Os tres grupos políticos con representación no Concello de Salceda de Caselas –Movemento Salceda, Partido Popular e PSOE– emitiron un comunicado conxunto no que expresan o seu pesar polo crime rexistrado na madrugada do sábado no municipio.
Os grupos políticos trasladan o seu pesar e póñense a disposición da familia da vítima, natural de Tui aínda que fincado en Salceda; á vez que expresan a súa confianza en que as forzas e corpos de seguridade esclarezan o sucedido “canto antes”.
Tras cualificar o acontecido de “un feito puntual e desgraciado”, as tres forzas con representación na corporación reivindican no seu comunicado que Salceda de Caselas “é un concello seguro e tranquilo, e así o reflicten os datos dos informes da Mesa Local de Seguridade”.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, defende que o PSOE, BNG e Marea de Vigo desexan que sexa Vigo quen tutele a Mos: “Esta conclusión extráese, entre outras, da declaración do socialista Abel Losada, quen dixo que co proxecto (de levar o Celta para Mos) peligraría a auga da cidade olívica, cando a auga é de Mos e está xestionada polo Consorcio de Augas do Louro”.
“A auga é nosa, é a auga do Concello de Mos, e dende o goberno local mosense non consentiremos que Vigo nos tutele, nin neste nin en ningún outro aspecto”, reivindica Arévalo.
“Nós defendemos e traballamos para un Mos de futuro, con máis emprego, economía, comercio, protexendo o monte e garantindo auga máis e mellor. Queremos que o Celta de Vigo se veña para Mos con todo o grandioso que iso significa, e sendo conscientes de que sería un proxecto desexado por calquera outro concello; pero sempre esixíndolle ao club respecto co municipio e coa veciñanza, por suposto”, destacou.
Iago Aspas celebra o seu gol/ Liga Santander
A alcaldesa afirma tamén que “pola súa banda, PSOE, BNG e GañaMos defenden os intereses de Vigo, e loitan para que Mos sexa un concello que non creza, para seguir expropiando, para seguir atravesándoo con infraestruturas para que sexa Vigo o que creza. Iso é o que están buscando e defendendo: un concello que sirva a Vigo, ao que mañá se lle poida expropiar para ter unha nova autovía, o AVE a Oporto…etc. Pero este goberno local mosense non o vai a permitir”, sentenciou Arévalo.
A alcaldesa asómbrase, así mesmo, de “que os candidatos do PSOE e BNG, que supostamente queren ser políticos de Mos, se presten a cumplir ordes de Caballero enganando e traizoando aos seus veciños. É incríble. Creo que os veciños de Mos non merecen portavoces, e moito menos gobernantes, como estes”.
Por último, a rexedora local fixo referencia ás declaracións do alcalde de Vigo esta fin de semana, nunha entrevista concedida a un medio local, no que se refería ao proxecto do Celta en Mos dicindo que pretende perxudicar á cidade olívica. Nidia Arévalo declarou que “o que Caballero quere é impedir o progreso de Mos para que siga a ser a alfombra de Vigo e o PSOE mosense é o seu cómplice para tratar de frear o crecemento do municipio”. E pregúntase a alcaldesa, “PSOE, GañaMos e BNG que fan mentres o alcalde de Vigo actúa así? Ábrenlle a porta para que Mos siga a ser o municipio pisoteado e ninguneado”, lamenta Arévalo.
En referencia a Abel Caballero sentencia que “el defenderá ao seu concello, pero eu tamén estou entregada á defensa de Mos por riba de todo. En Mos, só hai un equipo e unha alcaldesa que poden defender os intereses da localidade, como levamos demostrando unha década”.
Arévalo concluiu asegurando que “teño claro que se eu non fora a alcaldesa de Mos e estivera o PSOE na Alcaldía, sería Abel Caballero o que gobernaría, converténdose o municipio mosense nunha parroquia das abandoadas de Vigo”.
A Semana das Ciencias organizada pola Concellería de Ensino do concello de Ponteareas vén de recibir o recoñecemento da HSCI (Hands of Science) pola súa “labor de excelencia”.
A organización internacional Hands of Science, que promove a difusión de todos os aspectos da ciencia, destaca así o traballo realizado dende Ponteareas por achegar a ciencia á cidadanía.
Neste sentido, o presidente de HSCI, o portugués Manuel Filipe P.C.M. Costa, suliñou a capacidade da Semana das Ciencias para “facer visibles as aplicacións científicas na vida cotiá e amosar á poboación o lado máis divertido da investigación e práctica científica”.
Outro aspecto que sumou para a obtención deste recoñecemento é o traballo en equipo de toda a comunidade educativa, dando especial protagonismo ao alumnado, aspecto que quixo resaltar a concelleira de Ensino Cristina Fernández no momento da recollida do diploma.
