InicioSociedadeUnha sentenza recoñece un exceso de horas traballadas dos bombeiros de Vigo...

Unha sentenza recoñece un exceso de horas traballadas dos bombeiros de Vigo e obriga ao Concello a compensalas

A CUT di que esta sentenza "demostra que os bombeiros levan máis de 10 anos traballando horas en exceso sen que llas paguen".

PUBLICADO O

- Advertisement -

Unha sentenza firme do xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo obriga ao Concello olívico a compensar o exceso de horas realizadas por un bombeiro debido ao ‘solape’ entre quendas, que supón 40 minutos de traballo adicional en cada quenda, e recoñece de facto que os bombeiros da cidade realizan ese exceso de xornada, porque esta situación afecta a todo o persoal.

A resolución, do pasado 22 de abril, dá resposta a un recurso interposto por un funcionario deste servizo que, en marzo do ano pasado, presentou unha reclamación ante o Concello para solicitar que se lle compensase, ou ben pagándolle ou ben con descanso, ese exceso de xornada de 40 minutos diarios (25 minutos ao comezo da quenda e 15 minutos ao final, coincidentes cos cambios de quenda).

Ante a falta de resposta expresa por parte do Concello, o bombeiro presentou recurso contencioso administrativo e agora o xulgado recoñeceu que se produce ese exceso de xornada, e que eses 40 minutos adicionais deben considerarse tempo de traballo, polo que han de ser compensados.

No seu recurso, o funcionario sinala que os membros deste servizo deben iniciar as súas quendas en perfecto estado operativo, o que obriga a presentarse antes no posto de traballo para vestirse, recoller equipos, EPIs e documentación. Igualmente, ao finalizar a quenda, o persoal saínte debe informar o entrante das novidades, incidencias e instrucións do día; e ese tempo de ‘solape’ entre quendas supón 40 minutos.

O Concello alegou que non existen datos, nin nas nóminas e nin nas comunicacións, que demostren que este bombeiro fixo esas horas adicionais, pero o xulgado rexeita este argumento.

Así, na sentenza a xuíza expón que quedou acreditado que tanto este funcionario como os seus compañeiros “teñen a obrigación de estar no parque de bombeiros 25 minutos antes do inicio da quenda para realizar unha serie de actos previos, preparatorios, necesarios con fin de, ao iniciar a quenda, estar perfectamente uniformados, revisados EPIs, material e ferramentas; no caso dos condutores, os vehículos, é dicir, estar operativos, listos para acudir a calquera emerxencia; e o mesmo ocorre ao saír da quenda, que deben permanecer 15 minutos tras terminalo para dar información á quenda entrante sobre incidencias, instrucións da xornada”. É dicir, “non se trata dun simple cambio de roupa”.

VALORACIÓN DA CUT

O sindicato CUT (ao que pertence o demandante) celebrou este fallo, que “demostra que os bombeiros levan máis de 10 anos traballando horas en exceso sen que llas paguen”. “Dentro do seu calendario laboral, e por encima da xornada correspondente ao funcionariado, os bombeiros teñen un volume de horas de exceso de xornada que debe ser compensado, a razón de 44 horas por ano”, incidiron desde o sindicato.

Así mesmo, lembraron que “esta é unha reclamación que vén de lonxe” e que ese tempo de traballo adicional foi “ordenado” pola xefatura do servizo, a pesar do cal, “o Concello non o quería recoñecer”.

ÚLTIMAS

Piden oito anos de prisión para un acusado de roubar e agredir sexualmente a unha muller en Vigo

Un home enfróntase a oito anos e medio de prisión como suposto autor dun...

O Concello e Universidade de Vigo impulsan a creación dun Observatorio da Vivenda

O Concello e a Universidade de Vigo crearán un Observatorio da Vivenda para facer...

Rescatan un veleiro á deriva e encallado na costa de Vigo sen ninguén a bordo

Os servizos de emerxencia rescataron o pasado domingo un veleiro á deriva na costa...

Un axente da Policía Local de Vigo absolto tras ser acusado de chamar “matado” e “subnormal” a un discapacitado

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, absolveu a...