Inicio Blog Páxina 1654

Vídeo: O discurso en castelán e inglés co que Caballero despediu por un ano “as mellores luces de Nadal do mundo”

Cun celebrado discurso no que reivindicou o retorno económico das luces de Nadal, o alcalde de Vigo alternou castelán e inglés e prometeu para o próximo novembro outra nova treboada de luz na cidade.

 

Antes da conta atrás coa que as luces se despediron ata dentro de 10 meses, unha actuación fixo “algo menos triste” o suceso.

Feijóo sobre o “show” das luces de Caballero: “Non é admisible que se fagan chirigotas dos vigueses por toda España”

A guerra entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde Vigo, aumenta de intensidade. O anuncio de Caballero de ter un dos mellores alumeados de Nadal do mundo non fixo máis que caldear aínda máis a tensa relación entre as dúas administracións e aumentar os reproches. Este xoves, o líder do PPdeG foi máis alá no seu ataque a Caballero. “Non é admisible que se fagan chirigotas dos vigueses por toda España”, dixo.

Feijóo referíase a un vídeo que se fixo viral e no que Caballero daba conta do alumeado de Nadal deste ano dicindo que sería un dos mellores do mundo. “Non é adminisble que se fagan chirigotas dos vigueses por platós de toda España”, insistiu.

Ademais, cualificou de “disparate” as declaracións do alcalde vigués sobre o accidente do Marisquiño. “Vai necesitar máis shows e máis bombillas para tapar a súa responsabilidade, agás que queira continuar coas chirigotas e que se rían dos galegos por España”, espetoulle.

Non comparecerá na comisión de investigación

O presidente galego fixo estas duras declaracións tras ser preguntado por se comparecerá na Comisión sobre o accidente do Marisquiño no Parlamento galego que foi aprobada grazas a abstención do seu partido. En todo caso, confirmou que non participará nesa comisión. “Eu só falo nas comisións nas que teño responsaiblidade directa como son os servizos públicos que dependen do meu goberno”, dixo.“Sobre unha licenza que dá un concello non teño posibilidade de falar”, engadiu.

E sobre os servizos de emerxencia, que dependen da Xunta?, preguntouselle. “Pois o que teño que dicir é que o seu srvizo foi esencial e fundamental para salvar aos feridos que provocou unha neglixencia que nós non causamos”, engadiu. En todo caso, confirmou que haberá cargos da Xunta que falarán nesa comisión.

Ademais, aproveitou para criticar a Caballero por acusalo de permitir esa comisión cando dixo que foi impulsada por BNG e En Marea, “que son partidos socios del en moitos concellos”. “O BNG goberna co PSOE de Abel Caballero na Deputación de Pontevedra e o seu partido tamén apoio á Marea para que goberne en varios concellos”, dixo.

O equipo de vela da UVigo participará no Campionato do Mundo Universitario

O equipo de vela da Universidade de Vigo representará a España no Campionato do Mundo Universitario de Vela (FISU 2018) que se celebra en Cherbourg, Francia, dende este sábado 1 ata o mércores 5 de setembro.

O equipo vigués acadou a clasificación ao proclamarse subcampión nacional universitario o pasado mes de maio en Calpe (Alacante). Pero non será o único barco galego na competición mundial, xa que a Universidade de Coruña tamén participa como campioa universitaria estatal.

Para a Universidade de Vigo esta é a primeira participación no mundial de vela, unha competición que non se celebra todos os anos. De feito, o adestrador do equipo, Hugo Fernández, lembra que “a prata no campionato de España foi un dos mellores resultados obtidos pola Universidade de Vigo ao longo da historia”.

O equipo está formado por Alberto Basadre, Pedro Martínez, Rodrigo Rodríguez e Kevin Figueiras como membros da tripulación. Competirán en embarcacións J80 contra países como Corea do Sur, Austria, Xapón, Italia, Singapur, Australia, Holanda, China e Francia.

Como explica o adestrador, o formato da competición abrangue un total de cinco días de regatas, de maneira que os días 1, 2 e 3 están reservados para a fase clasificatoria, e o 4 e 5 para as fases finais co grupo ouro e prata.

A cita mundialista arranca mañá sábado e os estudantes vigueses competirán xunto cos compañeiros da UDC, “polo que trataremos de demostrar o gran nivel galego neste deporte”. Respecto das expectativas para esta cita, o adestrador recoñece que non teñen moita información sobre o nivel dos outros equipos, “sabemos que participarán 40 universidades de todo o mundo e quizais os rivais máis fortes sexan Francia e Italia, pero tamén poderían darnos unha sorpresa algún dos países asiáticos como Xapón”.

A pesar das incertezas, explica que o obxectivo é poder clasificarnos no grupo ouro, primeiramente, e despois na fase final poder loitar por un posto de podio”, conclúe.

A Xunta celebra o descenso do paro e expresa o seu desexo de que continúe “a recuperación económica”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que evitou pronunciarse sobre o seu futuro político e o de Mariano Rajoy, celebrou este luns os datos de descenso do paro, e recalcou que “Galicia volve estar entre as Comunidades Autónomas con maior descenso” no número de desempregados, o que é “unha gran noticia”.

O titular do Executivo galego fixo esta reflexión durante a súa intervención ante os medios con motivo dunha visita ás obras da nova Cidade da Xustiza en Vigo.

Así, lembrou que, con respecto a maio de 2017, hai unhas 22.900 persoas menos “apuntadas ás listas do paro” e, “o que é máis importante”, hai máis de 26.700 novos afiliados á Seguridade Social no último ano. “Iso acredita que en Galicia baixa o paro de forma máis intensa que na media de España”, sinalou, e expresou o seu desexo de que “siga a recuperación económica”.

A ese respecto, apuntou que a comunidade galega leva “dez trimestres crecendo por enriba do 3 por cento” e que se está ante “unha recuperación económica importante”.

Vídeo: Prisión sen fianza para o pirotécnico, que saíu do xulgado escoltado por 8 gardas civís

0

O xulgado de instrución número 1 de Tui decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para F.G.L., investigado pola explosión pirotécnica neste municipio pontevedrés.

Logo de prestar declaración durante unhas tres horas ante a xuíza na súa segunda comparecencia nos xulgados en menos dunha semana, decidiuse o seu ingreso en prisión polos supostos delitos de tenencia de explosivos e risco catastrófico.

F.G.L. foi detido este luns por segunda vez, despois de que a Garda Civil localizase a pasada fin de semana dous almacéns ilegais de explosivos na parroquia de Baldráns, que sumaban máis de 1.600 quilos deste tipo de material.

 

Tras compadecer no xulgado, xa saíu escoltado o dono da pirotécnica La Gallega, acusado de múliples delitos tras a catástrofe de Paramos, que deixou dous mortos, case 700 afectados e case 100 casas danadas, algunhas de forma completa; sobre todo tras atoparse eses dous galpóns máis preto de vivendas con explosivos almacenados de xeito ilegal, feito polo que a Fiscalía pediu prisión.

A tensión está a crecer e de feito un veciño tentou golpealo á súa entrada ao xulgado, sen éxito ao ser freado polos corpos de seguridade.

 

Detido un vigués tras ameazar á súa parella cun coitelo en plena rúa

A Policía Local de Vigo detivo este venres a un veciño da cidade de 31 anos, J.E.C., por supostamente propinarlle varias puñadas e patadas á súa parella, outra moza de 29 anos, e chegar a ameazala cun coitelo na vía pública.

Segundo informa o corpo municipal, todo iniciouse por mor dunha chamada recibida na Sala do 092 sobre as 11,16 horas. Nela, un particular alertaba de que en Praza de América observara como un home agredía a unha muller mentres portaba un coitelo.

Varias dotacións policiais trasladadas ata o lugar puideron identificar a unha testemuña dos feitos, que manifestou que lle chamaron a atención os berros dun individuo mentres propinaba dúas puñadas a unha moza. Ademais, outra testemuña explicou que a este home caéralle un coitelo, que o recolleu do chan, escondeuno entre as súas roupas e fuxiu en dirección á Avenida Castelao.

Pouco despois, os axentes conseguiron localizar á vítima, quen identificou ao presunto agresor e admitiu que levaba un ano de relación con el. Así mesmo, relatou como minutos antes lle propinou dúas puñadas e varias patadas tras unha discusión e como lle proferiu as ameazas. Aínda que presentaba varias lesións no rostro, a vítima “negouse a ser trasladada ao centro médico para que lle realizasen probas”, segundo subliña a Policía Local.

RESISTENCIA Á POLICÍA

Unha vez identificado o suposto autor dos feitos, os axentes desprazáronse á súa residencia e localizárono no rellano interior do edificio. A pesar de que negou os feitos, as versións coincidentes das testemuñas levaron á súa detención por un delito de malos tratos no ámbito familiar.

No momento do arresto, o mozo mostrou “unha gran resistencia activa” braceando e chegando a extraer a defensa dun dos axentes, indica a Policía. No entanto, finalmente conseguiron inmobilizalo e reducilo.

O patrulleiro da Armada ‘Arnomendi’ recala en Vigo tras controlar e inspeccionar a frota da costeira do bonito

O patrulleiro da Armada ‘Arnomendi’, que o pasado 25 de maio partiu de Ferrol para desenvolver de forma consecutiva tres campañas de vixilancia e inspección de pesca, recalará este venres en Vigo. Este buque realiza estas tarefas de control en augas do Cantábrico e o noroeste peninsular no marco do Plan xeral de vixilancia de pesca do Goberno, segundo trasladaron fontes da Escola Naval Militar de Marín.

O patrulleiro de altura partiu o pasado mes de Ferrol para desenvolver dúas campañas de vixilancia e inspección de pesca no caladoiro nacional e a costeira do bonito durante un período de 60 días. Tras finalizar a primeira campaña no caladoiro nacional, comezou a realizar tarefas de vixilancia na costeira do bonito, no marco das que atracará este venres en Vigo para permitir o descanso da dotación e a substitución de persoal.

Este domingo o patrulleiro continuará os traballos de vixilancia e inspección de buques e, en concreto, das parellas de arrastre peláxico centrados na pesca do bonito para verificar o cumprimento da normativa vixente. Para iso, contará coa participación dunha inspectora da Secretaría Xeral de Pesca, ademais de levar a cabo labores de apoio á frota dedicada a estas capturas.

Vigo suma 65 novos contaxios e mantense como a área máis afectada de Galicia

Galicia encara o final da segunda semana sen estado de alarma cunha tendencia de casos activos de Covid-19 en descenso ata os 2.675 e un alivio da presión hospitalaria ao reducirse a 146 os pacientes ingresados por este coronavirus, 14 menos que a xornada pasada. Ademais, os novos contaxios reducíronse lixeiramente a 176, sete menos. Segundo os datos actualizados na mañá deste venres pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste xoves, recollidos por Europa Press, descenden a 30 os pacientes Covid ingresados en UCI –dous menos– e a 116 os ingresados noutras unidades –12 menos–.

Concretamente na área de Vigo, un total de oito persoas continúan hospitalizadas en críticos e baixan a 32 os doutras unidades –un menos–. Con todo, Vigo continúa á cabeza con máis casos activos, 832, tras un aumento de novos contaxios dun total de 65 persoas.

