Inicio Blog Páxina 1656

O Concello de Vigo pide pasos elevados para vehículos na AP-9 para non dividir Teis

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este mércores que enviaron unha carta ao Ministerio de Fomento para que inste a Autoestradas do Atlántico (Audasa) a “reforzar” os pasos elevados sobre a AP-9 para que poidan circular vehículos.

Abel Caballero explicou que durante 25 anos circularon os vehículos polos pasos elevados de Xorxa e Trapa, ambos no barrio de Teis, pero que hai unhas semanas o Concello “prohibiu” o paso de coches “en atención á seguridade”. “A unha petición de información do Concello, Fomento contestou que os pasos de Xorxa e Trapa non están autorizados para vehículos, polo tanto prohibimos o paso en atención á seguridade”, detallou o alcalde.

Con todo, o rexedor vigués manifestou que ao impedir o paso de vehículos os veciños teñen que dar unha volta de dous quilómetros para ir dunha zona a outra do barrio pola presenza da autoestrada. “Non vou permitir que mutilen unha parte da cidade”, aseverou Caballero, que solicitou a Fomento que inste a Audasa a reforzar ambos os pasos elevados para restaurar a circulación de automóbiles de entre cinco e oito toneladas.

“A autoestrada está obrigada a construír pasos elvados que permitan a circulación de vehículos”, asegurou Caballero, que insistiu en que non deixará que a cidade quede “mutilada” pola “ineficiencia de Audasa”. Esta situación está a provocar numerosas protestas dos veciños que aseguran que quedan divididos e impedidos de facer a súa vida cotiá.

A veciñanza de Teis pide máis “coordinación” entre Xunta e Concello para evitar o abandono da ETEA

A Asociación Veciñal de Teis colocou nas últimas horas unha pancarta reivindicativa co lema ”Non ao abandono da ETEA, Xunta e Concello, culpábeis”, na antiga torre de vixilancia da ETEA, para denunciar a situación de abandono destes terreos.

“É especialmente grave o abandono dos espazos públicos, parque público e paseo marítimo, situación que se agrava meses de verán, pola maior afluencia da veciños”, recalcaron.

O parque público foi construído pola Consellaría de Infraestruturas en 2013. Pero, segundo advirte a AV de Teis, “os espazos verdes carecen de mantemento, o mato ocupa parte do parque, o parque infantil presenta danos desde hai dous anos”.

O paseo marítimo foi realizado polo Concello de Vigo en 2011: “Carece de papeleiras, non se realiza un traballo de mantemento habitual neste paseo, onde tamén abunda a vexetación que como moito é cortada unha vez ao ano”.

Engaden ademais que “no caso do espazo do parque público e paseo marítimo, son dous espazos cun gran potencial desaproveitados, en contacto coa praia da ETEA e A Punta. A falta de mantemento da ETEA provoca que a vexetación invada todo e afecta as vivendas próximas, como os edificios da rúa Doutro Corbal, lindeiros con estes terreos”. A situación denunciouse á Concellaría de Parques e Xardíns do Concello.

Ademais, no mes de marzo de 2017, a Consellaría de Política Social, anunciaba publicamente a construción dunha residencia para maiores na ETEA. Despois dun ano non se coñece nin o proxecto.

“Desde a Asociación Veciñal de Teis, consideramos fundamental a coordinación entres as administracións implicadas na ETEA (Xunta, Concello, Consorcio Zona Franca e Universidade de Vigo), para permitir a recuperación total da ETEA, para a veciñanza de Teis”, selaron.

“Loitamos por traballar. Non imos dobregarnos”, din as auxiliares de enfermaría do Cunqueiro

Ao redor dun cento de auxiliares de enfermaría do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo iniciaron a media mañá deste xoves un peche de 24 horas no centro, aínda que trasladaron a súa protesta ao exterior do edificio ao instarlles a Xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) a “retirarse inmediatamente de lugares non autorizados“.

O colectivo de auxiliares de enfermaría decidiu iniciar un peche de 24 horas desde este xoves para visibilizar o seu rexeitamento á imposición por parte da Xerencia da función de trasladar e depositar bolsas de roupa sucia nos puntos de recollida habilitados. Ademais, esixen que se retiren os expedientes abertos e en trámite e que quiten as sancións impostas a algúns traballadores.

O colectivo de TCAE (Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría) iniciou o peche cunha concentración no hall da entrada principal do hospital, onde cantaron consignas como “xerente dimisión, non é a nosa función“, “a Xerencia non funciona, os TCAE non son Acciona”, e “negociar non é coaccionar”.

No entanto, a comisión de centro da EOXI recibiu unha carta asinada polo xerente, Félix Rubial, na que lles acusa de “perturbar a tranquilidade nun centro sanitario” e trasládalles que a súa obrigación é “protexer aos cidadáns e a unha institución que presta un servizo público esencial”. Así, subliña que o peche non está comunicado nin autorizado pola dirección, e ínstalles a “retirarse”.

A lectura desta carta por parte da portavoz da comisión de centro, María José Diéguez, foi acollida ao berro de “xerente, dimisión”. Após iso, a portavoz dos TCAE, Miriam Costas, trasladoulles aos seus compañeiros as consecuencias de continuar co peche dentro do hospital –sanciones, expedientes…–, polo que finalmente optaron por trasladar a mobilización ao exterior.

“NON IMOS DOBREGARNOS”

A continuación, o colectivo iniciou unha marcha, “en silencio e respectando”, polas zonas nas que se atopan os pacientes, con intención de dar a coñecer a súa situación aos usuarios, tranquilizalos e conseguir que lles “apoien”. “Loitamos polas nosas funcións e por traballar como até agora. Non imos dobregarnos”, selou a portavoz.

Nesta liña, tamén fixo fincapé en que, aínda que se están mobilizando, “o último” que pretenden é “prexudicar en nada ao servizo sanitario” e o que fan é “loitar” desde o respecto e o coidado aos pacientes. En canto a que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, mostrouse aberto a dialogar “para poder solucionar” o conflito, a portavoz indicou que no Sergas non se puxeron en contacto con eles para falar, e en todo caso sostivo que “non hai que negociar”.

Así as cousas, remarcou que o que se ten que facer é contratar persoal para recoller as bolsas de roupa sucia; e ademais asegurou que non van sentar a falar “mentres haxa expedientes abertos e outros en trámite”. “Primeiro que os retire, senón non haberá ningún tipo de negociación”, concluíu.

Consternación en Ponteareas tras a morte do ex rexedor, Xosé Represas

0

O equipo de goberno do Concello de Ponteareas vén de amosar a súa tristura e a súa profunda dor polo falecemento do exalcade Xosé Represas. Así mesmo, vén de convocar un pleno extraordinario e urxente para as 14:00, no que se decretarán tres días de loito oficial. Ás 14:15, tralo remate do Pleno, celebrarase un minuto de silenzo diante da Casa do Concello.

O executivo ponteareán amosouse consternado coa nova e destacou a entrega de Represas como alcalde ao servizo de Ponteareas e da súa veciñanza, así como a súa capacidade e a súa vocación de servizo público. Así mesmo, o goberno local salientou a súa traxectoria política e social e o seu compromiso na procura dunha sociedade mellor, que o levou hai décadas a ser un dos impulsores da recuperación dos montes veciñais.
“Represas foi unha persoa entrañábel, querida e apreciada por toda a veciñanza, por enriba das ideoloxías”, sinalan dende o Concello nun comunicado.

Represas decidiu deixar a alcaldía a comezos de ano polo seu estado de saúde. O BNG designou para sucedelo na alcaldía á edil Cristina Fernández que, xustamente, asumiu o cargo, hai uns días.

Xosé Represas Giráldez, natural da parroquia de Xinzo, era Diplomado en Empresariais pola Universidade de Vigo e traballou durante décadas nunha entidade financeira en Ponteareas. Foi membro da Corporación Municipal nos anos 1999 e 2000. Posteriormente, no ano 2007, accedeu novamente á Corporación, sendo concelleiro até a súa recente renuncia por motivos de saúde. No 2015 asumiu a alcaldía da localidade, que revalidou nas eleccións municipais 2019. Foi directivo da Comunidade de Montes de Xinzo e do seu Centro Cultural. Ocupou ademais o cargo de Presidente da Asociación Forestal de Galicia.

CONDOLENCIAS E RECOÑECEMENTOS

Nada máis transcender a noticia, sucedéronse as condolencias. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tivo palabras de recordo ante unha “noticia moi triste” e “palabras de alento” para os seus familiares e amizades.

Así, fixo un “recoñecemento” a “unha gran persoa, traballadora, honrada e que deu o mellor de si por Ponteareas”. Ademais, destacou que abriu “unha etapa de esplendor e democracia” neste concello e “traballou sempre con Galicia no corazón”. “Desde aquí o meu recoñecemento”, sentenciou.

Tamén enviou un comunicado a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, quen quixo mostrar as súas condolencias e mostrar que ambos traballaron xuntos coa “máxima lealdade e colaboración” co ex rexedor. Tamén enviou un “forte abrazo” ás súas familias e achegados.

A Deputación de Pontevedra
tamén expresou a través das redes sociais a súa pesar pola perda de Represas, unha dor á que tamén se sumaron outras formacións e representantes políticos como a presidenta pontevedresa, Carmela Silva, ou o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero.

Empresarios de Galicia asinan un manifesto para pedir “compromisos políticos firmes” co Porto de Vigo

O Círculo de Empresarios de Galicia reclamou “unidade de acción e compromisos políticos firmes” co Porto de Vigo, no que dixo que tamén é “urxente” a axilización administrativa para atopar a mellor solución técnica posible para a súa conexión coas Redes Transeuropeas de Transporte.

Así o trasladou esta organización económica nun acto celebrado este luns en Vigo, no que presentou o seu ‘Manifesto en defensa do Porto de Vigo’, un documento polo que chama a crear “un plan de concienciación social sobre a relevancia estratéxica” do porto vigués.

Ademais, neste texto o Círculo aposta pola formulación de “grandes liñas estratéxicas” coas que optimizar os espazos portuarios, ampliar as liñas de atracada, asegurar as conexións demandadas e afrontar os novos retos de competitividade. Todo iso co obxectivo de que Vigo non quede “nun segundo plano”.

O Círculo, que destacou o “excelente comportamento nestes tempos de pandemia” do porto vigués, trasladou que acolle “con satisfacción, pero tamén con reservas”, o anuncio do Goberno de que este mes sacará a licitación o estudo do saída sur ferroviaria de Galicia, “que incluirá o acceso ao porto vigués e a conexión co norte de Portugal”.

Segundo dixo, estas “reservas” prodúcense por “décadas de experiencia e desilusión, no que a proxectos refugados e demoras na execución de infraestruturas de transporte se refire, en especial no sur de Galicia”. A pesar diso, confiou en que nesta ocasión “dunha vez por todas, darase solución” ás súas demandas.

O manifesto presentado este luns é “unha primeira declaración de intencións”, á que chamou a sumarse a todos os sectores implicados nas actividades portuarias e ás empresas do sur de Galicia para “promover a unidade de acción e a colaboración necesaria” para xerar “un debate serio e profundo e estratexias” que permita consolidar o ámbito portuario vigués.

Un ano de cárcere por gravar ao seu exmarido cun dispositivo oculto nos zapatos do seu fillo

Unha veciña de Vigo acusada dun delito de descubrimento de segredos aceptou un ano de prisión e unha multa de 1.440 euros por introducir unha gravadora nas zapatillas que calzaba un dos seus fillos para gravar ao seu exmarido. O xuízo, previsto para este xoves no Xulgado do Penal número 1 de Vigo, non chegou a celebrarse ao resolverse mediante un acordo de conformidade entre as partes, polo que a acusada recoñeceu os feitos recolleitos pola Fiscalía no seu escrito de acusación.

De acordo co escrito do Ministerio Fiscal, o 12 de maio de 2019 a muller entregou aos seus fillos no Punto de Encontro Familiar de Vigo. Previamente, “guiada polo ánimo de invadir a esfera persoal e íntima da súa exmarido”, introduciu un dispositivo apto para gravar son nas zapatillas que calzaba un dos dous fillos menores que teñen en común, de dous anos de idade no momento dos feitos. Por mor diso, a muller gravou “ao pai sen a súa autorización nin coñecemento durante a visita que gozou cos fillos durante ese día”.

PENA DE PRISIÓN

Por estes feitos, o Ministerio Público considera á muller autora dun delito de descubrimento de segredos, polo que inicialmente pedía para ela 3 anos de prisión e 6.000 euros de multa. No entanto, a pena viuse reducida tras chegar a unha conformidade pola que acordou un ano de prisión e 12 meses de multa a razón de catro euros ao día. A xuíza acordou a suspensión da execución da pena de prisión a condición de que a muller non volva delinquir durante un período de dous anos.

O alcalde de Soutomaior, único concello galego en nivel máximo, recoñece que a situación é “preocupante e delicada”

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, recoñeceu que a situación no concello, que é o único de Galicia que permanece en nivel máximo de restricións, é “preocupante e delicada”, aínda que se mostrou “convencido” de que “pronto” conseguirá “niveis moito máis baixos”.

Neste sentido, remarcou que o concello está “por enriba dos 500 casos de incidencia”, ante o que pediu aos seus veciños “un último esforzo e ter un pouco máis de paciencia antes de poder rebaixar as restricións de novo”.

Así as cousas, lembrou que “hai tres semanas” no concello había “unha incidencia superior aos 2.000 casos e hox, a cuarta parte”, ante o que concluíu que “os veciños estano facendo ben, pero rebaixar unha cifra tan alta en tan pouco tempo é moi complicado”.

Neste marco, comunicou que as autoridades sanitarias realizarán un cribado xeral para reducir contaxios na comunidade educativa. Previsiblemente, as probas realizaranse a próxima semana, para o que se están solicitando as autorizacións dos pais do alumnado.

Unha vez que as medidas entren en vigor ás 00,00 horas deste venres, o concello de Soutomaior será o único de Galicia que permanecerá no nivel máximo, o que supón que non se permitirán as reunións de non conviventes, nin a mobilidade fóra do concello, mentres que a hostalaría deberá permanecer pechada.

Luz verde ao último proxecto sectorial promovido na antiga ETEA

0

O Consello da Xunta aprobou este xoves o último do tres proxectos sectoriais que promove a administración autonómica nos terreos da antiga Escola de Transmisións e Elecrónica da Armada (ETEA), no barrio vigués de Teis.

Segundo explicou o presidente do goberno galego en rolda de prensa, esta aprobación supón “un novo paso na recuperación e posta en valor” deste complexo, no que está prevista a implantación do futuro Campus Científico Tecnolóxico do Mar, con instalacións do CSIC, Zona Franca e da Universidade de Vigo.

O proxecto sectorial aprobado este xoves, o PS-1, supón a actuación en 20.000 metros cadrados, para a urbanización dunha zona que terá “función vertebradora” sobre as demais, con espazos de uso libre, zonas verdes e conexións.

Con este paso, lembrou, o tres áreas sectoriais promovidas pola Xunta están “aprobados ou executadas”. En concreto, no marco do PS-1, se reurbanizarán a Praza de Armas e a Avenida Central para mellorar os percorridos peonís; acondicionarase a chaira e o espazo lindante coa praia da Guía, onde se executarán zonas verdes e varios carrís bici; e faranse as conexións cos sistemas xerais de infraestruturas e servizos básicos.

No ano 2009, Concello de Vigo, Zona Franca e Xunta aprobaron un Plan Sectorial de Ordenación que dividía a ETEA en 6 zonas. A Xunta é promotora de tres delas, CSIC e Universidade de dúas, e o Concello dunha.

Feijóo sinalou que o investimento previsto no ámbito do PS-1 é de 10 millóns de euros (que inclúen a compra do terreo no seu día), e ata agora investíronse na ETEA outros 7,7 millóns. Así mesmo, lembrou que o PS-2 e o PS-3 corresponden, respectivamente, ao CSIC e á Universidade, e que están “en tramitación”, mentres que o PS-4 (de equipamento deportivo), que corresponde ao Concello, é “o único que non iniciou ningunha tramitación ambiental”.

“É un proxecto estratéxico para Vigo e, en consecuencia, para Galicia, por múltiples razóns: primeiro porque vai acoller un campus promovido pola Xunta coa Universidade; segundo porque será un espazo atractivo e aberto aos barrios populosos de Teis e A Guía; e tamén porque será un revulsivo e un complexo de gran valor cultural e paisaxístico, que queda aberto ao mar”, sinalou o presidente da Xunta.

A covid-19 avanza imparable nas aulas

0

Os centros educativos galegos superaron un día máis o máximo de contaxios rexistrado en todo o curso. Os positivos por COVID-19 nestas instalacións alcanzan xa os 3.725, case un cento máis que o venres e preto de mil máis que hai unha semana. Esta situación obriga a manter pechadas polo menos 184 aulas por decreto da autoridade sanitaria, unhas 24 máis, ademais dun total de sete escolas infantís e un centro de educación especial.

Os centros da área de Vigo, pola súa banda, sitúanse en 684 contaxios, unha decena máis, ademais dunhas 57 unidades e unha escola clausuradas. 

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed