InicioSociedadeLuces e sombras do sector naval en Vigo: unha recuperación difícil

Luces e sombras do sector naval en Vigo: unha recuperación difícil

A situación do estaleiro Vulcano está levando ao límite a resistencia duns obreiros que levan máis de catro meses sen cobrar.

PUBLICADO O

César Rodríguez é responsable do sector naval no sindicato CIG. Con el falamos da insostible situación de estaleiro Vulcano, incapaz de concretar carga de traballo por sí só, así como do naval vigués no seu conxunto.

O pasado outono criticaban desde o seu sindicato as mensaxes “extremadamente positivas” da patronal. Así, defenden que moitos dos encargos son de barcos pequenos, e que en todo caso resultan insuficientes como para garantir unha estabilidade de horas de traballo ao longo do tempo.

Polo tanto, aínda que recoñece certa recuperación trala crise, César defende que, salvo casos concretos como Freire ou Barreras, os estaleiros non teñen traballo “a anos vista”. 

Barco pesqueiro en Orillamar
Traballador preto da proa dun barco conxelador amarrado no peirao de Beiramar / Miguel Núñez

A situación do sector podería definirse como complexa. Estaleiros como Barreras veñen de concursos de acreedores, e a inestabilidade resulta un gran lastre posto que, sendo proxectos moi caros de millóns de euros, como advirte César, a vitalidade financieira é crucial.

Botadura do Ritz, cruceiro de luxo / Miguel Núñez

Así, o estado de cousas leva a que “o 90% dos traballadores no sector son eventuais. Moitos (dos que traballaban no naval vigués) marcharon fóra ou a outros sectores e non queren regresar porque os contratos non son indefinidos. Mentres non se recupere a carga de traballo e teñamos traballo para agora e tamén para dentro de 2 ou 3 anos, as cousas serán difíciles”.

Porto de Vigo/ Miguel Núñez

“A crise no sector incidiu moito nas condicións de traballo, que empeoraron, nos salarios, que non son atractivos. Tampouco se deron pasos desde as institucións, non se avaliou o que acontecía, e despois de 4 anos de parálise total produciuse un corte xeracional, non se formaron traballadores”, lamenta.

Botadura dun cruceiro en Vigo/ Miguel Núñez

Destaca César que “o naval sempre foi cualificado como duro e altamente perigoso, para poder traballar tes que facer un curso de prevención. Agora, preocupa unha relaxación nas condicións, porque sempre ten que ver cun empeoramento da prevención. Foi sempre este un sector que deu exemplos de accidentes laborais graves, e foise corrixindo, pero se agora es eventual, compites por manter o teu posto de traballo e importa máis sacar o choio que como o fas…”

Unha solución para Vulcano/ Miguel Núñez

No estaleiro Vulcano xa van facer 5 meses sen cobrar. Todo depende da xuntanza co Concelleiro de Industria, antes do día 24 de xaneiro. “Verémonos as caras a dirección, os sindicatos e mais a banca (o Santander), a ver se sacamos este barco adiante”, defende César.

O ferry que está a construírse en Vulcano leva xa máis dun ano de traballo, e calcúlase que queda só un par de meses. Pero agora está parado e agárdase unha solución.

Porto de Vigo/ Miguel Núñez

Este xoves 24 consitúe o tope máximo de espera que puxeron os traballadores. Esixen o pago dos 5 meses de salario que están sen cobrar, desde que a construción parouse polas desputas entre o estaleiro e o banco.

“Sabemos que xa houbo reunións entre a parte financieira e empresarial”, subliña César, “pero non coñecemos o estado das súas negociacións. Os traballadores sempre so os últimos en enterarse”. 

Barcos no asteleiro de vulcano / Miguel Nuñez

“Non se pode falar de recuperación se non hai estabilidade, cando cortan chapas para un barco e os chapistas desaparecen porque non hai o seguinte, e para casa. E ao mellor outro día chega outro ou a mellor non. Iso non é carga real, os estaleiros estarán recuperados cando non se rompa a cadea produtiva“, conclúe.

Traballadores
Traballadores do estaleiro diante do graffiti da porta /Miguel Nuñez

ÚLTIMAS

O TSXG anula o calendario laboral de 2023 do persoal de Ilunion en Stellantis, Benteler e Lear

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) anulou o calendario laboral de 2023 do persoal...

Terremoto de magnitude 1,8 en Vilaboa

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou un terremoto de magnitude 1,8 con epicentro na localidade pontevedresa de...

Sindicato de Inquilinas Vigo urxe vivenda pública e regular prezos ante a “alarmante realidade” dos desafiuzamentos

O Sindicato de Inquilina Vigo-Baixo Miño urxiu este venres a regulación dos prezos de aluguer...

Unha sentenza recoñece un exceso de horas traballadas dos bombeiros de Vigo e obriga ao Concello a compensalas

Unha sentenza firme do xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo obriga ao Concello...