Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a un veciño da cidade, de 37 anos de idade, como presunto autor dun delito de tráfico de drogas, que actuaba na zona de Pizarro.
Segundo informaron fontes policiais, a investigación iniciouse por mor de denuncias cidadás e por outras intervencións policiais anteriores, das que se tivo coñecemento da posible existencia dun ‘punto negro’ de venda de drogas na zona de Pizarro.
A Policía estableceu un dispositivo de vixilancia, e comprobou como o suposto vendedor se citaba cos seus ‘clientes’ en diferentes puntos, adoptando medidas de precaución para eludir a acción policial.
Froito destas investigacións, os axentes localizaron ao presunto traficante á primeira hora da tarde deste domingo, cando chegaba camiñando á Praza de Isabel a Católica. Alí, dous mozos achegáronselle e, tras unha breve conversación, realizaron un intercambio antes de abandonar o lugar.
Os funcionarios interceptaron ao sospeitoso, que foi identificado e ao que cachearon, atopando entre as súas roupas cocaína e haxix, diñeiro en efectivo, unha báscula de precisión e outros útiles para a venda de drogas. O home foi detido e trasladado a Comisaría, onde se lle tomou declaración, antes de pasar a disposición do xulgado de instrución 4 de Vigo.
A Escola Infantil O Areal está situada na parroquia de Sabarís, no municipio de Baiona. A situación xeográfica do centro atópase nun enclave privilexiado, lindando ao norte coa praia da Ladeira e a Foz do Miñor (Lugar de Interese Comunitario e Red Natura 2000) o que permite que os cativos poidan desenvolver actividades ligadas a este enclave único do Val Miñor a escasos metros de distancia do centro.
Nesta escola infantil impártense docencia a nenas e nenos de entre 3 e 5 anos repartidos nas únicas tres aulas que dispón o centro. Algúns dos cursos actuais rozan o cupo máximo de25 alumnos por aula. Unha situación totalmente atípica e única deste centro escolar xa que a media de alumnado do resto de centros infantís da comarca do Val Miñor non supera o cupo de 12 alumnos por aula.
A Dirección do Centro, ante esta situación de falta de espazo, viuse na obriga de habilitar o pasillo recibidor da entrada como aula, para poder cubrir deste xeito a carencia de espazo. Usan esta entrada como ximnasio, salón de actos, recepción, roupeiro, … e mesmo como biblioteca.
A súa é xa unha reivindicación histórica e de varias xeneracións que pasaron por este centro do municipio de Baiona. Levan 10 anos solicitando á Xunta a construcción dunha Aula Polivalente anexa, que lles permitise o desenvolvemento normal da súa actividade docente.
O centro tampouco conta con patio cuberto para que os cativos poidan sair ao recreo os días de choiva de inverno, non podendo desfrutar dos tan ansiados e necesarios “recreos”. Este último curso, acordaron que cada familia mercase unha ropa de augas para os cativos para que así poidesen sair un rato ao patio durante o inverno e desfrutar así duns minutos de descanso da actividade escolar diaria.
Sinalan sentirse traizoados
“Ata este momento, a única resposta recibida pola Xunta, en boca do Xefe Territorial César Augusto Pérez Ares, foron promesas de solución inmediata destas deficiencias, pero sen chegar a bo porto ningunha delas”, sinalan desde o ANPA, que lembra ademais que no ano 2019 foi o propio Xefe Territorial o que se comprometeu públicamente a que a Xunta financiaría o 100% da construción para o ano 2020.
O xefe Territorial de Educación en Pontevedra, César Augusto Pérez Ares, ex deputado provincial do PP polo Baixo Miño, tomou en xullo de 2009 posesión como Xefe Territorial de Educación.
Despois de tantos anos, sen que se puxese solución ao problema, presentaron como última opción unha queixa ante o Defensor do Pobo, que con data de 08/01/2020 traslada á Xunta a “necesidade de acometer a construción da aula polivalente, dada a falta de espazo para impartir determinadas clases, pois só así, pode garantirse a prestación do servizo educativo en condicións de calidade e igualdade e satisfacer o dereito constitucional á educación na etapa de Educación Infantil”.
Sen posibildiade de aplicar protocolos COVID
Logo de tres meses de pandemia a Consellería de Eudación non foi quen de establecer unha guía/protocolo básico para os centros escolares en Galicia. De feito algúns centros escolares están organizándose pola súa conta para establecer uns protocolos de seguridade que tentarán aplicar en setembro.
As críticas chéganlle ao executivo autonómico dende todas as frontes educativas. ANPAS, sindicatos, e colectivos escolares que solicitan a adopción urxente dun protocolo preciso sobre a volta ao cole para o próximo mes de setembro. Pese ás críticas, a Xunta de momento ponse de perfil con este tema, algo que desconcerta e xenera inquedanza tanto a pais e nais como ao persoal docente.
As escasas recomendacións lanzadas ata o momento son imposibles de cumplir neste centro educativo ainda que a Xunta lanzase en setembro algunha recomendación ou protocolo.
Non poden divir as aulas. Por falta de espazo e profesorado polo que non poderían cumplir a recomendación dun ratio máximo de 15 alumnos por aula.
Sen comedor. Os cativos da Escola Infantil o Areal que precisan de servizo de comedor escolar están suxeitos á dispoñibilidade de prazas que teñan no de CEP de Sabarís situado a 2 km. Este centro facilita as prazas de comedor restantes ao Areal. Deste xeito, preto de media ducia de cativos acuden diariamente en autobús ata o CEP de Sabarís onde nenos e nenas de todas as idades comparten un servizo de comedor, non financiado e xestionado polas respectivas ANPAS.
Isto implica que non poderían tampouco cumplir a recomendación de que os cativos compartan e interactuen sempre com mesmo círculo de amizades. Mezclando alumnado de dous centros distintos eengandindo un vector máis ante un posible brote de contaxios.
Situación discriminatoria respecto doutros centros
Desde a ANPA da Escola manifestan os innumerables intentos ao longo destes anos para que a Xunta puxese solución a tal grave problema. “O próximo curso a Escola terá unha ocupación de case o 100%.” Unha situación moi distitna á doutros colexios da zona onde tiveron que agrupar tres cursos de infantil nun só por falta de alumnado; e a pesar diso, é habitual nestes centros numerosos gastos e investimentos, tanto por parte do Concello como por parte da Xunta.
As nais e pais de O Areal séntense discriminados ante as recentes decisións da Xunta de investir noutros colexios, e con todo, non haxa diñeiro para que as súas fillas e fillos non teñan que recibir clase nun corredor, sinalan dende a ANPA.
O edificio da escola foi construido en 1938 e ten unha superficie de 310 m2 divididos en 3 aulas, recepción, baños, e un despacho. Non hai espazo nin para biblioteca, nin para aula de educación física nin para outras materias que os cativos teñen que realizar no propio pasillo recibidor.
A pacerla da escola, no centro da imaxe.
Con 2000 m2 de parcela o centro ten ocupado só dous terzos da súa área total. Un terzo da parcela ocupada polo edificio, e outro terzo ocupado por un patio amplo con mobiliario infantil, columpios, horto ecolóxico, invernadoiro, zona de compostaxe. O outro terzo do espazo restante está actualmente pechado e inutilizado onde antes había un eucaliptal (hoxe talado).
Desde a ANPA lanzan o ofrecemento á Xunta de Galicia de que “estarán encantados de abrir as portas este verán ás máquinas e persoal que envíen, “para a realización da aula polivalente, tal e como o Xefe Territorial César Augusto Pérez Ares prometera”.
O sindicato Alternativas na Xustiza-CUT denunciou que a Xunta “se nega a pagar” as prolongacións de xornada de empregados do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo e asegurou que as súas quendas chegaron a alcanzar as 12 horas de duración durante o estado de alarma.
Nun comunicado, a central afirmou que este xulgado exerceu funcións de garda desde o comezo da propagación da pandemia da COVID-19, durante a que os traballadores “cumpriron co seu traballo” e realizaron “xornadas maratonianas para atender todos os casos”. De feito, apuntou que entre o 14 de marzo e o 4 de xuño sumáronse 39 detidos pola comisión de delitos de violencia de xénero.
Con todo, reprobou que, desde a entrada en vigor do estado de alarma, o Goberno galego non abonase “nin unha soa prolongación de xornada”. Ante esta situación, lamentou que as declaracións do presidente e o vicepresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, respectivamente, sobre a necesidade do abono de horas extra representen “palabras baleiras de contido”.
En concreto, Alternativas a Xustiza-CUT explicou que os xulgados de violencia sobre a muller deben estar de garda de “modo permanente” debido á inmediatez coa que se deben celebrar os xuízos rápidos destes casos de acordo coa lexislación.
Así, apuntou que o trámite de rexistro, a incoación, a práctica de declaracións e distintas actas e comparecencias que requiren da presenza de avogados e fiscais, así como a emisión de sentenzas ou medidas de afastamento, non poden atrasarse para o día posterior.
Neste sentido, o sindicato indicou que esta situación leva que o traballo “menos urxente”, como comisións rogatorias ao estranxeiro, peticións interlocutorias de letrados e outros trámites ordinarios sexa realizado grazas ao “esforzo” dos traballadores. Mentres, sinalou que o traballo civil, “non urxente”, acumula “atrasos considerables”, o que sinalou que afecta directamente os menores (dependentes das vítimas)”.
Alternativas na Xustiza-CUT denunciou tamén que fallos rexistrados na conexión de videoconferencias celebradas con Comisaría e nos equipos impediron conexións e causaron que, “moitos días”, os traballadores atrasasen a súa saída do xulgado vigués ata as 21,00 horas.
A morte doutras dúas mulleres no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) eleva a 483 o número de vítimas mortais do coronavirus en Galicia (107 en residencias, 375 en hospitais e outra persoa, que recibía atención hospitalaria a domicilio), segundo informaron fontes da Consellería de Sanidade.
Así, fontes sanitarias informaron de que, nas últimas horas, faleceron no Chuvi dúas mulleres de 71 e 86 anos, respectivamente. Ambas tiñan patoloxías previas.
Tamén este mércores, Sanidade confirmou a morte doutro seis persoas en hospitais: unha muller de 57 anos de idade e un home de 70 anos, ambos os ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); unha muller de 92 anos de idade, ingresada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC); un home de 68 anos de idade, ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP); e dúas mulleres, de 85 e 95 anos de idade, que eran atendidas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
Coa morte destas persoas, todas elas con patoloxías previas, segundo Sanidade, o número de falecidos con COVID nos hospitais galegos é de 375 persoas, ás que hai que sumar outra muller, que recibía atención hospitalaria a domicilio (e cuxa morte foi comunicada este martes).
Por áreas, rexistráronse 108 mortes na área sanitaria da Coruña, 74 na área de Vigo, 72 na área sanitaria de Ourense, 59 mortes na área sanitaria de Santiago, 23 na área de Ferrol, 25 na área de Lugo e 15 na área sanitaria de Pontevedra.
Distintos profesionais técnicos participaron este xoves en Vigo nunha xornada de economía social na que se abordaron os recursos dispoñibles para asesorar a empresas deste ámbito nos seus procesos de creación e consolidación.
Así, a iniciativa ‘Informa, apoia e asesora en economía social’ levouse a cabo en distintas localidades galegas para informar sobre recursos, servizos e axudas ás que poden optar empresas deste ámbito, tal e como trasladou a Consellería de Economía, Emprego e Industria nun comunicado.
En concreto, o acto celebrado en Vigo contou coa participación da secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, que puxo en valor a “fortaleza” da economía social na comunidade e lembrou que xera 25.000 empregos e agrupa a 74.000 persoas socias, comuneiras e mutualistas.
Ademais, apuntou que o Goberno galego activou, mediante a Estratexia Galega de Economía Social, 7 millóns de euros para cinco convocatorias de axudas e dúas de premios cuxo prazo de solicitude permanece aberto. En concreto, unha destas iniciativas correspóndese co programa Aprol Economía Social, que busca apoiar cooperativas e sociedades laborais para facilitar a incorporación de persoas socias.
Así mesmo, a secretaria xeral lembrou que o Executivo autonómico ofrece axudas de apoio á inserción laboral, así como subvencións a entidades que colaboran coa Rede Eusumo en actividades de fomento do cooperativismo e a economía social. Tamén se apoia o funcionamento de entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción.
Adicionalmente, este ano, concederanse axudas a entidades sen ánimo de lucro que busquen deseñar proxectos de capacitación para o emprego personalizados cuxa duración mínima se sitúe en dous anos. Tamén se concederán premios á cooperación para recoñecer o labor levado a cabo por cooperativas e celebrarase o concurso Cooperativismo no ensino.
Investigadores da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo (UVigo) desenvolveron o primeiro proceso produtivo que permite conseguir nanofibras de vidro sen limitación de lonxitude.
Segundo trasladou a universidade nun comunicado, o proceso, denominado Fibrado continúo por fusión láser (Cofiblas, polas súas siglas en inglés), combina un láser de alta potencia cun chorro supersónico de aire. Deste xeito, quéntase e moldéase o material para producir fibras de vidro contínuas cuxo espesor se pode controlar a vontade. Así, este último pódese situar entre 300 nanómetros e 30 micras.
A este respecto, o primeiro autor do artigo sobre este proxecto que publicou a revista ‘Science Advances’, Félix Quintero, destacou que a produción dunha fibra contínua, fiada ou tecida, facilita a súa manipulación e permite ampliar as súas aplicacións. Ademais, a súa lonxitude elimina o risco de inhalación accidental.
Os investigadores do Grupo LaserON, que conta con financiamento da Xunta e o Ministerio de Ciencia e Innovación, tamén destacaron que o custo da fibra de vidro é menor que o doutros materiais e resaltaron a súa alta flexibilidade e resistencia. Así mesmo, este material pódese reciclar dun modo sinxelo.
Así, os resultados de múltiples simulacións matemáticas permitiron abordar a construción dun sistema experimental a través do que se realizaron probas para axustar os parámetros que permiten controlar o proceso. En concreto, o traballo desenvolvido polos investigadores durante máis dunha década facilitou a optimización do proceso, aínda que sería necesario adaptalo a unha escala industrial para levar a cabo unha explotación comercial.
A área sanitaria de Vigo habilitou 41 camas adicionais, das que 11 atópanse no Hospital Álvaro Cunqueiro e 30 no Meixoeiro, ante a tendencia crecente de casos de gripe rexistrados.
Esta actuación enmárcase no plan de continxencia contra a gripe, que se atopa activo e que foi presentado en outubro, segundo detallou a área sanitaria.
Así, apuntou que ese programa detalla que medidas se deben pór en marcha en cada circunstancia para axilizar os tempos de resposta e garantiu a atención nos centros de saúde.
Tamén sinalou que, desde novembro, se ereforzou o servizo de Urxencias do hospital cun médico, un enfermeiro, un celador e un auxiliar de enfermaría adicionais. Ademais, incrementáronse en dous os facultativos de Medicina Interna e engadiuse outro á área de Pneumoloxía.
PLAN DE CONTINXENCIA
Así mesmo, a área sanitaria explicou que o plan de continxencia contempla a coordinación entre os profesionais de Atención Primaria e os de Hospitalaria e aspira a minimizar o impacto da patoloxía. Así, busca dar resposta ás necesidades destes pacientes sen derivalos ao hospital, así como evitar brotes da enfermidade e prever cando se producirán.
Entre os obxectivos da guía tamén se atopan tentar que a atención a estes pacientes non inflúa no funcionamento dos hospitais e contemplar procedementos alternativos.
Adicionalmente, a área sanitaria viguesa lembrou que, aínda que a campaña de vacinación da gripe terminou en decembro, aínda existen doses dispoñibles de vacinas que se poderán aplicar en xaneiro.
Ademais, apuntou que se rexistrou un incremento no número de urxencias atendidas durante a primeira semana do ano, cando se alcanzou unha media de 418 atencións ao día. Con todo, afirmou que esta suba non se relaciona con casos de gripe, senón coa patoloxía propia deste ano.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou este luns, a respecto da posibilidade de que as empresas auxiliares do estaleiro de Hijos de J. Barreras de Vigo, nunha complicada situación económica, tomen o control da compañía, que é “unha decisión do consello de administración”. Por iso, reclámalle que “actúe con responsabilidade e instrumente todas as medidas necesarias” para que haxa un acordo.
Manifestouno en declaracións aos medios antes de participar nunha xornada organizada pola Fundación Concordia e Liberdade, en Santiago de Compostela, e á que asistiu o seu presidente, Adolfo Suárez Illana. Neste contexto, Conde expresou, ademais, que “Galicia non entende por que” o Executivo estatal “non se compromete coa industria electrointensiva”.
Así mesmo, reivindicou que desde a Xunta se trasladou aos accionistas a súa “vontade” para “atopar unha solución”. “Nese contexto é onde estamos a traballar, nesa interlocución cos accionistas, tamén con Ritz-Carlton”, coa que o estaleiro mantén un contrato para a construción dun cruceiro.
O membro da Asemblea de Médicos de Vigo e un dos xefes de servizo que presentaron a súa dimisión en marzo Manuel Domínguez Sardiña valorou a substitución do ata agora xerente da área sanitaria, Félix Rubial, e asegurou que, a continuación, será necesario que os facultativos e o Sergas comecen a “traballar” para mellorar a Atención Primaria.
En declaracións a Europa Press, este profesional sinalou que a substitución do xerente é unha “boa noticia”. Así, lembrou que esta medida era unha das principais reivindicacións do colectivo sanitario que se mobilizou hai pouco máis dun mes.
En concreto, o Sergas nomeou este venres ao xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo como responsable da de Ourense. Mentres, a responsable da área sanitaria ourensá, Xullo García Comesaña, pasará a estar á fronte da da maior urbe galega.
A este respecto, Domínguez Sardiña recalcou que, deste xeito, abriuse “unha nova fase” na que será preciso que ambas as partes (a Consellería de Sanidade e os profesionais) traballen para solucionar as “deficiencias” presentes no servizo de face a “mellorar” a atención ao paciente. Nesta liña, avanzou que é “probable” que, para alcanzar este obxectivo, débanse “reforzar” os recursos destinados ao servizo sanitario. Así, apuntou que esta mellora se debe aplicar, ademais da a Atención Primaria, á Atención Hospitalaria.
DIÁLOGO
Ademais, un dos membros do comité de folga que xestionou os paros no servizo de Atención Primaria de Vigo en maio e dos xefes de servizo que presentaron a súa dimisión, Luciano Garnelo, asegurou que esta situación é unha “oportunidade” que abre un novo “escenario” de “diálogo”. Así, sinalou que, ata este momento, a situación de “interlocución” en Vigo estaba “bloqueada” debido ao anterior xerente. Neste sentido, afirmou que os profesionais están abertos ao “dialogar”, aínda que advertiu de que manteñen as mesmas reivindicacións respecto da mellora asistencial.
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, instou ao Concello da cidade a mellorar os accesos ao Hospital Meixoeiro, que cualificou como do “Terceiro Mundo”.
Nunha rolda de prensa que tivo lugar en Vigo este luns, López-Chaves insistiu en que os viarios de acceso ao centro hospitalario que, segundo incidiu, son de titularidade municipal, atópanse nunha situación de “abandono”. En concreto, referiuse ao Camiño Arieiro, que rodea ao complexo hospitalario, e á Baixada O Castelo, que conecta o centro coa parroquia de Bembrive.
Deste xeito, afirmou que, debido ao volume de intervencións cirúrxicas que se practican no Hospital Meixoeiro e ás variadas especialidades que acolle, é “necesario” que se melloren os accesos, dos que criticou a “estreiteza” que comportan.
Así mesmo, o delegado territorial da Xunta criticou que o goberno local anunciase que, tras a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, habilitaría un quilómetro de beirarrúas na rúa Clara Campoamor e que esta humanización aínda non tivese lugar. Por iso, apelou ao Goberno local a emendar esta situación que, segundo asegurou, afecta á “seguridade” dos cidadáns.
Ademais, detallou que dirixirá unha carta ao Concello da cidade olívica co obxectivo de que a Administración local realice “os investimentos necesarios” para garantir a mellora dos accesos a ambos os hospitais.