InicioCulturaO galego en Vigo, no bordo do precipicio: só o 3% dos...

O galego en Vigo, no bordo do precipicio: só o 3% dos nenos e nenas o falan a diario

Vigo, a segunda cidade de Galicia onde menos se fala galego.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A lingua galega presenta en Vigo e a súa comarca unha perspectiva pouco esperanzadora. Non só e a segunda cidade de Galicia onde é menos empregada a súa lingua, senón que só un 6,8% dos rapaces/as e un 3% dos cativos e cativas a utilizan de forma diaria.

Para chegar a estas conclusións, a Real Academia Galega mais o Consello da Cultura Galega foron acumulando e estudando datos durante máis de dúas décadas (1992-2013), analizando así o dinamismo demográfico do galego durante todo este tempo.

Nos cinco últimos anos reflectidos no documento (2008-2013) a conclusión é clarísima; os monolingües en castelán aumentan aceleradamente ao mesmo ritmo que diminúe o número de galego falantes, o cal en Vigo chega á súa máxima expresión. Todo despois de máis de trinta anos de autonomía.

Así, as enquisas demolingüísticas realizadas en Galicia nas dúas últimas décadas reflicten as dificultades polas que atravesa o galego, motivadas principalmente pola redución do número de galegofalantes, especialmente os máis novos residentes en contextos urbanos ou periurbanos, e pola progresiva erosión dos procesos de transmisión lingüística interxeracional.

Nos últimos 50 anos, Galicia sufriu un importante proceso de transformación que a converteu nunha sociedade máis urbana e terciarizada, máis homologable ás sociedades europeas da contorna.

Este proceso de urbanización ocorrido ao longo da segunda metade do século XX, cunha migración do rural cara ás cidades, tivo unha alta incidencia no proceso substitución do galego polo castelán. En concreto, un dos cambios fundamentais que experimentou Galicia no século XXI foi o movemento da poboación dos centros urbanos cara ás periferias, que sufriron un proceso de expansión do que aínda se descoñece o seu impacto a nivel sociolingüístico. 

Densidade territorial da poboación galega por Concello

A Galicia da metade do século XX caracterizábase por unha elevada proporción de poboación rural ocupada no sector primario que preservaba un alto grao de utilización do galego oral, mais este nicho ecolóxico foi esmorecendo dende a década dos setenta ata a actualidade.

Entrementres, a poboación galega foise concentrando nunha franxa urbana occidental e, en menor medida, nas dúas cidades do interior: Ourense e Lugo.

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua / queremosgalego.com

A modo de resumo, na actualidade a distribución territorial pode explicarse coma un eixe marcado polo urbano-periurbano, organizándose dúas rexións urbanas: unha ao norte, centrada na área metropolitana da Coruña e que inclúe a comarca do Ferrol; e outra, ao sur, a partir do complexo que conforma Vigo e a súa área metropolitana, Pontevedra e o sector das Rías Baixas.

Sobre esta limitada franxa espacial que segue o trazado da Autoestrada do Atlántico concéntrase a maior carga empresarial e de riqueza económica de Galicia.

Esta realidade pódese resumir da forma seguinte: a urbanización de Vigo, con 300.000 habitantes, estendese por aproximadamente a 15 municipios, que superan os 500.000 residentes; A Coruña (250.000 habitantes) e a súa periferia acadan os 450.000 habitantes; Santiago de Compostela (95.000 habitantes) e Ferrol (74.000) conforman áreas urbanas de 150.000 a 160.000 habitantes; Ourense e Pontevedra un pouco menos, e Lugo supera os 100.000.

A presenza do idioma galego nas cidades é máis reducida que no resto de lugares de residencia

A presenza da lingua galega nas cidades é máis reducida que no resto de hábitats. De feito, a relación entre o galego e o castelán invértese cando se comparan os usos no contexto rural, onde a súa presenza é maioritaria, cos contextos urbanos, onde pasa a ser minoritario.

Resulta evidente que o futuro do idioma galego pasa por solucionar os problemas que fan das grandes urbes espazos incompatibles co desenvolvemento persoal na lingua propia de Galicia.

Poñemos agora o foco nos resultados demolingüísticos de Vigo, obtidos a través dos datos dos volumes publicados polo Seminario de Sociolingüística da RAG Lingua e sociedade en Galicia. A evolución sociolingüística 1992-2013 (Monteagudo, Loredo e Vázquez 2016) e Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992-2016 (Monteagudo, Loredo e Vázquez 2018).

A lingua na que aprenden a falar habitualmente os vigueses é maioritariamente castelán (máis da metade, o 54%, téñeno como L1). O galego segue a estar presente en Vigo e comarca pero dunha forma máis reducida que no resto de Galicia.

Agrupando ás persoas que aprenderon a falar en galego ou aquelas que aprenderon a falar en galego e castelán, o galego segue a estar presente nun 43% na cidade e nun 50% na comarca. As diferenzas xorden cando comparamos a situación do Vigo co resto de Galicia: aí vemos como o 41% —con Vigo— das persoas aprenderon a falar en galego —ou 44% sen Vigo—.

Xornadas de lingua
Rapaces nun aula do colexio Paraixal / Miguel Nuñez

Mentres os resultados para Galicia —incluíndo Vigo— indican que o galego e o castelán corren parellos como lingua habitual dos galegos, a situación de Vigo e comarca é moi diferente: os resultados indican que 8 de cada 10 residentes na cidade falan habitualmente en castelán ou 7 de cada 10 cando se toma como referencia a comarca; por outra banda, as cifras de persoas monolingües en galego redúcense a 1 de cada 10, mentres que a metade pódense definir como falantes unicamente de castelán.

As comarcas predominantemente castelanfalantes correspóndense coas zonas urbanas galegas máis poboadas: a área da Coruña-Betanzos e Vigo. Como vimos, na zona de Vigo a cifra de persoas que falan habitualmente en galego é dun 27% cando no resto de Galicia (sen área de Vigo) é dun 55%. Nestas dúas áreas, onde se concentran máis dun terzo da poboación galega, viven case a metade dos castelanfalantes de Galicia; actualmente os índices de castelanización da comarca de Vigo comecen a ser superiores aos da zona da Coruña.

Vigo é a segunda cidade de Galicia onde menos se fala galego

As prácticas lingüísticas en galego nos diferentes centros urbanos, ainda que menores que no resto de hábitats, non son homoxéneas, pois existen diferenzas significativas entre as sete grandes urbes galegas. Vigo sitúase como unha das urbes cun menor número de galegofalantes (19% de persoas que falan unicamente ou maioritariamente en galego), soamente Ferrol presenta unha porcentaxe menor (15% de persoas que falan unicamente ou maioritariamente en galego); próxima a Vigo estaría a cidade da Coruña cun 22% de galegofalantes.

Pola contra, Santiago de Compostela e Lugo mostran un perfil diferente, xa que as prácticas lingüísticas amosan unha distribución case paritaria, xunto con Ourense, onde priman as posicións bilingües.

Segundo o I Mapa Sociolingüístico de Galicia, que recolleu os seus datos en 1992, entre 1992 e 2013 obsérvase como o número de galegofalantes en Vigo diminúe un 7,4%, aínda que este non é un dos peores resultados, xa que Ferrol e A Coruña obteñen cifras negativas maiores. Porén, hai que sinalar dado o tamaño inicial dos galegofalantes durante estes anos Vigo perdeu un cuarto dos seus galegofalantes.

Mapa das grandes urbes galegas segundo as cifras da lingua habitual

A previsión sobre o futuro da relación entre Vigo e a lingua galega pode realizarse de varias maneiras, unha das cales é observar a lingua habitual dos vigueses segundo a súa idade, centrándonos especialmente na xente nova.

En Vigo, o galego entre a xente máis nova ten unha presenza meramente testemuñal. En canto á xente de mediana idade (30 a 49 anos), un 12,7% indica que falan maioritariamente en galego (só ou máis galego), porén cando se lle pregunta á mocidade viguesa a cifra redúcese a metade (6,8%) e máis aínda cando a pregunta vai dirixida aos nenos e nenas, pois a cifra queda reducida a un 3%.

En definitiva, nos nenos e nenas viguesas, o futuro da lingua para a cidade (e de grande importancia tamén para Galicia), aínda que con competencias abondo para falar galego, empregarán como lingua habitual principalmente o castelán, quedando o galego relegado a unha posición secundaria.  

Para consultar a información xeral de Galicia, visita Galicia Confidencial

ÚLTIMAS

O impacto do exfuracán Kirk: ventos de case 150km, tellados e árbores caídas e inundacións

O exfuracán Kirk, xa convertido en borrasca, deixa en Galicia nas primeiras horas deste...

O encargado dunha empresa de Vialia acusado de acoso laboral nega os feitos e alega que o traballador “non cumpría”

O encargado dunha empresa de mantemento que presta servizo no centro comercial Vialia de...

Air Europa cancela os seus voos entre Vigo e Madrid pola borrasca

09/10/2024    10:40H A conpañía aérea anunciou na súa páxina web que quedan cancelados os voos...

O acusado de abusar de dúas menores nega os feitos e as psicólogas ven crible o relato das nenas

Un home acusado de dous delitos continuados de abuso sexual sobre menores de 16...