O Concello de Vigo despregou a súa habitual campaña publicitaria a través de mupis nas marquesiñas de cidades de todo o mundo, con máis de 800 en arredor de 40 urbes de España, Londres, París ou Nova York. Así o anunciou o propio alcalde, Abel Caballero, este luns ante os medios de comunicación, sinalando que este ano tamén os mupis se colocaron en Lisboa, capital de Portugal.
Segundo dixo, milleiros de veciños do norte de Portugal chegan cada ano ao Nadal de Vigo e, nesta ocasión, o goberno local pretende atraer tamén a cidadanía portuguesa que vive máis ao sur. O rexedor aproveitou para enxalzar unha vez máis o Nadal de Vigo, destacando que o desfile de Disney+ do pasado sábado reuniu máis de 70.000 persoas e que, tres horas despois, deron comezo as festas do Nadal co acendido oficial das luces.
Caballero destacou que o Nadal de Vigo se colou entre as 5 noticias máis destacadas esta fin de semana en España, sendo a “única noticia amable” deste grupo.
