Inicio Blog Páxina 1765

O pobo de Vigo sae á rúa indignado trala sentenza á “Manada”

Ponteareas xa ten unha plataforma en defensa da sanidade pública

0

Nace a Plataforma en defensa da sanidade pública en Ponteareas como resposta “á continua degradación e empeoramento do servizo de atención primario no Centro de Saúde do municipio”, indica o concello nun comunicado. O obxectivo desta organización é a de reinvindicar máis medios materiais e humanos “para que a veciñanza de Ponteareas poida recibir un servizo asistencial de calidade”.

O Concello impulson a creación da Plataforma e anima a todas as entidades e colectivos a unirse a ela nunha reunión inicial entre venres, 13 de agosto, ás 20:30 horas na Sala Multiusos do Auditorio.

“A atención primaria en Ponteareas presenta unha falta de recursos materiais e humanos que cada vez son máis preocupantes”, sinala o concello. Explica que en verán, debido á falta de persoal que poida asumir baixas e vacacións, se interromperon todas as consultas ordinarias en horario de tarde. Para a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, “non é aceptable que moitos veciños teñan que aprazar aquelas revisións que non se precisen de xeito inmediato”.

Fernández lembra que en “numerosas ocasións” o Concello reclamou unha solución á falta de servizos e persoal sanitario pero que, polo de agora, a situación continúa no mesmo punto. Por iso, tanto o Concello, como colectivos e veciñanza deciden crear a Plataforma para reclamar “a atención sanitaria que merece Ponteareas”.

A Universidade de Vigo ofertará o próximo curso un grao de Filoloxía Aplicada Galega e Española

A Universidade de Vigo contará a partir do próximo curso cun novo grao, que virá renovar a súa oferta no ámbito das Humanidades, o de Filoloxía Aplicada Galega e Española, para o que haberá 50 prazas dispoñibles, e que substituirá o grao de Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios.

A nova ‘carreira’ distribúe os estudos en dous ciclos, un primeiro de dous anos de formación básica e obrigatoria, e un segundo ciclo doutros dous anos para a formación máis especializada.

Ademais do galego e o español, os alumnos cursarán dous idiomas modernos, a elixir entre alemán, francés, inglés ou portugués, e a formación complétase coa incorporación de Lingua de Signos nun módulo optativo de especialización.

A nova titulación ten un marcado carácter aplicado e práctico e, segundo apuntou o decano da Facultade de Filoloxía e tradución, José Montero, que sinalou que, ademais das prácticas externas, no Traballo de Fin de Grao recóllese de modo “explícito” esa orientación.

Ademais, a estrutura do grao permite compartir 90 créditos comúns con outra titulación que se imparte nesta facultade, a de Linguas Estranxeiras, e 30 créditos específicos de galego e español. A isto engádese a posibilidade de libre deseño do currículo por parte do alumnado.

GRAO “MODERNO” E IMPORTANCIA DAS HUMANIDADES

O decano da Facultade de Filoloxía e Tradución destacou que o novo título, aínda que “asentado na tradición”, “mira cara ao porvir” para que os alumnos poidan adquirir as competencias filológicas necesarias para aplicalas de forma práctica.

Así mesmo, lembrou que, co informe favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug), culmínase un proceso de dous anos e medio, “complexo e difícil”, ata chegar a poder ofertar este grao na UVigo.

Pola súa banda, o reitor da institución académica viguesa, Manuel Reigosa, trasladou o seu “orgullo” polo traballo realizado pola Facultade para articular “un grao moderno, que inclúe aspectos aplicados que multiplican a capacidade do alumnado”.

Ademais, o reitor recalcou que unha unversidade ten que aspirar a ter un catálogo de titulacións que inclúa as Humanidades, “que xogan, xogaron e xogarán un papel transcendental na formación da conciencia crítica da sociedade, e que supoñen unha parte moi importante do progreso”.

Moaña e Tomiño súmanse ós municipios galegos en alerta vermella, que chegan ós 50

O mapa ‘semáforo’ que cada día actualiza a Consellería de Sanidade para sinalar a incidencia do covid por municipios marca xa en vermello –grao máximo– a 50 concellos situados maioritariamente nas provincias da Coruña e Pontevedra.

A actualización deste domingo eleva a alerta aroja a seis novos municipios: Viveiro, Cerceda, O Grove, Poio, Moaña e Tomiño. Algúns deles, como o caso de Cerceda, regresan á alerta máxima tras baixar ao nivel laranxa nos últimos días.

Por contra, o municipio coruñés de Boqueixón, na comarca de Santiago, abandona este domingo a alerta máxima e pasa a estar marcada en laranxa no mapa de incidencia.

Así as cousas, ademais do citados seis concellos que ingresan no grupo de municipios en alerta máxima, tamén se atopan nesta situación as sete cidades galegas –Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e A Coruña–, que están pechadas perimetralmente desde o mediodía do venres.

Na provincia de Pontevedra, continúan na situación 3 Cangas, A Estrada, Marín, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Ribadumia, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Tui e Vilagarcía de Arousa. Así mesmo, en Lugo, despois de días nos que só figuraban a capital e Monforte, a alerta estendeuse a Cervo, A Fonsagrada e Viveiro.

A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que detectaron máis de 21 casos de coronavirus no últimos sete días. Con todo, nas urbes de máis de 50.000 habitantes, o limiar para detectar o aviso vai en función do tamaño: Ferrol –máis de 76 casos nunha semana–, Pontevedra –máis de 96–, Santiago –máis de 112–, Lugo –máis de 112–, Ourense –máis de 120–, A Coruña –máis de 276– e Vigo –máis de 332–.

ALERTA LARANXA

Mentres, en situación dúas –na cor laranxa do mapa– sitúanse 20 municipios, un máis que o sábado, dos que dez están na provincia da Coruña: Ares, Arzúa, Betanzos, Cerceda, Ordes, Sada, Santa Comba, Malpica, Valdoviño e Oza-Cesuras; tres na de Lugo: Cospeito, Bóveda e Burela; e dous na de Ourense: Allariz e Xinzo.

No caso de Pontevedra, son cinco os que figuran neste nivel de alerta –dúas menos, ao pasar O Grove, Tomiño e Poio a estar marcados en vermello e entrar Caldas, o sábado en cor amarela–: Lalín, Caldas de Reis, Fornelos de Montes, Gondomar e Cercedo-Cotobade.

As probas aos 27 traballadores do Álvaro Cunqueiro illados dan negativo e poden volver ao traballo

As últimas probas realizadas aos 27 traballadores do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo que estaban illados por un posible contacto cunha persoa infectada por coronavirus deron negativo, segundo confirmaron fontes do Sergas.

Estes 27 traballadores (persoal de enfermaría e celadores) foron illados a principios de agosto como medida de precaución por estar en contacto cunha paciente que ingresou no hospital vigués para someterse a unha cirurxía.

Ao realizarlle as probas PCR á paciente, o resultado foi positivo en coronavirus, polo que o hospital decidiu o illamento de todo o persoal que tivera contacto con ela.

Segundo informou este venres o Sergas, as últimas probas realizadas a estes traballadores deron resultado negativo, “polo que están en condicións de abandonar o illamento e volver ao traballo“.

No último informe feito público este venres, Sanidade confirmou que, na área sanitaria de Vigo, hai 134 casos activos de COVID-19, dos que 2 están ingresados en planta do Álvaro Cunqueiro (ningún paciente na UCI) e 132 nos seus domicilios.

Nigrán blíndase ante o efecto chamada das fogueiras de San Xoán

0

O concello de Nigrán toma conciencia do reclamo que supón as súas tradicionais cacharelas de San Xoán e pechará o acceso aos seus areais dende o 23 de xuño ás 21h ata as 8 da mañá do día seguinte, onde un dispositivo de seguridade velará toda a noite para que así sexa.

A medida pretende evitar a concentración das preto de 15.000 persoas, que en situación normal, acuden aos areais para celebrar esta festa pagán do paso de solsticio.

Por descontado as cacharelas na praia tamén estarán proibidas e non haberá festa, xa que tampouco hai comisión que a presida.

O que si permitirá o concello serán as cacharelas nas parroquias ou comunidades veciñais, sempre que cumpran coas medidas de seguridade de aforo, distanciamento social, … apelando deste xeito á responsabilidade individual para evitar un foco de contaxio con estas celebracións.

O goberno de Vigo apoirá o comercio local mediante o impulso dunha plataforma de venda en liña

O goberno municipal de Vigo impulsará unha plataforma ou rede de venda ‘en liña’ para apoiar a actividade do comercio local e contribuír á súa dinamización, no marco da actual crise sanitaria, segundo avanzou o alcalde, Abel Caballero, tras manter unha reunión telemática con representantes do sector.

A través dun comunicado remitido aos medios, o rexedor olívico anunciou a posta en marcha desa rede de venda electrónica, así como outras medidas de apoio.

A ese respecto, puxo sobre a mesa a posibilidade de ceder espazo público aos comerciantes para que poidan reactivar a súa actividade e facelo coa máxima seguridade para traballadores e clientes. “Non descarto dedicar partes das calzadas aos peóns”, afirmou.

Tamén trasladou a súa disposición a usar a “capacidade” do Concello para apoiar ao sector desde o punto de vista das taxas e impostos, aínda que lembrou que as competencias de comercio son da Xunta, e que as medidas que se adopten deben estar acompañadas por accións desde a administración autonómica e a central.

Abel Caballero tamén indicou que o Concello cooperará cos comerciantes en accións de promoción, entre as que poderían estar “accións culturais” que mobilicen tanto o comercio como a hostalaría.

Abanca sitúa a José María Benavent á fronte de Nueva Pescanova, e mantén a Ignacio González como CEO

A empresa galega Nueva Pescanova iniciou este luns unha nova etapa, coa toma de control formal por parte de Abanca que, co 80,46 % das accións, impulsou a renovación do Consello de Administración, situando á fronte da empresa a José María Benavent, e mantendo como CEO a Ignacio González.

Segundo informou a empresa, a Xunta de Socios reunida este luns nas instalacións do grupo en Chapela-Redondela (Pontevedra) nomeou un novo Consello de Administración, formado por 5 membros, fronte aos 12 que compuñan este órgano ata agora.

Da anterior cúpula directiva de Nueva Pescanova, mantéñense no Consello Ignacio González, que seguirá sendo o Conselleiro Delegado (CEO) do grupo; José María Benavent, que pasa de ser conselleiro da comisión de auditoría, control e finanzas a ser o presidente executivo da empresa; e Marco Nieto, director de seguimento do crédito en Abanca e membro do consello desde 2019, en representación de Corporación Empresarial e Financeira de Galicia.

Ademais destas tres persoas, nomeouse a outros dous membros do Consello de Administración: Javier Carral, director de Participadas de Abanca desde 2014; e José Fafián Seijo, que traballa na pesqueira desde a década dos 70 e, desde 2016, é director de Transformación Industrial e membro do comité executivo da compañía.

Os novos conselleiros trasladaron ao anterior equipo directivo, presidido por Jacobo González-Robatto, o seu “agradecemento polo traballo” nos últimos catro anos e pola súa contribución á viabilidade da empresa.

NOVO PRESIDENTE

O novo presidente executivo de Nueva Pescanova, José María Benavent (licenciado en CC.Económicas e Empresariais, e con títulos de IESE e do MIT Business School de Cambrigde), iniciou a súa carreira profesional no Banco de España a finais da década dos 80. Tras pasar por Caixabank, foi director financeiro en Telco R-Cable ata 2015, cando iniciou unha etapa como director financeiro do grupo Euskaltel.

Desde 2018, é conselleiro independente no Consello de Administración de Abanca e, desde xuño de 2019, conselleiro e membro da comisión de auditoría, control e finanzas de Nueva Pescanova.

NOVA ETAPA

Nas últimas semanas, cando se fixo público o acordo entre Abanca e as entidades Caixabank e Sabadell, que permitiu á primeira facerse co 80,46 % das accións, o banco galego avanzou que a súa intención é reforzar a estrutura financeira da compañía e mellorar prácticas de goberno corporativo así como de xestión, para “fortalecer o seu posicionamento competitivo e potenciar o seu crecemento”.

Abanca tamén anunciou que manterá “unha participación importante” no accionariado para “avanzar na procura dun socio industrial, que permita construír un proxecto de valor a longo prazo desde Galicia”. Entre os obxectivos marcados pola entidade financeira está o de “devolver os órganos de decisión da compañía a Galicia” e reforzar o seu apoio ao complexo mar-industria do país.

A entidade financeira sinalou este luns que o novo Consello de Administración de cinco membros permitirá “afianzar as mellores prácticas de gobernación” e definir unha nova “cultura corporativa”. Así mesmo, sinalou que este cambio servirá para “acelerar a toma de decisións corporativas, financeiras e comerciais”, e subliñou que os cinco conselleiros están avalados por unha traxectoria e capacidade de xestión “contrastados”.

Iníciase, desde este luns, unha nova etapa na multinacional pesqueira galega, que pasou por diversas vicisitudes desde que, en 2013, iniciou unha particular ‘travesía polo deserto’ tras solicitar o preconcurso de acredores e desvelarse a súa elevada débeda.

En 2015, e coa anterior cúpula procesada por falsear as contas e levar a empresa á quebra, o grupo iniciou un novo camiño, con outro nome (Nueva Pescanova) e outros donos (un grupo de entidades financeiras), cun equipo presidido por Jacobo González-Robatto e dirixido por un novo CEO, Ignacio González Hernández.

Abanca toma o temón de Nueva Pescanova tras un ano, o 2019, no que houbo un incremento de vendas que, no entanto, non estivo acompañado polos resultados. O grupo pesqueiro aínda non presentou as contas de 2019, aínda que as súas cifras quedaron reflectidas no informe anual da propia Abanca, que apuntaba unhas perdas de polo menos 32,2 millóns de euros.

En Marea: “A cidadanía ten dereito a preguntarse se Corina Porro é a delegada da Xunta ou a delegada do PP en Vigo”

O portavoz do Grupo Parlamentario de En Marea, Manuel Lago, criticou o nomeamento da presidenta da xestora do PP de Vigo, Corina Porro, como nova delegada da Xunta nesta cidade. “Será a delegada de Feijóo para reconstruír o seu partido en Vigo”, censurou.

Lago referiuse ao nomeamento, por parte do Consello da Xunta da que ata agora presidía o Consello Económico e Social (CES) como nova delegada en Vigo. Pola súa banda, a persoa que ata agora ocupaba este posto, Ignacio López-Chaves, pasará a presidir a Comisión Galega dá Competencia.

Respecto diso, Manuel Lago considerou que estes cambios demostran que o Partido Popular “non é capaz de distinguir” o que é a institución, o que é o goberno e o que é o seu partido. “A cidadanía ten dereito a preguntarse se Corina Porro é a delegada da Xunta ou a delegada do PP en Vigo”, sinalou.

Lago cualificou este feito de “intolerable”. “Se o PP quere ter unha persoa para reconstruír o seu partido non pode empregar os recursos públicos, non só os económicos, senón tamén os institucionais para que esta persoa faga ese traballo”, manifestou.

Ademais, lembrou que Feijóo xa deu mostra desta confusión entre partido e institución hai unhas semanas “cando convocou a persoas con responsabilidades na Xunta para principiar a campaña das eleccións autonómicas do ano que vén”.

Esta confusión é para Lago “uno dos cancros da democracia” e un dos motivos fundamentais para darlle a substitución a Feijóo como presidente da Xunta. “É propio de gobernos con maiorías absolutas confundir a barreira que ten que haber entre o partido e o goberno”, asegurou para avogar por “acabar con esa anomalía democrática”.

Pesar en Salceda polo mozo asasinado ás portas dun bar

0

Os tres grupos políticos con representación no Concello de Salceda de Caselas  –Movemento Salceda, Partido Popular e PSOE– emitiron un comunicado conxunto no que expresan o seu pesar polo crime rexistrado na madrugada do sábado no municipio.

Un mozo de 25 anos natural de Tui (Pontevedra) faleceu a consecuencia dunha puñalada con arma branca propinada por un home que, tras a agresión, deuse á fuga e está a ser buscando polas forzas da orde.

Os grupos políticos trasladan o seu pesar e póñense a disposición da familia da vítima, natural de Tui aínda que fincado en Salceda; á vez que expresan a súa confianza en que as forzas e corpos de seguridade esclarezan o sucedido “canto antes”.

Tras cualificar o acontecido de “un feito puntual e desgraciado”, as tres forzas con representación na corporación reivindican no seu comunicado que Salceda de Caselas “é un concello seguro e tranquilo, e así o reflicten os datos dos informes da Mesa Local de Seguridade”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed