O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo avogou por que o goberno local active a Oficina Municipal de Atención e Información ao Consumidor (OMIC) para que monitore a evolución dos prezos de produtos de primeira necesidade durante a crise sanitaria derivada da propagación do coronavirus.
Así o detallou o portavoz local da formación, Xabier P. Igrexas, en declaracións remitidas aos medios nas que precisou que trasladará ao comité municipal de seguimento do COVID-19 esta iniciativa para evitar que se produzan situacións de “abuso”.
Deste xeito, insistiu na importancia de que, se se producen estes feitos, se poida informar diso ao Goberno e a Xunta co obxectivo de que tomen medidas que garantan o acceso da poboación a estes bens “indispensables”.
Ademais, remarcou a necesidade de que a OMIC asesore por vía telemática á cidadanía sobre cuestións como o dereito ao reembolso do custo de servizos cancelados polo confinamento, como espectáculos ou cursos formativos presenciais.
Os labores de procura do novo portugués desaparecido na zona lusa do río Miño proseguiron este venres tras suspenderse co ocaso do día anterior por falta de visibilidade, aínda que o número de medios habilitados reduciuse.
En concreto, este venres participará nos traballos a Garda Civil desde terra, ademais dunha embarcación da Comandancia Naval de Tui (Pontevedra) desde a auga, segundo informaron fontes desta última a Europa Press.
Mentres, a Capitanía do Porto de Caminha portuguesa deu por concluída a súa colaboración e cancelouse o apoio de medios aéreos (o helicóptero da Garda Civil española colaborou esta semana no operativo). As mesmas fontes explicaron que a redución de efectivos busca “economizar esforzos” para permitir que os traballos se poidan manter “durante un tempo prolongado”.
Así, precisaron que a Comandancia Naval de Tui e a Policía Marítima lusa, que coordinan o operativo, continuarán os labores de procura do mozo durante este fin de semana. Deste xeito, indicaron que levarán a cabo “procuras aleatorias” en dirección á desembocadura do río desde a zona na que desapareceu esta persoa, a beira lusa de Remoães, en Melgaço.
As asociacións de veciños de Teis (Vigo) e Chapela (Redondela) presentaron este luns por rexistro no edificio administrativo da Xunta unha solicitude de reunión co ministro de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, ao que reclaman que se concrete “xa” unha data para a supresión da peaxe da AP-9 en Rande, así como a adopción doutras medidas de mellora na contorna da autoestrada ao seu paso por estas dúas parroquias.
O portavoz da Asociación de Veciños de Teis, Anxo Igrexas, subliñou que a supresión da peaxe nese tramo é unha reclamación “unánime” de toda a comarca e que, xa que dita medida está contemplada no acordo de investidura asinado entre PSOE e BNG, é momento de tomar esa “decisión política”. “Non queremos que quede só no papel”, incidiu, á vez que lembrou que manter o cobro nese tramo é “inxusto e discriminatorio” para os veciños de Teis e de Chapela.
Anxo Igrexas incidiu en que “a solución non é conxelar” a peaxe senón eliminalo, e engadiu que esa medida, unida á conversión da Ap-9 en tramo urbano desde as Torres de Padín cara ao centro de Vigo, “permitiría mellorar a mobilidade” nesas zonas, que actualmente deben soportar un gran volume de tráfico pesado.
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Veciños de Chapela, Marcial Pérez, recalcou que, ademais da supresión da peaxe, esta parroquia leva dous anos esperando a que se executen obras de mellora e medidas contra a contaminación acústica, recollidas na ‘addenda’ relativa ao convenio asinado entre Audasa e o Goberno para a última ampliación da autoestrada.
Este dirixente veciñal advertiu de que, se non se executan esas medidas de inmediato, Teis e Chapela “volverán ás mobilizacións”, porque “tiveron tempo suficiente de facer estudos” e, aínda que “todos os políticos apoiaban facelas”, o certo é que “non as fixeron”.
A Cámara galega instou a Xunta a reclamar ao Estado a eliminación inmediata da peaxe de Redondela na AP-9 e a execución das obras compensatorias acordadas entre o Ministerio de Fomento e o Goberno local do municipio.
En concreto, foi aprobada por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo grupo popular, e defendida polo deputado Alberto Pazos, na que se reclamaba darlle cumprimento ao acordo unánime adoptado polo pleno do Parlamento e ao compromiso asumido polo Goberno entón presidido por Mariano Rajoy.
Pazos arremeteu, especialmente, contra o que considera unha “burla” dos distintos gobernos socialistas aos veciños de Redondela sobre esta peaxe, como a ampliación de Rande ao seu paso por Chapela “sen unha soa medida compensatoria” adoptada “48 horas antes dunhas eleccións xerais”.
Tamén lamentou que tras 16 meses de Goberno tras a moción de censura non se saiba “nada” das obras de compensación de Redondela, entras as que se contemplaba a construción dun novo colexio, a reposición de viarios ou pantallas anti-ruído, entre outras; nin da eliminación da peaxe. “Os compromisos dun Goberno central deben ser asumidos por calquera Goberno”, sinalou.
O portavoz do grupo municipal Marea de Vigo, Rubén Pérez, encabezará de novo a lista para as eleccións municipais do 26 de maio despois de que se ratificase a única lista presentada ás primarias.
Segundo informou este luns Marea de Vigo, o segundo e terceiro posto ocuparano a filóloga e militante de Anova Oriana Méndez e o profesor de secundaria Xaquín Pastoriza, que participou en Podemos Vigo e no 15M.
Ronsel Miller, militante de Esquerda Unida (EU) e técnica superior de Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas, e Ramón Lareu, filólogo e activista, formarán tamén parte da lista no cuarto e quinto posto.
Así mesmo, Iria Soltelo, enfermeira parte de Podemos Vigo, Néstor Vázquez, profesor e afiliado a Equo; e María Isabel González, licenciada en Filosofía e Letras e participante na Marea Feminista de Vigo; serán os ‘números’ 5, 6 e 7. A lista pecharana Guillermo Crego (EU), Ana Ardid e Óscar González (Podemos Vigo). Mentres, os postos do 12 ao 27 serán elixidos o Plenario da Marea de Vigo.
César Rodríguez é responsable do sector naval no sindicato CIG. Con el falamos da insostible situación de estaleiro Vulcano, incapaz de concretar carga de traballo por sí só, así como do naval vigués no seu conxunto.
O pasado outono criticaban desde o seu sindicato as mensaxes “extremadamente positivas” da patronal. Así, defenden que moitos dos encargos son de barcos pequenos, e que en todo caso resultan insuficientes como para garantir unha estabilidade de horas de traballo ao longo do tempo.
Polo tanto, aínda que recoñece certa recuperación trala crise, César defende que, salvo casos concretos como Freire ou Barreras, os estaleiros non teñen traballo “a anos vista”.
Traballador preto da proa dun barco conxelador amarrado no peirao de Beiramar / Miguel Núñez
A situación do sector podería definirse como complexa. Estaleiros como Barreras veñen de concursos de acreedores, e a inestabilidade resulta un gran lastre posto que, sendo proxectos moi caros de millóns de euros, como advirte César, a vitalidade financieira é crucial.
Botadura do Ritz, cruceiro de luxo / Miguel Núñez
Así, o estado de cousas leva a que “o 90% dos traballadores no sector son eventuais. Moitos (dos que traballaban no naval vigués) marcharon fóra ou a outros sectores e non queren regresar porque os contratos non son indefinidos. Mentres non se recupere a carga de traballo e teñamos traballo para agora e tamén para dentro de 2 ou 3 anos, as cousas serán difíciles”.
Porto de Vigo/ Miguel Núñez
“A crise no sector incidiu moito nas condicións de traballo, que empeoraron, nos salarios, que non son atractivos. Tampouco se deron pasos desde as institucións, non se avaliou o que acontecía, e despois de 4 anos de parálise total produciuse un corte xeracional, non se formaron traballadores”, lamenta.
Botadura dun cruceiro en Vigo/ Miguel Núñez
Destaca César que “o naval sempre foi cualificado como duro e altamente perigoso, para poder traballar tes que facer un curso de prevención. Agora, preocupa unha relaxación nas condicións, porque sempre ten que ver cun empeoramento da prevención. Foi sempre este un sector que deu exemplos de accidentes laborais graves, e foise corrixindo, pero se agora es eventual, compites por manter o teu posto de traballo e importa máis sacar o choio que como o fas…”
Unha solución para Vulcano/ Miguel Núñez
No estaleiro Vulcano xa van facer 5 meses sen cobrar. Todo depende da xuntanza co Concelleiro de Industria, antes do día 24 de xaneiro. “Verémonos as caras a dirección, os sindicatos e mais a banca (o Santander), a ver se sacamos este barco adiante”, defende César.
O ferry que está a construírse en Vulcano leva xa máis dun ano de traballo, e calcúlase que queda só un par de meses. Pero agora está parado e agárdase unha solución.
Porto de Vigo/ Miguel Núñez
Este xoves 24 consitúe o tope máximo de espera que puxeron os traballadores. Esixen o pago dos 5 meses de salario que están sen cobrar, desde que a construción parouse polas desputas entre o estaleiro e o banco.
“Sabemos que xa houbo reunións entre a parte financieira e empresarial”, subliña César, “pero non coñecemos o estado das súas negociacións. Os traballadores sempre so os últimos en enterarse”.
Barcos no asteleiro de vulcano / Miguel Nuñez
“Non se pode falar de recuperación se non hai estabilidade, cando cortan chapas para un barco e os chapistas desaparecen porque non hai o seguinte, e para casa. E ao mellor outro día chega outro ou a mellor non. Iso non é carga real, os estaleiros estarán recuperados cando non se rompa a cadea produtiva“, conclúe.
Traballadores do estaleiro diante do graffiti da porta /Miguel Nuñez
John Cale, historia viva da música, estivo no EDP Festival de Vilar de Mouros, a só uns poucos quilómetros da fronteira con Galicia, tan preto da Guardia, de Tui. E pode que a desta fin de semana fora a derradeira ocasión, entre o pouco comúns que son as súas actuacións e a súa avanzada idade, que os galegos desfrutamos do seu xenio.
O seu compañeiro e tamén rival, Lou Reed, deixounos xa. Por non falar do seu mecenas, Andy Warhol, de Nico, ou doutros tantos.
En Vilar de Mouros, ante unha lúa chea (o escenario non tanto), Cale amosou o seu eclecticismo e a súa xenialidade. Pode ser o máis antigo de todos e tocar Chopin, e un tema despois converterse á modernidade e o vangardismo, sonar máis contemporáneo que o derradeiro cantante de trap.
Antigos membros de bandas nin a metade de lendarias e inspiradoras do que foi a Velvet Underground necesitan dos seus himnos de hai décadas para estar á altura en concerto.
Cale acabou co “I´m waiting for the man”, pero non porque el o necesitara, senón como un regalo, unha concesión ao público, entendendo que non coñecerá a meirande parte da súa carreira en solitario. A fin de contas, el era a vertente experimental dunha banda tan diferente como a Velvet.
Foi unha oportunidade única: escoitar en directo un dos temas máis atemporais dunha das maiores agrupacións da música popular, decisiva na súa evolución. Como escoitar “Hey Jude” dos Beatles, ou “I can´t get no (Satisfaction), dos Stones.
Calquera festival de rock do mundo sonaría moi distinto se este home non existira, como os belgas dEus, que tocaron despois, recoñeceron.
Xusto antes, nun tema que dixo que era “novo”, posto que a creatividade non ten fin, mesturou moderno e antigo, complexo e tribal, indíxenas do amazonas e androides que falan con ovellas eléctricas.
Agora, segundo reza a lenda, deberiamos todos montar unha banda. Cale, xa nos 76, resiste tan vigoroso como o mito que contribuíu a crear. E montou un concerto potente, hipnótico, desa hipnose a un chisco de estoupar que tanto lle gusta, levar a arte ao seu límite.
E o mellor de todo foi cando, trala última nota, adorado polo público, marchou coxeando do escenario, mentres coreaban o seu nome. Coxea! É humano, a fin de contas.
Ás 18:45 horas do pasado mércores unha patrulla da Policía Local de Vigo acudiu á rúa Abade Juan de Bastos debido a que os propietarios dunha vivenda observaron unha serpe no canlón de augas pluviais.
Os Axentes procederon a desmontar o canlón usando un trade e un martillo, retirando
dita culebra do seu interior. Tratábase dunha culebra adulta da especie bastarda de 1,16 metros de lonxitude, a cal foi devolta á súa hábitat pouco despois, por tratarse dunha especie protexida.
É bastante agresiva e si é molestada erguerase como unha cobra e fará notar o seu enfado cun son penetrante. O seu veneno, de efectos locais, é inoculado por uns colmillos posteriores que só chegan a morder cando a súa presa xa está bastante dentro da súa boca, polo que a súa mordedura, aínda que pode ser dolorosa, non é perigosa para o home.
Outra serpe da mesma especie foi capturada sobre as 21:30 horas no mesmo día polos
mesmos compoñentes da Policía Local nunha urbanización de Candeán. O réptil atopábase no xardín dunha vivenda, e unha vez capturado foi devolto ao súa hábitat.