Inicio Blog Páxina 1791

A UVigo acollerá o primeiro laboratorio 5G de Galicia, que permitirá probar equipos e servizos desta tecnoloxía

A Escola de Enxeñaría Técnica de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo) acollerá o primeiro laboratorio 5G de Galicia. Permitirá realizar probas e simulacións de posibles solucións, equipos e servizos relacionados con esta tecnoloxía.

Este proxecto enmárcase nun convenio asinado este martes en Vigo polo reitor da universidade, Manuel Reigosa, o director xerente de Retegal, Miguel Rodríguez; e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; segundo recolleu esta última entidade nun comunicado.

En concreto, o laboratorio disporá de equipamento específico para levar a cabo as probas e estará asesorado por expertos da UVigo nesta tecnoloxía sen fíos. Esta iniciativa busca dar continuidade á colaboración entre a universidade e a Xunta neste ámbito, iniciada coa posta en marcha do Curso de Especialista Universitario en 5G en 2019.

Ademais, o proxecto enmárcase nas actuacións vinculadas ao Nodo 5G, ao que se adheriu a UVigo. Os operadores Telefónica, Vodafone e R tamén están integrados neste concentrador co que colabora o Observatorio Nacional de 5G. Así, aspira a representar un punto de encontro para demandantes e desenvolvedores de solucións desta tecnoloxía.

O nodo inclúese nas actuacións vinculadas ao Plan5G Galicia. Busca que a comunidade centre o desenvolvemento e a innovación desta tecnoloxía e pilote solucións innovadoras relacionadas coa mesma.

Inmobilizado en Vigo un patinete eléctrico que alcanzaba unha velocidade de 43 km/h

0

Un patinete eléctrico foi inmobilizado en Vigo despois de que axentes da Policía Local comprobasen que alcanzaba unha velocidade 43 quilómetros por hora e de que o seu condutor non puidese acreditar que era o seu propietario.

Segundo trasladaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na rúa Brasil sobre as 23:52 horas deste domingo, cando unha patrulla observou un vehículo de mobilidade persoal (VMP) que circulaba a gran velocidade.

Por este motivo, identificouse o condutor, domiciliado en Vigo e de 32 anos de idade, e realizouse un exame do patinete eléctrico. Así, comprobouse que alcanzaba unha velocidade máxima de 43 quilómetros por hora a pesar de que a normativa estipula que non debe superar os 25. Verificouse tamén que carecía dunha etiqueta identificativa e que dispuña dun sillín incorporado, o que motivou que se confeccionase unha denuncia por infrigir a normativa.

Dado que o seu condutor non puido acreditar que era o propietario do vehículo e non dispuña dunha factura na que se puidesen comprobar as súas características técnicas, procedeuse a inmobilizar o patinente eléctrico e a trasladalo ao depósito municipal.

O alcalde de Vigo afirma que a peonalización da Porta do Sol é “imparable”

0
 A firme oposición dos veciños agrupados na asociación Vigo Histórico ao soterramento do tráfico na Porta do Sol para a peonalización de 8.000 metros cadrados recibiu este venres resposta do alcalde da cidade, Abel Caballero, quen dixo que “o progreso desta cidade non o detén ninguén”. De feito, Caballero manifestouse nestes termos xusto despois da aprobación do expediente de contratación do servizo de coordinación e saúde das obras, e mentres estaba reunida a Mesa de Contratación.
O alcalde sinalou que esta obra de humanización e peonalización da Porta do Sol, orzada en 17 millóns de euros e cun prazo de execución de 24 meses, “é imparable”, que é un “un soño desta cidade”, e que “ten luz verde absoluta”. Un xerro de auga fría para os veciños da asociación Vigo Histórico, os cales non se opoñen á peonalización da Porta do Sol, unha idea que consideran “estupenda” e “necesaria para o desenvolvemento de Vigo e da cidade”, senón ao soterramento do tráfico e ao túnel, segundo dixo  Rafa Ferradáns, un dos seus portavoces.
“Queremos convencer de que temos argumentos técnicos, turísticos, comerciais e ambientais como para demostrar a calquera que a construción do túnel é unha tolemia”, asegurou Ferradáns, quen considera o soterramento un “erro” que implicará máis tráfico, máis contaminación, e sacrificar o Paseo de Alfonso, “o último balcón urbano da cidade á ría de Vigo e ás Cíes”. Os membros de Vigo Histórico, que temen tamén pola integridade das estruturas dos edificios históricos, teñen concertadas reunións a semana que vén co Concello, pero tal e como se expresou o rexedor, as súas posibilidades de influír na toma de decisións do Goberno local serían ben remotas.
Contan coa complicidade do BNG, que no pleno do próximo 4 de setembro presentará unha moción para que se paralice temporalmente a licitación das obras ata conseguir unha “completa complicidade social”, segundo dixo esta semana o portavoz nacionalista Xavier Igrexas. “Facer da Porta do Sol a gran praza peonil de Vigo é unha tarefa que nos debe implicar a todos, non só ao Goberno municipal. Ten que implicar á Corporación Municipal, a todas as forzas políticas, ao tecido asociativo e comercial da zona e, por suposto, aos veciños”, engadiu.
Non parece que nada vaia a alterar sequera o ritmo dunha actuación urbanística que Caballero cualificou hoxe como “a modernidade total e unha mellora que era practicamente imaxinable”. “Todas as obras teñen nesta cidade sempre a alguén que se opón, pero que se esquezan de que a vaian a parar”, concluíu o alcalde.

Atopan unha persoa morta nunhas bateas da Ría de Vigo

Un corpo foi achado na mañá deste venres enganchado nunha batea fronte ao peirao de Vieirasa, na Ría de Vigo, na zona de Vilaboa.

Segundo os datos facilitados polo 112 Galicia, tivo constancia dos feitos uns minutos despois das 8,30 horas deste venres a través da chamada dunha persoa particular.

Por parte do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasouse o aviso á Garda Civil, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, a Salvamento Marítimo, ao 061 e a Protección Civil de Vilaboa.

Fontes de Salvamento Marítimo concretaron a Europa Press que ás 8,42 horas se lles requiriu colaboración, polo que acudiu á zona a embarcación ‘Salvamar Mirach’, que se situou xunto ao corpo ata a chegada da patrulla da Garda Civil, que se encarga da investigación.

Foi un bateeiro o que avistou un corpo boca abaixo enganchado nunhas bateas e avisou aos servizos de emerxencias.

O patrimonio da antiga Pescanova é de 2,5 millóns a finais do primeiro trimestre

0

A antiga Pescanova presentou ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) o seu informe financeiro trimestral, correspondente a decembro de 2018 e aos primeiros meses de 2019, que recolle un patrimonio neto de 2,5 millóns de euros.

Segundo o devandito informe, os ingresos deste período foron de 82.000 euros, correspondentes á achega que Nova Pescanova debe facerlle, en virtude dos acordos de segregación aprobados pola Xunta Xeral de Pescanova en setembro de 2015.

Así mesmo, reflíctese que os gastos dese primeiro trimestre ascenderon a 60.000 euros, en concepto de “gastos xerais, asesores externos e remuneración do Consello”. O balance de situación individual a 28 de febreiro reflicte un total pasivo de 44,7 millóns de euros, a mesma cantidade que o total activo.

Desde finais de 2015 Pescanova S.A. é unha sociedade de carteira, cuxos principais activos son, por unha banda “unha conta a cobrar de Nova Pescanova S.L.” e unha participación do 1,65 por cento no novo grupo.

A sociedade impugnou os acordos que levaron á ampliación de capital de Nova Pescanova, e que reduciron a súa participación do 20 ao 1,65 por cento. Os tribunais desestimaron integramente as pretensións de Pescanova S.A.

O alcalde de Vigo asegura que os empresarios da cidade piden que as luces de Nadal sigan acesas en xaneiro

Abel Caballero ofreceu este mesmo luns unha rolda de prensa trala súa reunión coa Fundación ProVigo. Sobre a mesma, declarou que os empresarios vigueses solicitan unha prórroga no alumeado de Nadal.

“O impacto das Luces e da publicidade do Nadal en Vigo non ten precedentes na historia da cidade. Esta fin de semana era imposible atopar un sitio para cear en ningún lugar”, engadiu o rexedor.

“Antonte estaba cun vigués que vive en Londres e contaba como viviu en directo o alumeado de Nadal de Vigo desde a BBC One”, celebrou.

As empresas galegas prevén aumentar o seu persoal e necesitan máis universitarios, segundo Educa 2020

0

Case a metade das empresas galegas prevén incrementar o seu persoal nos próximos meses, mentres que só un 2,7% cre que vai reducilo, porcentaxe que neste último caso ascende até o 6% na media nacional. Desta forma, Galicia sitúase por enriba da media en previsión de aumento de persoal, e segunda en mantemento de emprego.

En canto ao nivel de formación que precisan as empresas, mentres que o resto de comunidades autónomas españolas necesitan titulados en formación profesional, Galicia reclama menos FP que a media e pide máis universitarios.

