Os veciños de Teis manifestáronse este mércores 2 de xaneiro ás 17:00 horas no camiño da Xorxa (Teis) para esixir a mellora dos pasos elevados existentes e o acceso de turismos e vehículos de emerxencia polos pasos elevados da Xorxa e a Trapa, así como negarse a ‘incomunicación’ entre os veciños, que sen estes camiños vense obligados a grandes rodeos para pasar dunha parte a outra do barrio.
E concentráronse de novo este xoves de 9 a 11. Falamos con Anxo Iglesias, secretario da Asociación de Veciños de Teis. Pedirán unha entrevista coa subdelegación de goberno de Pontevedra: “Onte (o mércores) o concelleiro de seguridade López Font falaba de que era unha cuestión de seguridade, pero o que non se pode pretender é cortar un paso sen darlle unha aternativa aos veciños”.
Pide ao Concello que se posicione “do lado dos veciños” e presione ao Ministerio de Fomento. Todo comezou porque Fomento sinalou que estos pasos son peonís: “Se o Ministerio non quere mantelos non é o noso problema”, denuncia Iglesias. “Non estamos en contra da seguridade, pero se non son seguros que se reformen ou que nos den unha alternativa”, aclara.
“Dividouse en dous o barrio coa creación da AP-9, súbennos as peaxes, non son atendidos os problemas de ruído, e agora queren incomunicarnos. O triste é que sexamos os veciños os que teñamos que movernos, no canto das administracións”, lamenta.
Este mesmo xoves pola mañá chegaron os empregados do Concello, mais deron volta ao atoparse coa veciñanza no lugar.
A Asociación Veciñal de Teis informou aos seus veciños de que a Concellaría de Seguridade e Mobilidade do Concello de Vigo impide a partir deste 3 de xaneiro de 2019 o paso de tráfico rodado no camiño da Xorxa e da Trapa, pasos elevados sobre a autoestrada AP9.
O Concello de Vigo tomou esta decisión logo de que a demarcación de estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Fomento), contestara a un escrito do Concello sobre o mantemento dos pasos elevados sobre a AP9, sinalando a demarcación que estes pasos elevados son pasarelas peonís.
Estes pasos elevados sobre o camiño da Trapa e da Xorxa, comunican ambos camiños e desde a súa construción son usados pola veciñanza como paso peonil e de turismos. “Esta medida supón un grave prexuízo a veciñanza destes camiños e a que circula polos mesmos desde hai décadas“, subliñan desde a asociación de veciños.
“Si estas infraestruturas presentan algún deterioro polo paso dos anos, a decisión debe ser reformar e mellorar estes pasos elevados, non impedir o paso de vehículos, causando molestias a veciñanza”, subliñan.
“A construción da autoestrada AP9, no seu día xa provocou graves danos a veciñanza de Teis, dividindo a parroquia, derrubando casas, eliminando camiños…”, enumeran: “e agora preténdese incomunicar a veciñanza destes camiños”.
Desde a Asociación Veciñal de Teis manifestaron a nosa oposición a esta decisión e solicitaron por escrito a ambas administracións manter unha xuntanza urxente entre o Concello de Vigo, Demarcación de estradas do Estado e esta Asociación, para tratar a situación dos pasos elevados da AP9 no camiño da Trapa e da Xorxa.
Por último, a Asociación Veciñal de Teis, convocou unha asemblea este venres 28 de decembro ás 18:00 horas no local da Asociación, para valorar a decisión do Concello e que medidas a tomar.
O goberno municipal de Vigo apelou a razóns de seguridade e de cumprimento da legalidade para impedir o paso de vehículos por dúas pasarelas “peonís” sobre a autoestrada AP-9 ao seu paso pola parroquia de Teis.
Así o trasladou, en declaracións aos medios, o concelleiro de Seguridade, Carlos López Font, quen explicou que o Concello recibiu unha comunicación do Ministerio de Fomento na que se expón que esas pasarelas (unha no Camiño dá Xorxa e outra no Camiño dá Trapa) “son peonís”, e na que se insta ao Concello a vixiar e impedir o acceso de tráfico rodado.
“O primeiro é a seguridade e o cumprimento da legalidade”, incidiu o edil, quen expresou a súa sorpresa pola reacción da Asociación de Vecinos de Teis, que convocou unha concentración na tarde deste mércores para protestar por esa medida de restrición do tráfico.
Anxo Iglesias, como secretario da asociación de veciños, recordou que os coches circulan por eses dous pasos elevados “desde que se construíu a autoestrada”, e reclamou ao Concello e a Fomento “que senten” a falar cos veciños para darlles solución a esta situación.