InicioSociedadeO 'macroxuízo' do mercado da Pedra sáldase con 24 condenas menores e...

O ‘macroxuízo’ do mercado da Pedra sáldase con 24 condenas menores e 14 absolucións

Había un total de 49 persoas acusadas de delitos contra a propiedade industrial, por venda de roupa falsificada.

PUBLICADO O

O ‘macroxuízo’ do mercado vigués da Pedra, no cal están acusados un total de 49 persoas de delitos contra a propiedade industrial (por venda de roupa falsificada), arrincou este martes con diversos acordos de conformidade, que se saldou con 24 condenas menores e 14 absolucións, mentres que unha decena de acusados quedaron citados para este venres para tratar de chegar a un acordo co Fiscal e a acusación particular.

Así, nesta xornada, o xulgado do Penal número 1 de Vigo absolveu a un total de 14 persoas, debido a que ambas as partes (tanto Fiscalía como acusación particular, exercida por representantes das marcas) retiraron as súas acusacións, mentres que outros 24 acusados chegaron a un acordo, polo que a maioría deles terá que pagar unha multa de 480 euros, ademais da responsabilidade civil pola mercadoría falsificada atopada nos seus locais.

Pola súa banda, tres destes condenados aceptaron o pago dunha multa de 1.440 euros, así como entre seis e sete meses de prisión. O resto dos acusados están citados para este venres para seguir coa vista de conformidade. Se non chegasen a un acordo, terían que ir a xuízo.

“Houbo unha investigación xeral, colectiva dun mercado, que supuxo unha homoxeneización das condutas na fase de instrución, que desde logo non parecía moi xusta porque non é o mesmo aquel que teña unha relación de 10 pezas que un almacén con 1.000 pezas. Houbo unha homoxeneización que agora, afortunadamente, na fase do xuízo oral está a solucionarse”, subliñou Alejandro Vega, un dos avogados de varios dos acusados.

Neste sentido, Vega explicou que “había bastantes acusados que a súa acusación estaba collida por pinzas”, xa que eran “empregados ou familiares” que non estaban vinculados coa “xestión do negocio” polo que quedaron absoltos.

MERCADO DA PEDRA

O ‘macroxuízo’ do mercado da Pedra enmárcase na chamada ‘Operación Cuarzo’ contra a venda de produtos falsificados e tabaco de contrabando, que se almacenaban e distribuían desde a contorna do mercado da Pedra, en Vigo, e que supuxo o peche dese mercado emblemático do centro da cidade.

Foi xusto hai cinco anos, o 15 de outubro de 2014, cando axentes da Policía Nacional realizaron unha ‘macrorredada’ nos locais, detendo ata 11 persoas por delitos contra a propiedade intelectual.

Por todo iso, antes da vista deste martes, a Fiscalía pedía para o acusados entre catro meses e dous anos e medio de prisión e multas superiores ás acordadas.

Este non é o primeiro xuízo que se celebra en relación a este mercado xa que, en 2018, o xulgado do Penal número 2 de Vigo condenou a 26 vendedores por delitos contra a propiedade industrial a penas de entre 3 e 18 meses de prisión e ao pago de multas por diferentes contías.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...