“Algo se está facendo diferente cando os datos son o oposto ao resto”, apuntou o director da Fundación AXA, Josep Alfonso, que subliñou que, “en xeral, as empresas galegas móstranse moderadamente optimistas ante o seu futuro”.

Estes datos despréndense dunha sondaxe realizada polo foro de investigación xornalística e sociolóxica Educa 2020, en colaboración coa Fundación AXA e a empresa demoscópica GAD3 sobre un total de 2.500 empresas en toda España, das que 160 son galegas.

Na presentación estaba prevista a participación do xornalista e presidente de Educa 2020, Fernando Jáuregui, que finalmente non estivo presente porque non puido aterrar no Aeroporto de Peinador, polas incidencias meteorolóxicas que afectaron a varios voos na mañá deste martes.

Así as cousas, Josep Alfonso trasladou que no relativo ás titulacións máis demandadas, coinciden as empresas no conxunto estatal e as galegas, aínda que destacou que Galicia non inclúe entre as súas principais demandas as titulacións de FP relacionadas con hostalaría e turismo, e é a única na que se inclúe dereito entre as carreiras universitarias máis demandadas.

En canto á contratación por xénero, indicou que no último ano contratouse a máis mulleres que homes, cunha porcentaxe similar ao nacional, aínda que cambiou a representación, con Galicia 10 puntos por encima na contratación feminina que a media española. Así, Galicia é a segunda comunidade, despois de Asturias, con maior contratación de mulleres.

DIFICULTADES DE CONTRATACIÓN

Pese ao elevado índice de paro que hai en España, as empresas sondadas trasladaron que atopan dificultades na contratación de persoal. Así, o 63% das empresas en España atopa dificultades á hora de cubrir a demanda de emprego, porcentaxe que chega ao 65% en Galicia.

Tal e como arroxa este informe, as empresas teñen dificultades á hora de atopar técnicos especializados. Así, atópanse principalmente con falta de candidatos, falta de traballadores con experiencia e falta de competencias técnicas dos aspirantes.

Neste marco, só o 42% de empresas galegas e o 48% do total estatal considera que as universidades ofrecen formación suficiente aos estudantes en relación coa necesidade das empresas, e, como consecuencia, o conxunto destas recoñece que vénse obrigadas “a investir tempo e recursos na formación dos seus traballadores”.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, asociou esta situación ao amplo mapa de titulacións, nos que a formación “é boa, pero ás veces as titulacións non se axustan ás demandas empresariais”. É por iso que se está traballando para cambiar o mapa de titulacións e incidiu na importancia de ofrecer “unha formación paralela que complemente”.

En canto ás profesións que estas empresas consideran que van desaparecer a curto prazo nos seus respectivos sectores, as máis mencionadas foron as de administración; e as que ven con máis futuro son as vinculadas con innovación, tecnoloxía e data.

AS EMPRESAS GALEGAS “ESTÁN A CRECER MOITO”

A presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García, dixo que, baixo o seu punto de vista, “Galicia está a crecer, e moitísimo, a nivel empresarial”. Así, entende que o feito de que “as empresas crecen” explicaría por que demandan titulados universitarios. “Quizá necesiten crecer en postos de dirección”, apostilou.

Así mesmo, considerou “moi positiva” a cifra achegada sobre a contratación de mulleres por parte das empresas, aínda que recalcou que habería que saber “como se traduce en bandas salariais e que postos están a ocupar” as mulleres no mundo laboral.

Finalmente, Toca remarcou que as empresas necesitan máis empregados por que coa recuperación económica necesitan perfís técnicos. Neste marco, destacou que a Xunta traballa en promover a FP dual, na que “hai que seguir profundando”, e tamén na formación para o emprego, a través dos certificados de profesionalidade.

Neste obxectivo de tentar dar resposta ás empresas, tamén manifestou que se puxeron en marcha axudas para empresas que queren formar a novos traballadores, de forma que lle axudan a deseñar esa formación a medida a cambio de contratación; e para que poidan ofrecer formación á carta aos seus traballadores.

Abel Caballero insta á Xunta a “revisar” a normativa da hostalaría para que “recupere a normalidade”

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, urxiu á Xunta a “revisar” a normativa establecida para os establecementos de hostalaría debido á covid-19 e incidiu na necesidade de que este sector “recupere a normalidade” ante o avance da vacinación da poboación e a evolución da crise sanitaria.

Durante unha rolda de prensa celebrada este luns na cidade olívica, o rexedor insistiu en que este representa “un momento distinto da pandemia” a aquel no que se estableceron as restricións, polo que considerou que o Goberno galego debe adaptar a normativa vixente á situación actual. “(A Xunta) non pode ter unha normativa que implique unha maior dureza que en momentos nos que estabamos moi por encima de como estamos agora”, aseverou.

Neste sentido, preguntouse por que en Madrid, que rexistra unha incidencia acumulada de novos casos de covid-19 “moi superior” á de Vigo, “xa non hai limitacións”, mentres nesta última cidade permanecen vixentes.

Así as cousas, afirmou que o Executivo autonómico “ten que tomar nota do que están a facer noutras comunidades” e “outros lugares de España” e criticou a súa xestión, que ao seu xuízo, realiza “mal” e “xera tensións innecesarias”. “Imos á cola das medidas, e a economía é moi importante”, recalcou.

Abel Caballero incidiu na importancia de “normalizar ao máximo posible a hostalaría”, xa que, na súa opinión, representa “unha gran garantía” para evitar contaxios por covid-19, que “se producen en aglomeracións urbanas e botellóns” e afectan a “xente de moi pouca idade”.

Ante unha etapa de “nova normalidade” que achacou á vacinación da poboación de acordo coa estratexia do Goberno central, pediu á Xunta que “empece rapidamente a revisar a normativa que regula a hostalaría” dado que “é necesario que recupere a normalidade” coas correspondentes garantías sanitarias.

OCUPACIÓN HOTELEIRA

Noutra orde de cousas, o alcalde de Vigo indicou que esta fin de semana a ocupación hoteleira superou o 60% e situouse en torno ao 90% nalgúns hoteis da cidade, un dato que considerou “moi significativo”.

A este respecto, achacou o nivel de ocupación hoteleira rexistrado á gravación dunha película para Netflix na urbe olívica. Así, destacou que, no que vai de ano, Vigo acolleu os traballos de 21 producións, unha cifra que se elevou a 26 durante o pasado ano.

A Área Sanitaria de Vigo terá unha segunda unidade de saúde mental infanto-xuvenil

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) puxo en marcha unha nova unidade de Saúde Mental Infanto-xuvenil no Hospital Álvaro Cunqueiro, a segunda deste tipo que se sitúa na área Sanitaria de Vigo.

Así o comunicou o Sergas, que informou de que esta nova unidade disporá dun equipo de cinco profesionais. Desta forma, as dúas unidades contarán conxuntamente con cinco psiquiatras, tres psicólogos, unha enfermeira e un traballador social.

O pasado ano os profesionais de Saúde Mental Infanto-xuvenil atenderon 7.000 consultas de menores de 16 anos. Coa pandemia rexistrouse “unha repunta nesta demanda, tanto ambulatoria como a través do servizo de Urxencias”, polo que o Sergas está “a reforzar o servizo de Psiquiatría nesta Área”.

Neste sentido, durante unha visita este mércores ao Hospital Álvaro Cunqueiro, o xerente do Sergas, José Flores, destacou que con esta nova unidade “dáse un paso máis no desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia, que xa alcanzou un alto nivel de execución”.

Así, este mesmo martes púxose en marcha unha unidade de Saúde Mental ambulatoria para o Baixo Miño, e nos próximos días abrirase un hospital de día no Nicolás Peña e posteriormente unha unidade de hospitalización de menores no Álvaro Cunqueiro.

Feijóo na visita ao Meixoeiro: “Imos á velocidade que a enfermidade nos deixa”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou o hospital Meixoeiro de Vigo, onde fixo un chamamento á poboación desta área sanitaria para que se cumpran os protocolos de prevención e acúdase aos cribados.

“Quero enviar unha mensaxe á área de Vigo para que nos axude a controlar o incremento de positividade e de contaxios”, proclamou, á vez que lembrou que a incidencia acumulada nesta área sanitaria a 7 días subiu a 89 casos por 100.000 e a 14 días é de 158.

Por iso, apelou á “prudencia” e sinalou que as medidas restritivas establécense e levántanse en función de como evoluciona a situación. “A todos gustaríanos ir máis rápido, pero imos á velocidade que a enfermidade nos deixa. Se imos a máis velocidade, haberá danos irreparables”, advertiu.

Así, o presidente reiterou a importancia de manter medidas como o uso de máscara ou a distancia social e de participar nos cribados, e expresou o seu desexo de que “en próximas semanas” haxa “mellores noticias para os municipios que viron incrementadas as súas restricións, como Vigo (que pasou a nivel medio esta semana), Cangas (nivel medio) ou Ponteareas (que estará en nivel alto a partir do luns). Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas do vindeiro luns, 26 de abril.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed