O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este luns que o Concello recorreu ante o Tribunal Supremo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou a suspensión da licenza urbanística para a construción dun centro de asociacionismo promovido pola Xunta na cidade, nos antigos xulgados da rúa Lalín.
En declaracións remitidas aos medios, o rexedor confirmou que esa sentenza está recorrida e, polo tanto, “non” é favorable á Xunta. “Non, non é definitiva. É unha sentenza susceptible de recursos e xa interpuxemos o recurso“, remarcou.
Con todo, o alcalde aclarou que ese procedemento “non é o fondo da cuestión”, senón que o que realmente está en cuestión é a titularidade do edificio (no que a Xunta quería construír un centro de asociacionismo, pero paralizou a actuación tras retirarlle o Concello a licenza). “E é unha obviedade que o titular da edificación é o Concello de Vigo”, engadiu. O rexedor lembrou que ese terreo “está inscrito no rexistro da propiedade a nome do Concello, non a nome da Xunta” e, por tanto, ese debate “aínda ten moito percorrido xurídico”.
Por iso, reprochoulle ao goberno galego que dea este litixio por gañado. “Non, queda moito percorrido e, ademais, imos gañalo porque de quen é o edificio, a titularidade da edificación, non se discute, é nosa”, insistiu.
