Nove comarcas galegas gañaran poboación no arranque de 2019 con respecto ao ano anterior, segundo os datos difundidos este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
As cifras de poboación que publica o IGE reflicten que o nove comarcas galegas que gañaron poboación foron a de Santiago, A Coruña, Betanzos, O Condado, Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo e Allariz-Maseda.
En canto aos sete grandes concellos da comunidade presentan desigual comportamento na súa evolución anual. A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra e Vigo gaña poboación con respecto ao ano anterior, mentres que Ferrol e Ourense perden poboación.
Galicia rexistrou no 1 de xaneiro de 2019 unha cifra de poboación de 2.700.441 habitantes, o que supón un descenso de 2.708 persoas con respecto ao ano anterior, cifrada en 2.703.149 habitantes. Por provincias, A Coruña e Pontevedra concentran o 76,4% da poboación galega.
O PSOE segue mantendo a súa hexemonía en Vigo, onde este 10 de novembro os socialistas volveron gañar con claridade, con 60.107 votos e un 36,59% do total do voto emitido na cidade.
Aínda que o PSOE logrou mesmo aumentar case dúas décimas a porcentaxe do voto escrutado que levou, perdeu 5.444 votos en tan só sete meses, desde as eleccións xerais do pasado mes de abril.
Porén, o PP colle un chisco de aire, aínda que insuficiente para aspirar a outra cousa que non sexa ser oposición na cidade. Respecto aos anteriores comicios aumentou en máis de 4.000 o número de votos e aumenta en máis dun 4% a porcentaxe que recibiu do voto total.
Canda o PSOE, tamén caeu Unidas Podemos, que se deixou case 7.000 votos e caeu dúas décimas porcentuais.
A ultradereita crece, pero moi pouco, e moi lonxe está en Vigo do éxito que se celebra en moitos recunchos de España, converténdose na terceira forza no Congreso. En Vigo tan só subiu uns 2.300 votos, conseguindo 10.686, o que o coloca como cuarto partido na cidade.
O nacionalismo galego medra nuns 2.800 votos, até rozar os 10.000 votos, e Ciudadanos afúndese, coa perda de arredor de 14.000 votos.
Más País, forza liderada polo exPodemos Íñigo Errejón, sumou case 4.000 votos na súa estrea.
Resultados en Vigo das eleccións xerais do 10 de novembro de 2019 / MInisterio do Interior.
Un home de 55 anos residente na Guarda (Pontevedra) foi detido nesta localidade por supostamente vender estupefacientes despois de que se lle interceptasen medio centenar de dose de cocaína.
Segundo detallou a Garda Civil de Pontevedra nun comunicado, os feitos tiveron lugar este luns ao redor das 14,00 horas despois de que unha patrulla de seguridade cidadá detectase a realización dunha manobra sospeitosa por parte dun vehículo ao advertir a presenza dos axentes nunha zona da localidade frecuentada por consumidores de estupefacientes.
Por este motivo, a patrulla desprazouse para identificar os ocupantes. Pouco despois, localizou o vehículo estacionado nunha zona peonil e interceptou ao acompañante do condutor cando abandonaba precipitadamente o automóbil.
Tras rexistrar a esta persoa, interceptaron dúas bolsas que contiñan varios anacos de cocaína en roca, suficientes para elaborar unhas cincuenta doses, e anotacións manuscritas na que aparecían datos de nomes e cantidades, supostamente relativas ás vendas das sustancias estupefacientes.
Finalmente, este home, que conta con antecedentes policiais por motivos similares, foi detido por un suposto delito contra a saúde pública, polo que, xunto coa droga e os demais efectos intervidos, pasará a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Tui.
O goberno municipal de Vigo prevé ter nun prazo de sete meses un borrador do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM) e a documentación necesaria para iniciar a tramitación da avaliación estratéxica ambiental, e culpou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dun atraso de “cinco anos” no deseño do novo documento urbanístico.
Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico confirmou que xa está listo o primeiro informe diagnóstico paso previo á redacción do Plan (que substituirá á PGOM de 2008, anulado polo Tribunal Supremo hai tres anos), no que se recolle un cronograma dos próximos traballos, e as previsións de tramitación.
Este estudo servirá de base para definir a edificabilidade do novo Plan, tendo en conta algúns condicionantes, por exemplo a evolución da poboación ou os cambios no mercado da vivenda, etc. A partir de agora, indicou Abel Caballero, “comeza a redacción da PGOM”, e o goberno espera ter un primeiro borrador en sete meses.
Caballero proclamou que a tramitación do novo Plan vai a “velocidade de cruceiro” e que o Concello xa dispón de moita información e documentación aproveitable, o que “acurtará os prazos”.
Por outra banda, o alcalde incidiu en que o urbanismo de Vigo “dista moito de estar parado”, xa que está en marcha a tramitación da ordenación provisional, que permitirá edificar nunhas 50.000 parcelas da cidade. Unha vez aprobada esa ordenación, previsiblemente en marzo, o Concello ten tres anos e medio para ter a súa novo PGOM.
Caballero recordou na súa rolda de prensa que a anulación da PGOM de 2008 debeuse a un informe mal motivado da Xunta “como institución” (era un informe que dependía da actual concelleira viguesa de Urbanismo, María José Caride, entón conselleira no bipartito presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño).
Por outra banda, sinalou que, cando se coñeceu a sentenza do Supremo, o Concello ofreceu á Xunta a solución defendida polo experto Luciano Parello, que “permitía retomar o Plan en seis meses”, corrixindo os posibles defectos e mantendo o resto do documento. “Pero non foi aceptado pola Xunta, por razóns políticas de facer dano á cidade”, proclamou.
A todo iso súmase o feito de que o Goberno galego tivo “un ano esperando” ao Concello olívico para confirmar en que modo ía cofinanciar a redacción da novo PGOM. Así, Caballero concluíu que a nova ordenación urbanística acumulará un atraso de 5 anos que a cidade lle debe a Feijóo”.
Todas as enquisas demolingüísticas realizadas en Galicia indican a importancia do territorio na distribución da lingua, así como a súa relación coa idade e con outras variables importantes como a formación, a economía, a renda ou incluso o xénero das persoas.
De feito, a análise realizada polo Observatorio da Cultura Galega da evolución sociolingüística galega entre 1992 e 2008, utilizando unha clasificación de dinamismo dos concellos, conclúe que “a maior renda, nivel de urbanización, xuventude e nivel formativo da poboación, menor é a proporción de uso do galego e maiores son a do uso do castelán e, en xeral, a presenza dos colectivos bilingües”.
só dúas comarcas galegas sON consideradas bilingüES POLA RAG, LUGO ORIENTAL E O MORRAZO
Tamén os resultados das últimas investigacións da Real Academia Galega, “Lingua e Sociedade en Galicia. A evolución sociolingüística 1992-2013” , dispoñibles tamén en formato resumido, sinalan que só o 30% das áreas comarcais galegas teñen máis dun 80% de galegofalantes predominantes, o cal, pasado a un formato numérico, quedaría en que só 6 das 20 áreas comarcais galegas son áreas galegofalantes.
Estas zonas correspóndense coa Coruña suroriental (Arzúa, Ordes e Terras de Melide), Costa da Morte (Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas), Lugo oriental
(A Fonsagrada, Os Ancares e Terra de Lemos), O Carballiño e O Ribeiro,
Ourense sur (Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana) e Pontevedra
nororiental (Deza e Tabeirós, Terra de Montes).
“Porén, esta grande extensión territorial do galego non leva consigo un gran tamaño poboacional, xa que este 30% das áreas comarcais non equivale máis que a un 15%” dos habitantes, sostén o informe da RAG.
De tal xeito e segundo os achados da academia, habería só dúas comarcas en Galicia realmente bilingües, O Morrazo (con presencia principal do castelán) e Lugo Oriental (co galego coma lingua hexemónica).
Seguindo a lóxica de maior número de castelanfalantes nas áreas máis urbanizadas, mentres que a porcentaxe de galegofalantes na comarca de Vigo é do 27%, no Morrazo chega ao 39,9%. Coma pode apreciarse no seguinte gráfico, a porcentaxe de galegofalantes nas comarcas de A Coruña, Betanzos, Ourense e Vigo, como xa relatamos en Xdv, non chega ao 30%.
Mapa das áreas comarcais galegas pola porcentaxe de galegofalantes habituais / RAG
Como dixemos, as áreas predominantemente castelanfalantes correspóndese
coas zonas urbanas galegas máis poboadas. Polo tanto, as dúas áreas comarcais onde o galego ten unha menor presenza, 29,4% e 27% respectivamente, correspóndense cun terzo da poboación galega.
AUMENTAN OS CASTELANFALALANTES
O mapa da distribución de frecuencias, segundo a análise da RAG, presenta “unha visión moi clara da situación sociolingüística galega. Esta situación caracterízase por unha presenza case paritaria de galegofalantes e castelanfalantes.
Neste contexto, existen arredor de 1.200.000 castelanfalantes dos cales máis de 564.000 residen en dúas áreas comarcais ( A Coruña e Betanzos, Vigo) seguidos pola comarca Ferrol-Eume-Ortegal”.
Por outra banda, habería aproximadamente uns 1.300.000 galegofalantes que se distribúen dunha forma máis heteroxénea que os castelanfalantes.
Mapa das áreas comarcais galegas polo número de galegofalantes e castelanfalantes habituais / RAG
“Os profundos cambios sociais da comarca do Morrazo están provocando unha aceleración do desprazamento do galego polo castelán“, postulan dende a RAG. Elaboraron un criterio restritivo de comarcas bilingües considerando aquelas que teñan un 60% ou máis de bilingües, e na primeira aproximación aos resultados, denomináronse dúas áreas comarcais como bilingües: O Morrazo (61,7%) e Lugo oriental (A Fonsagrada, Os Ancares e Terra de Lemos; 60%).
O perfil sociolingüístico destas dúas comarcas é diferente xa que, mentres O Morrazo se caracteriza por ser unha área bilingüe de corte castelanfalante, Lugo oriental é unha área bilingüe galegofalante (53,6%). Con todo, as diferenzas entre estas dúas áreas non acaban aí, senón que tamén abarcan aspectos xeográficos, demográficos ou socioeconómicos, moi ligados aos resultados sociolingüísticos.
A zona de Lugo oriental é unha zona xeograficamente montañosa, rural e que limita con Asturias e Castela e León, comarca dunha grande extensión territorial con pouca poboación (1,5% do total de Galicia). Esta área inclúe unha das entradas a Galicia desde a península
por onde transcorre o Camiño de Santiago e que pode estar influíndo en que zonas predominantemente galegofalantes fagan un uso bilingüe, amais de que a poboación galega realice parte da súa vida cotiá fóra dos límites territoriais de Galicia.
Por último, esta área estase a transformar en destino turístico de montaña onde o patrimonio cultural galego está a converterse nun valor que favorece a retención do galego a través duns usos bilingües. Pola contra, a península do Morrazo ten un tamaño xeográfico menor, é unha zona costeira ligada á pesca, galegofalante e socialmente deprimida.
Non obstante, durante estes últimos anos, está a converterse en zona turística e nun territorio residencial de Vigo, especialmente de clases máis acomodadas. Estes cambios están modificando, como iremos analizando, a sociolingüística da comarca. Neste caso, O Morrazo converteuse na maior área comarcal bilingüe castelá de Galicia, superior incluso a comarcas como Ourense, Ferrol-Eume-Ortegal ou A Coruña e Betanzos.
Mapa das áreas comarcais galegas pola presenza do grupo de desgaleguizados (2013) / RAG
AS ZONAS PERIURBANAS, ÁS MÁIS CASTELANIZADAS
Os grandes centros urbanos non foron os máis afectados na perda de galegofalantes monolingües na primeira década do século XXI. En realidade, o perfil máis afectado foi o periurbano. Estes resultados confirman a existencia dos movementos migratorios das clases medias dos centros urbanos cara á periferia na busca de lugares máis favorables para residir.
As taxas máis negativas se corresponden co periurbano das grandes cidades galegas: Vigo (Nigrán, Redondela, Cangas, Moaña etc.), Pontevedra (Marín, Bueu), Santiago de Compostela (Ames), Coruña (Sada, Oleiros etc.), Ferrol (Ares, Fene, Neda, Narón etc.), Lugo (Rábade, Outeiro de Rei etc.) ou Ourense (Pereiro de Aguiar).
O desprazamento de monolingües en galego durante estes anos tamén afectou ao territorio caracterizado por ser entrada a Galicia (Ribadeo, Carballeda de Valdeorras, Tui, Arbo, A Guarda), concellos con intereses turísticos (Allariz, A Pobra do Caramiñal, Manzaneda, Sanxenxo, Miño), concellos con algunha singularidade (Avión, concello cunha significativa emigración mexicana) ou vilas urbanas (Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos).
Poucos foron os concellos que mantiveron ou aumentaron a taxa de monolingües e
estes están caracterizados por unha poboación escasa, con medias de idade
alta e moi relacionada co sector primario (Tordoia, Toques, San Xoán de Río,
Ponte-Caldelas, Mañón, Cerdido). As áreas comarcais do Morrazo, Ourense, Ferrol-Eume-Ortegal, A Coruña-Betanzos e Vigo perderon o 20% dos seus galegofalantes entre 2008 e 2013.
A planta do grupo Stellantis en Vigo (antes PSA Peugeot Citroën) suspenderá a súa produción durante a próxima semana, do 23 ao 29 de agosto, segundo trasladaron fontes da empresa ao persoal, debido a problemas de aprovisionamento de compoñentes, que teñen a súa orixe na chamada ‘crise dos microchips’, agravada agora pola situación da pandemia de Covid en Malaisia.
Esta parada producirase só unha semana despois de que a factoría renovase a súa actividade despois das vacacións de verán. A empresa trasladou que a falta de semiconductores (microchips) mantense a nivel mundial e que a situación segue sendo “crítica”.
No caso de Malaisia, a crise sanitaria afecta á provisión dunha unidade de control electrónica que levan os coches fabricados en Vigo. O país asiático, que está a alcanzar cifras marca de contaxios diarios de Covid, decretou un peche case total e ten severas restricións que afectan o transporte e a outros sectores.
Estas xornadas de “non actividade” xestionaranse con arranxo aos mecanismos de flexibilidade establecidos. Así mesmo, espérase retomar a actividade o 30 de agosto, aínda que a empresa puxo a disposición do persoal o teléfono 900.717.273 para dar información actualizada aos traballadores sobre cando volverán á fábrica.
A dirección de Stellantis Vigo informou de que a “célula de crise” do grupo e os equipos do propio centro vigués traballan para “minimizar o impacto” desta situación, e pediron “comprensión” e “colaboración”.
As paradas na produción da fábrica foron constantes nos últimos meses, precisamente debido a eses problemas de subministración causados pola falta de semiconductores. De feito, a dirección e a maioría do comité de persoal pactaron a aplicación dun ERTE para paliar as consecuencias desas suspensións de actividade.
O grupo de comunicación poética “Rompente”, integrado por Antón Reixa, Manuel Romón e Alberto Avendaño, escenificou este venres en Vigo o seu regreso, máis de 40 anos despois, coa presentación do libro ‘Que hostia din vos rumorosos?’, editado por Elvira.
Trátase dun volume de poesía ilustrado por Menchu Lamas, Antón Patiño e Rubén Romeu, con pezas inéditas na súa maioría, e estruturado en catro partes: Derrotas (Manuel Romón), Carallo29! (Alberto Avendaño), Room Service (Antón Reixa) e Rompentres (textos conxuntos do tres).
Antón Reixa puxo en valor a colaboración dos artistas Menchu Lamas e Antón Patiño, que quixeron “sumarse a esta mafia artística viguesa”, e tamén a participación de Julián Hernández, “histórico Siniestro Total”, que escribiu un prólogo que “resultou ser o texto máis vangardista”.
Reixa anunciou que, ademais da presentación do libro por toda Galicia, Rompente protagonizará no outono, con apoio do Xacobeo 21-22, unha xira de 8 recitais noutras tantas localidades da comunidade. “Aí aparecerá a polifonía poética, os tres recitando os textos (…) e con soporte de vídeo e son”, explicou, á vez que agradeceu a “complicidade” da editorial Elvira, “a editorial de Carlos Oroza”, nun momento “esplendoroso” da poesía en Galicia.
Pola súa banda, Manuel Romón sinalou que este libro “é como unha biblia, un libro de libros”, mentres que Alberto Avendaño subliñou que o volume supón a continuación dun diálogo iniciado a finais dos 70 entre este “tres tristes tigres” e Lamas e Patiño.
“COLLAGE” DE IMAXES
O pintor e escritor Antón Patiño explicou a súa colaboración neste libro como unha plasmación dun ‘collage’ de imaxes, da mesma maneira que é un ‘collage’ o grupo Rompente. “Queriamos que tivese a mesma característica: mesturar distintos ingredientes e que se produza, por precipitado químico ou alquímico, unha explosición como é Rompente”, engadiu.
Menchu Lamas, mentres, explicou o proceso de traballo nos últimos meses para ilustrar este volume, e valorou que han traballo “con total liberdade”. “Só había unha premisa que había que cumprir: que o texto poida lerse”, indicou.
Finalmente, o editor Xabier Romeu apuntou que este proxecto foi “todo un reto, que daba un pouco de vertixe”, pero expresou a súa satisfacción polo resultado. Así mesmo, recalcou que recuperar a actividade de Rompente é “facer moito máis que un libro” e valorou que a editorial Elvira foi “privilexiada” por poder traballar con Reixa, Romón, Avendaño, Lamas e Patiño.
O Xulgado de Instrución número 1 de Tuicifrou en case 8 millóns de euros o custo dos danos pola explosión que tivo lugar nun almacén da localidade en 2018 e determinou a imputación do propietario da pirotecnia La Gallega e único investigado ata o momento, Francisco G.L., tras concluír as dilixencias previas.
Segundo detallaron fontes xudiciais, o auto reflicte que os feitos que se investiga poden constituír dous delitos de homicidio imprudente, delitos de lesións imprudentes, delitos de risco catastrófico na súa modalidade de delitos de risco provocados por explosivos e outros axentes e delitos de danos imprudentes.
Así mesmo, estima que os danos materiais causados en vivendas xeraron un custo de reposición bruto total de case de 7,88 millóns de euros. Así, o custo da afectación de mobiliario e aveños elevouse a máis de 436.466 euros, mentres o dos danos en servizos cifrouse en máis de 648.366 euros.
O auto tamén detalla que o número total de prexudicados na causa ascende a 691 e que 90 permanecen pendentes de ofrecemento de accións. Ademais, apunta que, das dilixencias policiais practicadas, despréndese que Francisco G.L. ocultou ás inspeccións da Intervención de Armas e Explosivos da Garda Civil e a área de Industria e Enerxía da Subdelegación de Goberno de Pontevedra máis de 1.400 quilos de produtos con carga explosiva con destino descoñecido.
Desta cantidade, case 736 quilos procedían de provedores españois e, máis de 671, de Portugal. Así, sinálase que estes produtos, fóra de control da Administración, presumiblemente depositáronse na nave que estourou en Tui.
RELATO DOS FEITOS
A xuíza lembra que os feitos tiveron lugar o 23 de maio de 2018 sobre as 16,15 horas, cando se produciu unha explosión nun almacén situado na zona de Paramos que volatilizou o almacén onde se orixinou. Tamén sinala que produciu a práctica destrución de todas as edificacións da súa contorna das que a maior parte eran vivendas unifamiliares.
Neste sentido, sinálase que o investigado utilizaba o almacén estourado para fins particulares sen ningún tipo de licenza administrativa de actividade e sen cumprir as normas de seguridade en canto a almacenamento e custodia de materiais explosivos e pirotécnicos.
Así, enumérase que se trataba de 1.000 quilos de nitrato potásico, 150 ou 200 quilos de xofre e 200 litros de hidrocarburos, ademais de oito ou dez caixas de mecha de yesquero, varas, cilindros de cartón e outros efectos utilizados para a actividade da pirotecnia.
Nesta liña, a xuíza incide en que o lugar no que se produciu a explosión carecía de autorización administrativa para o depósito, a fabricación ou a venda de artigos pirotécnicos, polo que se trataría dun depósito ou taller de pirotecnia ilegal carente de autorización gubernativa preceptiva.
Tamén detalla que a explosión levou o falecemento de dúas persoas, múltiples lesionados e innumerables danos materiais. Así, considéranse graves danos en inmobles situados nun radio de 200 metros desde o foco da explosión, que se sinala que provocou a inhabitabilidade e inutilidade dos locais e construcións sobre os que actuou, e onde os primeiros 30 metros considéranse de destrución total.
DESCUBRIMENTO DE MÁIS PRODUTOS
Adicionalmente, o auto apunta que o 26 de maio de 2018, tres días despois do suceso, descubriuse un alpendre onde o investigado almacenaba tres bidóns de cartón contendo diferentes tipos de artefactos pirotécnicos xa terminados e listos para ser utilizados.
En concreto, remarca que contiñan 90 quilos de pólvora pirotécnica e 474 quilos de sustancia pulverulenta de cor gris, aparentemente pólvora pirotécnica a granel, e indica que, mediante o informe da Unidade Especializada dos TEDAX, “conclúese que se trata de materiais pirotécnicos terminados”.
A xuíza explica que o 27 de maio de 2018 localizouse material explosivo noutro galpón situado no barrio Igrexa-Baldranes. Así, descubriuse que o investigado almancenaba produtos pirotécnicos terminados na parte posterior á localización da empresa La Gallega.
Francisco G.L entrou en prisión días despois da explosión, segundo decretou o Xulgado de Instrución número 1 de Tui. Posteriormente, en marzo de 2019, a xuíza asinou un auto polo que quedou en liberdade provisional.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade reforzará nos próximos días os servizos de limpeza e de comedor nos centros educativos con recursos e persoal, en concreto os de secundaria e todos aqueles que dependan directamente da administración autonómica.
Esta decisión tomouse tras as reiteradas críticas e demandas desde as administracións municipais e das propias direccións dos centros, que denunciaron falta de medios e de persoal para poder executar as medidas necesarias e esixidas para cumprir cos protocolos sanitarios pola COVID-19.
No caso do comedor, vanse a dotar de prazas tanto naqueles de xestión directa como de indirecta e elaborarase un documento que permita abrir estes espazos á incorporación de colaboradores e coidadores, ata agora acoutados persoas de grao directo vinculado á comunidade educativa. O conselleiro do ramo, Román Rodríguez, anunciou este reforzo en sede parlamentaria tras ser interpelado polos grupos da oposición respecto dos problemas do inicio do curso e en relación aos protocolos sanitarios.
Unha intervención na que Rodríguez recoñeceu “erros”, pero na que insistiu no argumentario defendido nas últimas xornadas: a maioría dos problemas que se produciron durante o inicio do curso debéronse ao cambio de criterio do Goberno central respecto das medidas de seguridade, en particular ao metro e medio de distancia entre alumnos na aula.
“A situación é clarísima”, insistiu Rodríguez, quen acusou aos grupos da oposición de non recoñecer “nada” e a dedicarse, como ‘Sísifo’, a “subir a roca e volver atrás”, ao centrar as súas críticas “nas consecuencias e non nas causas” das dificultades rexistradas nos institutos para reorganizar os espazos e horarios debido a esas novas medidas.
RESPONSABILIDADE DA OPOSICIÓN
Neste sentido, advertiu a socialistas e nacionalistas que tamén teñen a súa “responsabilidade” nesa “clave de bóveda” que derivou nos problemas de adaptación dos centros, polo seu apoio ao Executivo de Pedro Sánchez no Congreso, e a reprochado que utilicen “a anécdota” e problemas puntuais para “cuestionar o impecable traballo” dos expertos sanitarios respecto ao sistema educativo.
O inicio do curso volveu a protagonizar o debate no pleno autonómico con motivo de dúas interpelacións presentadas polo PSdeG e o BNG, centradas na situación durante o regreso ás aulas e os protocolos aprobados polo Goberno galego. O conselleiro sacou peito dos pasos dados pola Xunta e do funcionamento das medidas, e mesmo asegurou que o resto de territorios “copiaron” parte das accións implantadas polo Goberno galego, como o uso de máscara a partir de seis anos ou a ventilación de espazos.
“O DETONANTE DO CAOS”
Manuel Lourenzo, do BNG, contrapuxo a actitude dunha comunidade educativa “á vangarda na loita contra a COVID” fronte unha Xunta “que non estivo á altura” e que estivo “máis preocupada” pola “propaganda” que por escoitar aos sectores implicados na educación.
Lourenzo advertiu de que “o detonante do caos” que viven os centros foi a negativa da fixar o metro e medio de separación xa nas súas instrucións do mes de xullo, na liña das recomendacións do Ministerio e da OMS. O deputado nacionalista sinalou que esta situación suscitou “un debate” no propio seo da Consellería que terminou cun cesamento “fulminante das voces discordantes” do equipo entón dirixido por Carmen Pomar.
Pola súa banda, o socialista Luís Álvarez lembrou que foron os protocolos da Xunta de xullo e principios de agosto os que suscitaron as “protestas de todos os sectores”, e que levaron a diversos equipos directivos a presentar a súa dimisión.
Álvarez insistiu en que é a Xunta a que debe “favorecer ese diálogo” coa comunidade educativa, para que os protocolos contemplen unha previsión sobre os diversos escenarios e para favorecer “a máxima conciliación”.