Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a tres homes, de 18, 23 e 40 anos de idade, e veciños de Tomiño e A Guarda, como presuntos autores dun delito de receptación, tras ser sorprendidos circulando nun coche cheo de efectos roubados.
Segundo informaron fontes xudiciais, os feitos tiveron lugar cando unha dotación que realizaba labores de vixilancia e control no acceso á cidade de Vigo pola estrada de Camposancos observou un vehículo con tres ocupantes sospeitosos.
A Policía seguiuno discretamente ata a Avenida da Florida, onde interceptaron o coche. Ao rexistrar o seu interior, os axentes descubriron unha importante cantidade de diñeiro en efectivo, e varios obxectos sobre os que non puideron acreditar a súa procedencia.
Ante a sospeita de que puidese tratarse de efectos roubados, a Policía fixo unha inspección máis minuciosa e descubriu que baixo as tapas e cubertas do interior do coche, os seus ocupantes escondía numerosos obxectos: varias tablets, pantallas de sondas náuticas, amplificadores de sinal, teléfonos móbiles, aparellos electrónicos de barcos, xoias e outros artigos.
Todo o material figuraba denunciado como roubado, polo que os ocupantes do coche foron detidos e o vehículo foi retirado polo guindastre municipal. Unha vez trasladados a Comisaría, comprobouse que todos os arrestados teñen antecedentes policiais. Os detidos e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do xulgado de instrución número 5 de Vigo.
Mentres, o material roubado xa foi devolto aos seus lexítimos donos, fóra dunha televisión de 32 polgadas e un trade con maletín ríxido, que seguen en dependencias policiais á espera de que os seus donos os reclamen.
O colectivo PACs en Pé de Guerra de Vigo vén de amosar a súa solidariedade con Precarias pola Atención Primaria, que onte expuxeron en rolda de prensa “o seu rexeitamento ao contrato lixo do Sergas e á oferta de emprego trampa en Portugal”, subliñan os traballadores dos Puntos de Atención Continuada.
“O noso colectivo coincide en que este contrato non vai solucionar o problema de persoal e, incluso, pódese agravar debido ao rexeite masivo entre o colectivo de eventuais e residentes de último ano. Moitos/as destes/as pensan en buscar alternativas fóra do noso país cara a outros lugares do Estado ou de Europa como alternativa profesional, buscando non só estabilidade laboral senón tamén calidade asistencial e o recoñecemento profesional como médicos/as especialistas de mediciña de familia e comunitariado do que carecen por parte do Sergas”, lamentan os traballadores.
“De seguir a fuxida de profesionais, a situación que vimos denunciando na prensa dende fai meses, e que case se converteu nunha constante, vai empeorar”, advirten os traballadores: “PACs en Pé de Guerra de Vigo insta a Administración a escoitar dunha vez por todas ás profesionais, convocar as oposicións necesarias para recuperar as profesionais perdidas os últimos anos nas distintas categorías, desbloquear a situación de precariedade que sufrimos en Atención Primaria con persoal e recursos para poder realizar o noso traballo coa calidade asistencial necesaria… E aumentar o orzamento da atención primaria, que na nosa área sanitaria é a mais baixa de Galiza xa que se precisan recursos para os servizos sanitarios que resolven mais do 90% dos problemas de saúde da poboación”.
Por último, os PAC amosaron unha vez máis o seu total apoio aos nosos xefes/as de servizo dimisionarios/as: “Sumámonos ao apoio da folga na atención primaria que se convoca para os dias 9, 10 e 11 de abril. A supervivencia da atención primaria pasa por unirnos todos os colectivo`s de atención primaria, xa que, a precariedade laboral e asistencial que vivimos ordinaria, PACs e Precarias son consecuencia das políticas de recortes e desmantelamento da sanidade da que é culpábel a Xunta. A política da imposición e de facer máis con menos resultou ser unha mala política con consecuencias nefastas na poboación”.
A oficina técnica de mantemento do departamento de Pintura da planta do Grupo PSA en Vigo desenvolveu o proxecto ‘Big Data Pintura Vigo’ co obxectivo de implantar un sistema que permite recoller, analizar e utilizar máis de tres millóns de datos diarios no proceso de pintura para mellorar a eficiencia na produción, segundo informou a compañía nun comunicado.
Desenvolvido en colaboración co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), este proxecto baséase nun software que recolle os datos relacionados co vehículo (temperatura da cabina, atmosfera, humidade, parámetros das pinturas, tempos de cocción, etc.), que se cruzan cos resultados de calidade de cada carrozaría pintada.
A análise destes datos mediante algoritmos de intelixencia artificial permite identificar posibles problemas e establecer os parámetros ideais para optimizar o proceso produtivo. A compañía afirma que xa se atoparon melloras nos tempos de permanencia de carrozarías en determinadas zonas e no proceso de limpeza das cabinas.
‘Big Data Pintura Vigo’, que comezou a aplicarse a finais de 2018 nas cabinas de lacas da planta de Vigo, xa está a funcionar en todo o proceso de pintura e actualmente trabállase na adaptación desta metodoloxía para a súa implantación noutros talleres produtivos da fábrica.
Este proxecto enmárcase no referencial de Fábrica 4.0 do Grupo PSA, que busca a eficiencia a través da integración dos novos conceptos de dixitalización e as novas tecnoloxías.
“Este proxecto será, nun futuro moi próximo, unha ferramenta fundamental de apoio ao noso persoal técnico no coñecemento e dominio do noso proceso produtivo, o que nos permitirá producir coa mellor calidade, custo e prazo”, sinalou o responsable do proxecto “Big Data Pintura Vigo”, José Angel Castro.
Axentes da Policía Local deron o alto na véspera deste festivo do Día de tódolos Santos ao condutor dun turismo da marca Mercedes C220 tras unha infracción de tráfico, comprobándose que no vehículo viaxaban catro homes.
Os feitos tiveron lugar ás 01:25 horas na rúa Espedrigada, á altura do numero 159. Os policías, da sección G.O.A., no momento de entrevistarse co condutor sospeitaron que puidese conducir con presenza de drogas no organismo, polo que foi convidado a realizar o test indiciario salival, no que deu un resultado positivo en cocaína.
Os actuantes interviron certas doses da devandita substancia, a cal ao parecer sería utilizada para consumo propio, polo que se realizaron dúas denuncias ao Subdelegado do goberno por ese motivo.
O condutor quedou encartado en dilixencias xudiciais por un presunto delito contra a Seguridade Viaria por conducir carecendo de permiso de conducir trala pérdida total de puntos asignados, sendo retirado o turismo por un guindastre ao deposito municipal ao non haber condutor substituto habilitado
Ademais, ás 02:40 horas a madrugada do martes localizárase a outro condutor dun turismo que tamén carecía de permiso de conducir. Os feitos tiveron lugar na confluencia da Travesía de Vigo con Coutadas, tratándose dun home de 47 anos de idade, motivo polo que se procedeu á inmovilización do vehículo.
Tamén foi encartado en dilixencias xudiciais o condutor dun turismo de 33 anos de idade. Os feitos ocorreron sobre as 01:30 horas da madrugada do día deste mércores na estrada de Miraflores. Axentes desta Policía Local deron o alto ao condutor do vehículo ao cometer unha infracción de tráfico, e tras iso comprobaron que carecía de permiso de conducir.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou no hospital a tódalas persoas internadas tralo accidente do Marisquiño: “A cuestión máis importante é que non corre perigo a vida de ninguén, e que en moitos casos son lesións que se recuperarán de forma rápida. O horizonte é moi bo”.
Concretou que as vítimas “están moi animadas, celebran a situación na que están. Porque o susto foi tremendo. O afundimento dunha estrutura desa envergadura. Porque o que afundiuse foi unha inmensa estrutura de formigón de 60 metros de largo por 10 de ancho e 30 cm de grosor, e isto é un peso descomunal”.
Non quixo o rexedor vigués apuntar culpables, e agardou o traballo dos profesionais: “Veremos cales foron as razóns. O Ministerio de Fomento e Portos do Estado investigarano. Eu quero sinalar a enorme capacidade da cidade para facer fronte a unha cuestión deste envergadura”.
Valorou o traballo da policía e dos bombeiros de Vigo, como conseguiron sacar a dúas persoas que quedaran atrapadas entre os bloques de cemento: “Sacalos de alí non foi fácil, e a partir de ese momento os bombeiros se dedicaron de maneira total. Eu mandeilles que continuaran ata ter a certeza total, era da maior importancia porque os familiares preguntaban, estaban preocupados”.
O peirao, durante a mañá seguinte ao accidente/ Miguel Núñez
Si apuntou o seu malestar ao “escoitar ao presidente da Xunta falar dun lugar cercano ao porto. Porque o que caeu non foi nada próximo ao porto, afundiuse o peirao”.
“Isto foi un moi grave accidente, ao que a cidade respondeu extraordinariamente ben. Os bombeiros, policía nacional e local, o sistema sanitario, Garda Civil, protección civil, servizos do porto, o servizo sanitario… Sacar a 200 chicos e chicas, case todos moi novos, tan cedo de alí, foi unha actuación extraordinaria”, celebrou, ao tempo que enviaba “unha aperta fortísima a todos os que estaban no concerto”.
Tamén aclarou que “o aforo do lugar non se excedeu nunca. E concertos similares se viñeron celebrando con seguridade total en anos anteriores. As madeiras, se estaban mal ou non, non ten nada que ver. Ninguén sabía nada do mal estado da plataforma, das grandes placas de formigón que fallaron”.
Accidente do Marisquiño/ Miguel Núñez
“Traumatismos, lesións nos cóbados, o nocello, do sacro… Son algunhas das doenzas dos aínda internados, todos eles fóra de risco para a vida: “Un mozo tivo un traumatismo cranio encefálico, pero está moi animoso. Non hai temor sobre a vida de ningún dos feridos, falei con todos”, declarou Caballero.
“Nós queremos cooperar. Unha vez que sabemos que non hai riscos graves, porque as persoas son o primeiro, comeza a investigación. Hai que investigar como puido colapsar unha estrutura desta envergadura, porque quero resaltar que a madeira era un adorno, o que colapsou foi unha inmensa estrutura. Antes de por madeiras, nesa zona se aparcaban coches. E seguramente por alí pasaron os camións que fixeron o porto deportivo. Isto terá unhas cousas que os enxeñeiros deben investigar”, resaltou.
Sobre as competencias, deixou claro que “este é un peirao, como vai unha cidade a manter un peirao? As cidades non mantemos peiraos. Eu non me ocupo do mantemento do porto. A miña competencia se acaba no momento que comeza a do porto. E tampouco tiña coñecemento do mal estado dos pivotes”.
Non asignou ningunha responsabilidade a ninguén, mais si dixo que “sería bo que o presidente da Xunta estivera onte aquí, seguramente a xente o agradecería”.
Galicia supera os 10.000 casos activos de covid-19, con 10.363 infeccións activas, tras varios días consecutivos de ascenso, nunha xornada na que tamén sobe a presión asistencial, con 23 novos hospitalizados.
Segundo os datos feitos públicos este domingo pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 do sábado, hai 122 persoas ingresas por covid-19, 23 persoas máis que na xornada anterior. Do total, 100 están en unidades de hospitalización convencional –21 máis–, e 22 en unidades de coidados intensivos –dous máis–.
Os novos contaxios detectados nun só día en Galicia baixan ata os 1.170, tras dúas xornadas consecutivas por encima dos 1.300. Respecto deste sábado, notificáronse 168 casos novos menos.
Se se observan as cifras por áreas sanitarias, a presión asistencial sobe en seis das sete zonas, e non descende en ningunha. Vigo que contabiliza 22 hospitalizados (+5), pero mantén os dous pacientes en UCI notificados na xornada anterior; cifras que a sitúan por detrás de Coruña e Ourense, máis afectadas.
MÁIS DE 10.000 CASOS ACTIVOS
Galicia contabiliza, segundo datos das 18,00 do venres, un total de 10.363 casos activos de covid-19, que implican 946 máis que o día anterior. Por tanto, mantense a tendencia ascendente por vixésimo quinto día consecutiva. Por áreas sanitarias, todas elas seguen co ascenso exponencial. A maior subida rexístraa a da Coruña-Cee, que alcanza os 1.730 (+213); seguida pola de Vigo, que suma xa 2.319 casos activos (+189).
A área olívica rexistra estes datos despois de contar 230 positivos nunha soa xornada, cifra que se sitúa por detrás da recollida na Coruña-Cee e que tamén é menor que a publicada para o distrito olívico na xornada anterior.
TAXA DE POSITIVIDADE DISPARADA
Galicia levou a cabo desde o inicio da pandemia 2.462.257 PCR. Isto implica que no último día realizáronse 7.567 probas, unhas 900 menos que as feitas a xornada anterior. No que respecta á taxa de positividade das PCR, segue en ascenso, e alcanza este domingo o 13,39%. Así, a Comunidade galega segue moi por enriba dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia, un limiar que Galicia, ata a semana pasada, non superaba desde o 15 de febreiro.
FALECIDOS E CURADOS
As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 no conxunto de Galicia desde o inicio da pandemia seguen en 2.442 ao non notificar Sanidade novos falecementos a noite do sábado. Fronte a iso, 127.922 pacientes curáronse deste coronavirus no conxunto da Comunidade, 224 persoas máis que as rexistradas ata o día anterior.
Continúan as incidencias por Karim en Vigo. Os efectos da borrasca acapararon a práctica totalidade das actuacións realizadas pola Policía Local desde a noite do venres. En concreto, ata 95 incidencias tiveron que ser atendidas polas súas unidades e polos bombeiros.
Nun comunicado, o corpo local explica que os principais episodios vividos na urbe olívica consistiron en colectores, balizamentos de obras e outros obxectos movidos polo vento. Ademais, producíronse desprendementos de chapas metálicas dos tellados diversos edificios nas rúas Marín e Tomás Alonso e na avenida Hispanidade e Balaídos. Ata estes puntos desprazáronse os bombeiros para retirar ou, no seu caso, asegurar as pezas. Tamén saíu voando, ata quedar apoiado nun farol, o toldo dun mesón na avenida de Castrelos.
Do mesmo xeito, a Policía Local recibiu chamadas relacionadas con desprendementos de fachada, coa caída parcial dun muro en Camiño do Pombal, así como incidencias por árbores e ramas nas estradas. Precisamente, ao redor das 8,00 da mañá deste sábado, a caída dunha árbore que invadiu parte da calzada provocou danos en catro turismos estacionados na avenida Alcalde Gregorio Espino. Os axentes municipais colaboraron cos bombeiros para tallar e retirar as ramas e o tronco, ademais de informar os titulares dos vehículos sobre o ocorrido.
A Policía tamén tivo que recoller semáforos tirados ou desprendidos e pechou os accesos tanto ao aparcadoiro como ao paseo de Samil por seguridade.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este martes o “atraso” da Xunta na emisión de informes de Patrimonio, o que tamén atrasa a obra de reforma do paseo de Bouzas, e esixiu “explicacións” ao Goberno galego e ao PP de Vigo.
O rexedor subliñou que o pasado 19 de outubro o Concello remitiu o proxecto á Xunta para a emisión de informes, ao afectar a obra a unha zona de cautela de Patrimonio. Tras un mes e medio sen que a Xunta se pronunciase, o alcalde concluíu que o Goberno autonómico “está a parar a obra”.
Por iso, esixiu “explicacións” tanto á Xunta como ao PP de Vigo, e lembrou que cargos ‘populares’ na cidade “colgaban carteliños” para denunciar o mal estado do paseo e preguntou se colgarán agora carteis para denunciar o atraso da Xunta.
Ademais, Caballero aproveitou para volver criticar outra actuación da Xunta no barrio de Bouzas. En concreto, lamentou que a administración galega está a construír un centro de saúde “tan pequeniño que vai haber que entrar de perfil”.
RESPOSTA DA XUNTA
A Xunta de Galicia saíu ao paso destas acusacións lembrando ao rexedor que a emisión de informes técnicos ten uns prazos e que, no caso do paseo de Bouzas, como noutras obras, os funcionarios están a facer un traballo “escrupuloso” e están “en prazo”.
Segundo sinalou a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o informe sobre a reforma dese paseo está en fase de valoración, do mesmo xeito que outras intervencións na cidade, como a iluminación do Monte da Guía, a mellora do itinerario peonil na rúa Roupeiro, ou a construción de beirarrúas e servizos en Severino Covas.
Os contaxios por Covid-19 aumentaron en Galicia tras detectarse 696 positivos confirmado por PCR nas últimas 24 horas, o que supón a cifra máis elevada en toda a pandemia na Comunidade galega, deles 185 na área en Vigo.
Segundo os datos actualizados na web da Consellería de Sanidade na mañá deste venres con rexistros ata as 18,00 horas deste xoves, tras Vigo, destacan os 115 positivos na área de Santiago e Barbanza; 117 na da Coruña e Cee; 99 na de Ferrol; 76 na de Pontevedra e O Salnés; 54 na de Ourense e 50 na de Lugo.
Os casos activos superan este venres os 8.000 ao elevarse a 8.363, o que supón 433 máis que este xoves. Salvo na área sanitaria de Ourense, onde baixan os casos ata os 1.394 –13 menos–, aumentan en todas as demais.
Á cabeza a de Vigo, con 1.758 casos activos, o que implica 134 máis que este xoves; 1.432 na da Coruña —74 máis–; 1.322 na de Santiago e Barbanza –71 máis–; Pontevedra e O Salnés conta con 899, un total de 61 máis; Lugo ten 801 –19 máis– e Ferrol sitúase con 757 –87 máis–. Ata a data curáronse en Galicia 26.537 persoas, o que implica 267 máis que as contabilizadas este xoves e realizáronse 672.435 PCR fronte ás 663.251 rexistradas ata a xornada pasada.
FALECIDOS
En canto ás persoas falecidas con Covid-19 sitúanse en 902, tras notificar este xoves pola tarde Sanidade 13 falecementos na Comunidade galega, a cifra máis alta nunha xornada da segunda onda.
Das 13 persoas falecidas, seis eran usuarias de residencias de maiores –tres dos usuarios de centros xeriátricos perderon a vida no hospital e outros na propia residencia Os Gozos, de Pereiro de Aguiar, que supera a trintena de mortos–. Todos os falecidos tiñan patoloxías previas.