InicioCulturaO histórico Teatro Fraga de Vigo volverá á vida: case 20 millóns...

O histórico Teatro Fraga de Vigo volverá á vida: case 20 millóns de euros para unha reforma que comezará en 2027

A Xunta autoriza a licitación das obras de rehabilitación do emblemático edificio, que conta con máis de 80 anos de historia e aspira a converterse nun referente cultural do noroeste peninsular. Os traballos durarán uns 22 meses e incluirán novos espazos para a creación artística, a experimentación e as exposicións.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Consello da Xunta autorizou este luns a licitación das obras de restauración do Teatro Cinema Fraga de Vigo por un importe de case 20 millóns de euros, segundo informou en rolda de prensa o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda. A actuación permitirá avanzar na recuperación dun dos edificios culturais máis emblemáticos da cidade, cunha intervención que se desenvolverá nos próximos anos.

Deste xeito, inícianse os trámites administrativos para contratar os traballos, que permitirán rematar a actuación de rehabilitación iniciada polo arquitecto César Portela, a quen se lle adxudicou a redacción do novo proxecto e a dirección das obras. A actuación contará cun financiamento plurianual ata 2029 por parte da Xunta e da Deputación de Pontevedra, ambas as copropietarias do inmoble, que foi adquirido en 2024 por 9,3 millóns de euros. Do investimento total previsto para a obra, o Goberno galego achegará o 51 % e a institución provincial asumirá o 49 % restante.

A previsión é que o proceso administrativo remate no segundo semestre de 2027 e que as obras comecen inmediatamente despois, cun prazo de execución aproximado de 22 meses. Estes traballos pretenden dar continuidade ás obras xa realizadas no proxecto orixinal de César Portela, arquitecto ao que agora se lle adxudicou tamén o contrato de redacción do novo proxecto e a dirección das obras.

UN EDIFICIO DE 7.000 METROS CADRADOS QUE ASPIRA A SER UN REFERENTE CULTURAL

Segundo destacou Alfonso Rueda, o obxectivo é converter o Teatro Cinema Fraga, un edificio duns 7.000 metros cadrados e con máis de 80 anos de historia, nun “referente de innovación cultural” de Vigo e “de todo o noroeste peninsular”. O teatro xa conta cunhas liñas estratéxicas definidas e un plan de usos perfilado, con achegas realizadas pola cidadanía a través dunha campaña de participación denominada ‘O mellor espazo busca o mellor contido’.

O Goberno galego sinalou que a recuperación do inmoble, incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, era unha demanda da cidadanía viguesa. Ademais, lembrou que os diferentes colectivos cos que se mantiveron contactos puxeron de manifesto a necesidade de contar cun espazo capaz de acoller unha programación cultural de primeira magnitude.

A recuperación do edificio busca crear un espazo flexible e polivalente que favoreza a creación e a experimentación cultural, con talleres, laboratorios de ideas, espazos expositivos e outras instalacións destinadas á actividade artística. Todo iso desenvolverase no ámbito das artes musicais, audiovisuais e literarias, co obxectivo de propiciar sinerxías e colaboracións entre artistas de Galicia, do resto de España e de Portugal.

A XUNTA AUTORIZA TAMÉN A CREACIÓN DO MUSEO DE FERROL

Por outra banda, o Consello da Xunta deu luz verde á creación do Museo de Ferrol e á súa integración no Sistema Galego de Museos. Trátase dun espazo concibido para transmitir o coñecemento da realidade histórica da cidade a través das súas representacións artísticas. O museo estará situado no antigo Centro Torrente Ballester, que está a ser restaurado cun investimento conxunto da Xunta e do Concello de 512.000 euros.

O espazo inclúe máis de mil pezas de pintura, gravado e debuxo, entre elas obras de artistas ferroláns como Jenaro Pérez Villaamil, Felipe Bello Piñeiro, González Collado ou Tomás Barros, e prevese que os traballos de acondicionamento rematen o próximo mes de decembro. Para a creación do museo, a Xunta valorou a importancia deste equipamento, concibido para “contribuír ao fortalecemento da identidade cultural” de Ferrol, a partir dunha narrativa orixinal baseada na forte vinculación da cidade co mar e a paisaxe, a industria naval, a herdanza militar e a arte.

MÁIS DE MIL OBRAS DE ARTE E NOVAS ACTIVIDADES CULTURAIS

Nestes momentos, estase a levar a cabo a reparación da cuberta, coa reposición de tellas e a recolocación de pezas soltas. Ademais, antes de que remate o ano completarase a substitución da cuberta do patio, a pintura das fachadas e a urbanización do lateral noroeste. Está previsto que o museo acolla tamén diferentes actividades, como visitas guiadas, ciclos de conferencias, obradoiros infantís e un espazo destinado a artistas e creadores. Coa súa incorporación ao Sistema Galego de Museos, Galicia pasará a contar con 102 espazos recoñecidos, entre os que figuran seis centros de interpretación do patrimonio cultural, 24 coleccións rexistradas e 71 museos xa existentes, aos que se suma o novo equipamento ferrolán.

ÚLTIMAS

“O sábado foi un día histórico en Vigo”, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este luns que a ocupación hoteleira na...

Abanca estrea as súas novas instalacións corporativas en Vigo cun investimento que supera os 25 millóns de euros

Abanca estreou este luns, 16 de novembro, as súas novas instalacións corporativas en Vigo,...

O Nadal de Vigo publicitarase en Londres, París, Nova York e Lisboa

O Concello de Vigo despregou a súa habitual campaña publicitaria a través de mupis...

Protestan ante o Concello de Vigo para pedir alternativas habitacións para persoas sen fogar que estaban na Acampada

Decenas de persoas protestaron na mañá deste luns ante as portas do Concello de...