TAXA DE POSITIVIDADE

As probas PCR realizadas desde o inicio da pandemia no conxunto da Comunidade galega aumentaron a 2.195.413, que supoñen 5.363 máis que as rexistradas ata a xornada pasada e unhas 500 menos que as feitas o día anterior. Con respecto á taxa de positividade –porcentaxe de infeccións por test PCR realizados– continúa nun 3% –en concreto nun 3,06%– tras situarse nun 3,16% a xornada anterior e subir ao 3,4% o mércores, despois de manterse por baixo do 2% no inicio desta semana. Así, prosegue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. A última vez que Galicia excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Salceda, Gondomar, Ponteareas, Cangas, Nigrán, O Porriño, Tui e Vigo con restricións

 comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia vén de incorporar a Laza no nivel máximo de restricións no que tamén mantén aos  concellos de Vilanova de Arousa e Cualedro, pero do que saca a Carballeda de Valdeorras, que pasa a restricións medias.

Así mesmo, o comité tamén determinou o nivel alto de restricións nos concellos de Petín, A Merca, A Pastoriza, Mesía, Ribeira, Padrón, Marín, O Grove, Meaño, Cambados, Salceda de Caselas, Gondomar, Ponteareas e Coristanco.

Ademais, as medidas do nivel medio rexerán nos termos municipais de Muíños, Verea, O Barco de Valdeorras, Cartelle, Lobios, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Carballeda de Valdeorras, Meira, Chantada, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Melide, Carnota, Ordes, Lalín, Silleda, Ribadumia, Poio, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Nigrán, O Porriño, Tui, Vigo, A Laracha, Betanzos, Cambre, Carballo e Ares.

No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo. Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas do vindeiro luns, 3 de maio.

O festival do Marisquiño di adeus a Vigo

0

O festival O Marisquiño cancelou a súa edición de 2021 “ante a imposibilidade de obter apoios institucionais suficientes”, e avanzou que, despois de 19 anos, “non volverá celebrarse en Vigo” e marchará de Galicia “dadas as dificultades” para conseguir o respaldo das administracións.

Nun comunicado remitido este luns, a empresa promotora do festival, Factor Ulises, trasladou que “a falta de financiamento e outros obstáculos técnicos non permitían garantir a celebración en condicións adecuadas das Copas Mundiais de Skate, Dirt Jump e Basquet 3×3, ademais do BMX, que eran unha dos acenos de identidade do festival”.

Segundo manifestou, “hai unhas semanas parecía posible que o evento se puidera celebrar no seu recinto habitual”; “con todo, nos últimos días comunicouse á organización que o principal apoio institucional do Marisquiño, o Concello de Vigo, recortaría un 70 por cento a partida que dedicaba ao evento, que incluía ademais a achega realizada pola Deputación de Pontevedra”.

Así as cousas, a organización decidiu non celebrar o festival por segundo ano consecutivo ante “este enorme recorte do financiamento institucional, sumado ás incógnitas sobre o apoio da Xunta ao evento e ás dificultades técnicas polas obras en curso por parte da Autoridade Portuaria, que impiden a celebración do Dirt Jump”.

Neste sentido, aínda que trasladou a súa comprensión por que a situación de crise sanitaria leve a “destinar fondos a atender outras prioridades”, indicou que o apoio institucional era “máis necesario que nunca” este ano porque os patrocinios privados “tamén experimentaron unha considerable caída”.

Nesta liña, sinalou que a empresa non pode “permitirse afrontar un segundo ano consecutivo de perdas, nin tampouco continuar coa incerteza de saber cando será posible organizar de novo en Vigo un evento coas necesidades que implica O Marisquiño”.

PÉRDESE UN “ACTIVO IMPORTANTE”

Os organizadores do evento remarcaron que loitaron “contra vento e marea para manter á cidade como sede do festival”, a pesar de “dificultades” como a pandemia e o accidente de 2018, polo que máis de 130 persoas resultaron feridas tras o esborralle dunha pasarela de madeira no Porto de Vigo durante un concerto.

“O Marisquiño é un festival gratuíto, que deixaba un importante retorno económico á cidade e que transmitía a imaxe de Vigo. Cremos que todo isto supuña unha activo importante para a cidade e para Galicia en pleno ano Xacobeo, que agora, por desgraza, pérdese”, lamentaron.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed