O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este luns que a ocupación hoteleira na cidade durante a fin de semana, a primeira da campaña de Nadal, foi “arredor do 90%”. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico cualificou de “magnífica” a ocupación dos aloxamentos na cidade durante a fin de semana, na que se produciu o acendido do alumeado de Nadal, o desfile de Disney Plus e a apertura das atraccións e dos espazos da campaña de Nadal.
Segundo detallou Caballero, o venres a ocupación foi do 78%, mentres que o sábado, “que foi o día clave, practicamente cheo de todo”. “Foi un día histórico na cidade“, subliñou. Ao respecto, incidiu en que “o recoñece todo o mundo” e en que “todo o mundo ve a importancia dese día”, no que Vigo tivo presenza “practicamente en todos os medios de comunicación de España”.