Unha delegación de Ponteareas, encabezada por Cristina Fernández e na que participou profesorado e alumnado, estivo presente na última edición de Hands of Science celebrada o pasado mes de xullo en Barcelona, logo de ter participado tamén no congreso celebrado na cidade portuguesa de Braga.
Para o Alcalde de Ponteareas é un orgullo comprobar, unha vez máis, “que a capacidade de facer partícipes á cidadanía e o traballo en equipo obteñan resultados tan positivos como o recoñecemento de excelencia da Semana das Ciencias”.
O Consorcio da Zona Franca de Vigo impulsará un plan estratéxico para facilitar a transformación e o crecemento económico na comarca pontevedresa de Ou Condado, así como afrontar os retos derivados da etapa posterior á pandemia.
Para iso, o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, e a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, asinaron un protocolo que permitirá que este municipio participe no plan estratéxico, que involucrará a axentes e entidades público-privadas. Así, este concello sumouse a outros 20 da mesma provincia que tamén se adheriron á iniciativa.
O plan estratéxico incluirá un diagnóstico territorial, unha relación de obxectivos e unha folla de ruta con actuacións concretas e realistas para a mellora da competitividade económica e a calidade de vida na comarca do Condado, da que Ponteareas representa o maior municipio.
Deste xeito, buscarase establecer as directrices para unha estratexia que supoña un proxecto a longo prazo, facilitar a transformación e o cambio cara a futuros retos e aproveitar sinerxías e o potencial da zona, ademais das posibilidades de colaboración público-privada. A iniciativa tamén se centrará na definición de actuacións específicas que impulsen de modo definitivo o crecemento económico e na articulación de liñas de actuación acordes coa Estratexia Española de Desenvolvemento Sustentable, Axenda 2030.
David Regades augurou que, tras a pandemia, observaranse “cambios profundos cara a unha nova orde económica” e “novas oportunidades para o tecido empresarial”. Por iso, resaltou que a Zona Franca aspira a contar cunha folla de ruta que permita despregar “accións de calado que revertan no desenvolvemento económico e a creación de emprego” con “máxima eficiencia e aproveitamento de recursos públicos”.
Así mesmo, a alcaldesa afirmou que a colaboración entre ambas as institucións representa “un exemplo claro de sumar os recursos públicos para conseguir un beneficio para a cidadanía”. Así, destacou que o acordo permitirá a elaboración dun plan estratéxico que facilitará “datos reais” sobre o tecido empresarial actual”, unha información que resulta “fundamental” para impulsar “novas actividades que posibiliten o crecemento económico, a xeración de emprego e a sustentabilidade no municipio”.
A Xunta comunicou a proposta de resolución dun procedemento de desafiuzamento admininistrativo a un ocupante dunha vivenda social que carece de contrato de aluguer en vigor e que, segundo sinalou, non está en situación de desamparo.
En concreto, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves un anuncio da área Provincial de Ourense do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) polo que empraza á persoa interesada para ser notificada por comparecencia no procedemento de desafiuzamento administrativo por ocupación sen título.
Fontes do Goberno galego detallaron que o anuncio fai referencia a unha vivenda “cuxo ocupante non ten contrato de aluguer en vigor”.
Así, destacaron IGVS “está a tentar solucionar a situación coa formalización dun contrato de aluguer”, pero que este non foi asinado pola persoa que ocupa a vivenda.
Como as comunicacións previas non foron recollidas por esta persoa, o IGVS notificouno a través do DOG. En todo caso, as mesmas fontes remarcaron que non se trata dunha situación de desamparo “pois esta persoa ten ingresos”.
Así mesmo, lembraron que as vivendas de promoción pública adxudícanse a través do Rexistro de Demandantes, polo que subliñaron que permitir unha ocupación sen título prexudica ás persoas pendentes de que se lles adxudique un inmoble.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, celebrou este xoves a súa segunda rolda de reunións cos rexedores dos concellos que máis preocupan na evolución da pandemia, aos que avanzou a posibilidade de que, tendo en conta os datos, implantar este venres “algunha restrición adicional”.
En concreto, tras os encontros mantidos o mércores cos alcaldes de Santiago, Teo e Ames, o xoves foi a quenda dos rexedores de Pontevedra, Lugo, Ferrol e Vigo.
Así, durante as reunións coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e co rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o conselleiro trasladoulles a súa “preocupación” pola “evolución dos positivos” e polo “incremento que se mantén” nestas urbes.
García Comesaña lembrou que se tomou a decisión de non implantar medidas novas ao comezo de semana dado que “estaba recentemente posta a medida de restrición da mobilidade nocturna” e facía só unha semana da limitación de reunións a cinco persoas en toda Galicia.
“Pero, o certo é que, a pesar desas medidas, vemos que a tendencia segue en crecemento, co cal, anticipamos a posibilidade de que na reunión do comité clínico de mañá se propoña algún tipo de restrición adicional nestes dous municipios“.
Julio García Comesaña explicou que a situación “complexa” de todos estes concellos analizarase “ao detalle” na reunión deste venres, e determinaranse as medidas necesarias tendo en conta que se trata dun “momento especialmente delicado”, máis esta mesma fin de semana coa festividade de Todos os Santos.
O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, cualificou de “imprescindible” o cambio na Xunta para que a súa cidade poida contar con esta institución como “aliada”.
E é que, baixo o goberno de Feijóo e durante a actual pandemia, segundo denunciou o rexedor olívico, o Goberno galego “no ámbito social abandonou todo o espazo de Galicia“. “Nun momento tan duro, nestes case tres meses, toda a acción da política social en Vigo tomouna o concello”, sostivo Abel Caballero, que asegurou que “a Xunta simplemente non estivo”.
Caballero realizou estas declaracións no Foro Nueva Economía onde apoiou a Gonzalo Caballero como o candidato do PSdeG á Xunta nun acto que tamén contou coa presenza de do presidente de Xunta de Estremadura, Guillermo Fernández Vara, e o ministro de Transportes, José Luis Ábalos. Toda a información en Galicia Confidencial.
A actividade volveu este luns á planta viguesa do grupo PSA Peugeot Citroën coa incorporación duns 400 operarios que iniciaron labores de preparación para a reactivación, a partir do mércores, das liñas de montaxe da factoría.
Segundo informou a empresa, este luns empezaron eses traballos preparatorios, co enchido de encursos nos talleres de Embutición, Ferraxe (soldadura) e Pintura. Todo iso co fin de que a fábrica viguesa estea lista para renovar a produción, o próximo 13 de maio, cando se porán marcha de novo (tras case dous meses de parada) os sistemas 1 —de montaxe do Peugeot 2008, o Peugeot 301 e o Citroën Elysée, e 2 de montaxe das furgonetas e monovolúmenes.
Así, este mércores volverán á planta os traballadores da quenda A destas dúas liñas, na quenda de mañá, o que supón uns 1.600 operarios. Á semana seguinte está prevista a incorporación doutras 1.600 persoas, da quenda B (tamén en horario de mañá).
Segundo sinalou o director da fábrica viguesa, Ignacio Bueno, a produción da factoría irase acomodando á demanda e, por tanto, en próximas semanas poden activarse novas quendas de traballo.
“Hoxe é o inicio dunha nova etapa marcada pola saúde pública e a reactivación económica. Co enfoque progresivo e responsable, iremos adaptando as medidas adoptadas e a cadencia de produción, protexendo sempre os nosos empregados, atendendo a demanda dos nosos clientes e garantindo a sustentabilidade da empresa”, sinalou Bo.
MEDIDAS DE PROTECCIÓN
Coa continuación da actividade, a fábrica fixo efectivas as medidas deseñadas para unha volta á normalidade con seguridade, co fin de “protexer” os empregados e tamén “a compañía”.
Ese protocolo, acordado cos sindicatos (co rexeitamento de CIG e CUT), permite segundo a empresa “un alto nivel de protección” e contempla medidas como a repartición de máscaras, lentes protectoras e xeles hidroalcohólicos; rotación de quendas; sinalización de distancias de seguridade; peche de comedor; sinalización de espazos comúns para evitar aglomeracións; instalación de cámaras termográficas; reforzo na limpeza e desinfección; etc.
Segundo lembrou o director da fábrica, a actuación baséase en catro alicerces: o “autocontrol”, para que “se unha persoa ten síntomas” non acuda ao centro ou contacte co servizo médico; medidas de hixiene e limpeza adicionais; garantir a distancia social; e uso de Equipos de Protección Individual.
A planta automobilística regresa ao traballo co persoal afectado por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) por causa de forza maior, vinculado ao estado de alarma pola pandemia do coronavirus. Así mesmo, a empresa e a maioría da representación social (SIT e UGT) acordaron tamén que, cando acabe esa situación, aplicarase un ERTE por causas organizativas e de produción, con vixencia ata final de ano, e que afectará ao persoal fixo.
“Ridículo, vergoñento e insultante envío de material de autoprotección para os concellos da provincia de Pontevedra, realizado onte a bombo e platillo pola Xunta de Galicia”, denuncian desde o PSdeG.
Segundo os socialistas, os alcaldes e alcaldesas de toda a provincia recibiron un “paquetiño” que contén material obsoleto, de pésima calidade e mesmo inservible, con algunhas máscaras rotas, outras caducadas dende 2015 e mesmo luvas non estériles ou de uso para perruquería.
“Unha auténtica tomadura de pelo nunhas circunstancias tan dramáticas como as que estamos a vivir nesta pandemia de COVID-19 e nas que, unha vez máis, os concellos se están a converter na primeira liña de batalla” destacan os socialistas pontevedreses que esixen da Xunta de Galicia que se non quere colaborar cos concellos, polo menos non tente utilizalos para a súa propaganda.
Os alcaldes e alcaldesas fan unha apelación á cooperación leal da Xunta de Galicia cos concellos nesta crise sociosanitaria causada polo COVID-19 e pregúntase cando vai aprobar o Goberno galego unha orde de axudas económicas imparciais e obxectivas para os concellos da provincia semellante ás acordadas pola Deputación de Pontevedra, que creou unha partida con axudas específicas por valor de 1,3 millóns de euros e habilitou o adianto do 100% dos 4,2 millóns de euros de tódolos programas sociais e dos 21 millóns de euros da recadación tributaria do ORAL cun fondo de liquidez extraordinario.
Algúns exemplos do material distribuído onte: O Grove recibiu 80 máscaras e 450 luvas; O Porriño, 150 máscaras, 1.600 guantes, unhas gafas e dúas garrafas de lixivia; Tui, 100 máscaras e 550 luvas; O Rosal, 60 máscaras e 350 luvas; Tomiño, 100 máscaras e 650 luvas; A Guarda, 60 máscaras e 350 luvas; Ponte Caldelas, 50 máscaras e dúas caixas domésticas de luvas. E así ata completar a relación de concellos da provincia.
Os alcaldes e alcaldesas lamentaron este novo desprezo da Xunta de Galicia “que cando hai unha situación de emerxencia, xa sexan os incendios de 2017 ou esta pandemia, nunca está”. Moitos insisten en que para o que mandaron “case era mellor que non mandaran nada porque hai cousas que hai que tirar directamente ao lixo e o pouco que vale dá para un día ou dous”. De feito, moitos dos concellos xa teñen adquirido ou conseguido material pola súa conta en mellores condicións e, sobre todo, en moita máis cantidade.
O malestar agrávase polo feito de que os concellos de toda a provincia tiveron que recoller o paquete nas delegacións de Pontevedra e Vigo e asinar un acta de recepción. Algúns alcaldes e alcaldesas cuestionan mesmo que merecera a pena o gasto en combustible.
Os socialistas pregúntanse para que serve o Posto de Mando Avanzado (PMA) que a Xunta de Galicia creou. “Un nome pomposo para un órgano oco toda vez que está presidido por dous políticos oficinistas, como José Manuel Cores Tourís e Corina Porro, cuxa función consiste en ser axentes electorais do PP na provincia aproveitando a súa condición baleira de delegados territoriais”.
Acusan á Xunta de perverter o Plan de Emerxencias de Galicia (Platerga), que prevé estes PMA como verdadeiros mandos operativos no territorio en situacións de catástrofe “e non como chiringuitos de propaganda”.
Consideran incualificable o comunicado difundido onte pola Xunta, con foto incluída de Jose Manuel Cores Tourís simulando facer estes “paquetes da vergoña” para os concellos e anunciando un reparto de medios por toda a provincia que queda, na realidade, nunha entrega de refugallo.
Unha entrega coordinada noutras delegacións da Xunta en Galicia.
Corina Porro, Delegada Territorial da Xunta en Vigo
A posta en escea coa entrega de material por parte da Delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, repetiuse noutras provincias galegas do mesmo xeito cos respectivos delegados territoriais de Coruña e Lugo.
Iniciamos esta mañá o primeiro dos repartos das axudas aos concellos da provincia desde o Posto de Mando Avanzado da Delegacion. En total 7.000 mascarillas e 40.000 guantes. Ademais, iniciamos a limpeza de residencias de maiores. Grazas a todas as empresas que donaron material. pic.twitter.com/jAan0kL76K
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, puxeron a simbólica primeira pedra das obras que mudarán a faciana da Rolda de Don Bosco.
A obra enmárcase no proxecto de humanización que abarca 5.600 metros cadrados e que ascende a un millón e medio de euros cofinanciados polo Concello e a Deputación. Ademais, inclúe a peonalización de María Auxiliadora e en dez meses a reordenación do tráfico e a limitación de velocidade para vehículos a dez quilómetros hora.
O proxecto inclúe ademais a substitución e mellora dos servizos desde o abastecemento á iluminación e a conservación dos elementos patrimoniais e tamén as árbores xa existentes.