Inicio Blog Páxina 1733

A veciñanza de Bouzas denuncia o abandono do barrio

1

Un movemento espontáneo creado no barrio vigués de Bouzas denuncia o estado de deterioro no que se atopa. O movemento, baixo o nome de ‘Bouzas Abandonada’ demanda, entre outras, o arreglo do paseo marítimo de Valentín Paz Andrade, que leva máis de 500 días valado e sen posibilidade de acceso tras a caída dun camiñante no verán de 2018. Con todo, afirman que non saben exactamente os motivos polos que o paseo está pechado.

Os mesmos veciños organizaron unha pegada masiva de carteis en xullo de 2019 a modo de protesta. Operarios do Concello de Vigo retiráronnos. Os veciños voltaron a pegar carteis, desta volta aludindo a “ataques á liberdade de expresión” por parte do Concello. Continuaron con este ‘tira e puxa’ ata este último domingo, cando a veciñanza volvou a pegar novos carteis.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou o pasado luns os contactos do goberno municipal coa Dirección de Costas (dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica) para lograr a cesión gratuíta ao Concello dunha parte do Paseo de Bouzas. En cambio, na oposición política, Xabier Pérez Igrexas do BNG asegura que “nos orzamentos do 2020 hai 0 euros adxudicados para o paseo”.

“Non estamos en contra de ningunha institución en concreto, Concello, Porto e Xunta atribúense as culpas e a casa segue sen barrer” asegura unha veciña do barrio. Ademais, denuncian a “lentitude e marxinación” en canto á resolución dos problemas por parte das administracións.

Explican desde o movemento veciñal que entregaron no pasado un escrito que quedou sen reposta. “Queremos que se nos escoite; queremos ser as asesoras e asesores de a pé do persoal técnico dos diversos estamentos. Quen sabe mellor o que funciona, non funciona, precísase, sobra que as persoas que habitan un lugar?” declaran no comunicado dos veciños. “O paseo tal e como estaba deseñado conseguía unha integración moi boa. Só precisaba mantemento” engaden os veciños.

Demandan ás institucións “un modelo de barrio enfocado na cidadá e cidadán que o habita”. “Bouzas é mar, Bouzas é vila histórica, mariñeira e cun patrimonio industrial que queremos defender” continúan.

Ademais, aproveitan para “defender o medioambiente e sustentabilidade” da zona, xa que denuncian “os recheos da Ría de Vigo, a ‘estratexia azul’ presentada pola autoridade portuaria en Vigo” así coma a petición da “revisión dos recheos na zona e investimentos sostibles, pensando no longo prazo, no mar e no planeta”. “Fuximos de obras colosais axenas ao sentir de Bouzas” conclúen.

O ‘macroxuízo’ do mercado da Pedra sáldase con 24 condenas menores e 14 absolucións

O ‘macroxuízo’ do mercado vigués da Pedra, no cal están acusados un total de 49 persoas de delitos contra a propiedade industrial (por venda de roupa falsificada), arrincou este martes con diversos acordos de conformidade, que se saldou con 24 condenas menores e 14 absolucións, mentres que unha decena de acusados quedaron citados para este venres para tratar de chegar a un acordo co Fiscal e a acusación particular.

Así, nesta xornada, o xulgado do Penal número 1 de Vigo absolveu a un total de 14 persoas, debido a que ambas as partes (tanto Fiscalía como acusación particular, exercida por representantes das marcas) retiraron as súas acusacións, mentres que outros 24 acusados chegaron a un acordo, polo que a maioría deles terá que pagar unha multa de 480 euros, ademais da responsabilidade civil pola mercadoría falsificada atopada nos seus locais.

Pola súa banda, tres destes condenados aceptaron o pago dunha multa de 1.440 euros, así como entre seis e sete meses de prisión. O resto dos acusados están citados para este venres para seguir coa vista de conformidade. Se non chegasen a un acordo, terían que ir a xuízo.

“Houbo unha investigación xeral, colectiva dun mercado, que supuxo unha homoxeneización das condutas na fase de instrución, que desde logo non parecía moi xusta porque non é o mesmo aquel que teña unha relación de 10 pezas que un almacén con 1.000 pezas. Houbo unha homoxeneización que agora, afortunadamente, na fase do xuízo oral está a solucionarse”, subliñou Alejandro Vega, un dos avogados de varios dos acusados.

Neste sentido, Vega explicou que “había bastantes acusados que a súa acusación estaba collida por pinzas”, xa que eran “empregados ou familiares” que non estaban vinculados coa “xestión do negocio” polo que quedaron absoltos.

MERCADO DA PEDRA

O ‘macroxuízo’ do mercado da Pedra enmárcase na chamada ‘Operación Cuarzo’ contra a venda de produtos falsificados e tabaco de contrabando, que se almacenaban e distribuían desde a contorna do mercado da Pedra, en Vigo, e que supuxo o peche dese mercado emblemático do centro da cidade.

Foi xusto hai cinco anos, o 15 de outubro de 2014, cando axentes da Policía Nacional realizaron unha ‘macrorredada’ nos locais, detendo ata 11 persoas por delitos contra a propiedade intelectual.

Por todo iso, antes da vista deste martes, a Fiscalía pedía para o acusados entre catro meses e dous anos e medio de prisión e multas superiores ás acordadas.

Este non é o primeiro xuízo que se celebra en relación a este mercado xa que, en 2018, o xulgado do Penal número 2 de Vigo condenou a 26 vendedores por delitos contra a propiedade industrial a penas de entre 3 e 18 meses de prisión e ao pago de multas por diferentes contías.

Os cambios de Vigo

0

Barrio do Cura, esquina LLorente e Pi Margall / © Miguel Núñez

Caballero condena o “horrendo crime” de Valga e pide enfrontar a violencia machista “colectivamente”

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, trasladou este luns o seu “pésame” e as súas “condolencias” aos familiares e achegados do tres vítimas do “horrendo crime” de violencia machista ocorrido en Valga, e pediu facer fronte a esta violencia “colectivamente”.

En declaracións aos medios, o rexedor olívico expresou o seu pesar pola morte de tres mulleres “vilmente asasinadas” e enviou ás súas familias e ao pobo de Valga o agarimo da cidade. Así, confirmou que remitiu unha telegrama ao alcalde desta localidade para facerlle chegar ese agarimo e solidariedade.

Abel Caballero sinalou que este “horrendo crime indescritible” ten que ter “o castigo do rigor da Xustiza” e “a condena expresa de todas as persoas decentes, que cremos que isto ten que ser erradicado da sociedade”. “Non se pode tolerar nada que vaia nesta dirección”, engadiu.

O alcalde de Vigo apostou por facer “unha inmensa mobilización anímica e de fortaleza para proclamar que isto se ten que acabar”, e facer fronte ás violencias machistas “colectivamente”, por parte de “toda a sociedade, sen ningunha excepción”.

MELLORA PASEO DE ALFONSO

O Concello de Vigo avanzou que este martes se porán en marcha os trámites necesarios para a aprobación do proxecto previo á execución das obras do Paseo de Alfonso.

Así se pronunciou o Consistorio nun comunicado como resposta ás declaracións da delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, que asegurou que se concedeu a autorización necesaria para esta actuación en xullo.

Deste xeito, o concello celebrou que Porro comunicase a esta administración que conta co permiso necesario tras as críticas vertidas a ese respecto polo alcalde, Abel Caballero, que denunciara que aínda non fose concedido a pesar de ser solicitado en marzo.

RESPOSTA DE CORINA PORRO

Con anterioridade, Abel Caballero denunciara o atraso cos permisos para os trámites das obras en Paseo Alfonso. A denuncia do alcalde tivo inmediata resposta por parte da Xunta, en concreto, da súa delegada territorial na cidade, Corina Porro, quen proclamou que “os vigueses teñen dereito a coñecer a personalidade do alcalde”, empeñado en “un enfrontamento ficticio” que “lle fai moito dano” a Vigo.

A delegada da Xunta e exalcaldesa da cidade asegurou que a autorización solicitada polo goberno local para reformar Paseo de Alfonso “está no Concello desde o 8 de xullo”. “Pido sentido común e cambiar de actitude. Non imos permitir que se sigan dicindo falsidades“, sentenciou.

Catro millóns e medio de ameixas sementadas na praia de Rodeira

0

As axudas convocadas pola Consellería do Mar, e financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), para a conservación e rexeneración de ecosistemas mariños, permitirán repoboar, nas anualidades de 2019 e 2020, case 170.000 metros cadrados de superficie para bancos marisqueiros.

Así o trasladou a conselleira Rosa Quintana, que este xoves visitou a praia de Rodeira, en Cangas onde a Asociación de Marisqueo á boia Ría de Vigo leva a cabo un proxecto de rexeneración do banco marisqueiro, que consiste en descompactar 30.000 metros cadrados de substrato e sementar 4,5 millóns de unidades de ameixa babosa.

Esta asociación é unha das beneficiarias de novos proxectos de repoboación na convocatoria de axudas deste ano, proxectos que serán desenvolvidos por oito confrarías en bancos das súas respectivas zonas, e nos que se sementarán case 20 millóns de unidades de ameixa fina e babosa.

Os traballos enmárcanse na primeira resolución da convocatoria de axudas financiadas pola FEMP, publicada recentemente no DOG e que suporá a repartición de máis de 680.000 euros. Nesa primeira resolución valoráronse os proxectos presentados ata o 1 de marzo, pero haberá unha segunda resolución coas solicitudes presentadas ata o 1 de setembro; as recibidas despois, quedarán para a seguinte convocatoria.

Ademais da Asociación de Marisqueo á boia Ría de Vigo, tamén se beneficiarán destas ‘sementeiras’ de ameixa as confrarías de Pontedeume, Camariñas, A Illa de Arousa, Cambados, Vigo, O Grove e Redondela. En total, na convocatoria de axudas de 2019, a Consellería do Mar aprobou 19 proxectos colectivos, e beneficiaranse 13 entidades, a maioría confrarías de pescadores.

Ademais da repoboación de especies autóctonas, na resolución tamén se inclúen traballos de eliminación de substrato ou achegue de áridos para favorecer a reprodución de organismos mariños.

Atopan cultivos de marihuana nunha casa de Gondomar tras observar un consumo eléctrico desmesurado

A Garda Civil localizou un cultivo de marihuana nunha vivenda en aluguer situada no municipio pontevedrés de Gondomar, polo que investiga a dous veciños como supostos autores dun delito contra a saúde pública polo cultivo e elaboración de drogas.

As investigacións sobre esta plantación denominada “indoor” iniciáronse o pasado mes de xuño polas sospeitas levantadas na Garda Civil logo de ver que o consumo de electricidade “superaba notablemente ao dunha vivenda de uso residencial”.

Así pois,  pasado luns a Garda Civil interceptou un vehículo que saíra da casa, onde se atoparon restos de terra e algunhas follas secas de marihuana. Coa entrada e rexistro no inmoble, os axentes comprobaron que “a maior parte” das estancias estaban destinadas a esta actividade e contaban cos elementos necesarios para iso: lámpadas halóxenas, extractores de aire, temporizadores de temperatura, envasadoras ao baleiro, deshumidificadores, máquinas picadoras ou estufas eléctricas.

No interior da vivenda púidose observar que a plantación xa fora colleitada, pero aínda quedaban algúns restos. Interviñéronse 50 paquetes de cogollos envasados ao baleiro, con 100 gramos cada un, así como unha bolsa de plástico con outros 175 gramos de cogollos e 125 gramos máis esparexidos polo chan. Tamén se localizaron 25 focos de alta potencia.

As dilixencias instruídas polos efectivos da Garda Civil, xunto cos efectos intervidos, foron postos a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberán comparecer os investigados cando sexan citados.

O dono de Bautista Administradores acepta 4 anos de cárcere por apropiarse de 1,1 millóns de euros en Vigo

O administrador de leiras Rafael B.F., acusado de quedar con máis dun millón de euros dunhas 80 comunidades de propietarios e particulares de Vigo, aceptou catro anos de cárcere e o pago dunha multa 1.800 euros. Así o confirmou nunha vista celebrada este luns na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede na cidade olívica.

Este xestor, xunto coa súa filla María B., recoñeceu ser autor dun delito continuado de apropiación indebida. Mentres, a outra procesada aceptou a pena de dous anos de cárcere e unha multa de 1.260 euros, e a Fiscalía informou favorablemente á suspensión da pena en caso de insolvencia.

Aínda que a responsabilidade penal quedou resolta na vista celebrada na Audiencia, aínda non se tomou unha decisión sobre a responsabilidade civil.

Así, as dúas compañías aseguradoras coas que os acusados tiñan pólizas subscritas están a negociar un acordo cos afectados que, en todo caso, incluirá unha quita ou redución de intereses para poder facer efectivo o pago e que os prexudicados poidan recuperar algo do que perderon.

Construcuatro deberá pagar 3,7 millóns de euros por sobreprezos ilegais nos pisos de Navia

A sala do contencioso administrativo do Tribunal Supremo ratificou a sentenza do TSXG sobre o cobro de sobreprezos por parte da promotora Construcuatro (da que foi socio o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín), na venda de pisos no barrio vigués de Navia e, por tanto, confirma que a empresa debe pagar a sanción de case 2,5 millóns de euros imposta pola Xunta, así como devolver máis de 1,2 millóns aos propietarios prexudicados.

Segundo confirmou o avogado dunha parte dos denunciantes, Antonio Salceda, o TS desestima o recurso de casación que Construcuatro interpuxera contra a sentenza do TSXG que daba a razón aos propietarios.

Así, a empresa deberá abonar a multa imposta no seu día por vía administrativa, devolver o diñeiro aos compradores e, ademais, ten prohibido participar en promoción de vivenda pública en Galicia durante 6 anos.

Salceda explicou que, xunto aos seus defendidos, traballará agora na execución da sentenza e, aínda que expresou a súa esperanza de que os denunciantes poidan cobrar antes dun ano, recoñeceu que será complicado.

En todo caso, fixo un chamamento á administración autonómica e ás instancias xudiciais para que os 30 veciños que denunciaron o cobro deses sobreprezos “sexan os primeiros” en recuperar o seu diñeiro. A ese respecto, lembrou que, na causa, figuran 62 afectados, dos que só unha trintena decidiu denunciar ante a Xustiza.

12 ANOS DE LITIXIO

Este procedemento iniciouse por mor dunha denuncia interposta a finais de 2006 por dous afectados, que puxeron ao descuberto o cobro de sobreprezos por parte de Construcuatro, a través de intermediarios, e que xustificaban en base a supostas melloras nos pisos protexidos que vendían en Navia.

Ese diñeiro, entre 10.000 e 35.000 euros, segundo os casos, non figuraba nin no contrato de venda nin na escritura dos inmobles, senón que era unha especie de ‘pago en negro’.

A propia empresa, aínda que negou os feitos, recoñeceu implicitamente os pagos, sinalou Antonio Salceda, ao realizar posteriormente unha declaración complementaria a Facenda, “para eludir o delito fiscal”.

Aínda que a denuncia foi arquivada pola vía penal, ao considerar o xulgado que non había indicios suficientes de engano, a Xunta impuxo unha sanción xa que, segundo lembrou o avogado, “a lei é clara e taxativa: non se pode cobrar sobreprezo nun piso protexido por ningún motivo”.

Construcuatro recorreu esta sanción, pero o TSXG confirmou a multa de case 2,5 millóns e a obrigación de devolver 1,2 millóns cobrados indebidamente aos compradores. A empresa recorreu en casación ante o Supremo, pero éste acaba de pronunciarse, e ratifica a resolución o alto tribunal galego, 12 anos despois de que se iniciase todo o proceso.

“A gorxa tocada por Deus” estará moi presente no Festival Intercéltico do Morrazo

0

Como a música escocesa, que chega triunfal á súa maioría de idade no século XXI, Capercaillie é a banda que medrou con ela, primeiro emerxendo e despois liderando a vangarda do seu actual rexurdimento.

Capercaillie compóñeno algúns dos músicos célticos máis solicitados do mundo. A vocalista principal Karen Matheson -posuidora dunha “gorxa tocada por Deus”, segundo dixo Sean Connery– está considerada como unha das máis finas cantantes escocesas, tendo ampliado os seu rexistros nunha serie de álbums en solitario e tamén en colaboracións a nivel mundial.

Ademais de participar en concertos como o Transatlantic Sessions, ou levar a dirección artística do Celtic Connections de Glasgow, Donald Shaw (acordeón, teclados) é continuamente requirido  coma produtor e compositor. Máis recientemente tamén destacou pola banda sonora da exitosa serie da BBC1, Hebrides – Islands On The Edge.

Charlie McKerron, o violinista da banda da costa leste, tamén é recoñecido polas súas habilidades compositivas e proxectos paralelos, incluído o seu papel como violinista no supergrupo Session A9.

De procedencia irlandesa gaeltachd, o guitarrista Manus Lunny é o eixe rítmico da banda dende a súa gravación seminal Sidewaulk, e ademais de escribir e xirar coa banda, dedica gran parte do seu tempo a colaboracións no seu estudo de Donegal.

O extraordinario frautista Michael McGoldrick, considerado como o sucesor do icónico Matt Molloy, dedicou gran parte dos últimos anos a percorrer o mundo como membro da banda de Mark Knopfler; e a sección rítmica: o baixo Ewen Vernal (ex Deacon Blue), o baterista Che Beresford e o percusionista David Robertson, encarnan a síntese perfecta de enerxía e sensibilidade nos seus espectáculos en vivo.

Formación:

  • Karen Matheson: Voz
  • Donald Shaw: Teclados, acordeón
  • Charlie McKerron: Violín
  • Manus Lunny: Buzuki, guitarra
  • Michael McGoldrick: Frauta, tin whistle, gaita irlandesa
  • Ewen Vernal: Baixo
  • David Robertson: Percusión
  • Che Beresford: Batería

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed