero quizais non exista na Liga Santander dependencia como a do Celta con Aspas. Sen el, non é xa que falte gol, son a garra e a veteranía o que se botan en falta. De feito, nesta tempada non se gañou un partido sen o “Messi das bateas” na cancha.
Así, o xogador moañés, lesionado, vía desde o palco como o Athletic saía de postos de descenso a costa de devorar aos vigueses. Os vascos estaban nunha dinámica negativa e cambiou ao substituír a Berizzo. Pero no Celta coa saída de Mohammed as cousas non se enderezaron.

O Athletic nunca descendeu a segunda división en toda a súa historia e coa dinámica positiva que está atravesando pode que termine por salvarse de novo. Ou pode que non. Porque a Liga española, este ano si, está demostrando ser a mellor do mundo.
Nada decidido, calquera pode gañar a calquera, e a gran maioría da táboa clasificatoria amosa unha igualdade inaudita entre os equipos. Así, o Celta ten a oportunidade de enderezar o seu rumbo e chegar a Europa, o obxectivo soñado. Ou descender. Ou facelo o Bilbao, que hoxe foi moi superior.
De feito, o que máis separa ao Celta da Europa League é esa sensación de debilidade, máis que os puntos. Débil foi o equipo cando pareceu case que ‘renunciar’ á Copa e débil foi este luns en Balaídos.
Un partido morno dos celestes, que comezou con golpes en cada área, igualado, pero foi unha ilusión porque cando os de Bilbao perforaron a rede celeste por primeira vez xa comezaron a dominar de forma incontestable a situación, e nunca deu a sensación o Celta de poder gañar o partido.
O Celta loitou, intentouno e houbo boas accións de xogadores como Maxi ou Boufal, pero é que ao Bilbao parecía non costarlle nada. O primeiro gol dos visitantes foi unha contra de cinco pases, o segundo directamente un saque do porteiro que atopou despistada á defensa do Celta, Williams cazou o balón e marcou. Así é o fútbol.
A velocidade do atacante do Bilbao, case un velocista, foi desta vez demasiado para a defensa viguesa. As súas poderosas zancadas foron protagonistas en cada gol.
