Inicio Blog Páxina 1797

Os sindicatos piden a dimisión de Elena Espinosa por “privatizar” e “externalizar” os servizos do Concello de Vigo

O comité do Concello de Vigo pediu o cesamento da concelleira Elena Espinosa, pola súa “incapacidade” para xestionar a área de Persoal, e polo “caos” e “improvisación” que, ao seu xuízo, rexe o funcionamento dos recursos humanos no consistorio vigués.

Representantes de todos os sindicatos con presenza no comité e decenas de funcionarios concentráronse este mércores ás portas do Concello olívico para denunciar os problemas de persoal, que están a desembocar nunha “privatización” e “externalización” de servizos e nunha diminución da calidade da atención prestada aos cidadáns.

O presidente do comité, Pergentino Martínez, leu un comunicado en representación dos traballadores, no que volveron a criticar o “desprezo” da concelleira de Persoal, Elena Espinosa, cara a este órgano de representación.

Así mesmo, reiteraron as súas denuncias sobre a ausencia de directrices na xestión de recursos humanos, a “improvisación”, a falta de persoal ou de orzamento suficiente para atender ás necesidades dos funcionarios, o incumprimento de sentenzas no ámbito laboral e de vulneración dos dereitos dos traballadores, ou a falta de compromiso coa execución das ofertas de emprego público.

O comité reclamou, entre outras cuestións, que se cre unha empresa pública de servizos municipais, que se elabore un plan de carreira profesional para os funcionarios, que se negocie cos sindicatos a implantación do teletrabajo, ou que se saquen a concurso público, en base ao mérito e a capacidade, todas as prazas ocupadas provisoriamente.

Pergentino Martínez, quen lamentou que o alcalde non accedeu a reunirse co comité a pesar de haberllo solicitado en varias ocasións, sinalou que, tras meses de denuncias e petición de solucións, quedou “claro” que a edila de Persoal, Elena Espinosa, mostrouse “incapaz” de xestionar esta área, onde se está producindo un “desmantelamento” dos servizos públicos.

Así mesmo, cuestionado polos medios, fixo mención ao feito de que, por primeira vez en anos, todos os sindicatos con representación no comité foron unánimes nunha posición. “O raro é que non estivésemos todos de acordo, co que está a pasar”, sentenciou o presidente do órgano.

Retencións quilométricas en Vigo por dous accidentes na AP-9

Un accidente de circulación rexistrado este mércores causou retencións entre os puntos quilométricos 150 e 156 da AP-9 á altura de Vigo e afectou ao carril esquerdo da vía en sentido sur.

Segundo informou o 112 Galicia a Europa Press, o incidente tivo lugar sobre as 7,50 horas, cando un vehículo chocou contra a mediana, o que activou o airbag. A persoa que o conducía non resultou atrapada, pero, dado que se atopaba aparvada, contactouse co servizo de Urxencias do 061.

Por outra banda, rexistráronse retencións entre os puntos quilométricos 2,5 e 0 do carril dereito da AP-9 en Vigo debido á presenza dun camión avariado. En concreto, o incidente foi rexistrado sobre as 8,30 horas no punto quilométrico 2,5 da vía, onde a dirección do vehículo sufriu un bloqueo.

Está Audasa financiando a precampaña electoral do PP en Vigo?

O PSOE de Vigo preguntou este martes se a concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa, “está a financiar a precampaña electoral do PP”, despois de que a Xunta presentase oficialmente as alternativas para iluminar a ponte de Rande, un proxecto que, en teoría, está a tramitar a empresa, e que á única administración que compete é ao Goberno, titular desa autoestrada.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, o secretario xeral do PSOE na cidade olívica, Abel Losada, quen tachou de “inaudito” que responsables da administración autonómica (o vicepresidente, Alfonso Rueda; a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; e a delegada da Xunta, Corina Porro) tivesen a “desvergoña” de presentar “como propio” un proxecto desenvolvido por unha empresa privada para unha infraestrutura titularidade do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Segundo Losada, a concesionaria negou que lle facilitou o proxecto á Xunta, por tanto, ou ben o goberno galego teno por “unha especie de roubo de luva branca”, ou ben Audasa si llo trasladou. Nese caso, o responsable do PSOE vigués esixiu “explicacións da Xunta desa alianza estratéxica” coa concesionaria, que obtén “importantísimos beneficios” grazas a decisións tomadas por gobernos do PP, como a prórroga da concesión ata 2048.

FINANCIAMENTO DA PRECAMPAÑA

“O PSOE de Vigo quere saber se Audasa está a financiar a precampaña electoral do PP. Teno que contestar a concesionaria e tamén o PP e, se é así, espero que nas contas do Tribunal de Contas, que avalía os gastos electorais, estes gastos aparezan recollidos”, proclamou Abel Losada.

Finalmente, tras advertir de que os socialistas levarán esta cuestión ao Parlamento galego, denunciou que ao PP “lle vale absolutamente todo” en precampaña, “con tal de tentar desesperadamente ter nos medios o que non teñen na vontade dos cidadáns, que apostan polo cambio político”.

INICIATIVA DA XUNTA

Pola súa banda, o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, cuestionado polos medios acerca das críticas do ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, lembrou que o proxecto para iluminar a ponte de Rande foi unha “iniciativa da Xunta”, mesmo “persoal do presidente” galego, e que foi o goberno autonómico o que a trasladou á concesionaria.

En todo caso, rexeitou que a administración central se poida “molestar” por facer públicas as alternativas para iluminar a ponte, posto que o ministerio as coñece desde hai meses e ten “parada inexplicablemente” a iniciativa. “Sabendo dabondo que, ao final, as últimas negociacións son entre a concesionaria e o ministerio, que ten desde hai meses o proxecto para decidir as opcións, o que debe facer é decidirse canto antes”, apuntou.

Rueda tamén sinalou que o financiamento dese proxecto (cuxo custo, dependendo da empresa, oscilaría entre 226.000 e un millón de euros) correría a cargo de Audasa e que mesmo o goberno galego se ofreceu a “colaborar” economicamente “se o problema fose ese”.

Finalmente, tras cualificar como “curioso” que o ministerio que dirixe Ábalos leve “dez díaz calado” e o ministro “resucitase” para falar da iluminación de Rande, Alfonso Rueda sinalou que, “xa que fala”, debe acometer canto antes esa actuación e, “de paso, falar de temas pendentes da AP-9“, como a supresión da peaxe en Redondela, a transferencia ou as bonificacións.

“BURRADAS”

A polémica pola iluminación de Rande segue o seu curso. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, rexeitou duramente as acusacións trasladada polo PSOE de Vigo.

“Hai burradas que non merecen contestación”, sinalou, respecto diso, a titular de Infraestruturas, quen advertiu aos socialistas que hai moitas cuestións que preocupan aos galegos, como “a peaxe” ou as “pantallas acústicas” que esperan os veciños de Redondela, e que “merecen máis contestacións que unhas luces”.

“Non lle imos a pedir permiso a Madrid para falar das infraestruturas galegas, como pode ser a ponte de Rande, ou o AVE a Galicia, porque son infraestruturas que queren os galegos e demandan os galegos”, advertiu Vázquez.

Defendeu que a iluminación de Rande foi unha iniciativa da Xunta “xa en 2017”, cando solicitaron á concesionaria que “puxese en valor” esta infraestrutura con catro propostas técnicas presentadas pola Administración galega.

“Iso significa que é iniciativa da Xunta”, reiterou, para despois lamentar que desde o Ministerio de Transportes no canto de ver “unha man tendida” desde “a máxima lealdade”, sexa vexa “un ataque”.

Neste sentido, destacou o “máximo interese” do Goberno galego en falar de “a AP9, a Ponte de Rande e o AVE a Galicia co Goberno de España”, e solicitou formalmente a reunión “urxente” da comisión de seguimento da infraestrutura para “falar da transferencia” e da “bonificación” das peaxes.

A peor primeira volta do Celta na Liga en 30 anos

O Celta de Vigo asinou esta tempada a súa peor primeira volta en 30 anos, despois de alcanzar o ecuador do curso ligueiro cun balance de tres vitorias, seis empates e dez derrotas, un balance que só empeorou no campionato 1989-90.

Aquela tempada o conxunto celeste a estas alturas da Liga era penúltimo con unicamente doce puntos, e acabaría perdendo a categoría tras unha segunda volta na que, a pesar de cambiar de adestrador ata en tres ocasións, só sumou dez puntos.

Na tempada 1992-93, a seguinte en Primeira tras aquel descenso, e na 93-94 chegou ao ecuador do campionato con 16 puntos, un máis que o que suma actualmente o equipo dirixido por Óscar García Junyent.

Mesmo nos seus últimos dous descensos o Celta pechou a primeira volta con máis puntos que agora. A campaña 2003-04 descendeu con 39 puntos, dos cales 20 conseguiunos na primeira parte do campionato; e no curso 2006-07 chegaron á metade do curso con 21 e acabaron perdendo a categoría con 39.

A situación actual do equipo non convida ao optimismo. A xunta directiva segue xogando á sorte fichando adestradores sen ningún tipo de garantía, agora con Óscar García Junyent, que non desmostrou ser quen de cambiar a dinámica do equipo e ao que os resultados e o pobre xogo do equipo deberían poñelo na porta de saída do clube.

O alcalde de Vigo volve presidir a FEMP

A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) revalidou este sábado ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, como presidente ata o ano 2023 no XII Pleno da FEMP, no que o alcalde ‘popular’ de Estepona, José María García Urbano, foi elixido vicepresidente Primeiro, cargo que ata agora ocupaba a exalcaldesa de Logroño, Cuca Gamarra, segundo informou a institución. Toda a información en Galicia Confidencial.

O sector forestal do Baixo Miño en pé de guerra por unha praga que está matando aos piñeiros

0

A Asociación Forestal de Galicia reuniuse en Tomiño (Pontevedra) coas comunidades de montes do Baixo Miño co obxectivo de abordar a situación do sector ante o avance da praga do nematodo do piñeiro, coñecida como o fungo do piñeiro. Neste contexto, abordaron a necesidade dun plan de apoio á silvicultura para afrontar os custos que supón esta situación.

Nun comunicado, a asociación forestal explicou que, neste encontro, informouse e asesorouse aos propietarios da comunidade de montes sobre a praga ante a paralización da exportación a Portugal emitida pola Xunta o pasado 12 de febreiro.

A entidade detallou que a principal fábrica compradora de piñeiro atópase no país luso, en concreto, en Viana do Castelo; polo que o impedimento da exportación supón “un risco claro” de perdas para as comunidades de montes. Tamén resaltou a importancia de levar a cabo a “vixilancia e control sanitario” necesarios para frear o avance do nematodo.

Así, a asociación galega concretou que, como consecuencia da praga, débense eliminar os pés secos ou sintomáticos e triturar os restos de podas ata diámetros inferiores a tres centímetros, o que leva a utilización de trituradoras de martelos, que encarecen o custo destes traballos.

Ante esta situación, a entidade incidiu na importancia de apoiar ás empresas forestais e industriais de transformación de madeira situadas na zona afectada e de informar os propietarios da comunidade de montes sobre a situación.

Por iso, este venres ás 19,30 horas terá lugar no local da comunidade de montes de Coruxo, en Vigo, unha sesión divulgativa sobre as medidas adoptadas para frear o avance da praga e dar resposta ás consultas dos asistentes.

O Celta despide por sorpresa a Antonio Mohamed

Inesperado e doloroso a pesar da aprobación de algúns siareiros. Así foi o despedimento nas últimas horas de Antonio Mohamed, adestrador do Real Club Celta desde o comezo da tempada ata hoxe luns.

Perdeu esta fin de semana o Celta en Balaídos, pero sen dar unha versión especialmente mala (iso si, moi agresiva) contra un Real Madrid revitalizado trala marcha de Lopetegui. Pero este mesmo cambio de dinámica é o que busca agora o presidente do Celta coa chegada de Miguel Cardoso.

Antonio Mohamed aterrizara na grupa celeste como un descoñecido para a afección, e non conseguiu gañar un partido nos primeiros amigables, mais o bo comezo en Liga (chegamos a ir terceiros goleando ao Atlético), levantou o ánimo celeste.

Desde entón, os resultados non acompañan e o Celta baixa xa vai 14 a escasos puntos do descenso. Mohamed e os seus axudantes abandonan Balaídos. Con Leo Franco e Lopetegui, o arxentino é o terceiro adestrador despedido na presente tempada da Liga Santander.

Cardoso tentará atopar maior rédito ao poderío atacante do equipo vigués, con multitude de internacionais nas súas filas. No camiño para conseguilo, dirixirá este mesmo martes o seu primeiro adestramento na Madroa.

En canto ao seu pasado, chama a atención que este director técnico de orixe luso acompañara a Domingos Paciencia no Deportivo que finalmente baixou a segunda; ou estivera tamén de segundo adestrador no Shakthar Donetsk que o Celta eliminou da Europa League hai dúas tempadas.

 

A UVigo presenta un manual pioneiro no tratamento das alteracións do equilibrio

As alteracións do equilibrio, que afectan a unha de cada tres persoas maiores de 65 anos e á metade das maiores de 80, supoñen un problema crecente de saúde pública, como amosa o feito de que as caídas constitúan a segunda causa de morte por lesións non intencionais entre os maiores de 50 anos, segundo os datos da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Non obstante, a avaliación e tratamento de persoas maiores con deterioración do equilibrio constitúe un campo de investigación no que a día de hoxe persisten “lagoas de coñecemento”, como recoñece a profesora da Facultade de Fisioterapia Raquel Leirós.

Leirós é autora, xunto aos docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José Luis García Soidán e Vicente Romo e a profesora da Universidad San Jorge de Zaragoza e doutora pola Universidade de Vigo Ánxela Soto, dun libro centrado en presentar un “tratamento moderno e actualizado” de pacientes xeriátricos con déficit do equilibrio.

Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, “Manexo do paciente xeriátrico con deterioración do equilibrio” ten como obxectivo “recoller o coñecemento científico dispoñible ata agora sobre a abordaxe clínica do paciente maior con inestabilidade postural e perda de equilibrio”.

Abórdase así tanto a xustificación fisiolóxica das distintas causas do déficit de equilibrio como as ferramentas de avaliación dispoñibles e os principais métodos de tratamento. Trátase, explican os seus autores, dun manual “de particular interese para os profesionais que se enfrontan na súa práctica clínica diaria ou traballo á inestabilidade postural e ao alto risco de caer das persoas maiores”, como os profesionais da medicina, a fisioterapia, a enfermaría ou a actividade física.

De feito, o volume conxuga as achegas dun médico, García Soidán, unha enfermeira, Soto; unha fisioterapeuta, Leirós, e un experto en exercicio físico, Romo.

Falta de ferramentas para a detección precoz

Articulado en tres apartados, o libro ábrese cun capítulo dedicado á fisiopatoloxía do equilibrio durante o envellecemento, que aborda aspectos como o control motor e postural, as estratexias biomecánicas, de movemento e sensoriais ou as principais causas de caída durante o envellecemento.

A deterioración do equilibrio, explica Leirós, “é un proceso fisiolóxico que, de xeito natural e con maior ou menor intensidade, prodúcese durante o envellecemento”.

De feito, as persoas de maior idade “amosan un aumento da oscilación postural cando están de pé e dificultade para facer movementos ao mesmo tempo que camiñan”, engade a investigadora, que explica que estes cambios no control da postura que implica o envellecemento “son consecuencia de alteracións dexenerativas do sistema nervioso central”.

A doutora pola Universidade de Vigo Ánxela Soto é tamén coautora deste libro/ Duvi

Polo tanto, resulta de “especial interese” para manter un bo equilibrio o mantemento das aptitudes biomecánicas, para “manter os rangos de movemento”, cognitivas, para realizar “axustes posturais anticipatorios”, e sensoriais, “que permiten estabilizar os segmentos corporais de xeito inconsciente”.

O control postural, engaden os autores e autoras do manual, “é unha función que pode estar afectada por diferentes enfermidades ou limitacións subclínicas”, e, polo tanto, a prevención da deterioración do equilibrio “require a compresión dos diversos mecanismos subxacentes ao control postural”.

De aí que poñan o acento na importancia que ten a sensibilización dos profesionais da saúde, tanto para un correcto tratamento como “para a súa detección precoz, que é a clave para evitar caídas” e que pasa polo coñecemento dos factores que afectan á estabilidade postural como paso previo ao deseño de intervencións específicas, explica Leirós.

Detección que, á súa vez, pasa por “métodos que sexan sensibles a pequenos cambios no funcionamento de sistemas de control postural”. Porén, “na contorna ambulatoria, non hai ningún procedemento que permita” esta detección precoz, xa que as “tarefas habitualmente avaliadas” so permiten esa detección “cando o individuo manifestou un descenso significativo no control postural”, explica Leirós, que centrou precisamente a súa tese de doutoramento, defendida na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, no desenvolvemento dun método de detección precoz do risco de caídas a través do uso un acelerómetro.

Abordaxe desde a fisioterapia

Á hora de previr caídas que “causan lesións severas e moderadas no 30% dos casos”, unha das “maiores dificultades radica en modificar os posibles hábitos negativos adquiridos ao longo da vida, así como o propio envellecemento” recoñece Leirós.

Así, esta especialista subliña a importancia destes dous factores na programación e valoración da eficacia dos programas de fisioterapia e rehabilitación a desenvolver con esta poboación, eixo do terceiro capítulo desta guía.

Neste punto, o manual incide en que, independentemente do grao de afectación do sistema de control postural do paciente, ”un obxectivo constante” no tratamento das persoas maiores debe ser a prevención des caídas, o que implica que os tratamentos dos profesionais da fisioterapia deben abordar “traballo cardiovascular aeróbico, actividades da mellora da flexibilidade e forza muscular, exercicios que desafíen o equilibrio e a estabilidade do paciente, actividades de mellora de coordinación e da velocidade da reacción”, debido precisamente a ese “carácter multifactorial dos trastornos de estabilidade postural”.

Arcade Fire despide o Paredes de Coura demostrando por que son unha das bandas do século

0

Non hai preto de Vigo festival máis grande que o Vodafone Paredes de Coura. O seu cabeza de cartel deste ano, Arcade Fire, está considerado por numerosas publicacións, entre elas a Rolling Stone, como unha das maiores agrupacións do momento e os herdeiros da coroa do rock independente. Pero estiveron á altura de todas as expectativas.

Os canadenses, artistas puros que tanto inclúen violíns como sintetizadores, son o “verdadeiro indie” e teñen unha recua de admiradores, máis imitalo poden poucos. Encheron ata rebentar o principal escenario do Festival, e ninguén moveu un pé ata que non marcharon na súa furgoneta (e Win Butler, un dos líderes da banda, espiuse e tirou a súa roupa aos fans).

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Hai uns anos, cos seus últimos discos, perderon se cadra a unanimidade en eloxios por parte da crítica, e tanto “Everything Now” como “Reflektor” recibiron opinións dispares, cando o seu debut, “Funeral”, “Neon Bible” e o épico “The Suburbs” gañaran por goleada o corazón dos melómanos. 

En particular, o seu primeiro disco fora unha homenaxe á vida e á morte que sorprendeu a todo o mundo e os catapultou á fama.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Pero en directo funcionou todo, o novo e o antigo, aínda que por suposto o máis coreado foran os seus maiores éxitos, aqueles himnos á felicidade (escritos moitas veces dende a tristeza) que son as marabillosas Wake Up, Rebelion (Lies), Keep the cars running, No cars Go, Ready to Start, Sprawl II (Mountains Beyond Mountains), Afterlife…

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Cancións, como di o outro, “máis grandes que a vida”, celebradas por un público entregado durante as dúas horas que durou o concerto, o máis longo de todo o festival, no que a formación canadense amosou o seu virtuosismo e versatilidade.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Amosaron ademais un sentido do espectáculo digno dos máis grandes, á altura de calquera lenda, como os inesquecibles Queen. Os de Montreal aínda non o son de todo porque non marcharon.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Do primeiro ao último desta numerosa agrupación, entregáronse sobre o escenario, bailaron, suaron, gritaron, estranguláronse uns a outros como osos pequenos xogando.

E o público volveuse tolo, máis cando regresaron a rematar a faena cos dos últimos temas. Pediron luces ao público, corearon, entregáronse. E, ao final, Butler, que xa camiñara entre os mortais, cantou cos miles de presentes como quen o fai cun amigo, e acordouse de Lou Reed.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Foi un espectáculo sonoro e tamén visual, con movementos espectaculares, cambios de vestimenta, vídeo, efectos de luces… Podería ter durado tres horas, ou repetir 5 veces a mesma canción, o dinamismo non se resentiría.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Arcade Fire deixouno claro e o respectable, outras veces intransixente, entendeuno: o trono é seu. Teñen un repertorio enorme, temas que nos levan nun mar de emoción ata o máis alto, e un sentido da teatralidade, da traxedia e a celebración que converte todo o que fan sobre o escenario en compartido. Unha catarse colectiva.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Con talento e entrega, conseguiron fusionarse co público e facer odiosas todas as comparacións.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

XORNAL DE VIGO VISITA PAREDES DE COURA

Concerto de Slowdive: Centos de vigueses visitaron o Festival Paredes de Coura… e Slowdive levounos ata un lugar sen nome

Concerto de Skepta: Skepta, o concerto máis rabioso do Festival Paredes de Coura

Concerto de Dead Combo: Paredes de Coura non se esqueceu dos artistas do país

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed